DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 114 Xoves, 13 de xuño de 2024 Páx. 35946

IV. Oposicións e concursos

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 6 de xuño de 2024, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, relativa á publicación das puntuacións definitivas e finalización da fase de oposición dos procesos selectivos para o ingreso en diversas categorías de persoal estatutario.

Mediante a Resolución do 25 de abril de 2024 (Diario Oficial de Galicia núm. 88, do 6 de maio) procedeuse á publicación do modelo definitivo de respostas dos distintos exercicios, así como das puntuacións provisionais da fase de oposición do proceso selectivo para o ingreso en diversas categorías de persoal estatutario, convocados polas resolucións da Dirección Xeral de Recursos Humanos do 14 e 15 de decembro de 2022 (DOG núm. 3, do 4 de xaneiro de 2023).

A base oitava das resolucións de convocatoria dos procesos dispón que, tras a publicación das puntuacións provisionais dos exercicios, os/as aspirantes poderán presentar reclamación, ante o tribunal, no prazo de cinco días hábiles seguintes ao da dita publicación, unicamente de existiren erros na confección aritmética da puntuación obtida.

A estimación ou desestimación das reclamacións entenderase implícita na resolución pola que se aproben as puntuacións definitivas dos distintos exercicios, que se publicará no Diario Oficial de Galicia. Se no mesmo período o tribunal, de oficio, aprecia algún erro na confección aritmética da puntuación obtida na fase de oposición por algún/algunha aspirante, poderá proceder á súa corrección.

Finalizado este prazo, e de conformidade coa dita base, este centro directivo

RESOLVE:

Primeiro. Dar publicidade, a través da páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es), ás puntuacións definitivas obtidas polos/as aspirantes presentados/as en cada un dos exercicios que integran a fase de oposición dos procesos selectivos convocados polas resolucións da Dirección Xeral de Recursos Humanos do 14 e 15 de decembro de 2022 (DOG núm. 3, do 4 de xaneiro de 2023), para o ingreso nas seguintes categorías polas diferentes quendas de acceso:

Persoal sanitario facultativo: odontólogo/a de atención primaria.

Persoal sanitario non facultativo:

Enfermeiro/a especialista en obstetricia-xinecoloxía (matrón/matrona), enfermeiro/a especialista en saúde mental, enfermeiro/a especialista en enfermaría familiar e comunitaria, enfermeiro/a especialista en enfermaría pediátrica, fisioterapeuta, terapeuta ocupacional, técnico/a superior en hixiene bucodental e técnico/a superior en imaxe para o diagnóstico.

Persoal de xestión e servizos:

Técnico/a superior de sistemas e tecnoloxías da información, enxeñeiro/a técnico/a, técnico/a de xestión de sistemas e tecnoloxías da información, grupo auxiliar da función administrativa e celador/a.

Segundo. Declarar finalizada a fase de oposición do referido proceso selectivo.

Terceiro. Esta resolución poderá ser impugnada polos/as interesados/as nos termos previstos nas bases 7) e 11) das resolucións de convocatoria dos procesos.

Santiago de Compostela, 6 de xuño de 2024

María del Mar Pousa Cobas
Directora xeral de Recursos Humanos