DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 118 Mércores, 19 de xuño de 2024 Páx. 37654

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

EXTRACTO da Orde do 7 de xuño de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras de concesión das axudas destinadas a investimentos en materia de bioseguridade para a mellora ou a construción de centros de limpeza e desinfección de vehículos de transporte por estrada de gando vivo, e se convocan para o ano 2024 no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU (código de procedemento MR406B).

BDNS (Identif.): 768516.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras para a concesión das axudas destinadas a investimentos en materia de bioseguridade para a mellora ou a construción de centros de limpeza e desinfección de vehículos de transporte por estrada de gando vivo, en réxime de concorrencia competitiva, de acordo co artigo 22.1 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, de conformidade cos principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade e non discriminación, así como cos principios de eficacia e eficiencia, e convocalas para o ano 2024.

2. Trátase de axudas que están incluídas dentro do Plan de recuperación, transformación e resiliencia (PRTR) da economía española, na política panca número 1, dentro dela, no compoñente 3, e dentro deste, no investimento 3 (Plan de impulso da sustentabilidade e competitividade da agricultura e a gandaría (II): reforzo dos sistemas de capacitación e bioseguridade en viveiros e centros de limpeza e desinfección) (acrónimo C3.I3).

3. De acordo coas bases reguladoras establecidas no Real decreto 949/2021, do 2 de novembro, polo que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións destinadas a investimentos en materia de bioseguridade para a mellora ou construción de centros de limpeza e desinfección de vehículos de transporte por estrada de gando, así como para investimentos en bioseguridade en viveiros, acometidos por determinados produtores de materiais vexetais de reprodución, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, entre os obxectivos destas subvencións está mellorar a sustentabilidade, a competitividade e a resiliencia do sector agroalimentario desde o punto de vista económico, ambiental e social en centros de limpeza e desinfección.

4. Esta orde regula o procedemento de axudas a investimentos en materia de bioseguridade para a mellora de centros de limpeza e desinfección de vehículos de transporte por estrada de gando vivo, ou para a construción de novos centros coa devandita finalidade, e que está recollido na sede electrónica da Xunta de Galicia co código de procedemento MR406B.

Segundo. Persoas beneficiarias

Poderán ser persoas beneficiarias destas subvencións as persoas físicas ou xurídicas ou as entidades sen personalidade xurídica:

1. Que sexan titulares ou propietarias de centros de limpeza e desinfección de vehículos de transporte por estrada de gando vivo, incluídas as especies cinexéticas, autorizados e rexistrados polo órgano competente da Comunidade Autónoma de Galicia, que se comprometan a melloralos.

2. Ou que se comprometan a construír un novo centro de limpeza e desinfección.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 7 de xuño de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras de concesión das axudas destinadas a investimentos en materia de bioseguridade para a mellora ou a construción de centros de limpeza e desinfección de vehículos de transporte por estrada de gando vivo, e se convocan para o ano 2024 no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU (código de procedemento MR406B).

Cuarto. Importe

– As axudas recollidas na presente orde están financiadas ao 100 % pola Administración xeral do Estado (Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU).

– Para a concesión das subvencións convocadas destinarase un crédito total de 423.129,09 euros.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, que se contará desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.

Santiago de Compostela, 7 de xuño de 2024

María José Gómez Rodríguez
Conselleira do Medio Rural

missing image file