DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 117 Martes, 18 de xuño de 2024 Páx. 37260

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

ORDE do 6 de xuño de 2024 pola que se establecen as bases e se regula o procedemento para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas para investimentos en pemes de transformación dos produtos pesqueiros e de acuicultura, cofinanciadas co Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA), e se convocan para o ano 2024 (código de procedemento PE201B).

O Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021 polo que se establece as disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo Plus, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo de Transición Xusta e ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, así como as normas financeiras para os ditos fondos e para o Fondo de Asilo, Migración e Integración, o Fondo de Seguridade Interior e o Instrumento de apoio financeiro á xestión de fronteiras e á política de visados. O artigo 5.1 sinala os obxectivos políticos aos cales que os fondos prestarán o seu apoio:

a) Unha Europa máis competitiva e intelixente, promovendo unha transformación económica innovadora e intelixente e unha conectividade rexional ás tecnoloxías da información e das comunicacións;

b) Unha Europa máis verde, baixa en carbono, en transición cara a unha economía con cero emisións netas de carbono e resiliente, promovendo unha transición enerxética limpa e equitativa, o investimento verde e azul, a economía circular, a mitigación e adaptación ao cambio climático, a prevención e xestión de riscos e a mobilidade urbana sostible;

c) Unha Europa máis conectada, mellorando a mobilidade;

d) Unha Europa máis social e inclusiva, por medio da aplicación do piar europeo de dereitos sociais;

e) Unha Europa máis próxima á súa cidadanía, fomentando o desenvolvemento integrado e sostible de todo tipo de territorios e iniciativas locais.

O Regulamento (UE) nº 2021/1139 do Parlamento Europeo e do Consello, do 7 de xullo de 2021, polo que se establece o Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, e polo que se modifica o Regulamento (UE) 2017/1004, constitúe o marco de financiamento comunitario para o período 2021-2027. O FEMPA ten entre as súas prioridades o fomento das actividades sostibles de acuicultura, así como a transformación e comercialización de produtos da pesca e da acuicultura, para contribuír á seguridade alimentaria. Por outra banda, mediante a Decisión do 29.11.2022, a Comisión aprobou o programa operativo para España do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e Acuicultura para os efectos da concesión de axudas do devandito fondo neste Estado membro, de maneira que este contribúe á estratexia da UE para un crecemento intelixente, sostible e integrador e á consecución dos obxectivos temáticos seleccionados e ás prioridades da Unión.

O sector da pesca constitúe un sector estratéxico para o desenvolvemento da nosa Comunidade, que ten o reto de contribuír á consecución de determinados obxectivos temáticos do Marco estratéxico común. Ademais, este sector ten que aproveitar ao máximo os fondos deste marco para acadar os novos retos que se formulan e, neste senso, tanto o sector extractivo coma o sector transformador e comercializador terán que aproveitar todas as posibilidades que brindan estes instrumentos para conseguir o obxectivo de sector competitivo, sostible e respectuoso co ambiente.

Por todo isto, e de acordo co disposto no artigo 27.15 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e demais normativa de aplicación,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras para a concesión en réxime de concorrencia competitiva, así como a convocatoria para o ano 2024 das axudas destinadas a realizar de investimentos para pemes do sector transformador dos produtos da pesca e acuicultura que contribúan á seguridade alimentaria na Unión Europea, fomentando unha pesca e acuicultura sostibles desde unha perspectiva ambiental, socialmente responsable, baseada no coñecemento e competitiva.

O código do procedemento correspondente a estas axudas é o PE201B.

Artigo 2. Réxime xurídico das axudas

Para o non establecido nestas bases, aplicarase o previsto nas seguintes normas:

1) Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, polo que se establecen as disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo Plus, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo de Transición Xusta e ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, así como as normas financeiras para os ditos fondos e para o Fondo de Asilo, Migración e Integración, o Fondo de Seguridade Interior e o Instrumento de apoio financeiro á xestión de fronteiras e á política de visados.

2) Regulamento (UE) nº 2021/1139 do Parlamento Europeo e do Consello, do 7 de xullo de 2021, polo que se establece o Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, e polo que se modifica o Regulamento (UE) nº 2017/1004.

3) programa FEMPA, aprobado pola Decisión da Comisión de aprobación do programa FEMPA en España (CCI 2021ES14MFPR001) o 29 de novembro de 2022.

4) Regulamento (UE, Euratom) 2018/1046 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xullo de 2018, sobre as normas financeiras aplicables ao orzamento xeral da Unión Europea, polo que se modifican os regulamentos (UE) nº 1296/2013, (UE) nº 1301/2013, (UE) nº 1303/2013, (UE) nº 1304/2013, (UE) nº 1309/2013, (UE) nº 1316/2013, (UE) nº 223/2014, e (UE) nº 283/2014, e a Decisión nº 541/2014/UE, e polo que se derroga o Regulamento (UE, Euratom) nº 966/2012.

5) Texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, coas súas posteriores modificacións.

6) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

7) Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

8) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

9) Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

10) Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

11) Calquera outra norma da Unión Europea, normativa nacional ou autonómica vixente que poida resultar de aplicación.

Artigo 3. Finalidade das axudas

As axudas terán como finalidade realizar investimentos que:

a) Fomenten a calidade e o valor engadido dos produtos.

b) Aumenten a eficiencia enerxética, reduzan o impacto no ambiente ou melloren a mobilidade sostible da distribución de produtos da pesca.

c) Melloren a seguridade, a hixiene, a saúde e as condicións de traballo.

d) Favorezan a economía circular mediante a prevención; a optimización de procesos; a minimización dos residuos (ecodiseño e ecoeficiencia); o aproveitamento comercial das capturas non desexadas e subprodutos; o uso de descartes para o desenvolvemento de subprodutos; a transformación de capturas de peixe comercial que non poidan destinarse ao consumo humano, e a transformación de subprodutos obtidos das actividades principais de transformación.

e) Fomenten a transformación de produtos da acuicultura ecolóxica en virtude dos artigos 7 e 8 do Regulamento (CE) nº 2018/848.

f) Fomenten a adaptación dos operadores aos requisitos de cumprimento e certificación, de acordo co Regulamento (UE) nº 1151/2012 do Parlamento Europeo e do Consello, ou o Regulamento (UE) nº 2018/848 no relativo a produtos de acuicultura ecolóxica.

g) Dean lugar a novos e mellores produtos e procesos, ou a sistemas de xestión e organización perfeccionados en materia de transformación dos produtos.

Artigo 4. Crédito orzamentario

1. As axudas concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 46.02.723B.770.6, código de proxecto 202300191, correspondentes á Consellería do Mar, e o importe total máximo das subvencións que se concedan nos devanditos exercicios será de 19.000.000,00 €, distribuídos nas seguintes anualidades:

Anualidade 2024: 9.000.000,00 €.

Anualidade 2025:10.000.000,00 €.

2. O período de elixibilidade do actual programa operativo (2021-2027) abrangue desde o 1 de xaneiro de 2021 ata o 31 de decembro de 2027, segundo dispón o artigo 63, punto 2, do Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021 polo que se establecen disposicións comúns relativas aos fondos EIE.

3. O importe fixado na presente convocatoria, así como as aplicacións a que se impute, poderase ampliar no caso de que exista crédito dispoñible derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, de remanentes doutras convocatorias ou en calquera dos casos establecidos no artigo 31 da Lei de subvencións de Galicia, e coas condicións establecidas no número 2 do artigo 30 do Regulamento da citada Lei de subvencións de Galicia (Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro), sen que iso dea lugar á apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes, agás indicación expresa en contrario na orde que se publique para o efecto.

4. As axudas mencionadas contan co financiamento do FEMPA nun 70 % (prioridade 2: fomentar as actividades sostibles de acuicultura, así como a transformación e comercialización dos produtos da pesca e a acuicultura, para contribuír así á seguridade alimentaria da Unión; obxectivo específico 2.2: promover a comercialización a calidade e o valor engadido dos produtos da pesca e a acuicultura, así como a transformación de ditos produtos; tipo de actividade 2.2.4: investimentos en comercialización e transformación), e do Estado membro (C.A. de Galicia) nun 30 %.

5. Poderanse adquirir compromisos de carácter plurianual de acordo co artigo 58 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Artigo 5. Persoas beneficiarias e requisitos xerais

Poderán ser persoas beneficiarias as persoas físicas, xurídicas, pluralidade de persoas físicas, agrupacións ou entidades sen personalidade xurídica ou comunidades de bens que cumpran os seguintes requisitos:

1. Ser unha peme do sector de transformación dos produtos pesqueiros e da acuicultura ou ser unha entidade asociativa do sector transformador dos produtos pesqueiros e acuícolas, legalmente constituídas e inscritas no correspondente rexistro, e que cumpran o requisito de ser peme.

Para os efectos desta orde, terase en conta a definición de peme da Recomendación 2003/361/CE da Comisión, do 6 de maio de 2003 segundo a cal son microempresas, pequenas e medianas empresas (peme) as empresas con menos de 250 empregados e cun volume de negocios anual igual ou inferior a 50 millóns de euros ou cun balance xeral anual igual ou inferior a 43 millóns de euros, e a Guía do usuario sobre definición do concepto de peme, publicada pola Oficina de Publicacións da Unión Europea en 2020.

As empresas deberán cumprir os criterios de independencia, segundo o indicado na mencionada recomendación. Así mesmo, para o cálculo dos efectivos (número de persoas ocupadas) e dos importes financeiros, terase en conta o indicado nela.

2. Non ter pendente de pagamento ningunha obriga por reintegro de subvencións nin sanción firme pendente de pagamento por infracción da normativa marítimo-pesqueira.

3. Non incorrer en ningunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, que impida obter a condición de beneficiario da axuda.

4. Non incorrer en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, que impida obter a condición de beneficiario da axuda.

5. Non encontrarse nalgún dos supostos establecidos no número 1, letras a) e b), e o número 3 do artigo 11 do Regulamento (UE) nº 2021/1139 do Parlamento Europeo e do Consello, do 7 de xullo de 2021:

– Ter cometido infraccións graves conforme o artigo 42 do Regulamento (CE) nº 1005/2008 do Consello ou ao artigo 90 do Regulamento (CE) nº 1224/2009, ou conforme outros actos lexislativos adoptados polo Parlamento Europeo no marco da PPC .

– Estar ou ter estado nos últimos 24 meses involucradas na explotación, xestión ou propiedade dos buques incluídos na lista comunitaria dos buques INDNR (pesca ilegal non declarada e non regulamentada) ou involucradas na explotación, xestión ou propiedade dos buques que estean ou estivesen nos últimos 12 meses enarborando o pavillón de países considerados terceiros países non cooperantes, ao abeiro do Regulamento (CE) nº 1005/2008 do Consello, do 29 de setembro de 2008, polo que se establece un sistema comunitario para previr, desalentar e eliminar a pesca ilegal, non declarada e non regulamentada.

– No marco do FEMP ou FEMPA, ter sido declarado culpable de cometer fraude, segundo a definición do artigo 3 da Directiva (UE) 2017/1371.

6. Ter capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir as condicións da axuda.

7. Estar en posesión das preceptivas concesións, autorizacións, permisos ou licenzas para levar a cabo os investimentos previstos ou ter presentadas as solicitudes destas. En todo caso, os documentos presentados para a solicitude da subvención deberán ser copias dos presentados para a obtención dos permisos.

8. Antes de que se dite a proposta de resolución de concesión, deben estar ao día nas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

9. Coa solicitude (anexo I), xuntarase unha declaración responsable por parte do solicitante, do seu representante ou apoderado do cumprimento dos requisitos establecidos nos puntos 2 ao 6 deste artigo.

Artigo 6. Requisitos específicos das persoas beneficiarias

Sen prexuízo do anterior, a persoa beneficiaria deberá cumprir os seguintes requisitos:

a) Os investimentos teranse que realizar nun centro localizado en Galicia.

b) As peme do sector de transformación dos produtos pesqueiros e da acuicultura deberán figurar de alta na Axencia Estatal de Administración Tributaria dentro das epígrafes relacionadas coa transformación de produtos procedentes da pesca, marisqueo ou acuicultura.

c) Para subvencións de importe superior a 30.000 euros, as persoas físicas e xurídicas, distintas das entidades de dereito público, con ánimo de lucro, suxeitas á Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais, deberán acreditar e cumprir, nos termos dispostos nesta letra, os prazos de pagamento que se establecen na citada lei para obter a condición de beneficiarias. Calquera financiamento que permita a cobranza anticipada da empresa provedora considerarase válida para os efectos do cumprimento desta epígrafe, coa condición de que o seu custo corra a cargo do cliente e se faga sen posibilidade de recurso ao provedor, no caso de falta de pagamento.

A acreditación do nivel de cumprimento establecido realizarase polos seguintes medios de proba:

1) As persoas físicas e xurídicas que, de acordo coa normativa contable, poden presentar conta de perdas e ganancias abreviada, mediante certificación subscrita pola persoa física ou, no caso de persoas xurídicas, polo órgano de administración ou equivalente, con poder de representación suficiente, na cal afirmen alcanzar o nivel de cumprimento dos prazos de pagamento previstos na citada Lei 3/2004, do 29 de decembro.

Poderán tamén acreditar a dita circunstancia por algún dos medios de proba previstos no seguinte punto e con suxeición á súa regulación.

2) As persoas xurídicas que, de acordo coa normativa contable, non poden presentar conta de perdas e ganancias abreviada acreditarán o nivel de cumprimento mediante:

1º. Certificación emitida por auditor rexistrado no Rexistro Oficial de Auditores de Contas que conteña unha transcrición desagregada da información en materia de pagamentos descrita na memoria das últimas contas anuais auditadas, cando delas se desprenda que se alcanza o nivel de cumprimento dos prazos de pagamento establecidos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, determinado neste punto, con base na información requirida pola disposición adicional terceira da Lei 15/2010, do 5 de xullo, de modificación da Lei 3/2004, do 29 de decembro.

Esta certificación será válida ata que resulten auditadas as contas anuais do exercicio seguinte.

2º. No caso de que non sexa posible emitir o certificado a que se refire o número anterior, presentarase «Informe de procedementos acordados», elaborado por un auditor rexistrado no Rexistro Oficial de Auditores de Contas que, con base na revisión dunha mostra representativa das facturas pendentes de pagamento a provedores da sociedade nunha data de referencia, conclúa sen a detección de excepcións ao cumprimento dos prazos de pagamento da Lei 3/2004, do 29 de decembro, ou no caso de que se detecten, estas non impidan alcanzar o nivel de cumprimento requirido no último parágrafo deste punto.

A documentación acreditativa do nivel de cumprimento dos prazos legais de pagamento presentarase xunto coa solicitude da axuda. Con todo, se a certificación da persoa auditora ou o informe de procedementos acordados non se puider obter antes da terminación do prazo establecido para a súa presentación, achegarase xustificante de solicitar o devandito medio de acreditación e, unha vez obtido, presentarase inmediatamente e, en todo caso, antes da resolución de concesión.

Para os efectos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, entenderase cumprido o requisito exixido neste punto cando o nivel de cumprimento dos prazos de pagamento previstos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, sexa igual ou superior á porcentaxe prevista na disposición derradeira sexta, letra d), punto segundo, da Lei 18/2022, do 28 de setembro, de creación e crecemento de empresas.

d) No caso de que o solicitante conte cunha certificación de non-inicio anticipada, os investimentos non poderán estar finalizados nin completamente pagados antes de que se acredite, unha vez presentada a solicitude, a non finalización deles por parte dos servizos da Consellería do Mar.

Artigo 7. Obrigas xerais das persoas beneficiarias

As persoas beneficiarias destas axudas están obrigadas a:

a) Executar as actuacións obxecto da subvención dentro do prazo conferido para o efecto, e con cumprimento das condicións establecidas na respectiva resolución de concesión e na demais na normativa de aplicación.

b) Colaborar coas distintas autoridades implicadas na xestión e no seguimento do FEMPA.

c) Achegar e actualizar a información relativa ao proxecto solicitada polo órgano concedente.

d) No caso de investimentos en infraestruturas ou investimentos produtivos, a persoa beneficiaria deberá, durante os cinco anos seguintes ao pagamento final da axuda:

1. Non cesar nin transferir a actividade produtiva fóra da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Non cambiar a propiedade de ningún elemento de infraestrutura, de forma que lle proporcione unha vantaxe indebida.

3. Non producir cambios substanciais que afecten a natureza, os obxectivos ou as condicións de execución da operación, de modo que se menoscaben os seus obxectivos orixinais.

e) No suposto de adquisición e construción de bens inventariables, o período durante o cal a persoa beneficiaria deberá destinar os bens ao fin concreto para o cal se concedeu a subvención non poderá ser inferior a cinco anos.

f) Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará o órgano concedente ou a calquera outra comprobación e control financeiro que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto nacionais coma comunitarios, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

g) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos durante un prazo de cinco anos a partir do 31 de decembro do ano da data contable do último pagamento ás persoas beneficiarias, para os efectos de comprobación e control. Cando proceda, deberá dispor dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos exixidos na lexislación aplicable ás persoas beneficiarias.

h) Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable apropiado en relación con todas as transaccións relacionadas coa subvención que permita seguir a pista de auditoría.

i) Contar coas autorizacións, concesións, permisos ou licenzas que deba emitir a Administración pública e que fosen necesarias para o desenvolvemento da actividade subvencionada.

j) Comunicarlle á Consellería do Mar a obtención doutras subvencións e axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou ente, tanto públicos como privado.

k) Comunicarlle á Consellería do Mar calquera circunstancia que poida afectar substancialmente a execución dos fins para os cales foi concedida a axuda.

l) Dar a adecuada publicidade ao carácter público do financiamento do investimento realizado, con expresa mención á participación do FEMPA:

1. Cando as persoas beneficiarias dispoñan dun sitio web e de contas en medios sociais, farán unha breve descrición da operación, de maneira proporcionada en relación co nivel da axuda, cos seus obxectivos e resultados, e destacarán a axuda financeira da Unión Europea.

2. En documentos e materiais de comunicación relacionados coa execución da operación, destinados ao público ou aos participantes, proporcionarán unha declaración que destaque a axuda da Unión Europea de maneira visible.

3. Exhibirán placas ou valos publicitarios resistentes, nun lugar ben visible para o público, nas cales figure o emblema da Unión Europea tan pronto como comece a execución física de operacións que impliquen investimentos físicos ou se instalen os equipamentos que se adquiriron, con respecto a operacións cuxo custo total sexa superior a 100.000,00 €.

4. Para as operacións que non se inclúan no punto 3, exhibirán, nun lugar ben visible para o público, polo menos un cartel de tamaño mínimo A3 ou unha pantalla electrónica equivalente con información sobre a operación onde se destaque a axuda dos fondos; nos casos en que a persoa beneficiaria sexa unha persoa física, a devandita persoa beneficiaria asegurará, na medida do posible, a dispoñibilidade de información adecuada onde se destaque a axuda dos fondos, nun lugar visible para o público ou mediante unha pantalla electrónica.

5. Para as operacións de importancia estratéxica e as operacións cuxo custo total sexa superior a 10.000.000,00 €, organizarase unha actividade ou acto de comunicación, segundo conveña, e farase participar a Comisión e a autoridade de xestión responsable no seu momento oportuno.

Así mesmo, incluirase en calquera actuación, o logotipo da Xunta de Galicia.

A utilización do emblema da Unión Europea realizarase conforme o disposto no artigo 47 e no anexo IX do Regulamento (UE) nº2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021.

O incumprimento das obrigas da persoa beneficiaria, ademais da mala utilización do emblema da UE, sen a adopción de medidas correctoras fará que se poida cancelar ata un máximo do 3 % da axuda do FEMPA á operación.

m) Non incorrer, durante un período comprendido entre a presentación da solicitude da axuda e os cinco anos seguintes á materialización do pagamento final desta, nalgunha das situacións a que fai referencia o artigo 11.1 do Regulamento (UE) nº 2021/1139 do Parlamento Europeo e do Consello, do 7 de xullo.

Se calquera das situacións a que se fai referencia no número 1 do artigo 11 do Regulamento FEMPA se produce durante o período comprendido entre a presentación da solicitude de axuda e os cinco anos seguintes á realización do pagamento final, a/s persoa/s beneficia/s deberán reintegrar total ou parcialmente o importe da axuda, de conformidade co establecido no artigo 44 do devandito Regulamento e no artigo 103 do Regulamento (UE) nº 2021/1060.

n) Se o investimento comporta a xeración de residuos, deberanse cumprir as condicións sinaladas, para cada tipo de residuo, na normativa sectorial.

ñ) Cando as actividades que teñan como obxecto da axuda un proxecto normativamente suxeito á avaliación previa de impacto ambiental ordinaria ou simplificada (artigo 7 da Lei 21/2013, de avaliación ambiental e normativa autonómica concordante) na data de presentación da solicitude, o proxecto debe contar coa declaración de impacto ambiental ou co informe de impacto ambiental, así como coa autorización do seu órgano substantivo que incorpore as súas determinacións e condicións.

o) Respectar a Carta dos dereitos fundamentais da Unión Europea. Ter en conta a promoción e a igualdade entre mulleres e homes e a non-discriminación. Evitar calquera discriminación por razón de xénero, orixe racial ou étnica, relixión ou conviccións, discapacidade, idade ou orientación sexual, e ter en conta a accesibilidade para as persoas con discapacidade, de ser o caso.

Artigo 8. Investimento máximo subvencionable e intensidade das axudas

1. As axudas reguladas nesta orde teñen o carácter de subvencións de capital e non constitúen axudas de Estado.

2. O importe dos gastos subvencionables será o que se obteña da valoración das obras ou investimentos con criterios técnico-económicos, obxectivos e homoxéneos, de acordo cos informes técnicos emitidos.

3. A contía máxima da axuda será o 50 % do gasto máximo subvencionable a que se refire o punto 2 deste artigo. Esta intensidade poderase elevar ata o 100 % do importe subvencionable, sempre e cando concorran todos os criterios seguintes, circunstancia que o beneficiario deberá acreditar suficientemente, tanto na memoria do proxecto (anexo III) como de forma documental:

i. Ser de interese colectivo;

ii. Ter un beneficiario colectivo;

iii. Ter características innovadoras ou garantir o acceso do público aos seus resultados.

Artigo 9. Investimentos obxecto de subvención e gastos subvencionables

1. Os investimentos que acaden a finalidade do artigo 3 desta orde poderán ser obxecto de subvención. Estes non poderán estar iniciados nin pagados antes de que se acredite o non-inicio deles nos termos indicados no artigo 11 desta orde.

En todo caso, deberá respectarse que o gasto sexa aboado nos prazos de pagamento previstos na normativa sectorial que lle sexa de aplicación ou, na súa falta, nos establecidos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais.

Tamén será subvencionable o gasto derivado da certificación ou da elaboración do informe dun auditor inscrito no Rexistro Oficial de Auditores de Contas (ROAC), no caso de subvencións de importe superior a 30.000,00 € nas cales non sexa posible presentar conta de perdas e ganancias abreviada, así como os custos que resulten dos proxectos e asesoramentos necesarios para acometer o investimento produtivo obxecto de financiamento (estudos de impacto ambiental, informes técnicos, xurídicos, etc.).

2. Non serán subvencionables:

– O imposto do valor engadido (IVE) nin outros impostos recuperables.

– As transferencias de propiedade dunha empresa.

– Os gastos de reposición de elementos, infraestruturas, instalacións e equipamentos, salvo que a nova adquisición supoña unha mellora substancial, ben pola súa tecnoloxía utilizada, polo seu rendemento ou por unha mellora substancial nos procesos de produción ou na creación de emprego. Tampouco serán subvencionables os gastos orixinados por obras de mantemento e reparacións.

– As adquisicións de elementos, infraestruturas, instalacións e equipamentos de segundo uso e posteriores.

– A adquisición de terreos por un custo superior ao 10 % do total de gasto subvencionable da operación de que se trate, sempre que exista unha relación directa entre a compra e os obxectivos da operación; no caso de zonas abandonadas e daquelas cun pasado industrial que comprendan edificios, este límite aumenta ata o 15 %.

– A compra de edificios ou locais se estes foron subvencionados nos últimos 10 anos.

– As obras non vinculadas co proxecto de investimento: vivendas, comedores, obras de embelecemento, equipamentos de recreo e semellantes.

– A urbanización que non estea relacionada coa actividade do proxecto que se pretende financiar.

– A adquisición de elementos e todo tipo de bens que non sexan pagados por transferencia bancaria ou aqueles pagados mediante préstamos de entidades provedoras.

– O custo de elementos de transporte que no estean directamente relacionados coa operación.

– Os xuros da débeda.

– No ámbito da innovación:

• As adaptacións ás necesidades dun cliente especifico que non presenta características significativamente diferentes aos produtos fabricados para outros clientes.

• Os cambios de deseño que non modifican a función ou as características técnicas do ben/servizo.

• Sistemas de fabricación ou loxística similares aos xa en uso.

3. De ser o caso, serán subvencionables os gastos dos proxectos técnicos, que non poderán superar o límite do 12 % do investimento máximo subvencionable.

4. A elixibilidade das operacións basearase no documento criterios de selección para a concesión das axudas no marco do Programa nacional do FEMPA, que a Autoridade de Xestión do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e Acuicultura someteu á aprobación do Comité de Seguimento.

5. Para a anualidade de 2024 só se admitirán aqueles gastos correspondentes á acción subvencionable que fosen efectivamente pagados dentro do período comprendido entre a data da visita do persoal técnico para realizar a certificación de non-inicio ou certificación de non-inicio anticipada, de ser o caso, e a data límite de xustificación establecida na resolución de concesión da axuda ou a súa modificación, de ser o caso.

Para a anualidade de 2025 admitiranse os gastos efectivamente pagados dentro do período comprendido entre a data da visita do persoal técnico para realizar a certificación de non-inicio ou certificación de non-inicio anticipada, de ser o caso, e a data límite de xustificación da segunda anualidade.

Artigo 10. Compatibilidade das axudas

1. Os gastos cofinanciados pola presente orde serán compatibles con outras liñas de axudas, sempre que a suma de todas elas non supere o límite da intensidade máxima de axuda pública prevista no artigo 41 do Regulamento (UE) nº 2021/1139 do Parlamento Europeo e do Consello, de 7 de xullo de 2021.

2. Non obstante, a obtención concorrente de axudas outorgadas para a mesma finalidade polas administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, cando o importe total das subvencións percibidas por cada persoa beneficiaria supere os límites que se indican no número anterior, dará lugar á redución proporcional que corresponda no importe das subvencións, ata axustarse a ese límite na última subvención que se conceda.

Artigo 11. Certificación de non-inicio

1. Con carácter xeral, as actuacións para as cales se solicita axuda non poderán estar iniciadas antes de que se acredite, unha vez presentada a solicitude, o non-inicio destas por parte dos servizos da Consellería do Mar.

2. Non precisarán da certificación a que fai referencia o número anterior os investimentos que se refiren a instalacións de equipamentos que non requiran a autorización, licenza ou comunicación previa municipal para a súa instalación, sempre que o investimento declarado polo interesado sexa igual ou inferior a 6.000,00 €.

Nestes supostos o non-inicio das actuacións acreditarase mediante declaración responsable (anexo II) de que os investimentos non foron iniciados.

No caso de que estas actuacións se refiran a investimentos que requiran obras, precisarán da certificación de non-inicio realizada polos servizos da Consellería do Mar.

3. No caso de proxectos técnicos e asesoramentos (estudos de impacto ambiental, informes técnicos, xurídicos, etc.), o non-inicio acreditarase mediante a factura, que poderá ser de data de ata tres meses antes da presentación da solicitude, salvo no caso de certificacións de non-inicio anticipadas, que terá que ser posterior á data de realización das devanditas certificacións.

4. De ser necesario iniciar as actuacións antes do inicio da data de presentación de solicitudes da convocatoria anual correspondente, poderase facer de forma excepcional unha certificación de non-inicio antes de que estas comecen, nos seguintes termos:

A solicitude dirixirase ao departamento territorial da Consellería do Mar de cada provincia e xuntaráselle:

a) Memoria descritiva dos aspectos económicos e técnicos do investimento que inclúa a xustificación da excepcionalidade para acometer os investimentos

b) Facturas pro forma que permitan facer unha valoración dos investimentos que se van realizar e relación destes, planos e tres ofertas alternativas. As tres ofertas alternativas serán necesarias cando o importe do gasto unitario supere a contía de 40.000 euros no caso de execución de obras ou de 15.000 euros no caso de subministración de bens ou prestación de servizos, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten. A elección entre as ofertas presentadas realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía, e deberá xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa

c) Xustificación do pagamento da taxa para realizar a certificación de non-inicio (código de taxa: 30.17.08).

O departamento territorial correspondente tramitará a devandita solicitude logo de informe da Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica.

– Esta certificación de non-inicio formará parte do expediente administrativo da solicitude posterior, e quedará incluída no mesmo procedemento administrativo.

5. Para esta convocatoria poderanse admitir certificacións de non-inicio realizadas con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2021, sempre e cando os investimentos non estean finalizados nin completamente pagados antes da presentación da solicitude de axuda para a presente convocatoria, o que deberá ser comprobado pola Administración coa máxima colaboración do interesado, e será requisito indispensable para a validez da certificación. O interesado deberá solicitar expresamente esta comprobación para dar validez á devandita certificación.

6. A realización da certificación de non-inicio en ningún caso implica dereito nin mérito para a concesión da axuda.

Artigo 12. Prazo de presentación das solicitudes

Para esta convocatoria o prazo de presentación das solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte á publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Artigo 13. Forma de presentación das solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda

Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. Para os efectos de presentación da solicitude, os interesados poderán actuar por medio de representantes. A acreditación da representación deberá realizarse mediante a presentación da correspondente autorización e aceptación utilizando o anexo VIII da presente orde.

3. No caso de empresas que soliciten axudas para investimentos en varios centros de transformación, deberán presentar unha solicitude por cada centro. Estas solicitudes serán tramitadas como expedientes distintos.

Artigo 14. Documentación complementaria

As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:

– Anexo II da declaración de non-inicio do investimento, de ser o caso.

– Anexo III do formulario do investimento.

– Anexo IV.1 de pluralidade de persoas físicas, se é o caso.

– Anexo IV.2 de agrupacións ou entidades sen personalidade xurídica ou comunidades de bens, se é o caso.

– Anexo V de relación de ofertas solicitadas e elixidas, se é o caso.

– Anexo VI.1 de declaración de peme cando a solicitante é unha persoa física ou unha pluralidade de persoas físicas.

– Anexo VI.2 de declaración de peme para persoas xurídicas, unha comunidade de bens ou unha agrupación ou entidade sen personalidade xurídica.

– Anexo VI.3 de declaración de persoa física partícipe na persoa xurídica, só para as persoas físicas relacionadas no punto 2 do anexo VI.2 que cumpran o seu requisito específico.

– Anexo VII de declaración responsable de aplicación da normativa en materia de accesibilidade para persoas con discapacidade.

– Anexo VIII de nomeamento de representante para os efectos de presentación da solicitude.

Ademais, as persoas interesadas deberán achegar:

i) Se o/a solicitante é unha persoa física:

a) Declaración da renda da persoa solicitante dos exercicios 2021 e 2022 en que conste o seu envío telemático ou a súa presentación.

b) Plan empresarial para o desenvolvemento das súas actividades no caso de que iniciase a actividade durante os exercicios 2023 e 2024.

ii) Se o solicitante é unha persoa xurídica:

a) Certificación rexistral dos estatutos sociais, da escritura de constitución e do representante legal da persoa xurídica, emitida con posterioridade á data de publicación da presente orde.

b) Poder verificado da persoa representante legal, no caso de que tal poder non figure na certificación rexistral.

c) Certificación do Rexistro Mercantil, ou do rexistro que corresponda, das contas anuais individuais depositadas no exercicio económico 2022, incluído informe de auditoría, se é o caso, emitida con posterioridade á data de publicación da presente orde.

d) Imposto de sociedades do exercicio económico 2022 en que conste o seu envío telemático ou a súa presentación.

e) Certificación do Rexistro Mercantil, ou do rexistro que corresponda, das contas anuais consolidadas do exercicio 2022, tanto se foron depositadas pola persoa solicitante como aquelas contas en que a persoa solicitante estea incluída, emitida con posterioridade á data de publicación da presente orde, incluído o informe de auditoría do exercicio 2022, de ser o caso.

f) Plan empresarial para o desenvolvemento das súas actividades, no caso de empresas que se constitúan durante os exercicios 2023 e 2024.

g) Escritura de constitución da sociedade inscrita no Rexistro Mercantil, no caso de empresas que se constitúan durante os exercicios 2023 e 2024.

h) Certificado acreditativo de carecer de antecedentes penais obtido a través do Rexistro Central de Penados e Rebeldes do Ministerio de Xustiza, que deberá conter a totalidade de antecedentes penais non cancelados, para os efectos de verificar que non foi declarado culpable de cometer fraude no marco do FEMP ou FEMPA. Se da información anterior non se entendese acreditada a ausencia de antecedentes penais, solicitaráselle ao interesado que achegue certificado que acredite a totalidade de antecedentes penais ou a ausencia deles.

No caso de que a persoa solicitante sexa unha asociación:

– Certificación emitida polo rexistro correspondente en que figuren a inscrición do acordo de constitución da asociación, os estatutos vixentes e a identidade das persoas titulares da xunta directiva ou do órgano de representación.

– Contas anuais do exercicio económico 2022 aprobadas pola Asemblea Xeral, incluído o informe de auditoría, de ser o caso. Se as contas anuais foron depositadas nun rexistro de asociacións, deberá presentar a certificación actualizada emitida polo dito rexistro en que figuren estas contas anuais depositadas, incluído o informe de auditoría, de ser o caso.

– Imposto de sociedades do exercicio económico 2022 en que conste o seu envío telemático ou a súa presentación, de ser o caso.

– Plan empresarial para o desenvolvemento das súas actividades, no caso de asociacións que se constitúan durante os exercicios 2023 e 2024.

iii) Se os solicitantes son unha pluralidade de persoas físicas, poderán ser formuladas nunha única solicitude, por medio de representante legalmente habilitado; na súa falta, con quen figure en primeiro termo. Para os efectos do ingreso da subvención, a conta bancaria sinalada no anexo I deberá estar a nome de todas as persoas solicitantes.

a) Declaración da renda de cada persoa solicitante dos exercicios económicos 2021-2022 en que conste o seu envío telemático ou a súa presentación.

b) Documento de constitución da comunidade de bens, agrupación ou entidade sen personalidade xurídica, se é o caso.

c) No caso dunha comunidade de bens ou dunha agrupación ou entidade sen personalidade xurídica que estean en réxime de atribución de rendas, deberán presentar o modelo 184 de declaración informativa de entidades en réxime de atribución de rendas, dos exercicios económicos 2021 e 2022, nos que conste o seu envío telemático ou a súa presentación.

d) Plan empresarial para o desenvolvemento das súas actividades, no caso de que iniciase a actividade durante os exercicios 2023 e 2024.

e) Anexo IV.1 de pluralidade de persoas físicas ou anexo IV.2 de agrupacións ou entidades sen personalidade xurídica ou comunidades de bens.

f) Acordo de nomeamento de representante ou apoderado para os efectos da solicitude da axuda, asinado por todos.

g) No caso de comunidades de bens, agrupacións ou entidades sen personalidade xurídica: certificado acreditativo de carecer de antecedentes penais obtido a través do Rexistro Central de Penados e Rebeldes do Ministerio de Xustiza, que deberá conter a totalidade de antecedentes penais non cancelados, para os efectos de verificar que non foi declarado culpable de cometer fraude no marco do FEMP ou FEMPA. Se da información anterior non se entendese acreditada a ausencia de antecedentes penais, solicitaráselle ao interesado que achegue certificado que acredite a totalidade de antecedentes penais ou a ausencia deles.

Outra documentación complementaria.

iv) Declaración resumo anual do IVE do exercicio económico 2023 ou, no caso de non realizala, as liquidacións trimestrais ou mensuais do IVE do dito exercicio, en que conste o seu envío telemático ou a súa presentación por parte de cada persoa solicitante, se é o caso.

v) Certificado da declaración censual de alta en obrigas tributarias de cada persoa solicitante, de data posterior á da publicación da orde.

vi) Informe de riscos, expedido pola Central de Información de Riscos do Banco de España, de cada persoa solicitante, con data posterior á da publicación desta orde, asinado electronicamente ou debidamente asinado e selado.

vii) Plan de financiamento do proxecto:

Informe en que se indique a forma en que se vai financiar o proxecto, con especificación para cada anualidade do importe que se financiará con recurso propios, alleos ou con ambos os tipos de financiamento.

Documentación xustificativa do tipo de financiamento:

Recursos propios:

– Certificados bancarios emitidos con posterioridade á data de publicación da presente orde, nun modelo oficial da entidade, debidamente asinados e selados ou asinados electronicamente, das contas da persoa solicitante onde consten o/s titular/es delas, o tipo de conta (corrente, aforro, a prazos, etc; as contas de crédito considéranse recursos alleos) e os fondos dispoñibles para realizar o investimento. No caso de que o tipo de conta non sexa unha conta corrente ou conta de aforro, deberá indicar a dispoñibilidade desta ou, no caso contrario, o prazo de vencemento.

Non se admitirá a dispoñibilidade de fondos propios en contas bancarias nas cales figure como titular algunha persoa que non teña a condición de solicitante.

No caso de pluralidade de persoas solicitantes, non se admitirá a dispoñibilidade de fondos propios en contas bancarias nas cales figure como titular algunha persoa que non teña unha participación na axuda declarada no anexo IV.1 ou no anexo IV.2.

– Ampliación de capital: escritura notarial de ampliación de capital en diñeiro, a súa correspondente inscrición no Rexistro Mercantil e o/s certificado/s bancario/s do/dos desembolso/s deste, emitido/s con posterioridade á data de publicación da presente orde.

-Noutros casos, achegarase a documentación financeira correspondente.

Recursos alleos:

– Préstamos formalizados con entidades de crédito: póliza de préstamo vixente debidamente intervida por notario.

Non se admitirán préstamos nos cales figure como prestameiro algunha persoa que non teña a condición de solicitante.

No caso de pluralidade de persoas solicitantes, non se admitirán préstamos en que figure como prestameira algunha persoa que non teña unha participación na axuda declarada no anexo IV.1 ou no anexo IV.2.

– Pólizas de crédito formalizadas con entidades de crédito: póliza de crédito vixente (última renovación), debidamente intervida por notario, e certificado bancario emitido con posterioridade á data de publicación da presente orde nun modelo oficial da entidade, debidamente asinado e selado ou asinado electronicamente, onde identifique o número da póliza de crédito a que fai referencia, o límite da póliza, o importe dispoñible e disposto.

Non se admitirán pólizas de crédito en que figure como titular algunha persoa que non teña a condición de solicitante.

No caso de pluralidade de persoas solicitantes, non se admitirán pólizas de crédito nas cales figure como titular algunha persoa que non teña unha participación na axuda declarada no anexo IV.1 ou no anexo IV.2.

– Préstamos formalizados con socios: contrato de préstamo entre socios, debidamente asinado por prestamista e prestameiro, certificado/s bancario/s do/dos desembolso/s deste emitido/s con posterioridade á data de publicación da presente orde, e a liquidación definitiva do imposto correspondente no organismo competente, de ser o caso.

Noutros casos, achegarase a documentación financeira correspondente (non se admitirán préstamos de entidades provedoras).

viii) Cando o importe do investimento supere a contía de 40.000 euros, no caso de execución de obras, ou de 15.000 euros, no caso de subministración de bens ou prestación de servizos, a persoa beneficiaria deberá achegar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores e deberá cubrir o anexo V desta orde. A elección entre as ofertas presentadas realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía, e deberá xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

ix) Facturas pro forma do investimento que se vai realizar, con descrición detallada e pormenorizada de cada un dos investimentos, instalacións, equipamentos e sistemas que os integran, con achega, de ser o caso, dos planos, esbozos ou vistas 3D necesarios para a súa correcta definición.

x) Se a realización do investimento require autorización, concesión, permisos ou licenzas, para levar a cabo os investimentos previstos, deberá achegar o documento que acredita estar na súa posesión ou a súa solicitude, sen prexuízo da achega destes, segundo establece o artigo 24.5 desta orde reguladora. En todo caso, os documentos presentados para a solicitude da subvención deberán ser copias fidedignas dos presentados para a obtención dos permisos.

xi) Se a realización do investimento require planos ou proxecto técnico, este/s deberá/rán achegarse e estar asinado/s por técnico competente.

xii) Se a realización do investimento contribúe á eficiencia enerxética, ten efectos positivos na mitigación do cambio climático e na neutralidade climática, informe técnico que xustifique as melloras obtidas en función da tipoloxía do proxecto (porcentaxe de aforro de consumo de enerxía, porcentaxe de redución de enerxía non renovable, porcentaxe de redución de emisións de gases de efecto invernadoiro e captación de CO2 ou gases de efecto invernadoiro (fanerógamas) comparando a situación anterior e posterior á realización do investimento.

xiii) Se o proxecto está suxeito a avaliación previa de impacto ambiental ordinaria ou simplificada, declaración de impacto ambiental ou o informe de impacto ambiental, así como autorización do seu órgano substantivo que incorpore as súas determinacións e condicións.

xiv) Documentación que demostre que a titularidade da instalación onde se van desenvolver os investimentos é do solicitante da axuda, que virá dada pola nota simple do rexistro da propiedade da instalación. En caso de que a instalación estea alugada á empresa solicitante ou en cesión de uso, xuntarase contrato de alugamento ou de cesión de uso elevado a escritura pública notarial.

xv) Para subvencións de importe superior a 30.000 euros, as persoas físicas e xurídicas, distintas das entidades de dereito público, con ánimo de lucro suxeitas á Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais, co fin de comprobar o requisito establecido no artigo 6.d) da presente orde e, presentarán:

1) Persoas físicas e xurídicas que, de acordo coa normativa contable, poden presentar conta de perdas e ganancias abreviada:

– Declaración responsable (anexo I) en que afirmen acadar o nivel de cumprimento dos prazos de pagamento previstos na citada Lei 3/2004, do 29 de decembro.

2) Persoas xurídicas que, de acordo coa normativa contable, non poden presentar conta de perdas e ganancias abreviada:

– Certificación emitida por auditor rexistrado no Rexistro Oficial de Auditores de Contas.

– Ou «Informe de procedementos acordados», elaborado por un auditor rexistrado no Rexistro Oficial de Auditores de Contas.

xvi) Factura da certificación ou informe de procedementos acordados do auditor mencionado no punto anterior. Se o gasto unitario da factura supera os 15.000 euros, deberá achegar, como mínimo, dúas ofertas máis de diferentes provedores. A elección realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía e a elección deberá xustificarse expresamente nunha memoria cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada a súa achega.

A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 15. Comprobación de datos

1. Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante ou NIF da entidade representante nomeada para os efectos da presentación da solicitude.

c) DNI/NIE da persoa representante legal da persoa xurídica, de ser o caso.

d) NIF da persoa xurídica solicitante, da comunidade de bens ou da sociedade civil, agrupación ou entidade sen personalidade xurídica, segundo corresponda.

e) Consulta de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.

f) Consulta de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

g) Consulta de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Facenda da Xunta de Galicia.

h) Consulta de estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións emitido pola Consellería de Facenda e Administración Pública (Atriga).

i) Informe acreditativo de non ter sanción firme pendente de pagamento por infracción da normativa marítimo-pesqueira e informe sobre sancións graves das persoas solicitantes de axudas cofinanciadas co FEMPA, de conformidade co artigo 11.1 a) do Regulamento FEMPA, emitido polo Servizo Técnico-Xurídico da Consellería do Mar.

j) Consulta de non estar en concurso de acredores, artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, obtido a través do Rexistro Público Concursal do Ministerio de Xustiza.

k) Informe acreditativo de non ter cometido infracción grave da política pesqueira común, do Regulamento (UE) nº 1005/2008 do Consello, polo que se establece un sistema contra a pesca ilegal, non declarada e non regulamentada, e do Regulamento (UE) nº 1224/2009 do Consello, polo que se establece un réxime comunitario de control emitido polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.

l) Consulta de inexistencia de antecedentes penais cando o solicitante sexa unha persoa física ou unha pluralidade de persoas físicas. No caso de que o solicitante sexa unha agrupación ou entidade sen personalidade xurídica ou comunidade de bens, consulta da inexistencia de antecedentes penais dos seus integrantes. Os certificados deberán ser obtidos a través do Rexistro Central de Penados e Rebeldes do Ministerio de Xustiza, e deberán conter a totalidade de antecedentes penais non cancelados, para os efectos de verificar que non foi declarada, culpable de cometer fraude no marco do FEP ou FEMP. Se da información anterior non se entendese acreditada a ausencia de antecedentes penais, solicitaráselle á interesada que achegue certificado que acredite a totalidade de antecedentes penais ou a ausencia deles.

m) Consulta no Sistema nacional de publicación de subvencións do Ministerio de Facenda e Función Pública de non ser declarado culpable de cometer fraude, no marco do FEMP ou FEMPA.

n) Consulta de non estar nin ter estado nos últimos 24 meses involucrado na explotación, xestión ou propiedade dos buques incluídos na lista comunitaria dos buques INDNR ou de buques que nin estean nin estivesen nos últimos 12 meses enarborando o pavillón de países considerados terceiros países non cooperantes, obtido do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.

ñ) Consulta da concesión de subvencións e axudas.

o) Consulta de inhabilitación para obter subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario (anexo I, anexo IV.1, anexo IV.2 ou anexo VIII) e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Artigo 16. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica de Galicia.

Artigo 17. Tramitación de solicitudes

A tramitación das solicitudes realizarase por fases; no caso de que unha solicitude non supere unha das fases, implicará que a súa tramitación finalizará sen que poida pasar á fase seguinte; neste caso, o órgano competente emitirá a correspondente resolución.

a) Fase de admisión de solicitudes.

1. Os Servizos de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica dos Departamentos Territoriais da Consellería do Mar analizarán os expedientes e requirirán a emenda da documentación necesaria, de ser o caso.

2. Se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria, requirirase a persoa interesada para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a deficiencia ou remita os documentos preceptivos.

Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, se dará por desistida da súa solicitude.

Este requirimento de emenda tamén se fará se das certificacións obtidas de conformidade co artigo 5, punto 8, desta orde reguladora resulta que a persoa solicitante non está ao día no pagamento das súas obrigas tributarias co Estado, coa Comunidade Autónoma e coa Seguridade Social.

A documentación requirida para emenda da solicitude deberá ser presentada na forma que se determina nos artigos 14 e 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3. Sen prexuízo do sinalado no número anterior, poderá requirirse o solicitante para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para tramitar e resolver o procedemento.

4. Unha vez finalizado o prazo de presentación de solicitudes, a persoa solicitante non poderá modificar a súa solicitude de axuda aumentando o importe total do investimento nin incluíndo novos conceptos para os cales solicita a axuda.

Non se considerará aumento do importe total do investimento as diferenzas ou erros materiais que se poidan producir ao transcribir nos anexos o importe das facturas pro forma.

5. Os expedientes serán remitidos, xunto cun informe ao respecto, ao Servizo de Innovación Tecnolóxica das Industrias, que continuará coa tramitación segundo o establecido na presente orde.

6. Sempre que se teñan en conta para resolver as axudas aspectos distintos aos aducidos polas persoas interesadas, daráselles a estas un trámite de audiencia con carácter previo á avaliación dos expedientes pola Comisión de Valoración.

7. Para os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, o órgano instrutor emitirá un informe desfavorable, previamente á proposta de resolución, de non admisión ou de desistencia, segundo sexa o caso, na cal se indicarán as causas que a motivan.

b) Fase de avaliación das solicitudes.

Os proxectos que se financien deberán axustarse ao Programa operativo do FEMPA e seren técnica e economicamente viables.

Para avaliar as solicitudes utilizaranse catro categorías de criterios de selección: xerais, horizontais ambientais e sociais, específicos de viabilidade técnica e/ou económicos, e por último específicos polo tipo de actividade:

1. Criterios de selección xerais (30 %).

A aplicación dos criterios xerais de avaliación das operacións teñen carácter obrigatorio e servirán para determinar se unha operación é apta/non apta para ser cofinanciada ao abeiro do FEMPA.

As solicitudes de axuda con puntuación menor ou igual a 4 puntos non serán subvencionables por non alcanzar os criterios mínimos e consideraranse non aptas para ser cofinanciadas co FEMPA.

Esta epígrafe terá un valor do 30 % do total dos criterios de selección.

A puntuación máxima posible para este criterio será de 10 puntos, atendendo aos seguintes aspectos:

1.1. Contribución á Estratexia, DAFO e tipo de actividade do programa (0-6 puntos)

Unha solicitude debe obter un mínimo de 1 punto en cada un dos seguintes subcriterios. A puntuación mínima para que unha operación sexa financiable será de 3 puntos e a máxima, de 6.

1.1.1. Adecuación á estratexia: 0-2 puntos.

Nesta epígrafe revisarase se a operación está prevista na Estratexia, de acordo coas liñas descritas no punto 1 do programa, e se é unha operación da Lista de operacións de importancia estratéxica:

Non se axusta

0-excluído

Axústase

1

Programa nacional de datos básicos do sector pesqueiro (PNDB)

2

1.1.2. Adecuación ao DAFO: 0-2 puntos.

Nesta epígrafe revisarase se a operación achega, contribúe ou recolle algún dos aspectos do DAFO do programa. No caso de que se nomee de maneira expresa unha necesidade do DAFO, poderase outorgar a máxima puntuación:

Non se axusta

0-excluído

Axústase, pero non se nomea no DAFO

1

Noméase expresamente no DAFO

2

1.1.3. Adecuación tipo de actividade: 0-2 puntos.

Nesta epígrafe comprobarase que a actuación estea recollida no tipo de actividade no programa operativo:

Non se axusta

0-excluído

Axústase

1

Actividade nomeada expresamente

2

1.2. Contribución a indicadores de resultado: 0-2 puntos.

Nesta epígrafe valorarase a achega da operación aos indicadores de resultado correspondentes e predefinidos no programa operativo:

• Para as actividades de importancia estratéxica no programa FEMPA, outorgarase a puntuación máxima, 2 puntos.

• Outorgaranse 0,5 puntos por cada indicador de resultado afectado:

– CR 07. Ocupación mantida.

– CR 17. Entidades que melloran a eficiencia dos recursos na produción e/ou na transformación.

• Outorgarase 1 punto adicional se contribúe a un máis dos indicadores seguintes do mesmo obxectivo especifico:

– CR 08. Beneficiarios.

– CR 11. Entidades que incrementen a sostibilidade social.

– CR 14. Innovación posibilitada.

– CR 16. Entidades beneficiadas das actividades de promoción e información.

Non achega o indicador correspondente

0-excluído

Responde aos indicadores de resultado

1 se responde aos dous; 0,5 se responde a un

PNDB

2

Contribúe a outro indicador do OE

1 punto adicional

1.3. Contribución a outros plans e programas: 0-2 puntos.

Nesta epígrafe avalíase o grao de adecuación da operación a plans, políticas e compromisos nacionais e internacionais, así como aqueles plans ou programas autonómicos, rexionais e/ou locais relacionados:

Non se relacionan con outros plans ou programas

0-excluído

Relaciónase cun plan ou programa

1

Relaciónase con máis dun plan ou programa

2

2. Criterios horizontais ambientais e sociais (20 %).

Esta epígrafe terá un valor do 20 % do total dos criterios de selección.

A puntuación máxima posible para estes criterios será de 4 puntos, atendendo aos seguintes aspectos:

2.1. Aspectos ambientais: (0-2 puntos).

Non contribúe a ningún criterio ambiental

0

Contribución aos criterio ambiental

Ata 1

Actuación expresamente mencionada nalgún plan, norma ou estratexias indicados nos criterios ambientais (MAP, plans de xestión da Rede Natura 2000 ou doutros espazos naturais protexidos, plans de conservación de especies protexidas, plans de control e erradicación de especies exóticas, relacionados coas estratexias mariñas, etc.

2

Criterios horizontais ambientais:

• Eficiencia enerxética, efectos positivos na mitigación do cambio climático e na neutralidade climática: poderanse cuantificar coas seguintes variables:

– Porcentaxe de aforro de consumo de enerxía (AE): (máximo 0,10 puntos): a puntuación obtida será:

• AE menor de 42 %: 0 puntos,

• AE igual ou maior de 48,8 %: 0,10 puntos, e

• valores de AE intermedios: 0,05 puntos.

– Porcentaxe de redución de enerxía non renovable (REnNR) (máximo 0,10 puntos): apuntuación obtida será:

• REnNR menor de 48 %: 0 puntos,

• REnNR igual ou maior de 58 %: 0,10 puntos, e,

• valores intermedios de REnNR: 0,05 puntos.

– Porcentaxe de redución de emisións de gases de efecto invernadoiro (REmEI) (máximo 0,10 puntos): a puntuación obtida será:

• REmEI menor de 48 %: 0 puntos,

• REmEI igual ou maior de 58 %: 0,10 puntos, e

• Valores intermedios de REmEI: 0,05 puntos.

– Captación de CO2 ou gases de efecto invernadoiro (fanerógamas): máximo 0,10 puntos.

Se a realización do investimento contribúe á eficiencia enerxética, ten efectos positivos na mitigación do cambio climático e na neutralidade climática, informe técnico que xustifique as melloras obtidas en función da tipoloxía do proxecto (porcentaxe de aforro de consumo de enerxía, porcentaxe de redución de enerxía non renovable, porcentaxe de redución de emisións de gases de efecto invernadoiro e captación de CO2 ou gases de efecto invernadoiro (fanerógamas) comparando a situación anterior e posterior á realización do investimento.

• Operacións que promovan a redución de residuos, verteduras ou emisións contaminantes ou que reduzan o impacto ou a pegada ambiental na actividade obxecto da axuda (máximo 0,30 puntos):

– Procesos sinxelos que só preparan os residuos para seren enviados ao xestor autorizado (0,06 puntos).

– Procesos máis complexos que transforman na empresa os residuos, polo menos en parte (0,12 puntos).

– Procesos complexos que conseguen eliminar ou transformar os residuos noutro produto facilmente transportable ou vendible (0,18 puntos).

– Procesos que reduzan a carga contaminante nas augas residuais (0,30 puntos).

• Implantación de sistemas de xestión ambiental baseados en normativas ISO, EMA ou similares (0,30 puntos).

2.2. Aspectos horizontais sociais: (0-2 puntos).

Non contribúe a ningún criterio

0

Contribúe a un criterio

1

Contribúe a dous ou máis criterios

2

Criterios horizontais sociais:

• Proxectos dirixidos a colectivos vulnerables (mozos, discapacitado e traballadores/as procedentes do sector pesqueiro).

• Existencia de actuacións ou medidas en materia de igualdade.

• Existencia de actuacións ou medidas concretas en materia de accesibilidade.

3. Criterios de viabilidade técnica e económicos (20 %).

3.1. Criterios de viabilidade técnica: 0-2 puntos.

Non contribúe a ningún criterio

0

Contribúe a un criterio

1

Contribúe a dous criterios

2

Criterios de viabilidade técnica:

• Concreción de obxectivos do proxecto.

O obxectivo deste criterio de selección será avaliar, entre os proxectos elixibles, a contribución de cada un deles aos logros dos obxectivos do programa. Isto levarase a cabo segundo o encaixe que se lle dea á finalidade das axudas aprobadas para cada un dos investimentos (segundo as finalidades dos investimentos establecidos no artigo 3).

• Grao de innovación.

3.2. Criterios económicos: 0-2 puntos.

Non contribúe a ningún criterio

0

Contribución ao criterio FPP (financiamento propio do proxecto)

Ata 1

Contribución ao criterio IAP (investimentos en activos produtivos)

Ata 1

Criterios económicos:

• Financiamento propio do proxecto (FPP).

Mide a porcentaxe dos fondos propios que se aplican ao investimento que non proveñen nin da axuda pública nin do financiamento alleo:

FPP ( %) =

recursos propios achegados

× 100

investimento total

A ponderación deste criterio será a seguinte:

– Inferior ao 15 %: 0 puntos.

– Do 15 % ao 30 %: 0,25 puntos.

– Máis do 30 % e menos do 50 %: 0,50 puntos.

– Do 50 % en diante: 1 punto.

• Investimentos en activos produtivos (IAP).

Mide como se axusta o investimento previsto á finalidade do proxecto no caso de investimentos produtivos.

IAP ( %) =

investimentos activos produtivos

× 100

investimento total

A ponderación deste criterio é a seguinte:

– Inferior ao 10 %: 0 puntos.

– Do 10 % ao 25 %: 0,25 puntos.

– Máis do 25 % e menos do 50 %: 0,50 puntos.

– Do 50 % en diante: 1 punto.

4. Criterios específicos polo tipo de actividade (30 %).

4.1. Orixe da materia prima dos produtos transformados 0-2 puntos.

Non contribúe a ningún criterio

0

Contribúe a un criterio

1

Contribúe a dous criterios

2

Criterios orixe da materia prima:

• Materia prima procedente do marisqueo, acuicultura local, capturas locais.

• Aproveitamento comercial das capturas non desexadas e subprodutos; o uso de descartes para o desenvolvemento de subprodutos; a transformación de capturas de peixe comercial que non poida destinarse ao consumo humano, e a transformación de subprodutos obtidos das actividades principais de transformación.

4.2. Innovación, valor engadido e política de calidade: 0-2 puntos.

Non contribúe a ningún criterio

0

Contribúe a un criterio

1

Contribúe a dous ou máis criterios

2

Criterios de innovación, valor engadido e política de calidade:

• Fomentan a calidade e valor engadido dos produtos.

• Melloran a seguridade, a hixiene, a saúde e as condicións de traballo.

O cálculo da puntuación final da operación, segundo os criterios de selección das axudas do Programa do FEMPA será o resultado de aplicar a seguinte fórmula:

Puntuación final:

missing image file

A esta puntuación final, segundo os criterios de selección do Programa do FEMPA e se o centro produtivo está localizado no termo municipal dun concello que conte coa condición de concello emprendedor segundo a Lei 3/2022, do 18 de outubro de áreas empresariais de Galicia, engadirán 5 puntos adicionais.

No caso de empate, terán preferencia aquelas empresas que acrediten ter un plan de igualdade ou a Certificación galega de excelencia en igualdade, de acordo coa Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia, seguido das que acrediten favorecer a inserción laboral de persoas con diversidade funcional ou persoas en situación de exclusión social. De persistir o empate, terán preferencia aquelas que nunca recibiran axudas á transformación.

c) Fase de selección.

1. Unha vez finalizada a fase anterior, a Comisión de Selección formulará a proposta de resolución de concesión das axudas.

2. Na proposta que formule a Comisión de Selección figurarán de maneira individualizada os solicitantes propostos para obteren a subvención, e indicarase a avaliación que lles corresponde segundo os criterios fixados nesta orde. Ordenaranse os expedientes seleccionados de acordo coa puntuación obtida ata esgotar as dispoñibilidades orzamentarias. Así mesmo, indicarase a proposta do importe da subvención para cada un deles.

3. A Comisión de Selección, de ser o caso, establecerá unha lista de reserva con aquelas solicitudes que, reunindo os requisitos establecidos na orde de convocatoria, non acaden a puntuación necesaria para seren seleccionadas por falta de crédito. Nesta lista de reserva indicaranse os expedientes seleccionados ordenadamente de acordo coa puntuación obtida.

4. O presidente da Comisión de Selección elevará a proposta de resolución ao órgano concedente, que ditará as correspondentes resolucións de concesión.

Artigo 18. Comisión de Selección

1. Os expedientes serán avaliados por unha Comisión de Selección constituída na Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica.

2. A comisión avaliadora estará formada polos seguintes membros:

a) Presidente: subdirector/a xeral de Competitividade da Cadea Mar-Industria.

b) Vogais: dous funcionarios adscritos á Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, designados polo presidente, as xefaturas do Servizo de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica da Consellería do Mar de cada un dos departamentos territoriais e a xefatura do Servizo de Innovación Tecnolóxica das Industrias, que actuará como secretario.

3. En caso de imposibilidade de asistir a algunha das sesións, os membros do órgano colexiado poderán ser substituídos pola persoa que designe o presidente. O órgano colexiado precisará de, polo menos, a maioría simple dos membros para a realización da selección.

4. As sesións da Comisión poderán realizarse de forma presencial ou a distancia.

5. A Comisión poderá propor que o órgano instrutor requira a documentación complementaria necesaria para a correcta valoración da solicitude de que se trate.

6. A Comisión de Selección poderá traballar asistida dos asesores que xulgue conveniente, así como solicitar informes a expertos técnicos na materia.

7. A Comisión de Selección reunirase nunha sesión única para elaborar a proposta de concesión ao órgano concedente, salvo no caso de que a suma dos investimentos subvencionados dos expedientes propostos non supere o crédito existente para as axudas, caso en que poderá realizar cantas sesións considere necesarias, e emitiranse propostas parciais de concesión en cada unha das sesións.

Artigo 19. Resolución e aceptación

1. A resolución das solicitudes correspóndelle á persoa titular da Consellería do Mar, que poderá delegar a dita competencia na persoa titular da Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica. No caso de concesións que superen a contía de 3.000.000,00 € por persoa beneficiaria, será necesaria a autorización do Consello da Xunta.

2. Esta autorización non implicará a aprobación do gasto, que lle corresponderá en todo caso ao órgano competente para ditar a resolución de concesión da subvención.

3. O prazo máximo para ditar e notificar a resolución da axuda será de cinco meses, contados desde a data de publicación desta orde de convocatoria de axudas no Diario Oficial de Galicia, que en todo caso recaerá dentro do presente exercicio orzamentario 2024. Transcorrido o prazo sen resolución expresa, as persoas interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes, de conformidade co disposto no artigo 25 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

4. Unha vez notificada a devandita resolución, a persoa interesada terá un prazo de dez días hábiles a partir do seguinte ao da súa notificación para a aceptación desta. Transcorrido este prazo sen producirse manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada a axuda.

5. A resolución de concesión indicará, entre outros aspectos, os compromisos asumidos polas persoas beneficiarias; os créditos orzamentarios aos cales se imputa o gasto; a contía da subvención individualizada e a porcentaxe do financiamento do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura; os prazos e modo de pagamento da subvención; e o prazo e a forma de xustificación por parte da persoa beneficiaria do cumprimento da finalidade para a cal se percibe a subvención. No caso de que a persoa beneficiaria sexa unha pluralidade de persoas físicas, agrupacións ou entidades sen personalidade xurídica ou comunidades de bens, faranse constar expresamente na resolución os compromisos de execución asumidos por cada membro, así como o importe da subvención que se vai aplicar por cada un deles, que terán igualmente a consideración de beneficiarios.

Artigo 20. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas realizaranse mediante comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que conste na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e entenderanse rexeitadas cando transcorran dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 21. Recursos

1. Contra a resolución expresa que se dite, que pon fin á vía administrativa, cabe interpor recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería do Mar no prazo dun (1) mes, contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, ou recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous (2) meses, contados desde o día seguinte ao da súa notificación.

2. Se transcorrido o prazo para resolver establecido no artigo 19 non lle é notificada a resolución á persoa interesada, entenderase desestimada por silencio administrativo negativo e caberá interpor recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería do Mar, en calquera momento, ou recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de seis (6) meses, contados en ambos os dous casos a partir do día seguinte ao que se produza o acto presunto.

3. Sen prexuízo do anterior, as persoas interesadas poderán exercer calquera outro recurso que consideren oportuno.

Artigo 22. Modificación da resolución

1. Unha vez ditada a resolución de concesión, e antes da presentación da xustificación de cobramento, toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención ou a obtención concorrente de subvencións e axudas concedidas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á súa modificación.

2. A autorización para a modificación dos termos en que foi concedida a axuda quedará condicionada aos seguintes requisitos:

a) Que o proxecto modificado non poida dar lugar a unha nova análise da solicitude.

b) Que a actividade, conduta ou modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade destas bases reguladoras e da convocatoria oportuna.

c) Que a modificación non cause prexuízo a terceiros.

d) Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de ter concorrido na concesión inicial, non supuxesen a denegación da subvención.

e) Que o proxecto modificado, no caso de que fose presentado co resto das solicitudes, resultase seleccionado na concesión inicial, seguindo os criterios de selección fixados.

Ademais, soamente se admitirán cambios que teñan a mesma finalidade.

3. As modificacións deberán ser solicitadas pola persoa beneficiaria por escrito, con anterioridade á súa realización, nun prazo non inferior a dous meses antes da data límite de xustificación do investimento e requirirá resolución expresa da Consellería do Mar. No escrito, a persoa beneficiaria deberá deixar constancia, debidamente motivada, das razóns que aconsellan a modificación proposta.

4. Unha vez finalizado o prazo indicado no punto 3, poderanse admitir, sen solicitude previa, certas modificacións menores que, a xuízo da Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, poden ser asumidas no expediente de pagamento da axuda.

5. Xunto coa solicitude de modificación, deberanse achegar as facturas pro forma; planos, se fose necesario; tres ofertas alternativas segundo o indicado no artigo 14.viii; anexo V dos novos investimentos, en caso necesario; cadro de «orzamento de custos do proxecto» do anexo III, no cal se reflictan os cambios solicitados e licenzas, autorizacións necesarias ou solicitudes delas para os novos investimentos, de ser o caso.

6. Non se admitirán nin se aprobarán modificacións que supoñan unha execución total inferior ao 60 % do investimento inicialmente aprobado e que, en ningún caso, suporán un incremento da subvención concedida.

7. Non obstante o indicado nos parágrafos anteriores, poderanse autorizar modificacións que se orixinen por causas de forza maior ou situacións sobrevidas suficientemente xustificadas, que en todo caso, deberán ser apreciadas polo órgano concedente e debidamente motivadas.

8. Non se admitirá a subrogación dun novo propietario na condición de solicitante ou persoa beneficiaria das axudas, agás nos casos de enfermidade que dificulte ou imposibilite a realización desta actividade, sucesión mortis causa, adquisición da propiedade como consecuencia de procesos de disolución e liquidación de persoas xurídicas, operacións de fusión ou escisión parcial ou total de sociedades ou naqueloutros casos en que, a xuízo do órgano competente para a concesión das axudas, a transmisión da propiedade do investimento subvencionado e a subrogación do novo propietario na posición do solicitante ou persoa beneficiaria non desvirtúe a finalidade das axudas e non produza enriquecemento. En calquera caso, a nova persoa beneficiaria deberá cumprir os requisitos desta orde e asumir as obrigas derivadas da concesión.

9. As modificacións nos prazos de xustificación dos investimentos terán a consideración de alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, polo tanto, deberán tramitarse de acordo co establecido no presente artigo.

10. O acto polo cal se acorde a modificación da resolución de concesión ou, se é o caso, a súa denegación será ditado polo órgano concedente, unha vez instruído o correspondente expediente, no cal se lle dará audiencia á persoa interesada. Non obstante, poderase prescindir deste trámite de audiencia cando non figuren no procedemento nin se teñan en conta na resolución outros feitos, alegacións ou probas que as aducidas pola persoa interesada.

Artigo 23. Certificación de fin de obra/investimento

1. A realización do investimento xustificarase mediante a oportuna certificación de fin de obra/investimento mediante certificación dos servizos da Consellería do Mar, que se solicitará coa propia presentación do expediente para o pagamento, nos mesmos termos e condicións establecidos no artigo 11.

2. Exceptúanse dos puntos anteriores aqueles investimentos en que o importe da subvención sexa inferior a 9.000,00 €. Neste caso, a realización do investimento xustificarase coas facturas e certificación bancaria dos pagamentos correspondentes ás ditas facturas, así como cunha declaración responsable da persoa interesada (anexo XII) de que o dito investimento foi realizado segundo a resolución de concesión.

A consellería poderá, en calquera momento, realizar as comprobacións que considere oportunas para verificar a efectiva e correcta realización dos investimentos antes mencionados.

Artigo 24. Prazos de execución, xustificación e pagamento

1. A xustificación do cumprimento das condicións impostas e da consecución dos obxectivos previstos no acto de concesión da subvención realizarase de acordo coas bases da convocatoria de axudas e a resolución de concesión. Os formularios en formato electrónico estarán dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

2. Con carácter xeral, o prazo para a xustificación material e documental dos investimentos será o 30 de outubro de 2024 para a primeira anualidade e, o 30 de outubro de 2025 para a segunda anualidade, se é o caso, salvo que a resolución individual de concesión da axuda sinale un prazo distinto.

3. Transcorrido o prazo indicado sen que a persoa beneficiaria presente a documentación xustificativa, procederase segundo o artigo 45 do Regulamento de subvencións.

4. Para o pagamento da axuda é imprescindible o cumprimento dos seguintes requisitos:

a) Que o investimento obxecto da axuda e a súa xustificación estean realizados de conformidade coa resolución de concesión, integramente rematado e totalmente pagado. A acreditación da realización do investimento realizarase coa certificación de fin de obra, regulada no artigo 23 desta orde.

b) Que as persoas beneficiarias estean ao día nas súas obrigas tributarias e da Seguridade Social e que non teñan pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia. Igualmente, a persoa beneficiaria non terá pendente de pagamento ningunha obriga por reintegro de subvencións.

5. As solicitudes de pagamento presentaranse conforme o disposto no artigo 13 desta orde. Coas solicitudes deberá xuntarse da seguinte documentación:

– Anexo IX, relativo á declaración responsable doutras axudas e compromiso do requisito de admisibilidade.

– Facturas detalladas do investimento realizado.

No caso de que os beneficiarios sexan unha pluralidade de persoas, as facturas deben estar emitidas a nome de cada un dos beneficiarios pola porcentaxe de axuda concedida que lles corresponda, segundo o indicado na resolución de concesión.

– Documento de concesións, autorizacións, permisos ou licenzas para levar a cabo os investimentos previstos e para a instalación e o funcionamento do establecemento, no caso de non achegalo antes da concesión da axuda.

– Certificacións bancarias correspondentes aos pagamentos efectuados, que deberán identificar as facturas pagadas e os seus importes ou permitir seguir unha suficiente pista de auditoría, nos termos establecidos no artigo 7.h) da presente orde. Só se admitirán pagamentos realizados por transferencia bancaria.

Os pagamentos deben estar realizados desde unha conta bancaria da cal sexa titular ou titulares exclusivamente a persoa ou persoas beneficiarias.

No caso de que os beneficiarios sexan unha pluralidade de persoas, os pagamentos deben estar realizados a nome de cada un dos beneficiarios pola porcentaxe de axuda concedida que lles corresponda, segundo o indicado na resolución de concesión.

– Certificado final de obra asinado por técnico competente e planos as built, de ser o caso.

– Anexo X, de relación de xustificantes.

– Anexo XI, de explicación das diferenzas entre os gastos aprobados e os realizados.

– Anexo XII, declaración responsable de fin de obra, de ser o caso.

6. No caso de que o investimento sexa xustificado por menor contía que a considerada como elixible inicialmente ou o modificado pola correspondente resolución de modificación, minorarase a axuda na mesma proporción, sempre que esta minoración na xustificación da axuda non afecte aspectos fundamentais do proxecto e non supoña unha execución deficiente deste. En calquera caso, unha xustificación inferior ao 60 % do investimento inicialmente concedido ou o modificado pola correspondente resolución de modificación implicará a perda do dereito de cobramento da axuda.

7. No suposto de falta de xustificación documental ou material, a persoa beneficiaria perderá o dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, segundo os casos.

Artigo 25. Garantías

1. No caso de axudas con varias anualidades, será necesario para o pagamento de cada unha delas, excepto a última, a presentación dunha garantía en forma de aval bancario do 110 % da cantidade que hai que pagar, segundo o previsto nos artigos 62 e 67 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Estes avais deberán presentarse ante a Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda e Administración Pública da Comunidade Autónoma de Galicia, segundo o previsto no capítulo II do título IV do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Unha vez comprobada a realización da actividade ou proxecto para o cal se concedeu a subvención, as garantías serán liberadas.

4. Quedan exonerados da constitución de garantía os beneficiarios das subvencións concedidas das cales os pagamentos non superen os 18.000 euros, segundo o previsto no artigo 65.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 26. Cesión ou transmisión das axudas

1. A cesión ou transmisión das axudas outorgadas ao abeiro desta orde, mencionadas no artigo 22.8, non terán validez cando non sexan previamente autorizadas polo órgano que as concedeu.

2. A transmisión dos bens obxecto das accións subvencionadas, dentro dos cinco anos seguintes á data de resolución de pagamento da axuda, deberá ser previamente posta no coñecemento da autoridade que a outorgou para a súa autorización. No documento público da transmisión deberá o novo propietario subrogarse en todas as obrigas contraídas polo transmitinte e, en particular, deixar constancia do importe da axuda concedida, así como non efectuar ningunha modificación fundamental.

Dentro dos tres meses seguintes á data da transmisión, o transmitinte remitiralle á Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica unha copia do documento público de transmisión.

3. O incumprimento das obrigas establecidas neste artigo será causa de reintegro da axuda de forma proporcional ao período durante o cal se incumpriran os requisitos, segundo o disposto no artigo 65 do Regulamento (UE) nº 2021/1060.

Artigo 27. Verificación posterior ao pagamento da axuda

Os servizos da Consellería do Mar realizarán os controis oportunos para verificar que a acción subvencionada non teña, nos cinco anos seguintes á data de resolución de pagamento da axuda, unha modificación fundamental das establecidas no artigo 65 do Regulamento (UE) nº 2021/1060.

Artigo 28. Incumprimentos e reintegro das axudas

1. Se a persoa beneficiaria incumpre calquera dos requisitos establecidos nestas bases e as demais normas aplicables, así como as condicións e obrigas que, de ser o caso, se establezan na resolución de concesión da axuda, poderanse anular os beneficios concedidos coa obriga de reintegro da axuda ou subvención.

2. Procederá o reintegro total ou parcial da subvención concedida, así como os xuros de mora correspondentes desde o momento do pagamento da subvención e ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, nos supostos establecidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e nos artigos do 74 ao 76 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Ademais, será tamén causa de reintegro, de acordo coas directrices comunitarias para o exame das axudas estatais no sector da pesca e da acuicultura (2008/C84/06), a comisión de infracción do dereito comunitario pola persoa beneficiaria e, en especial, das normas da política pesqueira común durante o período cuberto pola subvención. O reembolso das axudas será proporcional á gravidade da infracción cometida.

4. Sen prexuízo da obriga de reintegro, se como consecuencia dunha comprobación posterior ou de calquera outra verificación se constata falsidade nas declaracións mencionadas nesta orde, serán de aplicación as infraccións e sancións establecidas na Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

5. Para este procedemento de reintegro terase en conta o establecido no capítulo II do título II da Lei de subvencións de Galicia.

Artigo 29. Infraccións e sancións

Sen prexuízo do establecido nos artigos anteriores, ás persoas beneficiarias das axudas reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto, no título IV da Lei de subvencións de Galicia.

Artigo 30. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrarlles á administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da devandita lei, a que estean vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 31. Servizo Nacional de Coordinación Antifraude

Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que puidesen ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiadas total ou parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea no marco da presente convocatoria poderá pór os ditos feitos en coñecemento do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude na Intervención Xeral da Administración do Estado, polos medios electrónicos a través da canle habilitada para o efecto polo dito servizo no enderezo web http://www.igae.pap.minhafp.gob.es/sitios/igae/es-ES/Paginas/denan.aspx, e nos termos establecidos na Comunicación 1/2017, do 6 de abril, que se pode consultar no enderezo web http://www.igae.pap.minhafp.gob.es/sitios/igae/es-ES/snca/Documents/ComunicacionSNCA06-04-2017Canaldenuncias.pdf

Artigo 32. Publicidade

1. En aplicación do establecido no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, serán obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia as axudas concedidas con expresión da convocatoria, programa e crédito orzamentario a que se imputan, persoa beneficiaria, a cantidade concedida e finalidade da subvención, coas excepcións previstas no dito artigo, de ser o caso. A aceptación da axuda supón a inclusión da operación e os seus datos na lista pública de operacións prevista de acordo co artigo 49.3 do Regulamento (UE) nº 2021/1060.

2. Así mesmo, serán igualmente obxecto de publicidade a través da páxina web da Consellería do Mar (http://mar.xunta.gal/) a relación de beneficiarios e o importe das axudas concedidas.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitiráselle á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Disposición adicional primeira

No non previsto nesta orde observarase o que establece o Regulamento (UE) 2021/1139 do Parlamento Europeo e do Consello, do 7 de xullo, relativo ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura; Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño, relativo ás disposicións comúns de fondos estruturais e de investimentos europeos; o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, e posteriores modificacións; o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; os preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e os do seu regulamento de execución; a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normativa de aplicación.

Disposición adicional segunda

Delégase no director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica a resolución de estas axudas.

Disposición derradeira primeira

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica para ditar as resolucións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de xuño de 2024

Alfonso Villares Bermúdez
Conselleiro do Mar

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file