DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 124 Xoves, 27 de xuño de 2024 Páx. 39594

III. Outras disposicións

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

EXTRACTO da Orde do 14 de xuño de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións para o fomento da comercialización da artesanía galega e se convocan para o ano 2024 (código de procedemento IN201G).

BDNS (Identif.): 770341.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.go.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Beneficiarias/os

Persoas físicas ou xurídicas, comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado sen personalidade xurídica, legalmente constituídos e que, en todo caso, cumpran ademais os seguintes requisitos:

1. Titulares de obradoiros artesanais, xa sexan persoas físicas ou xurídicas e comunidades de bens, inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia. No caso de novos obradoiros, poderán solicitar a inscrición no dito rexistro ata o último día de prazo establecido para a presentación da solicitude de subvención.

2. Asociacións profesionais e empresariais de artesás/áns de Galicia legalmente constituídas das cales cando menos o 80 % dos seus membros, cun mínimo de 10, figuren inscritos na sección primeira (obradoiros artesáns) do Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia.

3. Corporacións locais da Comunidade Autónoma de Galicia. Os concellos deberán cumprir co deber de remisión das contas xerais de cada exercicio ao Consello de Contas, nos termos previstos no artigo 4 do Decreto 139/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

Segundo. Obxecto

As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto o fomento da comercialización da artesanía galega. As ditas actuacións deberán estar realizadas e efectivamente pagadas desde o 1 de xaneiro de 2024 ata a data límite de xustificación establecida no artigo 20. Así mesmo, excepcionalmente considéranse subvencionables os gastos efectuados desde o 1 de novembro ata o 31 de decembro de 2023 derivados da organización e participación en feiras do período do Nadal 2023-2024, así como os gastos efectuados no ano 2023 para o pagamento da súa reserva.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 14 de xuño de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións para o fomento da comercialización da artesanía galega e se convocan para o ano 2024 (código de procedemento IN201G).

Cuarto. Importe

Destínase un total de 265.000,00 € das aplicacións orzamentarias seguintes:

Aplicación orzamentaria

Importe (€)

44.06.751A.770.3. Comercialización da artesanía de Galicia. Obradoiros artesáns.

180.000,00 €

44.06.751A.761.5. Comercialización e promoción de feiras de artesanía de Galicia. Corporacións locais.

50.000,00 €

44.06.751A.781.4. Comercialización da artesanía de Galicia. Asociacións profesionais e empresariais de artesás/áns.

35.000,00 €

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para presentar as solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de xuño de 2024

José González Vázquez
Conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración