DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 116 Luns, 17 de xuño de 2024 Páx. 36837

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 5 de xuño de 2024, da Comisión Provincial de Vivenda de Ourense, de inicio do procedemento de selección de persoas adxudicatarias de catro vivendas de promoción pública, para o expediente OU-2006/707, no concello de Allariz.

De conformidade co establecido nos artigos 22 a 30 do Decreto 1/2010, do 8 de xaneiro, polo que se regula o Rexistro Único de Demandantes de Vivenda de Galicia e a adxudicación das vivendas protexidas, así como das acollidas a programas de acceso á vivenda con axudas públicas, e no Decreto 253/2007, do 13 de decembro, de réxime xurídico do solo e das edificacións promovidas polo Instituto Galego da Vivenda e Solo, a Comisión Provincial de Vivenda de Ourense, en sesión do 5 de xuño de 2024,

ACORDA:

Iniciar o procedemento de selección das persoas adxudicatarias de catro (4) vivendas de protección oficial de promoción pública, que se desenvolverá de conformidade cos seguintes criterios:

Primeiro. Características das vivendas

1. Expediente e contas: expediente OU-2006/707, contas 22-23-25-28.

2. Localización das vivendas: rúa Irmandade, núm. 5 (3º D, 3º E, 3º G, ático A) en Allariz.

3. Tipoloxía das vivendas:

• Vivendas de entre 44,28 m2 e 47,65 m2. As vivendas son de un (1) dormitorio e dispoñen de garaxe e rocho.

Segundo. Cualificación das vivendas

A promoción obtivo a cualificación definitiva como vivendas de promoción pública en virtude da resolución do xefe territorial de Ourense do Instituto Galego da Vivenda e Solo do 6 de xullo de 2011.

Terceiro. Condicións xerais das persoas beneficiarias

1. Poderán acceder a estas vivendas de promoción pública (VPP) as persoas, nacionais ou estranxeiras, maiores de idade ou menores emancipadas, con plena capacidade de obrar que, como titulares dunha unidade familiar ou convivencial, reúnan os seguintes requisitos:

a) Estar inscritas ou anotadas, na data desta resolución de inicio, no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda de Galicia, na Sección Primeira, na modalidade de VPP, para o concello onde se localizan as vivendas como concello preferente.

b) Ter ingresos ponderados por unidade familiar ou de convivencia, no último exercicio fiscal vencido, entre 0,7 e 2,5 veces o IPREM, ao abeiro do disposto no artigo 18.1 do Decreto 253/2007, do 13 de decembro.

c) Residir ou traballar no concello onde se localizan as vivendas, agás no caso de persoas emigrantes que desexen retornar e que acrediten residir fóra de Galicia por un tempo non inferior a cinco anos.

d) Carecer, calquera membro da unidade familiar ou de convivencia, de vivenda en calidade de propietario, agás que se dea algunha das seguintes circunstancias:

• Acreditar que a vivenda de que se dispón sexa inhabitable, insuficiente ou inadecuada nos termos especificados na Resolución do 14 de setembro de 2012, do Instituto Galego da Vivenda e Solo. Se a persoa resulta adxudicataria, queda obrigada a ofertar ao IGVS a dita vivenda.

• Habitar unha vivenda suxeita a expediente de expropiación ou desafiuzamento xudicial ou administrativo non imputable á persoa interesada, ou ben ocupar aloxamentos provisionais como consecuencia de situacións de emerxencia ou remodelación que impliquen a perda da vivenda.

e) Non encontrarse nalgunha destas circunstancias, referidas a calquera membro da unidade familiar ou de convivencia:

• Que xa fosen titulares dunha VPP e a perdesen como consecuencia dun procedemento de desafiuzamento, resolución de contrato tramitado polo IGVS ou a allease por calquera causa, coa excepción de cambio de residencia por motivos laborais, ou outros xustificados, ao xuízo da Comisión Provincial.

• Que sexan titulares de bens inmobles de natureza rústica ou urbana suxeitos ao imposto sobre bens inmobles, que teñan un valor catastral superior a 30.000 euros.

2. Sen prexuízo do anterior, será requisito para a adxudicación das vivendas, manter a vixencia da inscrición no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda ao longo de todo o proceso de selección, de xeito que a falta de renovación da inscrición, de resultar obrigado/a a iso nos termos do artigo 15 do Decreto 1/2010, do 8 de xaneiro, en calquera momento anterior ao acordo de adxudicación definitiva, determinará a perda do dereito ao acceso á vivenda.

3. Composición das unidades convivenciais: as vivendas serán sorteadas entre unidades convivenciais de ata 2 membros.

Cuarto. Réxime de adxudicación e condicións xerais de carácter económico

As vivendas adxudicaranse en arrendamento.

a) Os contratos de arrendamento terán unha vixencia de 7 anos prorrogables por períodos anuais e estará prohibida, en todo caso, a cesión ou subarrendamento, total ou parcial. A contravención desta prohibición dará lugar á resolución do contrato de arrendamento, con independencia das sancións que procedan.

b) A renda inicial anual será a que resulte de lle aplicar o 3 % ao que sería o prezo de venda da vivenda e anexos, de ser o caso, determinado de acordo co establecido no Decreto 253/2007.

c) A firmeza da adxudicación estará condicionada á sinatura do correspondente contrato de arrendamento, logo de pagamento por parte da persoa adxudicataria da fianza correspondente.

Quinto. Procedemento de adxudicación e data do sorteo

O procedemento de selección tramitarase consonte o establecido nos artigos 22 a 30 do Decreto 1/2010, do 8 de xaneiro.

A selección de persoas adxudicatarias e de reserva efectuarase mediante sorteo, que terá lugar ante notario/a o día 26 de xuño de 2024, ás 10.00 horas, nas dependencias da Área Provincial do IGVS, rúa Sáenz Díez, número 1, de Ourense, agás indispoñibilidade da persoa fedataria autorizante, ou calquera outra causa de forza maior apreciada pola comisión, casos en que se publicará a data definitiva do sorteo na páxina web do IGVS, cunha antelación mínima de tres días naturais.

Seleccionarase unha lista de catro (4) persoas adxudicatarias e unha lista de espera que estará composta polo resto de persoas candidatas.

Unha vez rematado o sorteo, procederase á publicación da lista provisional de persoas adxudicatarias e da lista de espera, e, realizados os trámites previstos nos artigos 24 e 25 do Decreto 1/2010, esta comisión provincial ditará resolución aprobatoria da lista definitiva de persoas adxudicatarias.

A lista definitiva desde procedemento de selección manterá a súa vixencia ata que se produza algunha das seguintes circunstancias:

a) A aprobación pola Comisión Provincial de Vivenda dunha nova lista definitiva.

b) O esgotamento da lista debido a que non queden persoas integrantes ás que ofertar as vivendas.

Sexto. Reservas

Non se fai ningunha reserva das establecidas nos artigos 74 da Lei 8/2012 e no 34 do Decreto 253/2007.

Sétimo. Publicidade e reclamacións

A resolución de inicio do procedemento de adxudicación publicarase no Diario Oficial de Galicia, e as sucesivas publicacións, incluída a dita resolución de inicio do procedemento, a lista de persoas adxudicatarias provisionais resultante do sorteo e a resolución da lista definitiva de persoas adxudicatarias e de espera, de acordo cos artigos 22.1 e 24.3 do Decreto 1/2010, do 8 de xaneiro, publicaranse no taboleiro de anuncios do concello, no da Área Provincial do Instituto Galego da Vivenda e Solo, e na páxina web do organismo.

Esta publicidade substituirá as notificacións persoais, de conformidade co previsto no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Tras a publicación da lista provisional na forma indicada, as persoas solicitantes que se consideren prexudicadas no seu dereito disporán dun prazo de dez días para presentar reclamación ante a Comisión Provincial de Vivenda, que deberá adoptar a resolución que proceda no prazo máximo de tres meses.

A lista definitiva publicarase de igual forma que a lista provisional. A resolución aprobatoria porá fin á vía administrativa. Contra esta resolución, poderase interpor recurso de reposición no prazo dun mes, de conformidade co establecido no artigo 123 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, ou recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante o órgano xurisdicional.

Octavo. Adxudicación de vivendas e prazo para renunciar

De conformidade co disposto no artigo 28 do Decreto 1/2010, do 8 de xaneiro, a Área Provincial procederá a determinar a vivenda que lle corresponde a cada persoa adxudicataria, tendo en conta a mellor adecuación das vivendas á composición da unidade de convivencia, notificándose o resultado xunto coa adxudicación.

A adxudicación seralles notificada ás persoas interesadas e deberá conter, entre outros, os seguintes datos: tipo de vivenda, superficie útil, réxime de adxudicación e prezo de venda ou renda.

O feito de resultar adxudicatario/a provisional no sorteo non determinará a condición de adxudicatario/a definitivo/a, mentres non se acredite que se reúnen os requisitos sinalados no criterio terceiro desta resolución.

En caso de renuncia ou incumprimento doutros requisitos, procederase á exclusión da unidade familiar ou convivencial da lista, cos efectos previstos no artigo 73.3 da Lei 8/2012, de vivenda de Galicia, se é o caso.

Para os efectos do previsto no artigo 28.2 do Decreto 1/2010, establécese un prazo de 15 días para que, en caso de resultar adxudicataria definitiva dunha destas vivendas, a persoa interesada poida renunciar a ela ou, no caso de aceptala, efectuar o ingreso da fianza correspondente.

Noveno. Actuación revisora

Correspóndelle á Comisión Provincial de Vivenda a revisión das adxudicacións de vivendas nos casos en que se observe que a dita adxudicación se produciu tendo en conta datos falseados ou incompletos.

A falsidade ou ocultación na achega de datos dará lugar á incoación do oportuno expediente sancionador coas consecuencias e efectos que figuran na Lei 8/2012, do 29 de xuño, de vivenda de Galicia.

Ourense, 5 de xuño de 2024

Pilar Fernández León
Presidenta da Comisión Provincial de Vivenda de Ourense