DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 114 Xoves, 13 de xuño de 2024 Páx. 35944

IV. Oposicións e concursos

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 6 de xuño de 2024, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, relativa á publicación das puntuacións definitivas e finalización da fase de oposición dos procesos selectivos para o ingreso en diversas categorías de persoal estatutario licenciado sanitario.

Mediante a Resolución do 7 de maio de 2024 (Diario Oficial de Galicia núm. 93, do 14 de maio) procedeuse á publicación do modelo definitivo de respostas dos distintos exercicios, así como das puntuacións provisionais da fase de oposición do proceso selectivo para o ingreso en diversas categorías de persoal estatutario licenciado sanitario, convocados polas resolucións da Dirección Xeral de Recursos Humanos do 14 e 15 de decembro de 2022 (DOG núm. 3, do 4 de xaneiro de 2023).

A base oitava das resolucións de convocatoria do proceso dispón que, tras a publicación das puntuacións provisionais dos exercicios, os/as aspirantes poderán presentar reclamación, ante o tribunal, no prazo de cinco días hábiles seguintes ao da dita publicación, unicamente de existiren erros na confección aritmética da puntuación obtida.

A estimación ou desestimación das reclamacións entenderase implícita na resolución pola que se aproben as puntuacións definitivas dos distintos exercicios, que se publicará no Diario Oficial de Galicia. Se no mesmo período o tribunal, de oficio, aprecia algún erro na confección aritmética da puntuación obtida na fase de oposición por algún/algunha aspirante, poderá proceder á súa corrección.

Finalizado este prazo, e de conformidade coa dita base, este centro directivo

RESOLVE:

Primeiro. Dar publicidade, a través da páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es), ás puntuacións definitivas obtidas polos/as aspirantes presentados/as en cada un dos exercicios que integran a fase de oposición do proceso selectivo para o ingreso nas categorías de facultativo/a especialista de área nas especialidades de Alergoloxía, Anatomía Patolóxica, Anestesioloxía e Reanimación, Anxioloxía e Cirurxía Vascular, Aparello Dixestivo, Cardioloxía, Cirurxía Cardiovascular, Cirurxía Oral e Maxilofacial, Cirurxía Pediátrica, Cirurxía Plástica, Estética e Reparadora, Cirurxía Torácica, Cirurxía Xeral e Aparello Dixestivo, Dermatoloxía Médico-Cirúrxica e Venereoloxía, Endocrinoloxía e Nutrición, Hematoloxía e Hemoterapia, Medicina Física e Rehabilitación, Medicina Intensiva, Medicina Interna, Medicina Preventiva e Saúde Pública, Microbioloxía e Parasitoloxía, Nefroloxía, Neurocirurxía, Neuroloxía, Oftalmoloxía, Oncoloxía Médica, Otorrinolaringoloxía, Pediatría e as súas áreas específicas, Pneumoloxía, Psicoloxía Clínica, Psiquiatría, Radiodiagnóstico, Reumatoloxía, Uroloxía, Xeriatría e nas categorías de médico/a de admisión e documentación clínica, médico/a asistencial do 061 e médico/a coordinador do 061, convocados polas resolucións da Dirección Xeral de Recursos Humanos do 14 e 15 de decembro de 2022 (DOG núm. 3, do 4 de xaneiro de 2023).

Na relación que se publica figuran aspirantes que accederon á condición de persoal estatutario fixo na mesma categoría en que participan, logo da finalización dos prazos posesorios establecidos na Resolución do 17 de abril de 2024, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se realiza o nomeamento como persoal estatutario fixo e a adxudicación de destino definitivo dos/das aspirantes seleccionados/as no proceso selectivo, polo sistema de concurso, para o acceso á condición de persoal estatutario fixo en diversas especialidades da categoría de facultativo/a especialista de área, convocado pola Resolución do 11 de maio de 2023 (Diario Oficial de Galicia núm. 80, do 23 de abril), postos de difícil cobertura, que non poderán resultar seleccionados/as neste proceso ao teren a condición de persoal estatutario fixo na categoría.

Segundo. Declarar finalizada a fase de oposición do referido proceso selectivo.

Terceiro. Esta resolución poderá ser impugnada polos/as interesados/as nos termos previstos nas bases 7) e 11) das resolucións de convocatoria dos procesos.

Santiago de Compostela, 6 de xuño de 2024

María del Mar Pousa Cobas
Directora xeral de Recursos Humanos