DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 121 Luns, 24 de xuño de 2024 Páx. 38497

III. Outras disposicións

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

ORDE do 18 de xuño de 2024 pola que se modifica e amplía a dotación orzamentaria da Orde do 26 de decembro de 2023 pola que se establecen as bases que regulan as subvencións para o fomento do emprego no medio rural (Aprol rural), e se procede á súa convocatoria para o exercicio do ano 2024 (código de procedemento TR351G).

A Orde da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, do 26 de decembro de 2023, pola que se establecen as bases que regulan as subvencións para o fomento do emprego no medio rural (Aprol rural), e se procede á súa convocatoria para o exercicio do ano 2024 (Diario Oficial de Galicia núm. 17, do 24 de xaneiro), establece no seu artigo 2 o crédito orzamentario que financia as subvencións reguladas nesta orde para o ano 2024.

Así mesmo, establece no seu artigo 2.3 que os créditos poderán ser obxecto de modificacións como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de fomento do emprego, coas limitacións que estableza a Conferencia Sectorial de Emprego e Asuntos Laborais, nos supostos e nas condicións previstas nos artigos 30 e 31 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

En consecuencia, ao non existir crédito suficiente na mesma aplicación 44.04.322C.460.5 (código de proxecto 2016 00377) para os mesmos fins, cómpre ampliar o importe dos créditos destinados ás axudas deste programa, que poderán ser concedidas ao abeiro da orde que se cita nesta disposición, coa finalidade de facer chegar estas ao maior número de entidades beneficiarias posible.

Ademais, unha vez realizada a adxudicación das axudas en réxime de concorrencia non competitiva, garantindo o mínimo de contratos previsto na Orde do 26 de decembro de 2023, e vistas as dificultades dalgunha das entidades beneficiarias para a formalización dos contratos adxudicados no prazo previsto, e existindo razóns de interese público que non lesionan intereses de terceiros, faise aconsellable modificar o artigo 15 da Orde do 26 de decembro de 2023.

Por todo o exposto e no uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Ampliación do crédito

Amplíase o importe total das axudas establecidas na Orde da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, do 26 de decembro de 2023, pola que se establecen as bases que regulan as subvencións para o fomento do emprego no medio rural (Aprol rural), e se procede á súa convocatoria para o exercicio do ano 2024 (Diario Oficial de Galicia núm. 17, do 24 de xaneiro), na seguinte contía e aplicación orzamentaria, que figura dotada nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024:

Fomento do emprego no medio rural (Aprol rural) 44.04.322C.460.5, no código de proxecto 2016 00377, na contía de 1.740.038,56 €, con fondos finalistas do Estado.

Artigo 2. Modificación da Orde da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, do 26 de decembro de 2023, pola que se establecen as bases que regulan as subvencións para o fomento do emprego no medio rural (Aprol rural), e se procede á súa convocatoria para o exercicio do ano 2024

Modifícase o punto 2 do artigo 15 da Orde da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, do 26 de decembro de 2023, pola que se establecen as bases que regulan as subvencións para o fomento do emprego no medio rural (Aprol rural), e se procede á súa convocatoria para o exercicio do ano 2024 (Diario Oficial de Galicia núm. 17, do 24 de xaneiro), que queda redactado como segue:

«2. Excepcionalmente, cando concorran causas debidamente xustificadas e os contratos non fosen formalizados no prazo establecido no punto anterior, a persoa titular do departamento territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración poderá autorizar o inicio da obra ou servizo con posterioridade ao dito prazo».

Artigo 3. Efectos da modificación

Estas modificacións non afectan o prazo establecido na referida orde para a presentación de solicitudes.

Disposición derradeira única

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de xuño de 2024

José González Vázquez
Conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración