DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 117 Martes, 18 de xuño de 2024 Páx. 36875

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 12 de xuño de 2024 sobre delegación de competencias na Secretaría Xeral Técnica e noutros órganos desta consellería.

O artigo 1 do Decreto 49/2024, do 22 de abril, establece os órganos superiores e de dirección en que se estrutura a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, así como a adscrición a esta consellería do organismo autónomo Academia Galega de Seguridade Pública e da Axencia Galega de Emerxencias.

O Decreto 136/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, regula a súa organización para afondar na mellora continua das estruturas administrativas, co fin de acadar o máximo nivel de calidade na prestación dos servizos públicos. O ámbito de competencias que abrangue esta organización fai aconsellable efectuar unha delegación de competencias que ordene a actuación administrativa co fin de acadar unha maior axilidade e eficacia na xestión, sen esquecer o debido respecto aos principios recollidos no artigo 103.1 da nosa Constitución.

A delegación de competencias permite a axilización administrativa necesaria que beneficia tanto a Administración como a cidadanía, dentro do rigoroso respecto das garantías xurídicas que a tutela dos intereses públicos exixe.

O artigo 6 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e a lexislación básica estatal contida na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, establecen o réxime da delegación de competencias.

Na súa virtude, facendo uso das facultades que me confiren os artigos 38, 43.3 e 44 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia; o artigo 9 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, e o artigo 6 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, e as demais disposicións de xeral aplicación,

DISPOÑO:

Artigo 1. Administración de persoal

1. Delégase na persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes o exercicio das facultades que lle corresponden á persoa titular da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes en materia de persoal, segundo o establecido no artigo 17 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, e as demais disposicións en vigor, excepto a provisión de postos de traballo clasificados como de libre designación, o nomeamento do persoal eventual e as que lles correspondan a outros órganos.

2. Así mesmo, delégase na persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes o exercicio da competencia para a designación das comisións de servizo con dereito a indemnización prevista no artigo 4 do Decreto 144/2001, do 7 de xuño, das persoas titulares da Secretaría Xeral para o Deporte, das direccións xerais e das delegacións territoriais, así como do persoal dependente da Secretaría Xeral Técnica.

3. Delégase nas persoas titulares da Secretaría Xeral para o Deporte e das direccións xerais da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes o exercicio da competencia para a designación das comisións de servizo con dereito a indemnización do persoal integrado nas unidades administrativas que estean baixo a súa dependencia directa.

4. Delégase nas persoas titulares dos departamentos territoriais da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes o exercicio da competencia para a designación das comisións de servizo con dereito á indemnización do persoal da correspondente xefatura territorial.

5. Deléganse na persoa titular da Dirección Xeral de Administración Local as competencias que lle corresponden á Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes en materia de persoal funcionario con habilitación de carácter estatal, ao abeiro do artigo 15 da Lei 2/2015, do 29 de abril.

Artigo 2. Contratación

1. Delégase na persoa titular da Secretaría Xeral Técnica o exercicio das seguintes facultades en materia de contratación:

a) As atribuídas á persoa titular da consellería respecto dos contratos menores no ámbito de competencias da Secretaría Xeral Técnica.

b) En relación cos contratos que non teñan a consideración de contratos menores e que afecten o ámbito competencial da consellería, a resolución de inicio, a designación do responsable do contrato, a aprobación dos pregos de cláusulas administrativas, a aprobación do expediente de contratación, a aprobación do gasto correspondente, a adxudicación e formalización, a prerrogativa da súa interpretación e resolver as dúbidas que ofreza o seu cumprimento; a aprobación das súas modificacións por razóns de interese público, acordar a súa resolución e determinar os efectos desta, dispor, de ser o caso, a súa tramitación urxente ou adoptar as medidas pertinentes no suposto previsto no artigo 120 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, ou norma que a substitúa, así como as restantes facultades que, de acordo coa lexislación, lle corresponden ao órgano de contratación, salvo as que se deleguen expresamente nos puntos seguintes no secretario xeral para o Deporte e nos/nas directores/as xerais.

c) As demais facultades que a normativa vixente lle atribúe á persoa titular da consellería como órgano de contratación, excepto as que se deleguen expresamente noutros órganos.

2. Deléganse na persoa titular da Dirección Xeral de Mobilidade, no ámbito das súas respectivas competencias, as facultades en materia de contratación que se enuncian a continuación:

a) En relación cos contratos menores, o exercicio das facultades que o ordenamento xurídico lle atribúe á persoa titular da consellería.

b) En relación cos contratos que non teñen a consideración de menores, a resolución de inicio, a designación do responsable do contrato, a aprobación dos pregos de cláusulas administrativas, a aprobación do expediente de contratación e a aprobación do gasto correspondente, a aprobación dos pregos de prescricións técnicas, a adxudicación e formalización, a aprobación dos proxectos e as súas modificacións, a realización das operacións relativas á transmisión dos dereitos de cobramento, a súa dirección, inspección e control, a prerrogativa da súa interpretación e resolver as dúbidas que ofreza o seu cumprimento, así como, de ser o caso, dispor a súa tramitación urxente ou adoptar as medidas pertinentes no suposto previsto no artigo 120 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, ou norma que a substitúa. Poderá ditar as instrucións oportunas para o fiel cumprimento do convido e exercer todas aquelas facultades que a lexislación de contratación administrativa lle atribúe ao órgano de contratación en relación coas incidencias que xurdan durante a súa execución.

c) A licitación, a adxudicación e a formalización dos contratos de xestión de servizos públicos de transporte por estrada, ou doutros instrumentos mediante os cales se formalice a imposición de obrigas de servizo público, así como todas as actuacións da Administración derivadas da execución destes.

d) A aprobación dos expedientes de modificación dos contratos de xestión de servizos públicos de actividades auxiliares e complementarias do transporte.

3. Deléganse nas persoas titulares da Secretaría Xeral para o Deporte e das direccións xerais, no ámbito das súas respectivas competencias, as seguintes facultades en materia de contratación que se enuncian a seguir:

a) En relación cos contratos menores, o exercicio das facultades que o ordenamento xurídico lle atribúe á persoa titular da consellería.

b) En relación cos contratos que non teñen a consideración de menores, a aprobación dos pregos de prescricións técnicas, a adxudicación e formalización, a aprobación dos proxectos e as súas modificacións, a realización das operacións relativas á transmisión dos dereitos de cobramento, a súa dirección, inspección e control. Poderán ditar as instrucións oportunas para o fiel cumprimento do convido e exercer todas aquelas facultades que a lexislación de contratación administrativa lle atribúe ao órgano de contratación en relación coas incidencias que xurdan durante a súa execución, excepto as que supoñan a modificación do contrato e a resolución de incidencias a que se refire o artigo 120 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, relativo á tramitación de emerxencia ou norma que o substitúa.

4. En todo caso, delégase na persoa titular da Secretaría Xeral Técnica o exercicio das facultades a que se refire o número anterior en relación cos contratos que sexan financiados con cargo ao código de proxecto 2015 00174, Gastos correntes da Administración de xustiza, xestionados pola Secretaría Xeral Técnica, correspondente ás aplicacións orzamentarias do capítulo II do programa 131A do servizo 03, sección 35, así como en relación cos contratos que sexan financiados con cargo ás aplicacións orzamentarias 35.03.131A.622.0 Plans de infraestruturas xudiciais. Obras maiores, e 35.03.131A.632.0 Plans de infraestruturas xudiciais. Obras menores.

Artigo 3. Xestión financeira e orzamentaria

1. Deléganse na persoa titular da Secretaría Xeral Técnica, ademais das facultades de autorización e disposición dos gastos derivados do exercicio das competencias delegadas en materia de contratación, a aprobación das modificacións orzamentarias competencia da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes e o exercicio da competencia para autorizar os gastos xerais dos servizos, autorizar os actos de disposición dos créditos e de recoñecemento de obrigas e proporlle á persoa titular da consellería competente en materia de facenda a ordenación dos correspondentes pagamentos relativos:

a) Aos gastos de persoal, sen prexuízo da competencia da persoa titular da Dirección Xeral de Xustiza en materia de autorización da inclusión en nómina, referente ás retribucións dos medios persoais ao servizo da Administración de xustiza.

b) Aos gastos xerais incluídos no capítulo II dos orzamentos que afecten a Secretaría Xeral Técnica ou varias unidades de distintos centros directivos da consellería.

c) Aos créditos dos capítulos IV, VI, VII e VIII dos orzamentos, salvo os derivados das competencias delegadas en materia de contratación na Secretaría Xeral para o Deporte e nas direccións xerais.

2. En todo caso, delégase na persoa titular da Secretaría Xeral Técnica o exercicio da competencia para autorizar os gastos, autorizar os actos de disposición dos créditos e de recoñecemento de obrigas e proporlle á persoa titular da consellería competente en materia de facenda a ordenación dos correspondentes pagamentos relativos ao código de proxecto 2015 00174, Gastos correntes da Administración de xustiza, xestionados pola Secretaría Xeral Técnica, das aplicacións orzamentarias do capítulo II do programa 131A do servizo 22, sección 05, así como os correspondentes aos códigos de proxecto 2015 00089 e 2015 00115 da aplicación orzamentaria 05.22.131A.481.0; e os correspondentes ás aplicacións orzamentarias 05.22.131A.622.0 Plans de infraestruturas xudiciais. Obras maiores e 05.22.131A.632.0 Plans de infraestruturas xudiciais. Obras menores.

3. Deléganse nas persoas titulares da Secretaría Xeral para o Deporte e das direccións xerais, no ámbito das súas respectivas competencias, as mesmas facultades indicadas anteriormente no número 1 deste artigo en relación:

a) Cos gastos derivados da execución das competencias delegadas en materia de contratación, agás as atribuídas á persoa titular da Secretaría Xeral Técnica no número 2 deste artigo.

b) Cos créditos correspondentes ao capítulo II dos orzamentos que correspondan a gastos específicos do seu centro directivo, agás as atribuídas á persoa titular da Secretaría Xeral Técnica no número 2 deste artigo.

4. Delégase na persoa titular da Secretaría Xeral Técnica e nas persoas titulares da Secretaría Xeral para o Deporte e das direccións xerais, no ámbito das súas respectivas competencias, o exercicio da facultade de aprobación das contas xustificativas daqueles gastos que teñan a consideración de gastos para xustificar, sen prexuízo das competencias dos órganos territoriais competentes respecto dos que correspondan a créditos que fosen desconcentrados.

5. Delégase na persoa titular da Secretaría Xeral Técnica e nas persoas titulares da Secretaría Xeral para o Deporte e das direccións xerais da consellería, dentro do seu respectivo ámbito funcional, a concesión ou a denegación das axudas públicas e subvencións convocadas con cargo aos créditos orzamentarios da consellería, a modificación e revogación das concedidas e mais a incoación e resolución dos procedementos de reintegro delas, no respectivo ámbito funcional, sempre e cando non estean expresamente delegadas noutro órgano na correspondente orde de convocatoria.

6. As competencias delegadas nos números anteriores inclúen a sinatura dos documentos contables en que se reflictan as correspondentes fases dos gastos e correspóndelles á persoa titular da Secretaría Xeral Técnica e ás persoas titulares da Secretaría Xeral para o Deporte e das direccións xerais, no ámbito das súas respectivas competencias, a sinatura daqueles documentos que impliquen unha mera actualización na contabilidade de actuacións xa documentadas en exercicios anteriores.

Artigo 4. Xestión patrimonial

Delégase na persoa titular da Secretaría Xeral Técnica o exercicio das facultades que a normativa en materia de patrimonio lle atribúe á persoa titular da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, sen prexuízo do que se estableza nas correspondentes convocatorias de axudas ou subvencións en especie no seu eido.

Artigo 5. Potestade sancionadora

Delégase nas persoas titulares da Secretaría Xeral para o Deporte e das direccións xerais, en función do seu ámbito competencial, a imposición ou propostas de sanción, así como o inicio do procedemento sancionador e, de ser o caso, tanto a apertura do período de información ou actuacións previas como a adopción de calquera medida de carácter provisional que lle correspondan á persoa titular da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.

Artigo 6. Recursos e reclamacións

1. Delégase na persoa titular da Secretaría Xeral Técnica o exercicio das competencias seguintes:

a) Resolver os recursos administrativos de alzada, potestativo de reposición e de revisión cando a facultade de resolución lle corresponda á persoa titular da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes e, de ser o caso, suspender a execución dos actos impugnados, excepto que se deleguen expresamente noutros órganos e sempre que o órgano delegado non teña ditado o acto obxecto do recurso.

b) Resolver as solicitudes de revisión de oficio, a declaración de lesividade dos actos anulables e a revogación de actos de gravame ou desfavorables que lle corresponda resolver á persoa titular da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, segundo o previsto no capítulo I do título V da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, excepto que se deleguen expresamente noutros órganos.

c) Iniciar e resolver os procedementos de responsabilidade patrimonial a que se refire a Lei 39/2015, do 1 de outubro, e a Lei 40/2015, do 1 de outubro, competencia da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, incluída, se é o caso, a resolución das reclamacións contra as entidades de dereito público adscritas a ela. Quedan exceptuadas do anterior as reclamacións de responsabilidade patrimonial e as reclamacións, recursos ou solicitudes derivadas do exercicio de calquera acción de responsabilidade extracontractual, nas materias de xustiza e mobilidade, que quedarán delegadas, respectivamente, na dirección xeral competente en materia de xustiza e na dirección xeral competente en materia de mobilidade.

d) Resolver e formular os requirimentos previos á vía xudicial contencioso-administrativa competencia da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, nos termos previstos no artigo 44 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, excepto que se deleguen expresamente noutros órganos.

2. Delégase na persoa titular da Dirección Xeral de Mobilidade o exercicio das competencias seguintes:

a) Resolver os recursos administrativos de alzada interpostos contra as resolucións ditadas en materia de transportes polos órganos territoriais e, de ser o caso, suspender a execución dos actos impugnados.

b) Resolver os recursos de reposición e de revisión que se interpoñan contra os actos administrativos ditados en materia de transportes no exercicio das facultades delegadas.

c) Resolver as solicitudes de revisión de oficio, a declaración de lesividade dos actos anulables e a revogación de actos de gravame ou desfavorables en materia de mobilidade que lle corresponda resolver á persoa titular da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, segundo o previsto no capítulo I do título V da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

d) Resolver e formular os requirimentos previos á vía xudicial contencioso-administrativa en materia de mobilidade competencia da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, nos termos previstos no artigo 44 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 7. Expedientes e asuntos de índole administrativa

Delégase na persoa titular da Secretaría Xeral Técnica, en xeral, o despacho e a resolución daqueles expedientes e asuntos de índole administrativa que lle estean atribuídos á persoa titular da consellería e non se deleguen expresamente noutros órganos.

Artigo 8. Delegación específica de competencias na Dirección Xeral de Mobilidade

a) A formalización das resolucións, acordos e convenios que se produzan en desenvolvemento e aplicación do Plan de transporte metropolitano de Galicia, agás a dos convenios entre administracións públicas mediante os cales se acorde a constitución das áreas de transporte metropolitano de Galicia.

b) A resolución dos procedementos administrativos que a Lei 6/1996, do 9 de xullo, de coordinación dos servizos de transporte urbanos e interurbanos de Galicia, atribúe á persoa titular da Consellería.

Artigo 9. Criterios complementarios na aplicación das delegacións

Na aplicación das delegacións de competencias contidas nesta orde teranse en conta os seguintes criterios:

a) O exercicio das competencias que se delegan nesta orde axustarase ao disposto no artigo 6 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia.

b) En calquera momento, a persoa titular da Consellería poderá avocar para si o exercicio das competencias que se delegan nesta orde.

c) Enténdese comprendida na delegación da persoa titular da Secretaría Xeral Técnica o exercicio da competencia para resolver os recursos de reposición que se interpoñan contra as resolucións que dite en virtude das facultades que se lle delegan nesta orde. Por outra parte, delégase na Secretaría Xeral Técnica o exercicio da competencia para resolver os recursos de reposición interpostos contra as resolucións ditadas pola persoa titular da Secretaría Xeral para o Deporte e polas persoas titulares das direccións xerais da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, no exercicio das facultades delegadas, salvo se se delegan expresamente noutro órgano.

d) Atribúeselle á Secretaría Xeral Técnica o exercicio das competencias que, en materia de xestión financeira e orzamentaria, persoal e contratación, non están expresamente delegadas noutros órganos da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.

e) En caso de vacante, ausencia ou enfermidade, así como nos casos en que fose declarada a abstención ou recusación da persoa titular da Secretaría Xeral Técnica, as competencias que se delegan mediante a presente orde serán exercidas, mentres persistan as ditas circunstancias, pola persoa titular da Vicesecretaría Xeral.

Respecto da persoa titular da Secretaría Xeral para o Deporte, así como das direccións xerais da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, as competencias delegadas contidas nesta orde serán exercidas, mentres persistan as ditas circunstancias, pola persoa titular da Secretaría Xeral Técnica e, na súa falta, polas persoas titulares da Secretaría Xeral para o Deporte e das direccións xerais, seguindo nesta suplencia a orde establecida no Decreto 136/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes. Neste sentido, a substitución asumiraa a persoa titular do órgano que ocupe o posto seguinte na orde correlativa establecida no decreto, correspondéndolle á primeira, se é o caso, substituír a última.

f) As resolucións administrativas que se adopten facendo uso das delegacións contidas nesta orde farán constar expresamente esta circunstancia e consideraranse ditadas polo órgano delegante.

Disposición adicional. Delegación de competencias en órganos da Axencia Galega de Emerxencias

1. Delégase na persoa titular da Xerencia da Axencia Galega de Emerxencias:

a) En relación cos contratos que non teñan a consideración de contratos menores e que afecten o ámbito competencial da axencia, a aprobación do expediente de contratación, a aprobación dos pregos de cláusulas administrativas e de prescricións técnicas, a aprobación do gasto correspondente, así como, de ser o caso, dispor a súa tramitación urxente ou adoptar as medidas pertinentes no suposto previsto no artigo 120 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, ou norma que o substitúa.

b) A adxudicación e formalización dos contratos non cualificados como contratos menores do ámbito competencial da axencia, a prerrogativa da súa interpretación e resolver as dúbidas que ofreza o seu cumprimento; a aprobación das súas modificación por razóns de interese público, acordar a súa resolución e determinar os efectos desta, así como as restantes facultades que, de acordo coa lexislación, lle correspondan ao órgano de contratación.

2. Delégase na persoa titular da Secretaría Xeral da Axencia Galega de Emerxencias o exercicio das facultades atribuídas á persoa titular da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes respecto dos contratos menores no ámbito de competencias da Axencia Galega de Emerxencias.

Disposición derrogatoria

Queda derrogada a Orde do 14 de xullo de 2022 sobre delegación de competencias na Secretaría Xeral Técnica e noutros órganos da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de xuño de 2024

Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes