DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 124 Xoves, 27 de xuño de 2024 Páx. 39520

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

EXTRACTO da Orde do 14 de xuño de 2024 pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a execución de proxectos de educación para o desenvolvemento e a cidadanía global por parte das organizacións non gobernamentais para o desenvolvemento, e se procede a súa convocatoria (código de procedemento PR804A).

BDNS (Identif.): 770368.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (BDNS) (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Entidades beneficiarias

As entidades beneficiarias da concesión de subvencións serán as organizacións non gobernamentais para o desenvolvemento (ONGD) que estean inscritas na sección A do Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento e as agrupacións lideradas por ONGD cos outros axentes de cooperación definidos na lexislación vixente de cooperación para o desenvolvemento.

Non se considerarán agrupación de entidades aquelas que estean formadas por unha asociación ou federación a que pertenza a devandita organización, ou aquelas en que os órganos de goberno sexan coincidentes, total ou parcialmente, en todas as entidades agrupadas.

Segundo. Obxecto

Estas bases regulan a concesión de subvencións para proxectos desenvolvidos dentro dalgunha das catro dimensións seguintes (código de procedemento PR804A):

a) Sensibilización e concienciación da opinión pública en materia de cooperación para o desenvolvemento e causas da pobreza.

b) Formación sobre o desenvolvemento e difusión nos ámbitos educativos do coñecemento da realidade dos países empobrecidos e da cooperación para o desenvolvemento.

c) Investigación sobre o desenvolvemento.

d) Incidencia, participación e mobilización social para crear redes de solidariedade na nosa sociedade.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 14 de xuño de 2024 pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a execución de proxectos de educación para o desenvolvemento e a cidadanía global por parte das organizacións non gobernamentais para o desenvolvemento, e se procede a súa convocatoria (código de procedemento PR804A).

Cuarto. Importe

Para a concesión destas axudas destínase, de acordo coas bases reguladoras aprobadas, un importe total de 600.000 euros (240.000 euros no ano 2024 e 360.000 euros no ano 2025), que se financiarán con cargo á aplicación orzamentaria 35.07.331A.481.0.

O importe máximo que se poderá financiar será do 95 % do orzamento total do proxecto, e en ningún caso a subvención concedida superará os 35.000 € para proxectos plurianuais. Para proxectos que se executen só durante o ano 2024, a subvención máxima concedida será de 25.000 €.

Nos proxectos presentados por varias entidades en agrupación, a subvención concedida non superará o límite dos 45.000 €. Para proxectos en agrupación que se executen só durante o ano 2024, a subvención máxima outorgada será de 35.000 €.

A subvención concedida aos proxectos plurianuais distribuirase do seguinte xeito: o 40 % no ano 2024 e o 60 % no 2025.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de xuño de 2024

Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes