DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 120 Venres, 21 de xuño de 2024 Páx. 38101

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

RESOLUCIÓN do 21 de maio de 2024, da Dirección Xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, pola que se ordena a publicación do Acordo do 9 de maio de 2024, da Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia, en relación coa Lei 1/2024, do 11 de xaneiro, da calidade alimentaria de Galicia.

Conforme o establecido no artigo 33 da Lei orgánica 2/1979, do 3 de outubro, do Tribunal Constitucional, modificado pola Lei orgánica 1/2000, do 7 de xaneiro, esta dirección xeral dispón a publicación no Diario Oficial de Galicia do acordo que figura como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 21 de maio de 2024

Sandra Vázquez Domínguez
Directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias

ANEXO

Acordo da Comisión Bilateral de Cooperación Administración
Xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia en relación
coa Lei 1/2024, do 11 de xaneiro, da calidade alimentaria de Galicia

A Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia adoptou o seguinte acordo:

I. De conformidade coas negociacións previas realizadas polo grupo de traballo constituído en cumprimento do previsto no acordo da Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral doo Estado-Comunidade Autónoma de Galicia para o estudo e a proposta de solución das discrepancias competenciais manifestadas en relación co artigo 29 da Lei 1/2024, do 11 de xaneiro, da calidade alimentaria de Galicia, adoptou o seguinte acordo:

Ambas as partes coinciden en considerar que o punto 2 do artigo 29 se interpretará e aplicará, no exercicio das potestades normativas e administrativas da Xunta de Galicia, no sentido de que o réxime sancionador contido no título VII da Lei 1/2024, do 11 de xaneiro, non se aplicará ás infraccións e sancións de competencia estatal que se refiran a denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas de ámbito territorial supraautonómico.

II. En razón ao acordo alcanzado, ambas as partes coinciden en considerar resoltas as discrepancias manifestadas e concluída a controversia exposta.

III. Comunicar este acordo ao Tribunal Constitucional para os efectos previstos no artigo 33.2 da Lei orgánica 2/1979, do 3 de outubro, do Tribunal Constitucional, así como inserilo no Boletín Oficial del Estado e no Diario Oficial de Galicia.

Ángel Víctor Torres Pérez
Ministro de Política Territorial
y Memoria Democrática

Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia,
Xustiza e Deportes