DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 118 Mércores, 19 de xuño de 2024 Páx. 37797

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Santiago de Compostela

ANUNCIO de suspensión cautelar para a reforma da vixente normativa de usos do Plan especial de protección no ámbito da cidade histórica (PE-1).

A Xunta de Goberno do Concello de Santiago de Compostela, na súa sesión do día 17 de xuño de 2024, acordou, ao abeiro do previsto nos artigos 47.1 da Lei 2/2016, do solo de Galicia, e 86.1 do seu regulamento, suspender, no ámbito do Plan especial de protección e rehabilitación da cidade histórica (PE-1), os procedementos de licenza e de comunicación previa para os actos que aseguir se describen.

– Ámbito territorial da suspensión:

O ámbito territorial afectado é o delimitado no vixente Plan xeral de ordenación municipal (PXOM) como PE-1, cuxa ordenación detallada se remite polo plan xeral ao Plan especial de protección e rehabilitación da cidade histórica aprobado o 24.3.1997.

– Actos obxecto de suspensión:

A suspensión afectará os seguintes actos cando estean suxeitos a licenza ou a comunicación previa:

1. Os que supoñan a implantación de novos usos residenciais na planta baixa en locais onde se viñan desenvolvendo outros usos.

2. A implantación de novos usos e actividades de carácter terciario en planta baixa.

3. Os cambios de uso ou de actividade nos locais existentes, así como a modificación das condicións ou das características da actividade existente.

– Actos non afectados pola suspensión:

Os actos que se relacionaron no punto anterior non resultarán afectados pola suspensión en calquera dos seguintes supostos:

a) No caso das comunicacións previas de inicio de actividade, cando o local xa dispuxese da preceptiva licenza de obras para desenvolver a actividade, consonte o previsto no artigo 144.2 do RLSG.

b) No caso das comunicacións previas de primeira ocupación de vivendas, cando xa obtivesen licenza urbanística de execución das obras precisas para o uso residencial.

c) Cando o uso ou a actividade que se pretenda iniciar -ou modificar as súas características- teña carácter dotacional. Inclúe o docente, sanitario, asistencial, sociocultural, institucional-administrativo e deportivo.

d) Cando o cambio de actividade -ou a modificación das súas características- afecte locais existentes de ocio/restauración, e o uso ou actividade que se pretenda se inclúa no grupo I (restauración) do artigo 112 do PXOM.

e) Cando o uso ou a actividade que se pretenda iniciar -ou modificar as súas características- sexa de oficinas e non teña carácter turístico. Considéranse de carácter turístico as oficinas de cambio de moeda, as axencias de viaxe, visitas guiadas, free-tours, consignas e similares.

f) Cando o uso ou a actividade que se pretenda iniciar -ou modificar as súas características- se corresponda con algún dos seguintes tipos de establecemento comercial, segundo a definición establecida no artigo 109.2 do PXOM:

• B3 (mercados).

• E1 (proximidade), sempre que os produtos e servizos comercializados sexan de uso frecuente polas persoas residentes, e non estean maioritariamente orientados ao turismo.

• F2 (de interese sociocultural).

Para os efectos do disposto nas alíneas e) e f), as persoas interesadas deberán achegar á solicitude de licenza ou á comunicación previa a seguinte documentación:

• Unha memoria explicativa do tipo de produtos ou servizos que se van comercializar no local, con indicación da súa correspondencia con algún dos tipos sinalados (B3, E1, F2 ou, de ser o caso, oficinas de carácter non turístico).

• Unha declaración responsable de que só se van expoñer e ofertar no local os produtos e servizos que se describiron na memoria.

– Vixencia da suspensión:

O acordo de suspensión entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e nun xornal dos de maior difusión na provincia.

A suspensión previa terá a duración máxima dun ano (un ano), que deberá computarse segundo o disposto nos puntos 4, 5 e 6 do artigo 30 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPAC).

En todo caso, extinguirase co acordo de aprobación inicial do novo plan, sen prexuízo do inicio da suspensión automática derivada do artigo 47.2 da LSG.

O acordo poderá impugnarse mediante a interposición de recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia dentro do prazo máximo de dous meses, contados desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

O acordo adoptado poderá consultarse na seguinte ligazón:

https://transparencia.santiagodecompostela.gal/Modificacion-do-Plan-especial-de-proteccion-e-rehabilitacion-da-Cidade-Historica-PE-1/gl

Santiago de Compostela, 17 de xuño de 2024

A alcaldesa
(P.D. DEC/2023/8135, do 17 de xuño de 2023)
Iago Lestegás Tizón
Concelleiro delegado de Urbanismo, Vivenda e Cidade Histórica