DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 117 Martes, 18 de xuño de 2024 Páx. 37348

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

RESOLUCIÓN do 7 de xuño de 2024, da Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, pola que se abre o prazo de presentación de solicitudes para a inscrición de embarcacións no censo da reserva mariña de interese pesqueiro Os Miñarzos (código de procedemento PE402B).

Antecedentes:

O día 7 de marzo de 2024, o órgano de xestión, seguimento e control (en diante, Oxesco) da reserva mariña de interese pesqueiro Os Miñarzos (en diante, Remip Os Miñarzos), na súa reunión ordinaria, debateu entre outras cuestións, a proposta de permitir a incorporación de novas embarcacións ao censo da reserva.

Consideracións legais e técnicas:

1. O Decreto 87/2007, do 12 de abril, polo que se crea a reserva mariña de interese pesqueiro Os Miñarzos, modificado polo Decreto 241/2008, do 2 de outubro, define aqueles elementos esenciais que determinan o funcionamento da reserva, como unha ferramenta de xestión dos recursos cunha filosofía participativa do sector nela.

Así, o artigo 7 do dito Decreto 87/2007, establece como condición para o acceso á Remip Os Miñarzos, estar inscrito nun censo específico de titulares de permisos que os habilite para exercer a actividade pesqueira e marisqueira dentro da reserva mariña.

2. A Orde do 27 de novembro de 2007, pola que se regula o uso e xestión da reserva mariña de interese pesqueiro Os Miñarzos, modificada pola Orde do 26 de febreiro de 2009, define, no seu artigo 3, o procedemento a seguir para a elaboración do censo de embarcacións autorizadas.

3. O 23 de xuño de 2015, a Secretaría Xeral do Mar emitiu a Circular RM-1-2015, relativa ás condicións que deben cumprir as embarcacións incluídas no censo da Remip Os Miñarzos, para exercer a actividade pesqueira no seu ámbito a partir do 1 de xullo de 2015.

4. O 29 de xuño de 2018 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Resolución do 25 de xuño de 2018 pola que se aproba o censo definitivo de embarcacións autorizadas a faenar na reserva mariña de interese pesqueiro Os Miñarzos.

5. O 7 de marzo de 2024, o Oxesco da Remip Os Miñarzos, informou favorablemente a proposta de permitir a incorporación de novas embarcacións ao censo da reserva para todas aquelas embarcacións que, non estando inscritas no censo aprobado pola Resolución do 25 de xuño de 2018, teñan porto base na Comunidade Autónoma de Galicia e conten coas modalidades autorizadas na normativa de creación, uso e xestión da reserva e así o soliciten as súas persoas propietarias e/ou armadoras.

6. O Decreto 50/2021, do 11 de marzo, polo que se aproba a estrutura orgánica da Consellería do Mar, modificado polos decretos 210/2022 e 149/2024, no seu artigo 11, atribúelle á Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica a dirección e coordinación das competencias e funcións en materia de ordenación pesqueira en augas interiores e acuicultura, así como de conservación, protección e xestión sustentable dos recursos mariños.

De acordo con todo o anterior,

RESOLVO:

Iniciar o proceso para a inscrición de embarcacións no censo da Remip Os Miñarzos, de acordo coas seguintes condicións:

Artigo 1. Presentación de solicitudes

A solicitude de inscrición no censo da Remip Os Miñarzos deberá ser formula polo armador ou propietario da embarcación.

Artigo 2. Prazo de presentación de solicitudes

1. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

2. As persoas propietarias e/ou armadoras das embarcacións xa inscritas no censo aprobado mediante a Resolución do 25 de xuño de 2018, non teñen que presentar unha nova solicitude para continuar inscritas no censo específico da Remip Os Miñarzos.

Artigo 3. Forma de presentación de solicitudes

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado que figura como anexo I desta resolución e dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude, aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Artigo 4. Requisitos das embarcacións solicitantes

As embarcacións que soliciten a inscrición deberán cumprir cos seguintes requisitos:

a) O permiso de explotación da embarcación que estará en vigor deberá conter algunha das modalidades autorizadas no ámbito da Remip Os Miñarzos, de acordo co establecido nos artigos 5 e 6.bis do Decreto 87/2007, do 12 de abril, o artigo 4 da Orde do 27 de novembro de 2007, e o Plan de xestión integral aprobado para os anos 2024, 2025 e 2026.

b) A embarcación terá porto base na Comunidade Autónoma galega, e deberá estar inscrita no Rexistro de Buques Pesqueiros da Comunidade Autónoma de Galicia e no Rexistro Xeral da Frota Pesqueira.

Artigo 5. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, excepto que a persoa interesada se opoña a súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) NIF da entidade solicitante.

d) NIF da entidade representante.

e) Nome da embarcación.

f) Matrícula e folio da embarcación.

g) Porto base da embarcación.

h) Identificación do propietario e/ou armador da embarcación.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos. Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 6. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 7. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e entenderanse rexeitada cando transcorran dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 8. Censo provisional

Tras a finalización do prazo de presentación de solicitudes e logo de informe do órgano de xestión, seguimento e control, a Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica elaborará un censo provisional que se publicará no Diario Oficial de Galicia (DOG), de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, para que os interesados poidan formular alegacións durante un prazo de quince días.

Artigo 9. Censo definitivo

O censo definitivo será aprobado por resolución da persoa titular da Consellería do Mar, que se publicará no Diario Oficial de Galicia no prazo máximo de tres meses contados desde a finalización do prazo de presentación de solicitudes. O vencemento do prazo máximo indicado sen que se publique a resolución posibilitará que os interesados poidan entender desestimada a súa pretensión por silencio administrativo.

Artigo 10. Condicións para desenvolver a actividade pesqueira na Remip Os Miñarzos

Para poder desenvolver a actividade pesqueira no ámbito da Remip Os Miñarzos, as embarcacións deberán cumprir as seguintes condicións:

a) Permitir a instalación dun sistema de localización conectado ás baterías da embarcación o que impide o seu apagado mentres a embarcación estea operativa, é dicir, desde a saída do porto ata a entrada neste (artigo 7.3 da Orde do 27 de novembro de 2007 modificada pola Orde do 26 de febreiro de 2009: «Para facilitar os labores de seguimento e control da actividade pesqueira e/ou marisqueira, os armadores das embarcacións inscritas no censo deberán permitir a instalación de dispositivos de identificación»).

b) Comunicar telefonicamente ou por radio VHF a entrada e saída na REMIP Os Miñarzos (artigo 7.1 da Orde do 27 de novembro de 2007: «Todos aqueles que efectúen a actividade pesqueira e/ou marisqueira no ámbito da reserva mariña deben comunicarlle ao persoal asignado á xestión, seguimento e control da reserva a súa entrada na zona da reserva mariña, identificándose convenientemente e notificándolle as capturas no momento de acceder á reserva. Así mesmo, deben notificar a súa saída, o número de artes caladas ou empregadas e as capturas realizadas na zona da reserva. Estas comunicacións deben efectuarse de maneira que lle permitan ao órgano de xestión, seguimento e control realizar a comprobación dos datos transmitidos»).

c) Comunicación das capturas. Esta información será enviada semanalmente á persoa responsable do seguimento científico a través de formularios específicos. A información será tratada de xeito confidencial e poderá ser utilizada exclusivamente con fins científicos e de xestión.

Artigo 11. Sistema de control do esforzo pesqueiro no ámbito da reserva

Para asegurar a sustentabilidade das pesqueiras no ámbito da Remip Os Miñarzos, estableceuse un sistema de control do esforzo:

a) Creouse unha bolsa de esforzo sobre a base dos resultados do seguimento científico realizado no ano 2016.

b) Non computan na bolsa de esforzo as embarcacións inscritas no censo con porto base en Lira.

c) A distribución da bolsa anual xestiónase por campañas anuais de pesca e non por anos naturais. A campaña anual de pesca comeza o 1 de xullo de cada ano e rematará o 30 de xuño do ano seguinte.

d) Para cada campaña o esforzo realizado mídese en tempo de faena das embarcacións inscritas no censo (agás as de Lira) dentro dos límites da reserva. Para o cómputo de tempo de faena utilízanse todas as modalidades de pesca. O cálculo do esforzo pesqueiro realizado por embarcacións de distinto arqueo, faise atendendo aos coeficientes indicados na seguinte táboa:

Tipo

TRB

GT

Coeficiente

I

< 1.5

< 1.00

× 0,5 xornadas

II

1.5-2.49

1.00-1.74

× 0,5 xornadas

III

2.50-4.99

1.75-4.24

× 0,5 xornadas

IV

5.00-7.49

4.25-7.49

× 1 xornada

V

7.50-9.99

7.50-9.99

× 1 xornada

VI

10.00-19.99

10.00-19.99

× 1,5 xornadas

VII

>=20

>=20

× 1,5 xornadas

e) Para a campaña 2024-2025 a bolsa de esforzo será de 4.000 horas.

f) No suposto de que a bolsa de esforzo se esgotase antes de rematar a campaña anual de pesca, poderá verse incrementada a dita bolsa nunha porcentaxe máxima do 15 % que automaticamente se detraerá da bolsa da campaña seguinte. Se dous anos consecutivos precisan de transvasamento de esforzo, procederíase á revisión das xornadas da bolsa de esforzo.

Artigo 12. Recursos

Contra esta resolución, que non esgota a vía administrativa, poderá interpoñerse recurso de alzada no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, ante o conselleiro do Mar, de conformidade co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 7 de xuño de 2024

Antonio Basanta Fernández
Director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica

missing image file
missing image file