DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 117 Martes, 18 de xuño de 2024 Páx. 37344

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

EXTRACTO da Orde do 6 de xuño de 2024 pola que se establecen as bases e se regula o procedemento para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas para investimentos en pemes de transformación dos produtos pesqueiros e de acuicultura, cofinanciadas co Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA), e se convocan para o ano 2024 (código de procedemento PE201B).

BDNS (Identif.) 767771.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Beneficiarias

Poderán ser beneficiarias das subvencións, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos nestas bases, as persoas físicas, xurídicas ou pluralidade de persoas físicas que sexan pemes do sector de transformación dos produtos pesqueiros e da acuicultura, ou entidades asociativas do sector transformador dos produtos pesqueiros e acuícolas.

Segundo. Finalidade

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para investimentos en pemes de transformación dos produtos procedentes da pesca e da acuicultura, que terán como finalidade realizar investimentos que:

1. Fomenten a calidade e o valor engadido dos produtos.

2. Aumenten a eficiencia enerxética, reduzan o impacto no ambiente ou melloren a mobilidade sostible da distribución de produtos da pesca.

3. Melloren a seguridade, a hixiene, a saúde e as condicións de traballo.

4. Favorezan a economía circular mediante a prevención; a optimización de procesos; a minimización dos residuos (ecodeseño e ecoeficiencia); o aproveitamento comercial das capturas non desexadas e subprodutos; o uso de descartes para o desenvolvemento de subprodutos; a transformación de capturas de peixe comercial que non se poidan destinar ao consumo humano e a transformación de subprodutos obtidos das actividades principais de transformación.

5. Fomenten a transformación de produtos da acuicultura ecolóxica en virtude dos artigos 7 e 8 do Regulamento (CE) 2018/848.

6. Fomenten a adaptación dos operadores aos requisitos de cumprimento e certificación, de acordo co Regulamento (UE) 1151/2012 do Parlamento Europeo e do Consello, ou o Regulamento (UE) 2018/848 no relativo a produtos de acuicultura ecolóxica.

7. Dean lugar a novos e mellores produtos e procesos, ou a sistemas de xestión e organización perfeccionados en materia de transformación dos produtos.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 6 de xuño de 2024 pola que se establecen as bases e se regula o procedemento para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas para investimentos en pemes de transformación dos produtos pesqueiros e de acuicultura, cofinanciadas co Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA), e se convocan para o ano 2024 (código de procedemento PE201B).

Cuarto. Importe

As axudas concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 46.02.723B.770.6, correspondente á Consellería do Mar para 2024. Os importes máximos das subvencións que se concedan no dito exercicio orzamentario será de 19.000.000,00 euros, distribuídos nas seguintes anualidades:

Anualidade 2024: 9.000.000,00 euros.

Anualidade 2025: 10.000.000,00 euros.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

Un mes contado desde o día seguinte á publicación da orde.

Entenderase como último día do prazo para a presentación de solicitudes o correspondente ao mesmo ordinal do día da súa publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último día do mes.

Santiago de Compostela, 6 de xuño de 2024

Marta Barreiro Castro
Secretaria xeral técnica da Consellería do Mar