DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 115 Venres, 14 de xuño de 2024 Páx. 36276

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 24 de maio de 2024, da Dirección Territorial de Pontevedra, pola que se concede a autorización administrativa previa e de construción dunha instalación eléctrica no concello da Estrada (expediente IN407A 2023/535-4).

Expediente: IN407A 2023/535-4.

Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Denominación: subestación A Estrada: blindaxe MT e repotenciación T-I e T-II 25 MVA 66/20 kV.

Concello: A Estrada.

Feitos:

1. O 11.12.2023, a empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción do proxecto de execución da instalación eléctrica denominada subestación A Estrada: blindaxe MT e repotenciación T-I e T-II 25 MVA 66/20 kV.

O proxecto de execución que acompaña a solicitude foi asinado polo enxeñeiro industrial Carlos Cristóbal Dolado, colexiado 17.068 do COIIM, e en que figura un orzamento total de 27.000,00 euros.

Examinado o proxecto de execución, conclúese que consiste na repotenciación da subestación eléctrica A Estrada 66/20 kV, mediante as seguintes actuacións previstas, no concello da Estrada (Pontevedra):

– Substitución dos dous trafos existentes de potencia 66/20 kV de 12 MVA por dous de potencia 66/20 kV de 25 MVA.

– Blindaxe do parque de 20 kV substituíndo as celas actuais por unhas novas blindadas, illamento en SF6 e configuración dobre barra.

– Substitución do transformador de servizos auxiliares existente por dous novos transformadores 20/0,42 kV 160 kVA.

– Instalación dun novo cadro de servizos auxiliares e unha nova fonte de alimentación de 125 Vcc.

2. Esta dirección territorial solicitou o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas, isto é, o Concello da Estrada, Augas de Galicia e a Demarcación de Estradas do Estado. A empresa promotora manifestou a súa conformidade co condicionado emitido pola Demarcación de Estradas do Estado.

Os demais organismos non emitiron os condicionados técnicos entendéndose en consecuencia a súa conformidade coa autorización de construción da dita infraestrutura eléctrica, conforme o disposto no artigo 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro; sen prexuízo da autorización que lles corresponda outorgar.

Consideracións legais e técnicas:

1. A Dirección Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 49/2024, do 22 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (DOG núm. 126, do 4 de xullo), e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro).

2. A lexislación de aplicación ao presente expediente é:

– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

– Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

– Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

– Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

– Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro).

3. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:

– Repotenciación da subestación eléctrica A Estrada 66/20 kV consistente na instalación de dous novos transformadores de potencia T-I e T-II 66/20 kV de 25 MVA cada un por dous de 12 MVA.

– Substitución das actuais celas de 20 kV, por celas blindadas, illamento en SF6 e configuración dobre barra.

– Instalación de dous transformadores de servizos auxiliares TSA-I e TSA-II 20/0,42 kV 160 kVA e os correspondentes armarios de servizos auxiliares, así como un rectificador cargador batería.

– Instalación dos cables asociados aos novos transformadores, tanto de 66 kV como de 20 kV.

A instalación está situada no concello da Estrada (Pontevedra).

Conforme o indicado,

RESOLVO:

1. Outorgar á empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada subestación A Estrada: blindaxe MT e repotenciación T-I e T-II 25 MVA 66/20 kV, expediente IN407A 2023/535-4, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e ás condicións establecidas nos condicionados dos organismos que constan no expediente.

2. A empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade. En todo momento se deberán cumprir as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

3. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a execución. Unha vez constituídas estas instalacións, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de autorización de explotación ante esta dirección territorial acompañada da seguinte documentación:

– As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento, e as certificacións ou homologacións, se procede.

– Un certificado dirección final de obra en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas axeitadas para a montaxe da instalación e posta a punto.

– Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.

4. O incumprimento das condicións e requisitos establecidos nesta resolución poderá dar lugar á súa revogación, logo da audiencia á promotora, de conformidade co disposto no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro.

5. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Economía e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Pontevedra, 24 de maio de 2024

Beatriz López del Olmo
Directora territorial de Pontevedra