DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 116 Luns, 17 de xuño de 2024 Páx. 36650

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social e Igualdade

EXTRACTO da Orde do 6 de xuño de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras da concesión de estadías en prazas de establecementos balnearios da Comunidade Autónoma de Galicia dentro do programa Benestar en balnearios e de axudas para o ano 2024, e se procede á súa convocatoria (código de procedemento BS607A).

BDNS (Identif.): 767533.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da orde cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de estadías de dez días en establecementos balnearios da Comunidade Autónoma de Galicia dentro do programa de Benestar en balnearios para o ano 2024 (código do procedemento BS607A), e da axudas en especie, así como proceder á súa convocatoria.

Segundo. Persoas beneficiarias e requisitos

1. Poderán ser persoas beneficiarias do programa Benestar en balnearios para o ano 2024 aquelas que reúnan os seguintes requisitos:

a) Ser maior de 60 anos ou maior de 55 e reunir a condición de pensionista do sistema da Seguridade Social, polos conceptos de xubilación, invalidez, viuvez ou outras pensións.

b) Estar empadroada e residir nalgún concello da Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Valerse por si mesma para as actividades da vida diaria e estar en condicións de participar no programa.

d) Non padecer alteracións do comportamento que poidan afectar a convivencia normal nos establecementos, nin padecer enfermidade transmisible con risco de contaxio.

e) Carecer de contraindicación médica para a recepción dos tratamentos termais.

f) Acadar, de conformidade co baremo establecido, a puntuación que lle permita acceder a un dos balnearios e das quendas solicitadas.

g) Deben cumprir cos requisitos e coas obrigas sinalados no artigos 10 e 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

2. A persoa solicitante poderá participar na convocatoria da oferta de estadías e tratamentos do programa acompañada das seguintes persoas:

a) Polo seu ou a súa cónxuxe ou, se fose o caso, a parella de feito ou persoa coa que teña unha unión estable e de convivencia con análoga relación á conxugal, sempre que cumpra os requisitos citados no número 1, excepto o sinalado na letra a).

b) Por un fillo ou filla que teña un grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %, sempre e cando este poida acudir sen necesidade de apoio de terceira persoa, se poida desprazar con autonomía, comparta o cuarto coas persoas proxenitoras solicitantes e cumpra cos requisitos citados no número 1, agás o da letra a).

c) Por unha persoa coa que desexe participar no programa, sempre e cando esta cumpra todos os requisitos citados no número 1.

3. As persoas solicitantes terán que cumprir os requisitos establecidos na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes.

Terceiro. Servizos e prestacións ofertados

1. A estadía inclúe os seguintes servizos e prestacións:

a) Aloxamento e manutención en réxime de pensión completa e en cuartos dobres, de uso compartido ou, no caso de existir dispoñibilidade, en cuartos individuais.

b) Tratamentos termais, coas indicacións terapéuticas que figuran para cada establecemento balneario no anexo IV, que comprenderán:

1º. O recoñecemento médico, ao ingresar no establecemento balneario, para a prescrición do tratamento.

2º. O tratamento termal básico que, en cada caso, prescriba o persoal médico do establecemento balneario.

3º. O seguimento médico do tratamento.

c) Programa de actividades de animación sociocultural que se leve a cabo no establecemento balneario.

d) Póliza colectiva de seguro turístico.

2. As persoas solicitantes que estean interesadas en aloxarse en cuarto individual, no caso de que houber dispoñibilidade, teranse que facer cargo da diferenza entre o prezo aboado e o prezo total dese cuarto.

3. As persoas solicitantes que precisen dalgún tipo de apoio ou dieta especial terano que indicar no momento de presentar a solicitude, nos termos do anexo I, e acreditalo ao incorporarse á quenda.

4. As persoas solicitantes que estean interesadas en participar nas excursións ou actividades con custo adicional que organice o establecemento balneario, non incluídas no número 1, terano que facer polos seus propios medios e ao seu cargo.

5. O desprazamento desde o domicilio ata o establecemento balneario, así como o de regreso, será por conta das persoas solicitantes, sen prexuízo de que se poidan acoller ás facilidades para o transporte que ofertase o establecemento balneario, se for o caso.

Cuarto. Bases reguladoras

Orde do 6 de xuño de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras da concesión de estadías en prazas de establecementos balnearios da Comunidade Autónoma de Galicia dentro do programa de Benestar en balnearios e de axudas para o ano 2024, e se procede á súa convocatoria (código do procedemento BS607A).

Quinto. Estadías nas prazas de establecementos balnearios e quendas convocadas

1. Convócanse estadías para 1.235 prazas para participar no programa de Benestar en balnearios 2024 da Xunta de Galicia, que se levarán a cabo nas quendas e nos establecementos balnearios que se relacionan no anexo IV.

2. As quendas teñen unha duración de dez días, con nove noites cada unha, e comprenderán desde as doce horas da mañá do día de chegada ata as doce horas da mañá do día de saída.

3. O desenvolvemento destas quendas terá lugar durante o período comprendido entre o 17 de xullo e o 18 de decembro do ano 2024.

Sexto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

Cando o último día do prazo sexa inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte segundo o artigo 30.5 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.

A presentación da solicitude supón a aceptación das obrigas reguladas nesta orde para ser beneficiaria da axuda, así como a aceptación da axuda.

Santiago de Compostela, 6 de xuño de 2024

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social e Igualdade