DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 113 Mércores, 12 de xuño de 2024 Páx. 35742

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 28 de maio de 2024, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a Resolución do 27 de maio de 2024 relativa á solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do monte veciñal en man común Valgrande, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Meda, no concello da Veiga.

Unha vez examinada a solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do MVMC Valgrande, pertencente á CMVMC de Meda, no concello da Veiga, resultan os seguintes

Feitos:

Primeiro. O 25.4.2023 a CMVMC de Meda presentou unha solicitude (Rexel número 2023/1255610) de revisión parcial de esbozo do MVMC Valgrande, no concello da Veiga.

Coa solicitude achegaron a seguinte documentación:

– Certificación do acordo da Asemblea Xeral do día 3 de setembro de 2022.

– Memoria e planos.

– Arquivos xeográficos en formato vectorial.

Segundo. O Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Ourense emitiu un informe favorable o día 30 de xuño de 2023 en relación coa citada solicitude. Nel quedaron zonas sen revisar, pois aparecen dúbidas de propiedade non resoltas pola comunidade propietaria. Estas zonas péchanse unindo a liña revisada ao esbozo existente e tendo en conta as parcelas catastrais, e permanece este perímetro como sen revisar, polo que non se terá en conta esta liña trazada provisional para calquera efecto, liña sen aprobar por parte da Comunidade de Meda.

A superficie do MVMC Valgrande resultante, tras unir o esbozo parcial presentado segundo o punto 3, resulta de 223,38 ha fronte ás 275 ha da clasificación, o que supón unha redución de superficie do 19 %.

Tendo en conta o anterior, emítese informe favorable sobre a revisión do esbozo do MVMC Valgrande.

Consideración legal e técnica:

Única. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, na súa disposición transitoria décimo terceira, establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.

De acordo con ela, os esbozos de montes veciñais integrados nun expediente que, pola súa antigüidade, non reúnan as características de fiabilidade e precisión que exixen as novas técnicas topográficas poderán ser obxecto de revisión, e axustaranse e completaranse con aqueles datos e documentos que se consideren necesarios, en particular os requiridos para a súa inmatriculación no Rexistro da Propiedade.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 30 de xuño de 2023, o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común acordou por unanimidade o día 14 de maio de 2024:

Aprobar a proposta de revisión de esbozo do MVMC Valgrande, pertencente á CMVMC de Meda, no concello da Veiga.

Ourense, 28 de maio de 2024

Luis Jorge Álvarez Ferro
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense