DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 111 Luns, 10 de xuño de 2024 Páx. 34896

II. Autoridades e persoal

b) Nomeamentos

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

ORDE do 31 de maio de 2024 pola que se nomean vogais do Consello Reitor do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia.

O artigo 10 dos estatutos do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), aprobados polo Decreto 165/2014, do 11 de decembro, establece que o Consello Reitor é o órgano superior colexiado de goberno do Instituto e na súa composición será paritaria a representación dos axentes sociais e da Administración.

A composición do Consello Reitor fíxase no artigo 11 dos citados estatutos e indícase que está integrado pola Presidencia, a Vicepresidencia, a Secretaría, e que, ademais, formarán parte del os seguintes vogais:

a) En representación dos axentes sociais: un/unha vogal en representación de cada un dos sindicatos que estean presentes na Mesa Xeral de Negociación das Administracións Públicas, nos termos expostos na disposición adicional décimo terceira da Lei 16/2010, do 17 de decembro, e o mesmo número de vogais designados por proposta das organizacións empresariais máis representativas da Comunidade Autónoma.

b) En representación da Administración, un número de vogais suficiente para garantir a composición paritaria do Consello Reitor:

1) A persoa titular da Xerencia do Instituto.

2) Un/unha vogal por cada unha das consellerías con competencias en materia de sanidade, minas e facenda, designado/a pola persoa titular da consellería respectiva de entre as persoas titulares dos seus órganos superiores ou de dirección.

3) No caso de ser necesario, os/as restantes vogais serán designados/as pola persoa titular da consellería competente en materia de traballo entre as persoas titulares dos seus órganos superiores ou de dirección da Administración xeral da Comunidade Autónoma.

Nos parágrafos segundo e terceiro do citado artigo 11 disponse que os nomeamentos e cesamentos das persoas titulares e suplentes que se designen para as distintas vogalías do Consello Reitor serán efectuados pola persoa titular da consellería competente en materia de traballo. No caso das vogalías correspondentes ás organizacións sindicais e empresarial, serán propostos por estas.

Debido ás modificacións producidas nas designacións das distintas vogalías, a Orde do 12 de decembro de 2019 pola que se nomean vogais do Consello Reitor do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia foi modificada pola Orde do 16 de outubro de 2020, pola Orde do 13 de outubro de 2021, pola Orde do 22 de febreiro de 2023 e pola Orde do 15 de setembro de 2023.

O 14 de abril de 2024 publicouse o Decreto 42/2024, do 14 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia. Esa estrutura desenvólvese mediante o Decreto 49/2024, do 22 de abril, pola que se fixa a estrutura orgánica das distintas consellerías da Xunta de Galicia, e o 27 de maio publícanse os distitntos decretos de estrutura orgánica das consellerías que teñen presenza no Consello Reitor. Entre eles, cómpre mencionar singularmente o Decreto 147/2024, do 20 de maio, da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, consellería á cal queda adscrito o Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia. Como consecuencia destes cambios, é preciso publicar a nova composición do Consello Reitor.

En virtude do anterior, e unha vez feitos todos os trámites previstos, cómpre facer o seu nomeamento que, para xeral coñecemento, se publicará no Diario Oficial de Galicia.

Así, de conformidade coas atribucións que me confiren a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta de Galicia e da súa Presidencia, e os artigos 10 e 11 dos estatutos do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia, aprobados polo Decreto 165/2014, do 11 de decembro,

DISPOÑO:

Primeiro. Nomear vogais titulares e suplentes do Consello Reitor do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia as seguintes persoas:

a) En representación dos axentes sociais:

a.1. Catro vogais en representación dos sindicatos presentes na Mesa Xeral de Negociación das Administracións Públicas, nos termos expostos na disposición adicional décimo terceira da Lei 16/2010, do 17 de decembro:

– Como vogal titular: Fernando Sabio Maroño, pola Confederación Intersindical Galega.

– Como vogal suplente: Xulia González Pascual, pola Confederación Intersindical Galega.

– Como vogal titular: Armando Iglesias Rodríguez, polo Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia.

– Como vogal suplente: Xesús Castro Baamonde, polo Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia.

– Como vogal titular: José Luis Fernández Celis, pola Unión Xeral de Traballadores de Galicia.

– Como vogal suplente: Trinidad Campos Rodríguez, pola Unión Xeral de Traballadores de Galicia.

– Como vogal titular: Alba Arceo Vilas, pola Central Sindical Independente e de Funcionarios de Galicia.

– Como vogal suplente: Carolina Moldes Castiñeiras, pola Central Sindical Independente e de Funcionarios de Galicia.

a.2. Catro vogais en representación das organizacións empresariais máis representativas da Comunidade Autónoma:

– Como vogal titular: Jose Ángel Lorenzo Ramírez, pola Confederación de Empresarios de Galicia.

– Como vogal titular: Enrique Mallón Otero, pola Confederación de Empresarios de Galicia.

– Como vogal titular: Jorge Somoza Lázare, pola Confederación de Empresarios de Galicia.

– Como vogal titular: José No Varela, pola Confederación de Empresarios de Galicia.

– Como vogal suplente: José Antonio Neira Cortés, pola Confederación de Empresarios de Galicia.

– Como vogal suplente: Inma del Brío González, pola Confederación de Empresarios de Galicia.

– Como vogal suplente: José Manuel Maceira Blanco, pola Confederación de Empresarios de Galicia.

– Como vogal suplente: María Botana Rocamonde, pola Confederación de Empresarios de Galicia.

b) En representación da Administración, un número de vogais suficiente para garantir a composición paritaria do Consello Reitor:

b.1. A persoa titular da Xerencia do Instituto, Mª Adela Quinzá-Torroja García:

– Como vogal suplente: Mª Encarnación Sousa Rodríguez, subdirectora xeral técnica e de Planificación.

b.2. Un/unha vogal pola consellería competente en materia de sanidade:

– Como vogal titular: Natalia Lobato Mosquera, secretaria xeral técnica.

– Como vogal suplente: Sergio Domingo Vaamonde Boquete, vicesecretario xeral.

b.3. Un/unha vogal pola consellería competente en materia de minas:

– Como vogal titular: Pablo Fernández Vila, director xeral de Planificación Enerxética e Minas.

– Como vogal suplente: persoa que se nomee como titular da Subdirección Xeral de Recursos Minerais.

b.4. Un/unha vogal pola consellería competente en materia de facenda:

– Como vogal titular: José Mª Barreiro Díaz, director xeral de Simplificación Administrativa e do Patrimonio.

– Como vogal suplente: Rubén Plaza Martínez, subdirector xeral de Desenvolvemento e Avaliación Profesional.

b.5. Dous vogais pola consellería competente en materia de traballo:

– Como vogal titular: Zeltia Lado Lago, directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego.

– Como vogal suplente: Jesús Sanjurjo Paz, subdirector xeral do Servizo Público de Emprego de Galicia.

– Como vogal titular: Marta Mariño Regueiro, directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social.

– Como vogal suplente: Farrah Lisa Meghazi, subdirectora xeral de Economía Social.

Segundo. Esta orde producirá efectos desde o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 31 de maio de 2024

José González Vázquez
Conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración