DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 115 Venres, 14 de xuño de 2024 Páx. 36281

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 24 de maio de 2024, da Dirección Territorial de Pontevedra, pola que se concede a autorización administrativa previa e de construción dunha instalación eléctrica no concello de Vigo (expediente IN407A 2023/495-4).

Expediente: IN407A 2023/495-4.

Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Denominación: LMTS SDM706 e CS avenida Madrid 133.

Concello: Vigo.

Feitos:

1. O 7.11.2023, a empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción do proxecto de execución da instalación eléctrica denominada LMTS SDM706 e CS avenida Madrid 133.

O proxecto de execución que acompaña a solicitude foi asinado pola enxeñeira técnica industrial Herminia López Caamaño, colexiada 4598 do Colexio de Enxeñeiros Técnico Industrial de Vigo, e en que figura un orzamento total de 59.525,12 euros.

Examinado o proxecto de execución, conclúese que consiste na ampliación de potencia de subministración eléctrica de 155 kW a 630 kW, mediante as seguintes actuacións previstas, na avenida de Madrid, 113, no concello de Vigo (Pontevedra):

– Instalación dun centro de seccionamento en edificio prefabricado de formigón en subterráneo, de ventilación horizontal, manobra exterior 3L+TT, con dúas celas de saída telecontroladas vía GPRS/3G, que estará conectado á liña de media tensión subterránea (LMTS) SDM7061296 e instalado na parcela con referencia catastral 4445203NG2744N0001FT.

– Instalación dunha LMTS de 40 metros de lonxitude para alimentar o centro de seccionamento proxectado.

2. Esta dirección territorial solicitou o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas, isto é, o Concello de Vigo, Augas de Galicia e a Demarcación de Estradas do Estado. A empresa promotora manifestou a súa conformidade co condicionado emitido polo Concello de Vigo.

A Demarcación de Estradas do Estado emitiu unha resolución de autorización.

Augas de Galicia non emitiu o condicionado técnico entendéndose en consecuencia a súa conformidade coa autorización de construción da dita infraestrutura eléctrica, conforme o disposto no artigo 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro; sen prexuízo da autorización que lle corresponda outorgar.

Consideracións legais e técnicas:

1. A Dirección Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 49/2024, do 22 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (DOG núm. 126, do 4 de xullo), e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro).

2. A lexislación de aplicación ao presente expediente é:

– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

– Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

– Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

– Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

– Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro).

3. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:

– Liña de media tensión subterránea (LMTS) a 15 kV, con condutor RHZ1, de 40 metros de lonxitude, coa orixe e final nos empalmes que se van realizar coa LMTS SDM7061296, na avenida de Madrid fronte ao número 133, unha vez entre e saia do centro de seccionamento proxectado.

– Centro de seccionamento subterráneo, en edificio prefabricado, con celas compactas e corte en SF6 (3L, dúas telecontroladas).

A instalación está situada na avenida de Madrid nº 133, no concello de Vigo (Pontevedra).

Conforme o indicado,

RESOLVO:

1. Outorgar á empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada LMTS SDM706 e CS avenida Madrid 133, expediente IN407A 2023/495-4, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e ás condicións establecidas nos condicionados dos organismos que constan no expediente.

2. A empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade. En todo momento se deberán cumprir as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

3. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a execución. Unha vez constituídas estas instalacións, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de autorización de explotación ante esta dirección territorial acompañada da seguinte documentación:

– As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento, e as certificacións ou homologacións, se procede.

– Un certificado dirección final de obra en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas axeitadas para a montaxe da instalación e posta a punto.

– Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.

4. O incumprimento das condicións e requisitos establecidos nesta resolución poderá dar lugar á súa revogación, logo da audiencia á promotora, de conformidade co disposto no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro.

5. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Economía e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Pontevedra, 24 de maio de 2024

Beatriz López del Olmo
Directora territorial de Pontevedra