DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 123 Mércores, 26 de xuño de 2024 Páx. 39262

III. Outras disposicións

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

ORDE do 20 de xuño de 2024 pola que se amplía o prazo de presentación de solicitudes e se modifica o órgano instrutor da Orde do 16 de xaneiro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións para apoiar iniciativas de emprendemento e se procede á súa convocatoria para a anualidade 2024 (código de procedemento TR880A).

O 5 de febreiro de 2024 publicouse no Diario Oficial de Galicia núm. 25 a Orde do 16 de xaneiro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións para apoiar iniciativas de emprendemento e se procede á súa convocatoria para a anualidade 2024 (código de procedemento TR880A).

O obxecto desta convocatoria pública de subvencións é dar apoio ao emprendemento para as persoas traballadoras autónomas e pequenas e medianas empresas, incluíndo cooperativas e sociedades laborais, que se atopen de alta e iniciasen a súa actividade económica desde o 1 de xaneiro de 2022 no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

A finalidade é facilitar as iniciativas de emprendemento, contribuíndo ao incremento da súa actividade económica e á súa competitividade e, en definitiva, mantendo empregos de calidade, a través do apoio ao financiamento do investimento realizado e pagado entre o 30 de setembro de 2023 e a data da presentación da solicitude.

O artigo 30 desta orde establece que o prazo de presentación de solicitudes comeza o 12 de febreiro de 2024 e estará aberto ata o 28 de xuño de 2024, agás que se produza o suposto de esgotamento do crédito.

Tendo en conta que aínda existe crédito suficiente dispoñible para apoiar máis persoas beneficiarias, e dado que non se causa prexuízo a terceiros, amplíase o prazo de presentación de solicitudes e o período de execución das accións para o ano 2024, establecido no artigo 30 da Orde do 16 de xaneiro de 2024.

Ademais, atendendo ao prazo máximo de presentación de solicitudes actual, que é o 28 de xuño de 2024 segundo o descrito no artigo 30 da convocatoria, e tendo en conta que a modificación de ampliación de prazo proposta para a presentación de solicitudes comprende desde o 12 de febreiro ata o 5 de setembro de 2024, conclúese que a dita modificación non excede a metade do prazo orixinal, segundo dispón o artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

O artigo 16.2 desta orde establece que o órgano instrutor dos expedientes será o Servizo de Programas de Apoio ao Emprego, pertencente á Dirección Xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego. Atendendo á reestruturación administrativa aprobada polo Decreto 147/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, faise necesaria a modificación do órgano de instrución deste procedemento.

En consecuencia, logo do informe favorable da Asesoría Xurídica e no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

RESOLVO:

Artigo 1. Modificación do artigo 30 da Orde do 16 de xaneiro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións para apoiar iniciativas de emprendemento e se procede á súa convocatoria para a anualidade 2024 (código de procedemento TR880A)

O artigo 30 queda redactado da seguinte maneira:

«Artigo 30. Presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes comezará o 12 de febreiro de 2024 e estará aberto ata o 5 de setembro de 2024, agás que se produza o suposto de esgotamento do crédito.

No suposto de que antes de finalizar o prazo de presentación de solicitudes se esgote o crédito establecido na convocatoria, o órgano concedente acordará a inadmisión de solicitudes e publicará tal circunstancia no DOG e na páxina web da consellería».

Artigo 2. Modificación do artigo 16.2 da Orde do 16 de xaneiro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións para apoiar iniciativas de emprendemento e se procede á súa convocatoria para a anualidade 2024 (código de procedemento TR880A)

O artigo 16.2 queda redactado do seguinte xeito:

«Artigo 16.2. Instrución do procedemento

2. O órgano instrutor dos expedientes será a Subdirección Xeral de Emprendemento, pertencente á Dirección Xeral de Traballo Autónomo e Economía Social.

Disposición adicional primeira

Estrutura orgánica da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, aprobada polo Decreto 147/2024, do 20 de maio.

Todas as referencias á Dirección Xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego contidas na Orde do 16 de xaneiro de 2024 se entenderán feitas á Dirección Xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, creada polo Decreto 147/2024.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de xuño de 2024

José González Vázquez
Conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración