DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 116 Luns, 17 de xuño de 2024 Páx. 36665

III. Outras disposicións

Consello de Contas de Galicia

RESOLUCIÓN do 6 de xuño de 2024 pola que se ordena a publicación do Acordo do 28 de maio de 2024 polo que se modifican as bases e se convoca o V Premio de Investigación Carlos G. Otero Díaz.

Dando cumprimento ao disposto na base 2 do Acordo do Pleno do 23 de setembro de 2019, polo que se crea o Premio de Investigación Carlos G. Otero Díaz e se establecen as bases para a súa concesión (DOG núm. 215, do 12 de novembro), modificadas mediante Resolución do conselleiro maior, do 23 de maio de 2022 (DOG núm. 110, do 9 de xuño), e Resolución do 23 de xuño de 2023 (DOG núm. 129, do 7 de xullo),

RESOLVO:

Ordenar a publicación do Acordo do Pleno do Consello de Contas de Galicia, do 28 de maio de 2024, polo que se modifican as bases reguladoras e se convoca o V Premio de Investigación Carlos G. Otero Díaz, como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 6 de xuño de 2024

Juan Carlos Aladro Fernández
Conselleiro maior do Consello de Contas de Galicia

ANEXO

Modificación das bases reguladoras e convocatoria do
V Premio de Investigación Carlos G. Otero Díaz.

O Pleno do Consello de Contas do 23 de setembro de 2019 tomou o Acordo polo que se creaba o Premio de Investigación Carlos G. Otero Díaz e se establecían as bases reguladoras para a súa concesión, e que foi publicado mediante Resolución do conselleiro maior, do 29 de outubro de 2019 (DOG núm. 215, do 12 de novembro).

Logo de catro edicións do premio e de dúas modificacións das súas bases reguladoras, mediante Resolución do 23 de maio de 2022 (DOG núm. 110, do 9 de xuño) e Resolución do 23 de xuño de 2023 (DOG núm. 129, do 7 de xullo), a experiencia adquirida recomenda afrontar novos cambios coa finalidade de promover a concorrencia e acadar un maior éxito nas convocatorias. Preténdese, tanto incrementar o número de participantes, como impulsar a presentación de traballos de cuxo contido poidan extraerse conclusións útiles para o exercicio das funcións asumidas polo Consello de Contas en materia de prevención da corrupción.

As medidas propostas para acadar estes obxectivos céntranse en acoutar as materias sobre as que deben tratar os traballos. Desde un punto de vista formal, proponse tamén reducir a extensión dos traballos de investigación que se vaian presentar e tratar de homoxeneizalos no seu formato.

Tendo en conta o anterior, o Pleno do Consello de Contas de Galicia, na súa sesión do 28 de maio de 2024,

ACORDA:

Primeiro. Modificar as bases 1, 7 e 10 referidas respectivamente ao obxecto, aos requisitos dos traballos e aos criterios de avaliación, cuxa nova redacción será a seguinte:

Modificación da Base 1. Obxecto

Constitúe o obxecto das bases reguladoras para a concesión do Premio de Investigación Carlos G. Otero Díaz distinguir aqueles traballos de investigación cuxo contido garde relación coa prevención da corrupción nas administracións públicas.

Os traballos que se presenten tratarán un tema de investigación relacionado coas seguintes materias:

1) As estratexias e marcos nacionais de integridade pública.

2) Os elementos esenciais das políticas de integridade e prevención da corrupción nas administracións públicas.

3) Os sistemas de integridade institucional nas administracións públicas.

4) Plans de medidas antifraude: análise comparativa da súa implantación no sector público.

5) A aplicación dos sistemas de integridade no ámbito da contratación pública.

6) A aplicación dos sistemas de integridade no ámbito das subvencións.

7) A aplicación dos sistemas de integridade noutros ámbitos sectoriais: xestión financeira, xestión de persoal, urbanismo, ambiente...

8) Metodoloxía e técnicas de avaliación de riscos de corrupción.

9) As novas tecnoloxías e a IA aplicadas á prevención de riscos de corrupción.

10) O control interno e externo en materia de integridade institucional.

11) A avaliación das políticas públicas de integridade institucional.

12) O papel dos órganos de control externo na prevención da corrupción.

Modificación da Base 7. Requisitos dos traballos

1. O traballo deberá ser orixinal, inédito e non ter obtido ningún outro premio de similares características con anterioridade á convocatoria deste premio.

2. O traballo non poderá terse presentado a convocatorias anteriores do Premio de Investigación Carlos G. Otero Díaz. Porén, poderán presentarse aqueles traballos que non fosen obxecto de valoración polo xurado en convocatorias anteriores, por concorrer o disposto no punto 6 desta base.

3. O traballo poderá estar redactado nos idiomas oficiais do Estado español e en inglés.

4. O traballo non poderá levar ningún distintivo, tanto en papel como no documento dixital, que permita a identificación das persoas autoras.

5. O traballo deberá ter unha extensión mínima de 30 folios e máxima de 35 a unha cara, incluída a bibliografía. O texto deberá reunir os seguintes requisitos: tipo de fonte Times New Roman; tamaño de fonte 12; entreliñado sinxelo; espaciado anterior e posterior 0 puntos; sen sangría; marxes superior e inferior 2,5 centímetros e esquerda e dereita 3 centímetros. Non poderá incluír notas ao rodapé.

6. Os traballos que non cumpran algún dos requisitos anteriores non serán obxecto de valoración polo xurado.

Modificación da Base 10. Criterios de avaliación

O xurado seleccionará os traballos que ao seu xuízo sexan merecedores do premio, tendo en conta os seguintes criterios de valoración:

a) Contido científico, orixinalidade e calidade. Valoraranse especialmente os traballos nos que prevaleza un enfoque práctico ou nos que se describan experiencias xa implantadas.

b) A súa achega ao coñecemento, diagnose e tratamento dunha determinada situación relacionada coa prevención da corrupción nas administracións públicas.

Por último, ademais das modificacións anteditas, proponse corrixir a redacción do primeiro parágrafo do punto 3 da base 6, que contiña un erro na mención aos sobres aos que se refire o punto 1.c) desta base, xa que o punto 1 non ten punto c). A base queda redactada como segue:

Corrección de erros da Base 6. Documentación que se vai presentar

1. A documentación que se debe presentar no momento da solicitude de participación será a seguinte:

Solicitude de participación na correspondente convocatoria do premio que figura como anexo I, para os únicos efectos do seu rexistro administrativo, da que non se dará traslado ao xurado.

Sobre 1: será un sobre branco pechado co título do traballo exclusivamente. O contido deste sobre 1 será unicamente un exemplar do traballo en formato papel ou dixital (preferentemente), e que deberá cumprir os requisitos previstos na base 7.

Sobre 2: será un sobre branco pechado co título do traballo e o pseudónimo da súa persoa autora ou persoas autoras exclusivamente. O contido deste sobre 2 será unicamente o impreso de participación do anexo II xunto coa copia do DNI da súa persoa autora ou persoas autoras.

2. Cando a documentación se presente sen cumprir algún dos requisitos do punto anterior, a Secretaría Xeral do Consello de Contas poderá requirir a súa emenda sempre que se garanta para o xurado o anonimato das solicitudes de participación presentadas, para o cal na solicitude do anexo I é imprescindible cubrir o enderezo electrónico.

3. Unha vez producida a resolución do xurado e elevada a proposta de concesión de acordo co previsto na base 11.1 e unha vez abertos os sobres que conteñen a identificación das persoas interesadas autoras dos traballos (sobre 2) requiriráselles para que, nun prazo de dez días, presenten a seguinte documentación:

No caso de persoas físicas, copia compulsada do DNI, pasaporte ou documento equivalente acreditativo da identidade da persoa autora.

Cando se trate dun grupo de investigación (varias persoas autoras), a documentación referida nos dous puntos anteriores deberá ser achegada para cada un dos seus integrantes.

4. A documentación a que se refire o punto anterior poderá presentarse a través da sede electrónica do Consello de Contas sen que sexa necesario presentala cando xa constase en poder do Consello de Contas. Neste caso, a persoa interesada deberá cubrir o punto B.2 do anexo II e autorizalo expresamente mediante a sinatura do punto B.3 do dito anexo II.

Segundo. Convocar o premio correspondente á edición de 2024 (quinta edición), que se rexerá polas seguintes disposicións:

Primeira. Convocatoria

Convócase o V Premio de Investigación Carlos G. Otero Díaz correspondente á edición de 2024, de acordo coa base 2 do Acordo do Pleno do Consello de Contas, do 23 de setembro de 2019, polo que se crea o Premio de Investigación Carlos G. Otero Díaz e se establecen as bases reguladoras para a súa concesión, publicado mediante Resolución do conselleiro maior, do 29 de outubro de 2019 (DOG núm. 215, do 12 de novembro), modificadas mediante Resolución do conselleiro maior, do 23 de maio de 2022 polo que se publica o Acordo do Pleno do 18 de maio de 2022 (DOG núm. 110, do 9 de xuño), Resolución do 23 de xuño de 2023, polo que se publica o Acordo do Pleno do 22 de xuño de 2023 (DOG núm. 129, do 7 de xullo), e Resolución do 6 de xuño de 2024, polo que se publica o Acordo do Pleno do 28 de maio de 2024.

Segunda. Requisitos e procedemento

Os requisitos e procedemento de concesión do premio serán os recollidos no Acordo do Pleno do Consello de Contas do 23 de setembro de 2019 no que se establecen as bases reguladoras para a súa concesión.

Terceira. Participantes

De acordo coa base 4 do Acordo do Pleno do Consello de Contas do 23 de setembro de 2019, modificada polo Acordo do Pleno do Consello de Contas do 18 de maio de 2022, poderán concorrer ao premio as persoas autoras ou coautoras de traballos de investigación, que teñan o seu domicilio en calquera dos Estados membros da Unión Europea, que poderán ter a condición de persoa física ou grupo de investigación, composto por persoas físicas, baixo a coordinación dun/dunha dos/das seus/súas integrantes, que actuará como representante do grupo e responsable do traballo aos efectos oportunos.

Non poderán concorrer ao premio:

a) Aquelas persoas que tivesen a condición de membro do Pleno do Consello de Contas á data desta convocatoria.

b) Aquelas persoas que obtivesen o premio nas dúas edicións anteriores á esta convocatoria.

c) Aquelas persoas que formasen parte do xurado nas dúas edicións anteriores á presente convocatoria.

Cuarta. Prazo de presentación

En cumprimento da base 5 do Acordo do Pleno do Consello de Contas do 23 de setembro de 2019, establécese que o prazo de presentación das solicitudes comezará a partir do día seguinte ao da publicación da presente convocatoria no Diario Oficial de Galicia, finalizando o 15 de novembro de 2024.

Quinta. Designación do xurado

De conformidade co disposto na base 9 do Acordo do Pleno do Consello de Contas do 23 de setembro de 2019, modificada polo Acordo do Pleno do Consello de Contas do 18 de maio de 2022, o xurado estará composto por:

Presidente: conselleiro/a maior do Consello de Contas de Galicia.

Vogais:

– Antonio Arias Rodríguez.

– María Concepción Campos Acuña.

– María Inmaculada Valeije Álvarez.

Secretaria: María Pérez Vázquez.

Sexta. Prazo do fallo do xurado

De conformidade co establecido na base 11 do Acordo do Pleno do Consello de Contas do 23 de setembro de 2019, modificada polo Acordo do Pleno do Consello de Contas do 18 de maio de 2022, o prazo para a emisión do fallo do xurado finalizará o 15 de decembro de 2024.

Sétima. Dotación económica

A dotación económica do V Premio de Investigación Carlos G. Otero Díaz é de 4.500 euros, distribuídos da seguinte forma:

a) Primeiro premio: 3.000 euros.

b) Segundo premio: 1.500 euros.

c) Accésits: no caso de ser declarados desertos o primeiro e segundo premios, poderanse conceder ata tres accésits de 1.000 euros cada un.

A dita contía imputarase á partida orzamentaria 02.01.111C.481.01 do orzamento do Consello de Contas para o exercicio 2024.

Oitava. Modelo de solicitude e impreso de participación

Publícanse o modelo de solicitude e o impreso de participación que figuran como anexos I e II do Acordo do Pleno do Consello de Contas do 23 de setembro de 2019.

Novena. Entrada en vigor

A presente convocatoria entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

ANEXO I

Modelo de solicitude

Solicitude de participación no V Premio de Investigación Carlos G. Otero Díaz.

En virtude do recollido nas bases reguladoras do Premio de Investigación Carlos G. Otero Díaz, aprobadas polo Pleno do Consello de Contas na súa sesión do 23 de setembro de 2019 e publicadas mediante Resolución do conselleiro maior, do 29 de outubro de 2019 (DOG núm. 215, do 12 de novembro), modificadas mediante Resolución do conselleiro maior, do 23 de maio de 2022 polo que se publica o Acordo do Pleno do 18 de maio de 2022 (DOG núm. 110, do 9 de xuño), e Resolución do 23 de xuño de 2023 pola que se publica o Acordo do Pleno do 22 de xuño de 2023 (DOG núm. 129, do 7 de xullo), e Resolución do 6 de xuño de 2024, pola que se publica o Acordo do Pleno do 28 de maio de 2024, de modificación das bases e convocatoria do V Premio de Investigación Carlos G. Otero Díaz e tendo en conta que a participación nesta non debe conter ningún elemento que permita identificar a persoa autora ou persoas autoras dos traballos,

SOLICÍTASE:

Que o traballo titulado ....................................................................................................................... presentado baixo o pseudónimo de ..........................................................., por don/dona .........................................................., con DNI ............................., e enderezo electrónico1 .............................. sexa admitido á concorrencia no V Premio de Investigación Carlos G. Otero Díaz.

Xúntase a seguinte documentación:

Sobre 1: será un sobre branco pechado co título do traballo exclusivamente. O contido deste sobre 1 será unicamente un exemplar do traballo en formato papel ou dixital (preferentemente), e que deberá cumprir os requisitos previstos na base 7.

Sobre 2: será un sobre branco pechado co título do traballo e o pseudónimo da súa persoa autora ou persoas autoras exclusivamente. O contido deste sobre 2 será unicamente o impreso de participación do anexo II xunto coa copia do DNI da súa persoa autora ou persoas autoras.

PRESTO O MEU CONSENTIMENTO para o tratamento dos meus datos de carácter persoal cos efectos previstos a continuación.

Os datos de carácter persoal que consten na solicitude de participación no premio serán tratados polo Consello de Contas de Galicia coa finalidade de xestión e resolución da convocatoria, debido ao seu interese público.

Os datos de carácter persoal serán conservados durante a tramitación do procedemento de concesión do Premio e das reclamacións que puidesen formularse, sendo de aplicación a normativa de arquivo e a xestión documental da Comunidade Autónoma de Galicia. Os datos dos que resultasen premiados nas modalidades que leven de seu unha prestación económica conservaranse de acordo co disposto na normativa tributaria estatal e autonómica.

Os datos de carácter persoal dos premiados poderán publicarse na páxina web do Consello de Contas e, se é o caso, nas redes sociais e nos medios de comunicación.

Os participantes na convocatoria do premio poderán exercer os seus dereitos de acceso, rectificación, supresión e portabilidade dos seus datos, de limitación e oposición ao seu tratamento, e a non ser obxecto de decisións baseadas unicamente no tratamento automatizado dos seus datos, cando proceda, ante o Consello de Contas de Galicia, rúa Domingo Fontán, 7, 15706 Santiago de Compostela, ou no enderezo electrónico dpd@ccontasgalicia.es

1É obrigatorio cubrir este campo para o caso de que sexa necesario emendar algún defecto da documentación.

Conselleiro maior; Consello de Contas de Galicia

Rúa Domingo Fontán, 7; 15702 Santiago de Compostela

ANEXO II

Impreso de participación

A) Solicitude de participación no V Premio de Investigación Carlos G. Otero Díaz.

A.1. Datos do traballo.

Título

Pseudónimo

A.2. Datos da persoa autora ou, se é o caso, responsable do grupo investigador.

Apelidos e nome

NIF/pasaporte

Enderezo

Concello

Provincia

País

Código postal

Teléfono

Enderezo electrónico

A.3. Exclusivamente para o caso de que se trate dun grupo investigador, sen personalidade xurídica propia, especificar os datos dos seus compoñentes, incluído/a o/a seu/súa responsable indicado no punto A.2.

Apelidos e nome ou razón social

NIF/pasaporte

% Premio que se vai aplicar (1)

A.4. Exclusivamente para cando a persoa autora ou responsable sexa persoa física.

Profesión

Organismo/empresa

Posto de traballo

(1) Especificar a porcentaxe do premio que se vai aplicar a cada un dos membros do grupo investigador.

B) Autorizacións e solicitude.

B.1. Autorización expresa de comunicación telemática.

AUTORIZA, como medio de comunicación preferente, o enderezo de correo electrónico

B.2. Documentación non achegada por atoparse en poder do Consello de Contas de Galicia con anterioridade a esta solicitude (cubrir só no caso de que proceda).

Descrición do documento

Descrición do procedemento onde se participaba

Data de presentación

B.3. Declaración, lugar, data e sinatura.

O(s)/a(s) que asina/n abaixo (2) en calidade de (3)................................................ realiza/n declaración responsable de que son certos cantos datos figuran na presente solicitude, de que o traballo presentado é orixinal, non foi premiado con anterioridade á publicación da convocatoria e non se atopa publicado nin se publicará ata que non se coñeza a resolución de concesión do premio mediante a súa publicación no Diario Oficial de Galicia. Así mesmo, acepta/n na súa totalidade as bases reguladoras e, se é o caso, autoriza/n á Secretaría Xeral do Consello de Contas de Galicia a solicitar os documentos non presentados e relacionados no punto B2 deste impreso. Finalmente, se o traballo resulta premiado, asume/n o compromiso de achegar a documentación que corresponda descrita na base 6.3.

En ................................................., .......... de ................................... de ............

Asinado:.........................................................................

(2) No caso de ser un grupo de investigación deberán asinar todos os seus membros.

(3) A/as persoa/s autora/s ou representante legal.

B.4. Autorización expresa para publicación e difusión dos traballos premiados.

AUTORIZA a publicación e difusión polo Consello de Contas dos traballos premiados