DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 119 Xoves, 20 de xuño de 2024 Páx. 37981

III. Outras disposicións

Axencia de Turismo de Galicia

EXTRACTO da Resolución do 11 de xuño de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de bolsas para a realización de estudos no Centro Superior de Hostalería de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o curso 2024/25 (códigos de procedemento TU200A, TU200C e TU200D).

BDNS (Identif.): 768771.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Tipoloxías

1. As bolsas poden ser de nova adxudicación para o alumnado que se matricule por primeira vez nunha titulación do Centro Superior de Hostalería de Galicia (CSHG) ou de renovación para aqueles que obtiveran bolsa nos cursos anteriores e desexen continuar estudos no CSHG.

2. Tamén poderán optar a bolsa alumnas/os que cursen estudos no CSHG no curso 2024/25 que non recibiran bolsa no ano anterior, sempre e cando non sexan cubertas a totalidade das bolsas ordinarias tipo II co alumnado que se matricula por primeira vez.

3. As bolsas supoñen un desconto dun 50 % ou un 80 % no prezo da matrícula ordinaria e desconto do 100 % no prezo do aloxamento na residencia do CSHG en cuarto compartido con pensión completa, segundo se reflicte na Orde do 4 de xullo de 2014 pola que se fixan os prezos privados correspondentes aos estudos conducentes á obtención das titulacións do Centro Superior de Hostalería de Galicia, modificada por Orde do 29 de maio de 2024 (DOG número 110, do 7 de xuño).

4. Bolsas de nova adxudicación para novos/as alumnos/as do CSHG (TU200A):

a) Bolsas ordinarias tipo I: supoñen un desconto do 80 % do prezo da matrícula ordinaria e desconto do 100 % no prezo do aloxamento na residencia do CSHG en cuarto compartido por titulación e aloxamento.

• 10 bolsas para o grao en Xestión de Empresas Hostaleiras.

• 1 bolsa para o curso superior de Chef de Cociña e Pastelaría.

b) Bolsas ordinarias tipo II: supoñen un desconto do 50 % do prezo da matrícula ordinaria e desconto do 100 % no prezo do aloxamento na residencia do CSHG en cuarto compartido.

• 15 bolsas para o grao en Xestión de Empresas Hostaleiras.

• 3 bolsas para o curso superior de Chef de Cociña e Pastelaría.

5. Bolsas excelencia académica (TU200C):

Supoñen un desconto do 80 % do prezo da matrícula ordinaria e desconto do 100 % no prezo do aloxamento na residencia do CSHG en cuarto compartido.

• 6 bolsas para o grao en Xestión de Empresas Hostaleiras.

• 2 bolsas para o curso superior de Chef de Cociña e Pastelaría.

6. Bolsas para persoas galegas residentes no exterior (TU200D):

Supoñen un desconto do 80 % do prezo da matrícula ordinaria e desconto do 100 % no prezo do aloxamento na residencia do CSHG en cuarto compartido.

• 10 bolsas para o grao en Xestión de Empresas Hostaleiras.

• 5 bolsas para o curso superior de Chef de Cociña e Pastelaría.

7. Bolsas de renovación para o alumnado que obtivese bolsa no curso anterior (TU200A):

• Bolsas ordinarias tipo I e tipo II do grao en Xestión de Empresas Hostaleiras (2º e 3º curso).

• Bolsas ordinarias tipo I e tipo II do Diploma Superior en Xestión Hoteleira (4º curso).

Supoñen un desconto dun 50 % ou un 80 % no prezo da matrícula ordinaria e desconto do 100 % no prezo do aloxamento na residencia do CSHG en cuarto compartido con pensión completa.

8. Bolsas de nova adxudicación vacantes para o resto do alumnado do CSHG (TU200A):

Supoñen o desconto dun 50 % ou un 80 % da matrícula ordinaria, dependendo da tipoloxía de bolsas vacantes, e desconto do 100 % no prezo do aloxamento na residencia do CSHG en cuarto compartido con pensión completa.

Segundo. Persoas beneficiarias

Para poder optar á concesión dunha bolsa de nova adxudicación ou renovación deberán cumprirse as seguintes condicións:

a) Para as bolsas ordinarias tipo I, bolsas ordinarias tipo II e bolsas de excelencia académica:

1. Ter nacionalidade española, ou posuír a nacionalidade dun Estado membro da Unión Europea. Neste último caso requirirase que o/a propio/a estudante ou os seus proxenitores/titores ou representante legal se encontren traballando en España. De conformidade co disposto na Lei 4/2000, do 11 de xaneiro, sobre dereitos e liberdades dos estranxeiros en España e a súa integración social, na redacción dada pola Lei orgánica 8/2000, do 22 de decembro, os/as estudantes estranxeiros/as non comunitarios/as deberán acreditar a súa condición de residentes, quedando excluído de concorrer a estas bolsas quen se encontre en situación de estadía.

2. Ter solicitada a preadmisión no curso 2024/25 nalgunha das titulacións que imparte o CSHG (formulario dispoñible en www.cshg.gal).

3. Non ter unha exención de matrícula establecida normativamente.

4. Non estar incurso/a en ningunha das circunstancias especificadas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Para as bolsas para persoas galegas residentes no exterior:

1. Estar en posesión da nacionalidade española.

2. Residir fóra de España.

3. Acreditar un mínimo de dous anos de residencia fóra de España inmediatamente anteriores á data da presentación da solicitude.

4. Estar vinculado/a a Galicia dalgún destes xeitos:

• Ser persoa emigrante nacida en Galicia.

• Ser persoa emigrante non nacida en Galicia, pero ter residido en Galicia de forma continuada durante dez (10) anos con nacionalidade española antes de emigrar.

• Ser descendente por consanguinidade dunha persoa nacida en Galicia.

5. Ter solicitada a preadmisión no curso 2024/25 nalgunha das titulacións que imparte o CSHG.

6. Non estar incursa en ningunha das circunstancias especificadas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Terceiro. Obxecto e réxime

Estas bases teñen por obxecto o establecemento de bolsas de matrícula, en réxime de concorrencia competitiva, para o alumnado que curse as titulacións que imparte o Centro Superior de Hostalería de Galicia (CSHG), para o curso 2023/24, código de procedemento TU200A.

Cuarto. Bases reguladoras

Resolución do 11 de xuño de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de bolsas para a realización de estudos no Centro Superior de Hostalería de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o curso 2024/25 (códigos de procedemento TU200A, TU200C e TU200D).

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes comezará a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e rematará o día 18 de xullo de 2024.

Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Sexto. Aboamento e xustificación

A bolsa non supón a entrega efectiva de diñeiro ao/á alumno/a a que lle foi concedida. A concesión da bolsa supón a posibilidade de matricularse nas titulacións sen necesidade de aboar o importe que lle foi concedido segundo o tipo de bolsa.

Unha vez publicada a resolución de concesión no Diario Oficial de Galicia, a persoa beneficiaria poderá aplicar o desconto correspondente sobre o prezo da matrícula, segundo o tipo de bolsa que lle foi concedido.

Santiago de Compostela, 11 de xuño de 2024

José Manuel Merelles Remy
Director da Axencia de Turismo de Galicia