DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 118 Mércores, 19 de xuño de 2024 Páx. 37800

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Sanxenxo

ANUNCIO da aprobación inicial da modificación puntual número 15 do Plan xeral de ordenación municipal (expediente 240/2023).

O Pleno da Corporación municipal, en sesión extraordinaria que tivo lugar o día 3 de maio de 2024, adoptou os acordos que a seguir se transcriben:

«Primeiro. Aprobar inicialmente a modificación puntual número 15 do Plan xeral de ordenación municipal de Sanxenxo.

Segundo. Someter o documento aprobado inicialmente a información pública durante o prazo de dous meses, mediante anuncio que se publicará no Diario Oficial de Galicia e nun dos xornais de maior difusión na provincia.

Terceiro. Suspender o outorgamento de licenzas de edificación, demolición e parcelación naqueles ámbitos do territorio obxecto do planeamento cuxas novas determinacións supoñan a modificación da ordenación urbanística vixente, identificados no resumo executivo do documento aprobado inicialmente.

A duración máxima da suspensión será de dous anos contados desde a aprobación inicial e extinguirase, en todo caso, coa aprobación definitiva do novo plan.

Cuarto. Solicitar ás administracións públicas competentes os informes sectoriais preceptivos».

De conformidade co establecido no artigo 60 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, exponse o expediente a información pública polo prazo de dous meses, contado a partir do día seguinte ao da publicación do anuncio no Diario Oficial de Galicia e nun dos xornais de máis ampla difusión da provincia, co obxecto de que se poidan formular as alegacións que se consideren procedentes.

O documento inicialmente aprobado pode consultarse no taboleiro de anuncios da sede electrónica do Concello de Sanxenxo (https://concellodesanxenxo.sedelectronica.gal) e nas dependencias municipais do Servizo de Urbanismo do Concello de Sanxenxo, cita previa no teléfono 986 72 00 75.

Sanxenxo, 23 de maio de 2024

Telmo Martín González
Alcalde presidente