DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 119 Xoves, 20 de xuño de 2024 Páx. 37933

III. Outras disposicións

Axencia de Turismo de Galicia

RESOLUCIÓN do 11 de xuño de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de bolsas para a realización de estudos no Centro Superior de Hostalería de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o curso 2024/25 (códigos de procedemento TU200A, TU200C e TU200D).

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, establece como competencia plena da Comunidade Autónoma de Galicia a regulación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, sen prexuízo das facultades que corresponden ao Estado.

A Axencia de Turismo de Galicia está a levar adiante unha política de asistencia económica ao estudantado do Centro Superior de Hostalaría de Galicia (en diante, CSHG), que queda concretada en diversas accións, co obxecto de favorecer, dentro das limitacións orzamentarias, a mobilidade, así como a competencia, a igualdade de oportunidades e a excelencia no rendemento académico dos/as estudantes que cursen as titulacións do CSHG. É preciso lembrar que o grao en Xestión de Empresas Hostaleiras se implantou no curso 2022/23 e convivirá aínda no curso 2024/25 co título propio de diploma superior en Xestión Hoteleira, que viña impartindo o CSHG e que está en fase de extinción. Tamén se incorpora a partir do curso 2024/25 unha nova titulación propia do CSHG en gastronomía de curso superior de Chef de Cociña e Pastelaría.

Esta convocatoria axústase ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e, en concreto, no relativo aos principios de obxectividade, concorrencia e publicidade na concesión de bolsas e subvencións e no establecido no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, e ás disposicións aplicables da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

Atendendo a estas consideracións xerais, e en virtude das competencias que me foron atribuídas,

RESOLVO:

1. Convocatoria e bases reguladoras:

1.1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases, que se inclúen como anexo I, polas que se rexerá a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das bolsas para os/as alumnos/as que cursen as titulacións que impartirá no curso 2024/25 o Centro Superior de Hostalaría de Galicia (CSHG), grao en Xestión de Empresas Hostaleiras, diploma superior en Xestión Hoteleira (4º curso), curso superior de Chef de Cociña e Pastelaría, así como efectuar a súa convocatoria para o curso 2024/25 (códigos de procedemento TU200A, TU200C e TU200D).

1.2. Conforme as titulacións que se imparten no CSHG a través da presente convocatoria outorgaranse as seguintes bolsas para o curso 2024/25:

– Bolsas ordinarias tipo I:

• 10 bolsas para o grao en Xestión de Empresas Hostaleiras.

• 1 bolsa curso superior de Chef de Cociña e Pastelaría.

– Bolsas ordinarias tipo II:

• 15 bolsas para o grao en Xestión de Empresas Hostaleiras.

• 3 bolsas para o curso superior de Chef de Cociña e Pastelaría.

– Bolsas excelencia académica (tipo I):

• 6 bolsas para o grao en Xestión de Empresas Hostaleiras.

• 2 bolsas para o curso superior de Chef de Cociña e Pastelaría.

– Bolsas para persoas galegas residentes no exterior (tipo I):

• 10 bolsas para o grao en Xestión de Empresas Hostaleiras.

• 5 bolsas para o curso superior de Chef de Cociña e Pastelaría.

2. Solicitudes:

2.1. Para poder ser persoa beneficiaria das bolsas deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II, anexo III ou anexo IV desta resolución, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 7 das bases reguladoras.

2.2. As solicitudes deberán presentarse na forma e no prazo establecidos nos artigos 6 e 7 das bases reguladoras.

3. Prazo de duración do procedemento de concesión:

Unha vez rematado o prazo para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas e valoradas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras.

O procedemento de concesión non poderá ter unha duración superior aos cinco meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG.

4. Información ás persoas interesadas:

4.1. Sobre estes procedementos administrativos poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Axencia de Turismo de Galicia, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial da Axencia de Turismo de Galicia: https://www.turismo.gal/canle-institucional/transparencia/axudas-e-subvencions?langId=gl_ES e https://www.cshg.gal/gl/direccion-hoteleira/tarifas-e-axudas

b) Páxina web https://sede.xunta.gal/portada, e introducindo no buscador o código de procedemento TU200A, TU200C ou TU200D.

c) Os teléfonos de contacto son o 981 54 25 59 e 981 54 25 93.

d) Correo electrónico: info@cshg.es

4.2. Para dúbidas relacionadas con dificultades técnicas ou necesidade de máis información durante o proceso de presentación dos formularios por vía electrónica, poderán facer as súas consultas ao teléfono de información 012 ou ao correo electrónico 012@xunta.gal. Se as dúbidas están relacionadas coas bases da presente convocatoria, poderán facer as súas consultas no enderezo electrónico info@cshg.es

5. Réxime de recursos:

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Dirección da Axencia de Turismo de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

b) Recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación da resolución.

6. Base de datos nacional de subvencións:

De conformidade co establecido nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no Real decreto 130/2019, do 8 de marzo, polo que se regula a Base de datos nacional de subvencións e a publicidade das subvencións e demais axudas, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

7. Entrada en vigor:

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de xuño de 2024

José Manuel Merelles Remy
Director da Axencia de Turismo de Galicia

ANEXO I

Bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia
competitiva, das bolsas para a realización de estudos
no CSHG para o curso 2024/25

Artigo 1. Obxecto

Estas bases teñen por obxecto o establecemento de bolsas de matrícula ordinaria e aloxamento na residencia do CSHG en cuarto compartido con pensión completa en réxime de concorrencia competitiva, para o alumnado que curse as titulacións que imparte o CSHG no curso 2024/25, códigos de procedemento TU200A, TU200C e TU200D.

Artigo 2. Tipoloxías e persoas destinatarias

1. As bolsas poden ser de nova adxudicación para os/as alumnos/as que se matriculen por primeira vez nunha titulación do CSHG ou de renovación para aqueles que obtiveran unha bolsa nos cursos anteriores e desexen continuar estudos no CSHG de acordo co artigo 23 destas bases.

2. Tamén poderán optar a unha bolsa alumnas/os que cursen estudos no CSHG no curso 2024/25 que non recibiran unha bolsa no ano anterior, sempre e cando non sexan cubertas a totalidade das bolsas ordinarias tipo II co alumnado que se matricula por primeira vez.

3. As bolsas supoñen un desconto dun 50 % ou un 80 % no prezo da matrícula ordinaria e desconto do 100 % no prezo do aloxamento na residencia do CSHG en cuarto compartido con pensión completa, segundo se reflicte na Orde do 4 de xullo de 2014 pola que se fixan os prezos privados correspondentes aos estudos conducentes á obtención das titulacións do Centro Superior de Hostalaría de Galicia, modificada por Orde do 29 de maio de 2024 (DOG núm. 110, do 7 de xuño).

4. Bolsas de nova adxudicación para novos/as alumnos/as do CSHG (anexo II, TU200A):

a) Bolsas ordinarias tipo I: supoñen un desconto do 80 % do prezo da matrícula ordinaria e o desconto do 100 % no prezo do aloxamento na residencia do CSHG en cuarto compartido por titulación e aloxamento.

• 10 bolsas para o grao en Xestión de Empresas Hostaleiras.

• 1 bolsa para o curso superior de Chef de Cociña e Pastelaría.

b) Bolsas ordinarias tipo II: supoñen un desconto do 50 % do prezo da matrícula ordinaria e o desconto do 100 % no prezo do aloxamento na residencia do CSHG en cuarto compartido.

• 15 bolsas para o grao en Xestión de Empresas Hostaleiras.

• 3 bolsas para o curso superior de Chef de Cociña e Pastelaría.

5. Bolsas excelencia académica (anexo III, TU200C):

Supoñen un desconto do 80 % do prezo da matrícula ordinaria e o desconto do 100 % no prezo do aloxamento na residencia do CSHG en cuarto compartido.

• 6 bolsas para o grao en Xestión de Empresas Hostaleiras.

• 2 bolsas para o curso superior de Chef de Cociña e Pastelaría.

6. Bolsas para persoas galegas residentes no exterior (anexo IV, TU200D):

Supoñen un desconto do 80 % do prezo da matrícula ordinaria e o desconto do 100 % no prezo do aloxamento na residencia do CSHG en cuarto compartido.

• 10 bolsas para o grao en Xestión de Empresas Hostaleiras.

• 5 bolsas para o curso superior de Chef de Cociña e Pastelaría.

7. Bolsas de renovación para o alumnado que obtivese bolsa no curso anterior (anexo II, TU200A):

• Bolsas ordinarias tipo I e tipo II do grao en Xestión de Empresas Hostaleiras (2º e 3º curso).

• Bolsas ordinarias tipo I e tipo II do diploma superior en Xestión Hoteleira (4º curso).

Supoñen un desconto dun 50 % ou un 80 % no prezo da matrícula ordinaria e desconto do 100 % no prezo do aloxamento na residencia do CSHG en cuarto compartido con pensión completa.

8. Bolsas de nova adxudicación vacantes para o resto do alumnado do CSHG (anexo II, TU200A):

Supoñen o desconto dun 50 % ou un 80 % da matrícula ordinaria, dependendo da tipoloxía de bolsas vacantes, e desconto do 100 % no prezo do aloxamento na residencia do CSHG en cuarto compartido con pensión completa.

Artigo 3. Persoas solicitantes

Poderá solicitar estas bolsas o alumnado do CSHG que reúna os requisitos académicos, económicos e os requisitos para as persoas residentes no exterior que establece esta resolución.

Artigo 4. Requisitos xerais

Para poder optar á concesión dunha bolsa de nova adxudicación ou renovación deberán cumprirse as seguintes condicións:

a) Para as bolsas ordinarias tipo I, bolsas ordinarias tipo II e bolsas de excelencia académica:

1. Ter nacionalidade española, ou posuír a nacionalidade dun Estado membro da Unión Europea. Neste último caso requirirase que o/a propio/a estudante ou os seus proxenitores/titores ou representante legal se encontren traballando en España. De conformidade co disposto na Lei 4/2000, do 11 de xaneiro, sobre dereitos e liberdades dos estranxeiros en España e a súa integración social, na redacción dada pola Lei orgánica 8/2000, do 22 de decembro, os/as estudantes estranxeiros/as non comunitarios/as deberán acreditar a súa condición de residentes, quedando excluído de concorrer a estas bolsas quen se encontre en situación de estadía.

2. Ter solicitada a pre-admisión no curso 2024/25 nalgunha das titulacións que imparte o CSHG (formulario dispoñible en www.cshg.gal).

3. Non ter unha exención de matrícula establecida normativamente.

4. Non estar incurso/a en ningunha das circunstancias especificadas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Para as bolsas para persoas galegas residentes no exterior:

1. Estar en posesión da nacionalidade española.

2. Residir fóra de España.

3. Acreditar un mínimo de dous anos de residencia fóra de España inmediatamente anteriores á data da presentación da solicitude.

4. Estar vinculado/a a Galicia dalgún destes xeitos:

• Ser persoa emigrante nacida en Galicia.

• Ser persoa emigrante non nacida en Galicia, pero ter residido en Galicia de forma continuada durante dez (10) anos con nacionalidade española antes de emigrar.

• Ser descendente por consanguinidade dunha persoa nacida en Galicia.

5. Ter solicitada a pre-admisión no curso 2024/25 nalgunha das titulacións que imparte o CSHG.

6. Non estar incursa en ningunha das circunstancias especificadas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 5. Requisitos específicos segundo o tipo de bolsas e titulación

a) Bolsas ordinarias tipo I e bolsas ordinarias tipo II:

1. Para estudos de grao en Xestión de Empresas Hostaleiras:

• Acreditar unha cualificación na proba de acceso á universidade (ABAU) ou noutras ensinanzas que lle permitan o acceso, con exclusión da cualificación da fase específica, igual ou superior a 5 puntos antes de que remate o prazo de solicitude destas bolsas.

• A renda familiar non debe superar os límites de renda establecidos no artigo 11 desta resolución.

2. Para o curso superior de Chef de Cociña e Pastelaría:

• Titulación de ciclo medio ou superior na rama da hostalaría antes de que remate o prazo de solicitude destas bolsas, certificado de profesionalidade en cociña ou 6 meses de experiencia laboral en hostalaría.

• A renda familiar non debe superar os límites de renda establecidos no artigo 11 desta resolución.

b) Bolsas de excelencia académica:

1. Para estudos de grao en Xestión de Empresas Hostaleiras:

• Acreditar unha cualificación na proba de acceso á universidade (ABAU) ou noutras ensinanzas que lle permitan o acceso, con exclusión da cualificación da fase específica, igual ou superior a 8 puntos antes de que remate o prazo de solicitude destas bolsas.

2. Para o curso superior de Chef de Cociña e Pastelaría:

• Acreditar unha cualificación en ensinanzas de ciclo medio ou superior en Hostalaría igual ou superior a 8 puntos antes de que remate o prazo de solicitude destas bolsas.

c) Bolsas para persoas galegas residentes no exterior:

1. Para estudos de grao en Xestión de Empresas Hostaleiras:

• Homologación do titulo de bacharelato.

• Vinculación con Galicia (persoa emigrante nacida en Galicia ou que residise en Galicia de forma continuada durante dez (10) anos con nacionalidade española antes de emigrar ou fillos/as dunha persoa nacida en Galicia ou netos/as, bisnetos/as e demais descendentes dunha persoa nacida en Galicia).

2. Para o curso superior de Chef de Cociña e Pastelaría:

• Acreditar 6 meses de experiencia laboral en hostalaría.

• Ter solicitada a pre-admisión para realizar o curso superior de Chef de Cociña e Pastelaría antes de que remate o prazo de solicitude destas bolsas.

• Vinculación con Galicia (persoa emigrante nacida en Galicia ou que residise en Galicia de forma continuada durante dez (10) anos con nacionalidade española antes de emigrar ou fillos/as dunha persoa nacida en Galicia ou netos/as, bisnetos/as e demais descendentes dunha persoa nacida en Galicia).

d) Renovación das bolsas ordinarias de tipo I e tipo II:

• Cumprir os requisitos para matricularse no curso completo 2024/25.

• A renda familiar non debe superar os límites de renda establecidos no artigo 23.

Artigo 6. Forma, lugar e prazo de presentación das solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo II, anexo III ou anexo IV) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Debido á capacidade técnica das persoas físicas beneficiarias das presentes bolsas, que deben reunir a condición de alumnado que reúne os requisitos para o acceso á universidade ou xa é alumnado universitario, considérase que teñen acceso e dispoñibilidade suficiente aos medios electrónicos necesarios para realizar todos os trámites electrónicamente no presente procedemento.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. O prazo de presentación de solicitudes comezará a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e rematará o día 18 de xullo de 2024.

Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

3. As persoas solicitantes deberán declarar responsablemente, consonte o cadro de declaración do anexo II, anexo III ou anexo IV:

a) Que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se achegan son certos.

b) Que se compromete a cumprir a normativa estatal e autonómica de aplicación, en particular, a normativa en materia de subvencións.

c) Que, en relación con outras subvencións, axudas, recursos ou ingresos concedidos ou solicitados procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais, solicitaron e/ou se lle concederon outras subvencións, axudas, recursos ou ingresos que financien o custo da matrícula solicitada, ou non.

d) Que non está incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

e) Que non está incursa en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos puntos 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

f) Que está ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

g) Que está ao día no cumprimento das obrigas tributarias e coa Seguridade Social, e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

h) Que ten solicitada a pre-admisión no curso 2024/25 nalgunha das titulacións que imparte o CSHG.

Artigo 7. Documentación complementaria

1. No caso das bolsas ordinarias tipo I e tipo II que se solicitan por primeira vez, as persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo II), a seguinte documentación:

– Anexo V, destinado á comprobación de datos de terceiras persoas interesadas, debidamente cuberto e asinado.

– No caso de bolsas para o grao en Xestión de Empresas Hostaleiras, a certificación que inclúa a cualificación na proba de acceso á universidade (ABAU) ou noutras ensinanzas que lle permitan o acceso, con exclusión da cualificación da fase específica.

– No caso de bolsas para o curso superior de Chef de Cociña e Pastelaría, a titulación de ciclo medio ou superior na rama da hostalaría, o certificado de profesionalidade en cociña ou vida laboral que acredite 6 meses de experiencia laboral en hostalaría.

– Certificado municipal de convivencia ou de inscrición múltiple dos membros da unidade familiar.

– No caso de que non exista información en poder das administracións tributarias da persoa solicitante e dos compoñentes da súa unidade familiar, achegarase unha declaración responsable na que se detallarán os ingresos e gastos anuais da unidade familiar correspondentes ao último exercicio fiscal; incluirase ademais unha relación de bens mobles e inmobles, acompañadas dun extracto cos saldos medios mensuais de contas bancarias que posúan os membros da unidade familiar.

– Copia do Libro de familia.

Adicionalmente, de ser o caso, deberán achegar:

– Certificación académica de estar a cursar estudos universitarios, dos membros da unidade familiar menores de 25 anos e residentes fóra do domicilio familiar, durante o curso 2023/24.

– Documentación acreditativa da independencia familiar e económica.

– Xustificante de orfandade absoluta da persoa solicitante.

– Título oficial de familia numerosa (Lei 40/2003, do 18 de novembro, de protección ás familias numerosas), no caso de que non fose expedido pola Xunta de Galicia.

– Xustificante da condición de persoa con discapacidade, con indicación do grao, da persoa solicitante e dos outros membros da unidade familiar, no caso de que non fose expedido pola Xunta de Galicia.

– Xustificante de viuvez, de ser solteiro/a, separado ou divorciado do/da pai/nai da persoa solicitante.

2. No caso das bolsas de excelencia académica, as persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo III), a seguinte documentación:

– Para o grao en Xestión de Empresas Hostaleiras, as persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo III), a cualificación na proba de acceso á universidade (ABAU) ou noutras ensinanzas que lle permitan o acceso, con exclusión da cualificación da fase específica, igual ou superior a 8 puntos.

– Para o curso superior de Chef de Cociña e Pastelaría, as persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo III) a cualificación en ensinanzas de ciclo medio ou superior en Hostalería igual ou superior a 8 puntos.

3. No caso das bolsas para galegos no exterior, as persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo IV), a seguinte documentación:

a) Pasaporte ou outro documento acreditativo da identidade e nacionalidade española para as persoas solicitantes que non teñan DNI (documento nacional de identidade español).

b) Documentación acreditativa da residencia actual fóra de España.

c) Documentación xustificativa de ter residido fóra de España durante un mínimo de dous anos inmediatamente anteriores á data de presentación da solicitude.

d) Documentación acreditativa da súa vinculación con Galicia, segundo o caso:

1º. Persoas nacidas en Galicia: pasaporte ou certificado de nacemento en Galicia.

2º. Persoas non nacidas en Galicia, pero que residiron en Galicia de forma continuada durante dez (10) anos con nacionalidade española antes de emigrar: histórico do padrón municipal do/dos concello/s galego/s onde residiron.

3º. Descendentes por consanguinidade dunha persoa nacida en Galicia: certificados de nacemento ou libros de familia que acrediten toda a liña de parentesco por consanguinidade, desde a persoa nacida en Galicia ata o nacemento da persoa solicitante.

e) Se a solicitude é para o grao en Xestión de Empresas Hostaleiras, deberán achegar o título de bacharelato homologado.

f) Se a solicitude é para o curso superior de Chef de Cociña e Pastelaría, deberán acreditar 6 meses de experiencia laboral en hostalaría, mediante certificado do organismo público competente do país ou certificado emitido pola empresa onde prestou os servizos.

4. No caso das persoas solicitantes que aspiren á renovación da bolsa ordinaria para o grao en Xestión de Empresas Hostaleiras ou 4º de diploma superior en Xestión Hoteleira deberán achegar coa solicitude (anexo II) a seguinte documentación:

– Anexo V, destinado á comprobación de datos de terceiras persoas interesadas, debidamente cuberto e asinado.

– Certificado municipal de convivencia ou de inscrición múltiple dos membros da unidade familiar.

– No caso de que non exista información en poder das administracións tributarias da persoa solicitante e dos compoñentes da súa unidade familiar, achegarase unha declaración responsable na que se detallarán os ingresos e gastos anuais da unidade familiar correspondentes ao último exercicio fiscal, incluíndo ademais unha relación de bens mobles e inmobles, acompañadas dun extracto cos saldos medios mensuais de contas bancarias que posúan os membros da unidade familiar.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

5. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se dispón del.

No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivese un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no paragrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 8. Comprobación de datos

1. Para a tramitación destes procedementos consultaranse automaticamente para todas as persoas solicitantes, excepto para os galegos residentes no exterior, os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

– DNI ou NIE da persoa solicitante e do resto de membros da unidade familiar.

– DNI ou NIE da persoa representante.

– NIF da entidade representante.

– Certificado de residencia con data da última variación padroal da persoa solicitante e de todos os membros da unidade familiar, no caso das bolsas ordinarias.

– Certificacións catastrais literais da persoa solicitante e de todos os membros da unidade familiar, no caso das bolsas ordinarias.

– Certificación de que a persoa solicitante está ao día no pagamento de obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.

– Certificación de que a persoa solicitante está ao día no pagamento coa Seguridade Social.

– Certificación de que a persoa solicitante está ao día no pagamento coa Axencia Tributaria de Galicia (Atriga).

– Certificado de concesión de subvencións e axudas.

– Certificado de inhabilitación para obter subvencións e axudas.

– Nivel de renda da persoa solicitante e do resto dos membros da unidade familiar, no caso das bolsas ordinarias.

2. No caso das bolsas ordinarias que se solicitan por primeira vez, consultaranse ademais os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle son de aplicación as circunstancias que acreditan os seguintes documentos, e sempre que fosen expedidos pola Comunidade Autónoma de Galicia:

– Título de familia numerosa expedido pola Xunta de Galicia.

– Certificado de discapacidade, con indicación do grao, da persoa solicitante e dos outros membros da unidade familiar, expedido pola Xunta de Galicia.

3. No caso das bolsas para as persoas galegas residentes no exterior, consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

– DNI ou NIE da persoa solicitante.

– DNI ou NIE da persoa representante.

– NIF da entidade representante.

4. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente, e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

5. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 9. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 10. Selección

1. Para as bolsas ordinarias tipo I e tipo II do grao en Xestión de Empresas Hostaleiras:

A ordenación e selección farase ordenando todas as solicitudes que cumpran os requisitos, segundo a puntuación obtida pola renda familiar e o seu expediente académico, ata esgotar o número de bolsas destinado para cada modalidade.

No caso do grao en Xestión de Empresas Hostaleiras para as dez primeiras puntuacións as bolsas serán de tipo I e de tipo II para as quince seguintes.

A puntuación por persoa solicitante será o resultado de sumar a puntuación resultante da renda per cápita da unidade familiar (A) e do expediente académico (B). Sobre unha puntuación máxima de 10 puntos, a puntuación resultante da renda per cápita da unidade familiar (A) pode alcanzar ata un máximo de 6 puntos e a do expediente académico (B) ata un máximo de 4 puntos.

A puntuación correspondente á renda per cápita da unidade familiar (A) será a resultante de aplicar os criterios de cálculo e límites establecidos no artigo 11.

A puntuación obtida polo expediente académico (B) virá dada pola fórmula: [(cualificación expediente - 5) * 4 ] /5.

Para o cálculo das notas do expediente:

Para 1º curso do grao en Xestión de Empresas Hostaleiras empregarase a cualificación na proba de acceso á universidade (ABAU) ou noutras ensinanzas que lle permitan o acceso.

Para os restantes cursos de 2º e 3º de grao en Xestión de Empresas Hostaleiras e 4º de diploma superior en Xestión Hoteleira (no suposto de que non se cubran as bolsas co alumnado de 1º de grao), empregárase a cualificación da nota media do seu expediente académico ata o curso 2023/24 sen incluír a nota do stage de 2024.

A puntuación total será o resultado da suma de A (ponderado nun 60 %) e B (ponderado nun 40 %).

En caso de empate entre dúas ou máis persoas solicitantes, procederase ao desempate de acordo co expediente académico das persoas solicitantes afectadas.

2. Para as bolsas ordinarias tipo I e II para obtención do curso superior de Chef de Cociña e Pastelaría:

A ordenación e selección farase ordenando todas as solicitudes que cumpran os requisitos, segundo a puntuación obtida pola renda familiar, ata esgotar o número de bolsas destinado para cada modalidade.

No caso do curso superior de Chef de Cociña e Pastelaría para a primeira puntuación a bolsa será de tipo I e de tipo II para as tres seguintes.

En caso de empate entre dúas ou máis persoas solicitantes terase en conta a data de entrada da solicitude.

3. Para as bolsas de excelencia académica para o grao en Xestión de Empresas Hostaleiras:

A ordenación e selección farase ordenando todas as solicitudes que cumpran o requisito, segundo o seu expediente académico, ata esgotar as 6 bolsas.

En caso de empate entre dúas ou máis persoas solicitantes terase en conta a data de entrada da solicitude.

4. Para as bolsas de excelencia académica para o curso superior de Chef de Cociña e Pastelaría:

A ordenación e selección farase ordenando todas as solicitudes que cumpran o requisito, segundo o seu expediente académico, ata esgotar as 2 bolsas.

En caso de empate entre dúas ou máis persoas solicitantes terase en conta a data de entrada da solicitude.

5. Para as bolsas das persoas galegas residentes no exterior para cursar o grao en Xestión de Empresas Hostaleiras:

A ordenación e selección farase ordenando todas as solicitudes que cumpran os requisitos, segundo a seguinte valoración ata un máximo de 25 puntos conforme o seguinte baremo:

a) Nota media do expediente académico na escala numérica de 0-10 de bacharelato que dá acceso ao grao: ata 20 puntos.

b) Vinculación con Galicia: ata 5 puntos.

• b.1. Persoa emigrante nacida en Galicia ou que residise en Galicia de forma continuada durante dez (10) anos con nacionalidade española antes de emigrar: 5 puntos.

• b.2. Fillos/as dunha persoa nacida en Galicia: 2 puntos.

• b.3. Netos/as, bisnetos/as e demais descendentes dunha persoa nacida en Galicia: 1 punto.

No caso do grao en Xestión de Empresas Hostaleiras para as dez primeiras puntuacións as bolsas serán de tipo I.

En caso de empate entre dúas ou máis persoas solicitantes, terase en conta a data de entrada da solicitude.

6. Para as bolsas das persoas galegas residentes no exterior para a obtención do curso superior de Chef de Cociña e Pastelaría.

A ordenación e selección farase ordenando todas as solicitudes que cumpran os requisitos, segundo a seguinte valoración, ata un máximo de 5 puntos, conforme o seguinte baremo:

Vinculación con Galicia: ata 5 puntos.

• Persoa emigrante nacida en Galicia ou que residise en Galicia de forma continuada durante dez (10) anos con nacionalidade española antes de emigrar: 5 puntos.

• Fillos/as dunha persoa nacida en Galicia: 2 puntos.

• Netos/as, bisnetos/as e demais descendentes dunha persoa nacida en Galicia: 1 punto.

No caso do curso superior de Chef de Cociña e Pastelaría para as 5 primeiras puntuacións as bolsas serán de tipo I.

En caso de empate entre dúas ou máis persoas solicitantes terase en conta a data de entrada da solicitude.

Artigo 11. Cálculo da renda per cápita, límites de renda e puntuación resultante

1. A renda familiar total obterase pola agregación das rendas do exercicio 2023 de cada un dos membros computables da familia (entenderanse como tal os membros que integren a unidade de convivencia) que obteña ingresos de calquera natureza, calculada segundo se indica nos parágrafos seguintes e de conformidade coa normativa reguladora do imposto sobre a renda das persoas físicas (IRPF).

2. Para a determinación da renda dos membros computables que presenten declaración polo imposto sobre a renda das persoas físicas, procederase do seguinte xeito:

a) Sumarase a base impoñible xeral coa base impoñible do aforro, e excluiranse todos os saldos netos negativos de ganancias e perdas patrimoniais de 2018 a 2021 e o saldo neto negativo de rendementos do capital mobiliario de 2018 a 2021 que se integrará na base impoñible do aforro.

b) Deste resultado restarase a cota resultante da autoliquidación.

3. Para a determinación da renda dos demais membros computables que obteñan ingresos propios e non presentasen a declaración do IRPF seguirase o procedemento descrito na letra a do punto 2 e do resultado obtido restaranse os pagamentos a conta efectuados.

4. Para o cálculo da renda e o patrimonio familiar, son membros computables da unidade de convivencia o pai e a nai e, de ser o caso, o/a titor/a ou persoa encargada da garda e protección do/da menor, que terán a consideración de persoas sustentadoras principais da familia. Tamén serán membros computables a persoa solicitante, os/as irmáns/irmás solteiros/as menores de 25 anos, ou os/as de maior idade, cando se trate de persoas con discapacidade física, psíquica ou sensorial, así como as persoas menores en réxime de acollemento permanente ou de garda con fins de adopción e os/as ascendentes dos pais que xustifiquen a súa residencia no mesmo domicilio que os anteriores co certificado municipal correspondente. Para ser considerado membro computable deberá constar a convivencia no domicilio familiar o 31 de decembro de 2023.

No caso de persoas solicitantes que constitúan unidades familiares independentes, tamén se considerarán membros computables e sustentadores principais a persoa solicitante e o seu cónxuxe, a súa parella rexistrada ou non, que se atope unida por análoga relación. Tamén serán membros computables os/as fillos/as menores de 25 anos, se os houber, e convivan no mesmo domicilio.

5. No caso de divorcio, separación legal ou de feito dos pais, non se considerará membro computable aquel que non conviva coa persoa solicitante da bolsa.

Con todo, de ser o caso, terá a consideración de membro computable e sustentador principal, o novo cónxuxe, parella, rexistrada ou non, ou persoa unida por análoga relación cuxas rendas e patrimonio se incluirán dentro do cómputo da renda e patrimonio familiares. Así mesmo, terá a consideración de membro computable a persoa con ingresos propios que, á referida data, conviva no domicilio coa persoa solicitante cando non medie relación de parentesco e non se poida xustificar un alugueiro de piso compartido.

Cando o réxime de custodia dos fillos sexa o de custodia compartida, consideraranse membros computables o pai e a nai da persoa solicitante da bolsa, os seus fillos comúns e os ascendentes do pai e da nai que xustifiquen a súa residencia no mesmo domicilio que os anteriores co certificado municipal correspondente. Esta consideración manterase tamén no caso de que a persoa solicitante alcanzase a maioría de idade, sempre que existan indicios de que subsiste a situación familiar preexistente.

6. Nos supostos nos que a persoa solicitante da bolsa sexa unha persoa menor en situación de acollida, será de aplicación á familia de acollida o disposto nos parágrafos anteriores. Cando se trate dun maior de idade terá a consideración de non integrado na unidade familiar, para estes efectos, a condición de que de feito non subsistan as circunstancias de integración coa familia de acollida e así se acredite debidamente.

7. Nos casos en que a persoa solicitante alegue a súa emancipación ou independencia familiar e económica, calquera que sexa o seu estado civil, deberá acreditar fidedignamente que conta con medios económicos propios suficientes que permitan a dita independencia, así como a titularidade ou o alugueiro do seu domicilio habitual. En caso contrario, e sempre que os ingresos acreditados resulten inferiores aos gastos soportados en concepto de vivenda e outros gastos considerados indispensables, entenderase non probada a independencia, polo que, para o cálculo da renda e patrimonio familiar para os efectos da bolsa, computaranse os ingresos correspondentes aos membros computables da familia a que se refiren os puntos 4 e 5 deste artigo.

8. Unha vez calculada a renda familiar total segundo o establecido nos puntos anteriores, aplicaranse as deducións seguintes:

a) O 50 % dos ingresos achegados por calquera membro computable da familia distinto das persoas sustentadoras principais.

b) 525,00 euros por cada un/unha dos/das irmáns/irmás que sexa membro computable, e conviva no domicilio familiar, incluída a persoa solicitante, cando se trate de familias numerosas de categoría xeral e 800,00 euros para familias numerosas de categoría especial, sempre que teñan dereito a este beneficio. Cando sexa a propia persoa solicitante a titular da familia numerosa, as cantidades sinaladas serán computadas en relación con cada un/unha dos/das fillos/as que a compoñan.

c) 1.811,00 euros por cada un/unha dos/das irmáns/irmás ou por cada un/unha dos/das fillos/as da persoa solicitante ou a propia persoa solicitante, que acredite a condición de persoa con discapacidade, cun grao igual ou superior ao 33 %. Esta dedución será de 2.881,00 euros cando a discapacidade sexa de grao igual ou superior ao 65 %.

d) 1.176,00 euros por cada irmán/a da persoa solicitante ou a propia persoa solicitante menor de 25 anos que curse estudos universitarios do sistema educativo español e resida fóra do domicilio familiar, cando sexan dous ou máis as persoas estudantes con residencia fóra do domicilio familiar por razón de estudos universitarios.

e) O 20 % da renda familiar cando a persoa solicitante sexa orfa absoluta e menor de 25 anos.

f) 500,00 euros por pertencer a persoa solicitante a unha familia monoparental. Para estes efectos, entenderase por familia monoparental a constituída por unha soa persoa adulta, que sexa a única sustentadora da familia, que conviva cun/cunha ou máis fillos/as menores de 25 anos ou de maior idade, cando se trate de persoas con discapacidade física, psíquica ou sensorial, ou cunha ou máis persoas menores en réxime de acollida familiar permanente ou de garda con fins de adopción ao seu cargo.

Para poder ser tidas en conta estas deducións deberá acreditarse que as situacións que dan dereito á dedución concorrían o 31 de decembro de 2023.

9. A suma de rendas de todos os membros da unidade familiar non pode superar os seguintes limiares:

• Familias de 1 membro: 24.000,00 euros.

• Familias de 2 membros: 34.977,00 euros.

• Familias de 3 membros: 44.585,00 euros.

• Familias de 4 membros: 54.719,00 euros.

• Familias de 5 membros: 64.290,00 euros.

• Familias de 6 membros: 74.741,00 euros.

• Familias de 7 membros: 80.155,00 euros.

• Familias de 8 membros: 85.553,00 euros.

A partir do oitavo membro engadiranse 3.391,00 euros por cada novo membro computable.

10. A bolsa solicitada será denegada cando se comprobe que a suma dos ingresos que se indican a continuación obtida, polo conxunto dos membros computables da familia, supere a cantidade de 155.500,00 euros:

a) Ingresos procedentes de actividades económicas en estimación directa ou en estimación obxectiva.

b) Ingresos procedentes dunha participación dos membros computables desenvolta a través de entidades sen personalidade xurídica ou calquera outra clase de entidade xurídica, unha vez aplicada aos ingresos totais das actividades a porcentaxe de participación naquelas.

Para os efectos do cómputo do valor dos elementos a que se refire este parágrafo, deducirase o 50 % do valor dos que pertenzan a calquera membro computable da familia, excluídas as persoas sustentadoras principais.

11. Denegarase a bolsa, calquera que sexa a renda familiar calculada segundo o disposto nos puntos anteriores, cando o valor dos elementos indicativos do patrimonio ao 31 de decembro de 2023 do conxunto de membros computables da familia supere algún ou algúns dos limiares seguintes:

a) A suma dos valores catastrais dos predios urbanos que pertenzan aos membros computables da familia, excluída a vivenda habitual, non poderá superar os 120.000,00 euros. En caso de inmobles nos que a data de efecto da última revisión catastral estivese comprendida entre o 1 de xaneiro de 1990 e o 31 de decembro de 2002 multiplicaranse os valores catastrais por 0,49. No caso de que a data da mencionada revisión fose posterior ao 31 de decembro de 2002, os valores catastrais multiplicaranse polos coeficientes seguintes:

• Por 0,43 os revisados en 2003.

• Por 0,37 os revisados en 2004.

• Por 0,30 os revisados en 2005.

• Por 0,26 os revisados en 2006.

• Por 0,25 os revisados en 2007.

• Por 0,25 os revisados en 2008.

• Por 0,26 os revisados en 2009.

• Por 0,28 os revisados en 2010.

• Por 0,30 os revisados en 2011.

• Por 0,32 os revisados en 2012.

• Por 0,34 os revisados en 2013.

• Por 0,36 os revisados entre 2014 e 2021, ambos inclusive.

• Por 0,35 os revisados en 2022.

Nos inmobles situados na Comunidade Foral de Navarra, o valor catastral multiplicarase en todo caso por 0,50.

b) A suma dos valores catastrais das construcións situadas en predios rústicos, incluíndo os bens inmobles de natureza especial, e excluído o valor catastral da construción que constitúa a vivenda habitual da familia, non poderá superar os 120.000,00 euros, sendo aplicables ás devanditas construcións os coeficientes multiplicadores, en función do ano en que se efectuou a última revisión catastral, que se establecen na letra a) anterior.

Non se incluirán nesta suma as subvencións recibidas para adquisición ou rehabilitación da vivenda habitual, nin o importe dos premios en metálico ou en especie obtidos pola participación en xogos, concursos, rifas ou combinacións aleatorias ata 1.500,00 euros. As ganancias patrimoniais derivadas dos mencionados premios computaranse de acordo coa normativa do IRPF.

Cando sexan varios os elementos indicativos do patrimonio descritos nos puntos anteriores dos que dispoñan os membros computables da familia, calcularase a porcentaxe de valor de cada elemento respecto do limiar correspondente.

Para os efectos do cómputo do valor dos elementos a que se refire este parágrafo, deducirase o 50 % do valor dos que pertenzan a calquera membro computable da familia, excluídos os sustentadores principais.

12. A renda total puntuarase seguindo os seguintes tramos:

Número de membros
da unidade familiar

Renda
inferior a

Renda
inferior a

Renda
inferior a

Renda
inferior a

Renda
inferior a

Renda
inferior a

1

24.000,00 €

12.974,00 €

11.836,00 €

10.698,00 €

9.560,00 €

8.422,00 €

2

34.977,00 €

21.797,60 €

19.506,20 €

17.214,80 €

14.923,40 €

12.632,00 €

3

44.585,00 €

29.526,20 €

26.355,40 €

23.184,60 €

20.013,80 €

16.843,00 €

4

54.719,00 €

35.275,60 €

31.720,20 €

28.164,80 €

24.609,40 €

21.054,00 €

5

64.290,00 €

39.606,20 €

35.810,40 €

32.014,60 €

28.218,80 €

24.423,00 €

6

74.741,00 €

43.040,60 €

39.228,20 €

35.415,80 €

31.603,40 €

27.791,00 €

7

80.155,00 €

46.445,60 €

42.624,20 €

38.802,80 €

34.981,40 €

31.160,00 €

8

85.553,00 €

49.837,80 €

46.010,60 €

42.183,40 €

38.356,20 €

34.529,00 €

Puntos

1

2

3

4

5

6

Artigo 12. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, á que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 13. Compatibilidade con outras axudas

As bolsas reguladas ao abeiro desta resolución son incompatibles coa percepción doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

O importe das bolsas en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, supere o custo da matrícula do curso solicitado.

Artigo 14. Órganos competentes

A Área de Fomento e Desenvolvemento Empresarial será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da bolsa, correspondéndolle á persoa titular da Dirección da Axencia de Turismo de Galicia ditar a resolución de concesión, así como as demais resolucións que poñan fin ao procedemento.

Artigo 15. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento no que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 16. Instrución

1. Unha vez finalizado o prazo de recepción de solicitudes, determinarase se reúnen os requisitos establecidos nestas bases, para logo expoñer as listaxes das solicitudes admitidas e excluídas nos taboleiros de anuncios do CSHG, con indicación das causas de exclusión. Así mesmo, estas listaxes tamén poderán ser consultadas na páxina web do CSHG (www.cshg.gal).

2. De conformidade co establecido nos artigos 68 e 82 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, as persoas interesadas disporán dun prazo de 10 días hábiles desde o día seguinte ao da publicación das listaxes na páxina web do CSHG para emendar a solicitude e/ou documentación a que se refiren estas bases reguladoras. Transcorrido o prazo sen que así se fixese, considerarase que a persoa solicitante desiste da súa petición.

3. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderáselle requirir á persoa solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

4. Unha vez revisadas as solicitudes e feitas as emendas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos serán remitidos á comisión encargada da súa valoración, de acordo co establecido no artigo seguinte. Xunto cos expedientes o órgano instrutor remitirá unha proposta de puntuación correspondente a cada expediente, calculada en aplicación dos criterios de valoración previstos nos artigos 10 e 11.

Artigo 17. Comisión Avaliadora

1. A selección dos candidatos será realizada por unha Comisión Avaliadora integrada por:

– Presidente/a: a persoa titular da Xerencia da Axencia de Turismo de Galicia.

– Secretario/a: a persoa titular do CSHG, que actuará como membro do órgano con voz e voto.

– Vogais:

• O/a subdirector/a de Docencia e Formación Continua do CSHG.

• Un/unha asesor/a técnico/a da Axencia de Turismo de Galicia.

• A persoa titular do Departamento de Márketing do CSHG.

2. Se por calquera causa, no momento en que a Comisión Avaliadora teña que examinar as solicitudes, algún dos compoñentes non pode asistir, será substituído/a pola persoa que para o efecto nomee a persoa titular da Dirección da Axencia de Turismo de Galicia.

3. A comisión levantará unha acta das súas deliberacións e elaborará un informe en que constarán:

– Relación de bolsas ordinarias propostas para o alumnado do 1º curso do grao en Xestión de Empresas Hostaleiras e, de ser o caso, para o alumnado do resto dos cursos, de conformidade cos criterios de valoración fixados nestas bases.

– Listaxe de reserva para o caso de non aceptación ou renuncia dalgunha delas, por orde de puntuación, para o grao en Xestión de Empresas Hostaleiras.

– Relación de bolsas de excelencia académica propostas para o alumnado do 1º curso do grao en Xestión de Empresas Hostaleiras, de conformidade cos criterios de valoración fixados nestas bases.

– Listaxe de reserva para o caso de non aceptación ou renuncia dalgunha delas, por orde de puntuación, para o grao en Xestión de Empresas Hostaleiras.

– Relación de bolsas para persoas galegas residentes no exterior propostas para o alumnado do 1º curso do grao en Xestión de Empresas Hostaleiras, de conformidade cos criterios de valoración fixados nestas bases.

– Listaxe de reserva para o caso de non aceptación ou renuncia dalgunha delas, por orde de puntuación, para o grao en Xestión de Empresas Hostaleiras.

– Relación de bolsas de renovación propostas.

– Relación de bolsas ordinarias para obtención do curso superior de Chef de Cociña e Pastelaría, de conformidade cos criterios de valoración fixados nestas bases.

– Relación de bolsas de excelencia académica propostas para o alumnado do curso superior de Chef de Cociña e Pastelaría, de conformidade cos criterios de valoración fixados nestas bases.

– Listaxe de reserva para o caso de non aceptación ou renuncia dalgunha delas, por orde de puntuación, para o curso superior de Chef de Cociña e Pastelaría.

– Relación de bolsas para persoas galegas residentes no exterior para a obtención do curso superior de Chef de Cociña e Pastelaría, de conformidade cos criterios de valoración fixados nestas bases.

– Listaxe de reserva para o caso de non aceptación ou renuncia dalgunha delas, por orde de puntuación, para o curso superior de Chef de Cociña e Pastelaría.

O informe coa puntuación provisional, no que se detallarán as bolsas concedidas, a tipoloxía e as persoas beneficiarias, publicarase no portal web do CSHG, así como no taboleiro de anuncios do CSHG. As persoas solicitantes terán un prazo de 10 días para presentar as reclamacións oportunas dirixidas ao órgano instrutor.

Logo de resolver as reclamacións presentadas ao informe de puntuacións provisionais, o órgano instrutor emitirá o informe coa puntuación definitiva, que se publicará no portal web do CSHG, así como no taboleiro de anuncios do CSHG.

O órgano instrutor, á vista do antedito informe elevará unha proposta de resolución á persoa titular da Dirección da Axencia de Turismo de Galicia.

Artigo 18. Resolución

1. A persoa titular da Dirección da Axencia de Turismo de Galicia, á vista da proposta de resolución, ditará a correspondente resolución. A resolución será publicada no DOG, así como nos lugares indicados no artigo 17.3 das bases reguladoras.

As solicitudes desestimadas notificaranse individualmente, con indicación das causas da desestimación.

2. O prazo máximo para resolver as solicitudes correspondentes a esta convocatoria será de cinco meses, contados a partir do remate do prazo de presentación de solicitudes. Se transcorrese o prazo máximo para resolver sen que recaese resolución expresa, as persoas interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

3. Contra a devandita resolución, que pon fin á vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante a Axencia de Turismo de Galicia no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no DOG, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente un recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao da publicación da resolución, segundo o disposto nos artigos 8, 14 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 19. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da bolsa e, en todo caso, a obtención concorrente de bolsas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, de conformidade cos requisitos establecidos no artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. O acto polo que se acorde ou denegue a modificación da resolución será ditado pola persoa titular da dirección da Axencia de Turismo de Galicia, logo da instrución do correspondente expediente en que se lle dará audiencia á persoa interesada nos termos previstos no artigo 17.3.

3. Cando a persoa beneficiaria da bolsa poña de manifesto na xustificación que se produciron alteracións das condicións tidas en conta para a concesión desta que non alteren esencialmente a natureza ou os obxectivos da bolsa, e que puidesen dar lugar á modificación da resolución conforme o establecido no artigo 14.1.m) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, téndose omitido o trámite de autorización administrativa previa para a súa aprobación, o órgano concedente da bolsa poderá aceptar a xustificación presentada, sempre e cando tal aceptación non supoña danar dereitos de terceiros.

Esta aceptación por parte do órgano concedente non exime a persoa beneficiaria das sancións que poidan corresponderlle conforme a citada Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 20. Aceptación e renuncia

1. Notificada a resolución definitiva polo órgano competente, as persoas interesadas propostas como beneficiarias disporán dun prazo de dez días para a súa aceptación, transcorrido o cal sen que se producise manifestación expresa en contra se entenderá tacitamente aceptada.

2. A renuncia á bolsa poderase facer axustándose ao modelo que se inclúe como anexo VI, así como por calquera outro medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

No caso de que se comunicase a renuncia no prazo, a persoa titular da dirección da Axencia de Turismo de Galicia ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 21 da citada lei.

3. No caso de que as persoas beneficiarias non acepten a bolsa, serán substituídas polas persoas que figuren na correspondente listaxe de reserva en función da súa puntuación.

Artigo 21. Aboamento e xustificación das bolsas

A bolsa non supón a entrega efectiva de diñeiro ao alumnado ao que lle foi concedida. A concesión da bolsa supón a posibilidade de matricularse nas titulacións sen necesidade de aboar o importe que lle foi concedido segundo o tipo de bolsa.

Unha vez publicada a resolución de concesión no Diario Oficial de Galicia a persoa beneficiaria poderá aplicar o desconto correspondente sobre o prezo da matrícula, segundo o tipo de bolsa que lle foi concedido.

Artigo 22. Obrigas das persoas solicitantes e beneficiarias

As persoas solicitantes deben cumprir os requisitos para obter a condición de persoa beneficiaria de acordo co artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, segundo o indicado no artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007.

O alumnado que resulte beneficiario destas bolsas comprométese ao cumprimento do establecido nesta convocatoria e na súa resolución, así como a cumprir as seguintes obrigas:

a) Seguir durante o curso académico, con carácter presencial, os estudos nos que estea matriculado e non anular a matrícula.

b) Cumprir os requisitos e condicións establecidos para a concesión e goce da bolsa.

c) Cooperar coa Administración nas actuacións de comprobación que sexa necesario verificar, se procede, do cumprimento e a efectividade das condicións determinantes da concesión da bolsa.

d) Comunicar por escrito calquera variación ou modificación que se produza durante a tramitación do procedemento respecto das circunstancias alegadas na solicitude ou na declaración responsable e de someterse ás actuacións de comprobación que acorde a Axencia de Turismo de Galicia.

e) Comunicarlle á Axencia de Turismo de Galicia a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien o custo da matrícula solicitada, así como a modificación das circunstancias que fundamentaran a concesión da bolsa.

f) Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das bolsas, segundo dispón o artigo 14.1.k) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

g) Comunicar por escrito a renuncia á bolsa no caso de producirse unha causa que determine a dita renuncia.

h) Subministrarlle á Axencia de Turismo de Galicia, en virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento pola Axencia de Turismo de Galicia das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 23. Duración das bolsas, condicións aplicables ao gozo da bolsa e renovación

1. As bolsas para estudar o grao en Xestión de Empresas Hostaleiras concédense para a primeira matrícula dos cursos da titulación. Poderán ser concedidas nos cursos posteriores sempre que se cumpran os requisitos seguintes segundo o tipo de bolsa:

a) As bolsas ordinarias tipo I e tipo II deberán renovarse en tempo e prazo establecido na convocatoria, cumprir os requisitos para matricularse no curso completo e que non exista unha variación substancial da situación económica, se manteñan os requisitos económicos e patrimoniais establecidos nestas bases para obter a bolsa, e o alumnado cumpra os requisitos académicos previstos no artigo 22.a) para o seu mantemento. Enténdese que existe unha variación substancial cando a situación económica en cada un dos anos fiscais seguintes á concesión da bolsa, supere en 8.000,00 euros ou máis á renda media establecida para obter bolsa este ano.

b) As bolsas de excelencia académica deberán renovarse en tempo e prazo establecido na convocatoria e sempre que a nota media no expediente académico do curso anterior do/da bolseiro/a sexa igual ou superior ao 20 % da nota media de todos os expedientes dos/das alumnos/as matriculados/as no curso polo que foi concedida a bolsa, cumprir os requisitos para matricularse no curso completo e que o/a bolseiro/a cumpra os requisitos académicos previstos no artigo 22.a) para o seu mantemento.

c) As bolsas para persoas galegas residentes no exterior deberán renovarse en tempo e prazo establecido nesta convocatoria e sempre que a nota media no expediente académico do curso do/da bolseiro/a sexa igual ou superior ao 10 % da nota media de todos os expedientes dos/das alumnos/as matriculados/as no curso polo que foi concedida a bolsa, cumprir os requisitos para matricularse no curso completo e que o/a bolseiro/a cumpra os requisitos académicos previstos no artigo 22.a) para o seu mantemento.

2. As condicións aplicables para o gozo da bolsa son as seguintes:

a) A concesión da bolsa para unha titulación non supón, en ningún caso, o seu mantemento se desexa iniciar unha titulación diferente.

b) O alumnado que cause baixa voluntaria implicará a perda da bolsa para reiniciar ese curso e cursar os seguintes.

c) O alumnado poderá solicitar o aprazamento da renovación da bolsa durante un curso lectivo, sempre que cumpra os requisitos para os que lla concederon e estea debidamente acreditado.

d) O alumnado que acumule dúas ou máis sancións por faltas graves ou unha moi grave poderá perder a bolsa.

e) A non entrega da documentación exixida para acreditar a situación económica e patrimonial da unidade familiar ou a presentación fóra do prazo establecido, será motivo de perda da bolsa.

Artigo 24. Remisión normativa

É de aplicación o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, o disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file