Visto o expediente para o outorgamento da autorización administrativa previa e de construción da instalación eléctrica que a seguir se describe:
Titular: Z33 Ofimático, S.C.G.
Domicilio social: rúa Castrillón, 53, baixo, 15009 A Coruña.
Denominación: instalación da LMTS e CT compacto de 630 kVA para subministración en BT a edificio de vivendas de nova construción.
Situación: parcela Z33, parque ofimático - A Coruña.
Características técnicas:
Instalacións que van ser cedidas á empresa distribuidora:
• Liña de alta tensión soterrada de 15 kV condutor RHZ1-2OL 12/20 kV-Al, 2ˣ(3ˣ240) mm² coa orixe e fin na liña de distribución existente MUR822 no tramo comprendido entre os centros 15SLWX e 15SLWV, realizando entrada e saída no centro de transformación proxectado, cunha lonxitude de 4+4 m.
• Centro de transformación en local de obra civil cunha cela prefabricada de illamento e corte en SF6 compacta (2L1P) con dúas posicións de liña e unha de protección con fusibles e a posición de liña de saída con telecontrol (24 kV, 400 A, 16 kA) e un transformador de 630 kVA, refrixeración natural, aceite mineral e relación de transformación de 15 kV/400-230 V.
Cumpridos os trámites ordenados na Lei 24/2013, do 26 de decembro (BOE núm. 310), do sector eléctrico, e no título VII, capítulo II do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, na Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais, e de acordo coa Resolución do 19 de febreiro de 2014, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se aproba o procedemento de autorización administrativa de construción (DOG núm. 54), esta xefatura territorial
RESOLVE:
Conceder a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción da referida instalación, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no seu proxecto e ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación.
O prazo de vixencia da autorización é dun ano, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.
A presente autorización entenderase outorgada, salvo o dereito de propiedade e sen prexuízo do de terceiro, e non poderá ser invocada para excluír ou diminuír a responsabilidade civil ou penal na que puidese incorrer o beneficiario no exercicio da actividade ou na explotación da instalación autorizada.
Esta autorización outórgase sen prexuízo das concesións e autorizacións que sexan necesarias, de acordo con outras disposicións que resulten aplicables e, en especial, as relativas á ordenación do territorio e ao ambiente.
Contra o presente acordo, que non é definitivo en vía administrativa, cabe interpor recurso de alzada ante a conselleira de Economía e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación nos termos establecidos nos artigos 112, 115, 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; sen prexuízo de que os interesados poidan interpor calquera outro recurso que se considere pertinente.
A Coruña, 19 de abril de 2024
Isidoro Martínez Arca
Xefe territorial da Coruña