DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 109 Xoves, 6 de xuño de 2024 Páx. 34266

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

RESOLUCIÓN do 16 de maio de 2024, da Secretaría Xeral para o Deporte, pola que se dá publicidade aos estatutos da Federación Galega de Baile Deportivo.

O Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, atribúelle á Comunidade Autónoma galega a competencia exclusiva en materia de promoción do deporte.

Ao abeiro desta competencia, aprobouse a Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia, coa finalidade de promover e coordinar o deporte na Comunidade Autónoma de Galicia, así como ordenar o seu réxime xurídico e a súa organización institucional, de acordo coas competencias que o Estatuto de autonomía e o resto do ordenamento xurídico lle atribúen á Comunidade Autónoma de Galicia.

Tendo en conta que unha parte esencial do desenvolvemento da actividade deportiva na comunidade galega a constitúen os axentes deportivos, entre os que a normativa legal recolle as entidades deportivas, entidades que se agrupan en fórmulas asociativas sinxelas ou complexas xurdidas como froito das necesidades comúns nos logros de obxectivos na práctica das diversas modalidades deportivas e que, en virtude do disposto na normativa de aplicación, deben estar inscritas no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia, regulado no Decreto 85/2014, do 3 de xullo, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia.

Correspóndelle á persoa titular da consellería competente en materia de deportes (na actualidade, Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes) a competencia para aprobar os estatutos das federacións deportivas galegas de conformidade ao disposto no artigo 54.1 da Lei 3/2012, do 2 de abril.

Os estatutos das federacións deportivas galegas e as súas modificacións publicaranse no Diario Oficial de Galicia, logo da aprobación destes pola Administración autonómica, de acordo co previsto no artigo 54.7 da Lei 3/2012, do 2 de abril.

En virtude do anterior, e verificada a adecuación á legalidade dos estatutos presentados, logo da súa inscrición e depósito e en uso das facultades que me foron conferidas,

RESOLVO:

Dar publicidade aos estatutos da Federación Galega de Baile Deportivo, que figuran como anexo, de conformidade coa resolución de aprobación do conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, do 15 de maio de 2024, e dos cales consta depositada copia íntegra no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia.

Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderá interpoñerse recurso de alzada ante o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa notificación, de acordo co sinalado nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 16 de maio de 2024

José Ramón Lete Lasa
Secretario xeral para o Deporte

ANEXO

Estatutos da Federación Galega de Baile Deportivo

TÍTULO I

Denominación, especialidades, domicilio, estrutura territorial,
obxecto e funcións, normativa aplicable, impacto ambiental
e neutralidade de xénero

Artigo 1. Denominación e especialidades

1. A Federación Galega de Baile Deportivo (FGBD) é a entidade privada con personalidade xurídica propia e plena capacidade de obrar, sen ánimo de lucro, que ten por obxecto, mediante a integración de entidades deportivas, deportistas, técnicos-adestradores e xuíces, a práctica da modalidade de baile deportivo e de competición, así como promover, regulamentar e organizar o baile deportivo no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia. A FGBD exerce, ademais das súas propias atribucións, por delegación, funcións públicas de carácter administrativo, actuando en tal caso como entidade colaboradora da Comunidade Autónoma galega baixo a súa tutela e coordinación.

2. A FGBD ten a consideración de entidade de utilidade pública, nos termos establecidos na lexislación.

3. A FGBD forma parte da FEBD e aplícanselle as normas e os regulamentos da FEBD e da Federación Internacional (WDSF) cando actúen en competicións oficiais de carácter estatal ou internacional. A Federación Galega de Baile Deportivo recoñece e acata expresamente os estatutos, regulamentos e códigos da FEBD e da World Dance Sport Federation.

Artigo 2. Domicilio

O domicilio social actual establécese na rúa Lugo, nº 3, 1ª planta, CP 15270 Cee, A Coruña, e pode ser cambiado de localidade ou de provincia sempre dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, por acordo de 2/3 dos membros asistentes á Asemblea Xeral, por proposta da Xunta Directiva.

Artigo 3. Estrutura territorial

A estrutura territorial da FGBD é autonómica, aínda que poderá adoptar calquera das modalidades legalmente permitidas, que determinará de ser o caso o correspondente regulamento de desenvolvemento dos presentes estatutos.

Artigo 4. Obxecto e funcións

1. A FGBD exerce como funcións propias as seguintes:

a) A convocatoria das seleccións deportivas da súa modalidade deportiva e a designación dos deportistas que as integren.

b) Colaborar coas administracións públicas e coa FEBD, así como coas restantes entidades deportivas, na promoción do deporte de baile deportivo.

c) Colaborar coa Administración deportiva autonómica na execución dos plans e programas dos deportistas galegos de alto nivel.

d) Se é o caso, e de conformidade coa normativa que sexa de aplicación, colaborar e/ou organizar as competicións oficiais e actividades deportivas de carácter estatal ou internacional que se realicen no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

e) Elaborar as súas propias normas técnicas e regulamentos deportivos.

f) Colaborar coa Administración deportiva autonómica na formación de técnicos-adestradores e xuíces-controladores, segundo a normativa que sexa de aplicación.

g) Fomentar a participación no deporte do baile deportivo das persoas con algunha discapacidade.

2. A FGBD exerce como funcións publicas delegadas, en réxime de exclusividade, as seguintes:

a) Representar a Comunidade Autónoma de Galicia nas actividades e competicións deportivas do deporte de baile deportivo, de conformidade coa normativa que sexa de aplicación.

b) Organizar as competicións oficiais autonómicas federadas.

c) Expedir licenzas deportivas para a práctica do deporte de baile deportivo nos termos establecidos na lexislación vixente.

d) Asignar as subvencións e axudas de carácter público concedidas e controlar que os seus asociados lles dean unha correcta aplicación.

e) Garantir o cumprimento das normas de réxime electoral nos procesos de elección dos seus órganos representativos e de goberno, así como dos demais dereitos e obrigas derivados do cumprimento destes estatutos.

f) Exercer a potestade disciplinaria nos termos establecidos pola Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia, e polas súas disposicións de desenvolvemento, de acordo cos presentes estatutos e regulamentos de desenvolvemento.

g) Executar, de ser o caso, as resolucións do Comité Galego de Xustiza Deportiva.

h) Colaborar coas administracións públicas competentes na prevención, control e represión do uso de substancias e grupos farmacolóxicos prohibidos, así como na prevención da violencia no deporte. Para estes efectos, e entre outras accións, a FGBD instruirá e resolverá os expedientes sancionadores que no ámbito da dopaxe se substancien, de conformidade co establecido na lexislación vixente.

i) Calquera outra que regulamentariamente se determine.

3. A FGBD fomentará que a dedicación significativa á práctica do deporte do baile deportivo se corresponda tendencialmente coas exixencias da semiprofesionalidade ou profesionalidade da práctica do deporte, tanto por conta allea como por conta propia, de conformidade coas súas modalidades admitidas pola lexislación vixente.

4. A FGBD utilizará preferentemente para o cumprimento dos seus obxectivos e funcións as novas tecnoloxías da información e a comunicación, a través do seu propio sitio na internet.

5. Os actos adoptados pola federación no exercicio das funcións públicas de carácter administrativo son susceptibles de recurso administrativo ante o Comité Galego de Xustiza Deportiva.

Artigo 5. Normativa aplicable

A FGBD regulará a súa estrutura e o funcionamento de acordo cos principios de representación e participación democrática, e rexerase pola Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia, polos presentes estatutos e os seus regulamentos de desenvolvemento.

Artigo 6. Educación social-deportiva e loita contra a dopaxe

A FGBD adoptará a premisa de respecto e igualdade entre os seus membros. Fomentará a educación social entre os deportistas e adoptará cantas medidas estean ao seu alcance co fin de salvagardar a igualdade e a loita contra a dopaxe durante o desenvolvemento das súas actividades. Así mesmo, colaborará nestas materias cos organismos e entidades públicas ou privadas no ámbito do seu territorio.

Artigo 7. Neutralidade de xénero

1. Pola propia natureza do deporte de baile deportivo, a FGBD axustarase na ordenación desta modalidade deportiva ao principio de neutralidade de xénero, fomentando así mesmo a organización e práctica desta modalidade deportiva con suxeición aos principios establecidos no artigo 29 da Lei Orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes.

2. Todas as referencias que se realicen nos presentes estatutos as persoas de xénero masculino entenderanse feitas así mesmo, en condicións de plena igualdade, a persoas de xénero feminino.

TÍTULO II

Dos órganos de goberno e representación da federación

CAPÍTULO I

Xeneralidades

Artigo 8. Principio democrático

A FGBD axusta o seu funcionamento interno ao principio democrático baseado nas eleccións reguladas no seu propio regulamento electoral, nos termos previdos no artigo 5 dos presentes estatutos.

Artigo 9. Regulamento electoral e procedemento de designación da xunta electoral

1. O Regulamento Electoral da FGBD será aprobado pola Asemblea Xeral e remitido á Administración autonómica, para a súa aprobación, con anterioridade á realización efectiva do proceso electoral.

2. O devandito regulamento terá que regular as seguintes cuestións:

a) Calendario electoral.

b) Requisitos para presentación e reclamacións de candidatos, así como sistemas de desempate e reclamacións.

c) Composición, competencias e funcionamento da xunta electoral e das mesas electorais.

d) Censo electoral, dividido por circunscricións electorais de existir estas, con garantía da súa posta ao dispor dos candidatos en cada caso.

e) Número de membros da Asemblea Xeral e distribución dos mesmos por estamentos.

f) Circunscricións electorais, no seu caso, e número de representantes de cada estamento por cada unha delas.

g) Regulación do voto por correo.

h) Sistema de elección do presidente.

i) Composición e sistema de elección da Comisión Delegada.

j) Procedemento de resolución de conflitos, reclamacións e recursos electorais.

3. A xunta electoral constituirase previamente á convocatoria de eleccións, estando integrada por tres membros titulares e tres suplentes, elixidos por sorteo na Asemblea Xeral, entre as persoas que presenten a súa candidatura, que deberá facerse na mesma Asemblea Xeral en que teña lugar a súa elección, podendo estar os candidatos presentes nela. Os membros da xunta electoral deberán reunir os requisitos seguintes:

a) Ser maior de 18 anos.

b) Non presentarse como candidato a membro da Asemblea Xeral.

c) Non ter relación contractual ou profesional coa FGBD.

d) Non estar a cumprir sanción disciplinaria firme ou sanción administrativa firme en materia deportiva que comporte sanción de inhabilitación para ocupar cargos nunha organización deportiva.

No caso de non presentación de candidatos a membros da xunta electoral, o presidente da FGBD propoñerá á Asemblea Xeral os membros necesarios para completala, que deberán reunir os requisitos definidos no apartado anterior. No acto de sorteo designarase, ademais, o número de suplentes establecidos para supostos de enfermidade ou calquera outra causa excepcional.

4. Para as primeiras eleccións á Asemblea Xeral aplicarase a normativa a que se refire a disposición transitoria única dos presentes estatutos.

Artigo 10. Órganos colexiados e órganos unipersoais

1. Os órganos de goberno e representación da FGBD poden ser colexiados e unipersoais.

2. Son órganos colexiados da FGBD a Asemblea Xeral, a Comisión Delegada e a Xunta Directiva.

3. Son órganos unipersoais da FGBD o presidente, o vicepresidente, o secretario e o tesoureiro.

CAPÍTULO II

Dos órganos colexiados

Artigo 11. A Asemblea Xeral

1. A Asemblea Xeral é o máximo órgano de representación e goberno da FGBD, e nela estarán representados os seguintes estamentos:

a) Deportistas.

b) Entidades deportivas.

c) Xuíces.

d) Técnicos-adestradores.

e) Outros colectivos, se os houbese.

2. A Asemblea Xeral estará composta por membros elixidos entre e polos distintos estamentos recentemente mencionados. A representación na Asemblea Xeral dos distintos estamentos responderá as proporcións establecidas na lexislación aplicable, segundo o disposto no regulamento correspondente.

3. A elección para a Asemblea Xeral levarase a cabo de acordo coas regras establecidas na lexislación aplicable e no Regulamento electoral.

4. Os membros da Asemblea Xeral serán elixidos cada catro anos por sufraxio libre, igual, directo e secreto, por e entre os integrantes maiores de 18 anos de cada estamento, de conformidade co número e proporcións de representación que se establecen nestes mesmos estatutos e no Regulamento electoral, nos anos en que teñan lugar os Xogos Olímpicos de Inverno. A representación das entidades deportivas corresponde ao seu presidente ou persoa autorizada, de acordo cos seus propios estatutos. O exercicio dos dereitos dos deportistas, dos técnicos-adestradores e dos xuíces é persoal, e non admite delegación algunha. Ningún membro da Asemblea poderá ostentar unha dobre representación na mesma.

5. A Asemblea Xeral, tanto ordinaria como extraordinaria, quedará validamente constituída cando concorran en primeira convocatoria a metade máis un dos seus membros, e en segunda convocatoria –que terá lugar media hora máis tarde– calquera que sexa o número de asistentes, sendo obrigatoria a presenza do presidente e do secretario nas sesións.

6. A Asemblea Xeral deberá ser convocada, en sesión ordinaria, polo menos unha vez ao ano, necesariamente antes de comezar unha nova tempada deportiva, polo menos co obxecto de:

a) Aprobar o novo orzamento.

b) Liquidar o anterior orzamento.

c) Aprobar o calendario deportivo e as normas técnicas ou regulamentos deportivos que rexerán a competición.

d) Aprobar a memoria de actividades anuais.

7. A Asemblea Xeral poderá ser convocada, con carácter extraordinario, polo presidente ou por proposta dun número dos seus membros non inferior ao 25 %. Presentada a solicitude de convocatoria polo número de membros suficiente, o presidente deberá convocala necesariamente no prazo de 10 días naturais. Desde a convocatoria ata a data de celebración da asemblea non poderán transcorrer máis de 20 días naturais.

A convocatoria, que deberá conter a orde do día da reunión, notificarase individualmente a cada un dos membros da asemblea cunha antelación mínima de 48 horas, por calquera medio que permita ter constancia da data da súa recepción. Así mesmo, farase pública na paxina web da federación, con 10 días de antelación á data de celebración.

8. A Asemblea Xeral poderá reunirse en Pleno ou en Comisión Delegada.

9. Son competencias da Asemblea Xeral, en reunión plenaria, con carácter exclusivo:

a) A aprobación do orzamento anual e a súa liquidación.

b) A aprobación do calendario deportivo e das normas técnicas ou dos regulamentos deportivos que rexerán a competición.

c) A aprobación dos regulamentos.

d) A aprobación e modificación dos estatutos.

e) A elección e o cesamento do presidente.

f) A disolución da federación, que deberá ser acordada por decisión dos 2/3 de todos os seus membros.

h) Calquera outra que estea prevista nos presentes estatutos e, en xeral, todas aquelas que non estean atribuídas expresamente a outros órganos da federación.

10. O voto será persoal. Admitirase a delegación de voto, tanto o correspondente ás entidades deportivas, que poderá exercer o seu presidente ou a persoa en que delegue, sempre que non sexa membro da Asemblea da federación, de acordo cos seus propios estatutos e con carácter expreso e escrito para cada reunión, como o correspondente a un membro da asemblea noutro membro do mesmo estamento, sempre que esta delegación sexa por escrito. Unicamente se permite que un membro da asemblea represente un voto delegado.

11. Os acordos serán adoptados, como regra xeral, por maioría simple, agás naqueles casos en que sexa precisa maioría cualificada, de conformidade cos presentes estatutos e regulamentos que os desenvolvan. De todos os acordos redactarase acta, especificaranse os nomes das persoas que interviñesen e as demais circunstancias que se consideren oportunas, así como o resultado da votación e, se é o caso, os votos particulares contrarios ao acordo adoptado.

Os votos contrarios ao acordo adoptado ou as abstencións motivadas eximirán das responsabilidades que puidesen derivar, de ser o caso, dos devanditos acordos. Todos os acordos serán públicos salvo que, excepcionalmente, se acorde a deliberación e o voto secreto por maioría de tres cuartas partes dos membros do órgano decisorio. A publicidade garantirase, polo menos, a través da paxina web da federación. Os acordos da Asemblea Xeral poderán ser impugnados ante a Administración deportiva autonómica de conformidade co disposto na lexislación vixente.

Artigo 12. A Comisión Delegada

A Comisión Delegada será elixida entre e pola Asemblea Xeral mediante sufraxio libre, igual directo e secreto entre os seus membros. O seu mandato coincidirá co da Asemblea Xeral. Será presidida polo presidente da federación como membro nato dela. Estará composta por polo menos cinco membros e deben estar representados todos os estamentos, respectando a proporcionalidade da Asemblea Xeral. O procedemento de elección será o fixado polo Regulamento electoral da federación.

Artigo 13. A Xunta Directiva

1. A Xunta Directiva e o órgano colexiado de xestión ordinaria da FGBD e os seus membros son designados e separados libremente polo presidente, que a presidirá.

2. Os membros da Xunta Directiva que non o sexan da Asemblea Xeral terán acceso ás sesións dela, con dereito a voz pero sen voto.

3. Todos os cargos son honoríficos e, en caso extraordinario, cando se estableza unha compensación económica xustificada a favor dalgún dos membros da Xunta Directiva ten que ser expresamente acordada por maioría absoluta da Asemblea Xeral e constar de maneira diferenciada no orzamento. En ningún caso a compensación económica poderá ser satisfeita con cargo ás subvencións públicas que reciba a federación.

4. Os membros da Xunta Directiva deberán estar en posesión da licenza federativa.

5. As funcións da Xunta Directiva son, entre outras:

a) Organizar, impulsar, desenvolver e adaptar o programa deportivo, as actividades e o calendario de competición da FGBD.

b) Executar os acordos adoptados pola Asemblea Xeral.

c) Desenvolver o orzamento xeral anual aprobado pola Asemblea Xeral, así como a xestión económica e administrativa da federación.

CAPÍTULO III

Dos órganos unipersoais

Artigo 14. O presidente e o vicepresidente

1. O presidente é o órgano executivo da federación. Exerce a súa representación legal, convoca e preside os órganos de representación e goberno, e executa os seu acordos.

2. Será elixido cada catro anos por sufraxio libre, igual, directo e secreto, polos compoñentes da Asemblea Xeral presentes no momento da elección, coincidindo cos anos dos Xogos Olímpicos de Inverno, de acordo coa lexislación aplicable, e o regulamento de aplicación. Non é necesario que sexa membro da Asemblea Xeral. Non poderá desempeñar ningunha outra actividade directiva ou de representación dentro da propia estrutura federativa. Non poderá exercer simultaneamente a presidencia dunha entidade deportiva integrada na federación.

3. En caso de ausencia ou incapacidade temporal, o presidente será substituído polo vogal da Xunta Directiva designado polo propio presidente ou, na súa falta, polo vogal de maior idade.

4. O presidente da FGBD exercerá as seguintes funcións:

a) Presidir e dirixir os órganos de goberno e representación dos que forme parte.

b) O voto de calidade, en caso de empate, naquelas decisións para adoptar nos órganos que preside.

c) Estimular e coordinar a actuación dos órganos federativos.

d) Ordenar pagamentos a nome da FGBD, asinando co tesoureiro os documentos para o efecto.

e) Conferir poderes especiais ou xerais a letrados, procuradores ou calquera outra persoa mandataria para que teña a súa representación legal, tanto en xuízo como fóra del.

f) Designar e separar o secretario e tesoureiro, así como aos demais membros da Xunta Directiva.

5. O presidente da FGBD cesará no seu cargo polos motivos seguintes:

a) Remate do termo do mandato.

b) Renuncia, morte ou incapacidade.

c) Incorrer nalgunha das causas de inelixibilidade establecidas nos presentes estatutos.

d) Aprobación da moción de censura, que será sempre construtiva.

6. Producido o cesamento do presidente por calquera das causas establecidas, excluída a moción de censura, o presidente en funcións convocará a Asemblea Xeral nun prazo non superior a un mes, e a celebración de eleccións deberá ser anterior ao transcurso de dous meses desde o seu cesamento.

7. A moción de censura haberá de ser proposta por, polo menos, o 45 % dos membros da asemblea xeral. Presentada a moción de censura, o presidente enviará a convocatoria da asemblea extraordinaria no prazo non superior a 10 días naturais. Entre a data da súa convocatoria e a votación da moción de censura non poden transcorrer máis de 20 días naturais.

O triunfo da moción de censura producirase polo voto favorable da maioría absoluta dos membros da asemblea xeral, e resultará elixido presidente o membro da asemblea que a expuxo.

Se a moción de censura fose rexeitada pola Asemblea Xeral, os seus signatarios non poderán presentar outra moción ata transcorrido un ano.

8. Corresponde ao vicepresidente substituír o presidente nas súas funcións por ausencia, enfermidade ou delegación expresa, así como desempeñar as funcións que lle sexan atribuídas pola Xunta Directiva.

Artigo 15. O secretario

1. O secretario, que o será tamén da Xunta Directiva e formará parte dela, será designado e separado polo presidente.

2. O secretario exercerá as funcións de fedatario e asesor, e máis especificamente as de:

a) Redactar actas das sesións dos órganos de goberno e representación, con indicación dos asistentes, temas tratados, o resultado das votacións e, de ser o caso, os votos particulares contrarios ao acordo adoptado.

b) Expedir as certificacións oportunas dos acordos adoptados dos órganos de goberno e representación.

c) Cantas funcións lle encomenden os presentes estatutos e regulamentos da federación, así como a lexislación vixente.

Artigo 16. O tesoureiro

O tesoureiro será designado e separado polo presidente, o nomeamento podendo recaer no secretario. O tesoureiro exercerá as funcións de:

a) Levar a contabilidade da federación.

b) Exercer a inspección económica de todos os órganos da federación.

c) Elaborar e presentar balances do estado contable da federación.

d) Calquera outra función que lle encomenden os presentes estatutos e regulamentos da federación.

TÍTULO III

Requisitos de adquisición ou perda da condición de federado,
réxime de concesión de licenzas federativas e condicións destas,
e dereitos, deberes e responsabilidades de todos os seus integrantes

Artigo 17. Requisitos de adquisición ou perda da condición de federado e réxime de concesión de licenzas federativas e condicións destas

1. As entidades deportivas que teñan entre os seus fins a practica e promoción do deporte de baile deportivo en calquera das súas especialidades integraranse, por petición propia, na FGBD, e deben cumprir os seguintes requisitos:

a) Solicitude de admisión mediante instancia dirixida ao presidente.

b) Número de Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia.

2. A admisión dunha entidade deportiva poderá comportar ingreso económico á FGBD en concepto de canon de entrada. O establecemento do canon de entrada e a súa contía deberá ser aprobado en asemblea por maioría dos presentes ou representados. A admisión suporá igualdade de dereitos para todo tipo de entidades deportivas que cumpran cos requisitos de accesos establecidos pola FGBD.

3. Os deportistas, técnicos-adestradores e xuíces que teñan entre a súa practica ou especialidade o deporte de baile deportivo poderán integrarse na FGBD por vontade propia, sempre a través da súa vinculación a unha entidade deportiva. A dita integración producirase mediante a concesión de licenzas. As licenzas poderán ser tramitadas e expedidas pola FEBD ou, de ser o caso, pola FGBD. As licenzas expedidas pola FEBD axustaranse á súa regulación específica.

As licenzas tramitadas e expedidas pola FGBD axustaranse, de ser o caso, ao disposto nun regulamento de desenvolvemento dos presentes estatutos.

4. O prazo de resolución da admisión dunha entidade deportiva, ou de concesión dunha licenza, non será superior a 30 días naturais, contados desde a recepción da solicitude.

5. As resolucións, tanto aprobatorias como denegatorias, deben comunicarse expresa e directamente á entidade deportiva ou ao interesado, sinalando, de ser o caso, o incumprimento dos requisitos. Contra a resolución poderase recorrer ante os órganos competentes.

6. A perda da condición de federado producirase nos termos establecidos pola lexislación vixente.

Artigo 18. Dereitos dos federados

1. Os federados teñen dereito a non ser discriminados por razón de nacemento, raza, sexo, relixión, opinión ou calquera outra condición ou circunstancia persoal ou social.

2. Con carácter xeral, todos os federados teñen o dereito para recibir a tutela da federación respecto dos seus intereses deportivos lexítimos, así como o de participar nas súas actividades e no seu funcionamento, a través dos medios e dos leitos establecidos.

3. Igualmente poderán participar na súa xestión, sendo electores e elixibles para os seus órganos de goberno e representación, conforme o disposto nas normas electorais vixentes en cada momento.

Artigo 19. Deberes e responsabilidades dos federados

1. Os federados teñen o deber de estar en posesión da licenza federativa.

2. Os federados tamén teñen o deber de aceptar e cumprir os estatutos e regulamentos da federación, así como o de someterse á autoridade dos órganos federativos en relación coas materias da súa competencia, sen prexuízo do dereito para impugnar ou recorrer as súas decisións ante as instancias correspondentes, acudindo mesmo ante a xurisdición competente.

3. O incumprimento dos deberes citadas poderá xerar responsabilidade, nos termos establecidos pola lexislación vixente.

TÍTULO IV

Réxime de responsabilidade dos presidentes
e membros da xunta directiva

Artigo 20. Principio xeral

O presidente, membros da Xunta Directiva ou dos órganos de dirección que puidesen estatutariamente establecerse serán persoalmente responsables, fronte a propia federación, fronte aos seus membros ou fronte a terceiros:

a) Das obrigas que contraese a federación e que non teñan, ou tivesen, o adecuado respaldo contable, non figuren nas contas presentadas e aprobadas, ou sexan obxecto dunha contabilización que non reflicta a natureza e alcance da obriga en cuestión, e que distorza a imaxe fiel que debe producir aquela.

b) Das obrigacións que contraese contra a prohibición expresa doutros órganos federativos competentes ou da Administración autonómica, así como das obrigas que impliquen un déficit non autorizado ou fóra dos limites da autorización.

c) En xeral, dos actos ou omisións que supoñan un prexuízo para a federación cando sexan realizados vulnerando normas de obrigado cumprimento.

Artigo 21. Exención de responsabilidade

A responsabilidade descrita no artigo anterior poderase exixir no caso de existencia de dolo ou culpa na actuación dos suxeitos responsables. En todo caso, quedarán exentos de responsabilidade aqueles que votasen en contra do acordo ou non interviñesen na súa adopción ou execución, ou aqueles que o descoñecesen ou, coñecéndoo, se opuxeran expresamente a aquel.

Artigo 22. Responsabilidade disciplinaria

A responsabilidade regulada no presente titulo é independente da responsabilidade disciplinaria na que se puidese incorrer, e que se exixirá conforme as disposicións xerais vixentes.

TÍTULO V

Do réxime documental

Artigo 23. Principio xeral

A custodia e o rexistro da documentación, libros-rexistro e arquivos da FGBD corresponde ao seu secretario.

Artigo 24. Libros rexistro

A FGBD levará polo menos os seguintes libros rexistro debidamente dilixenciados:

a) De membros (no que se poderán establecer seccións diferenciadas en atención ao tipo de membro).

b) De actas dos órganos de goberno e representación.

c) De contabilidade.

d) De inventario de bens mobles e inmobles.

Artigo 25. Exame e supervisión dos libros rexistro

Os libros rexistro e demais documentación estarán á disposición en todo momento da Administración deportiva autonómica competente, para o seu exame e supervisión.

TÍTULO VI

Do réxime económico-financeiro

Artigo 26. Do orzamento e da data de peche do exercicio económico da federación

1. A FGBD ten orzamento e patrimonio propios e deberá someter a súa contabilidade e estado económico ou financeiro ás prescricións legais.

2. A FGBD non poderá aprobar orzamentos deficitarios, aínda que, excepcionalmente, a Administración deportiva autonómica competente poderá autorizalo con tal carácter.

3. A administración do orzamento responderá ao principio de caixa única, debendo dedicarse os ingresos propios, de forma prioritaria, aos gastos da estrutura federativa.

4. A Xunta Directiva elaborará o proxecto de orzamento correspondente ao seguinte exercicio, para a súa aprobación pola Asemblea Xeral durante o último trimestre do exercicio económico. A data de peche do exercicio económico coincidirá coa da tempada deportiva respectiva.

5. O citado orzamento deberá remitirse á Administración deportiva no prazo dun mes desde a súa aprobación.

Artigo 27. Inspección económica

A FGBD someterá os seus libros de contabilidade á inspección, así como ás auditorías financeiras sobre a totalidade dos seus gastos, por requirimento da Administración deportiva autonómica competente.

Artigo 28. Exhibición da documentación económica

As contas anuais e os orzamentos teñen que estar no domicilio social da federación, cunha antelación de 15 días á celebración da Asemblea Xeral, ao dispor das persoas ou entidades con dereito a voto, as cales poderán pedir copia, que se lles entregará antes da celebración da Asemblea.

Artigo 29. Ingresos da federación

1. O patrimonio da FGBD estará integrado por:

a) Cotas dos seus afiliados.

b) Dereitos de inscrición e demais recursos que procedan das competicións organizadas pola federación.

c) Rendementos dos bens propios.

d) Subvencións, ou outras axudas, que as entidades públicas poidan concederlles, así como doazóns, herdanzas, legados e premios que lles sexan outorgados por persoas e/ou entidades públicas ou privadas.

e) Calquera outro recurso que lles poida ser atribuído.

2. A FGBD destinará a totalidade dos seus ingresos e do seu patrimonio á consecución dos fins propios do seu obxecto.

3. Os fondos deberán depositarse necesariamente en contas a nome da FGBD, en entidades financeiras, sen prexuízo de manter en caixa as sumas precisas para atender os gastos correntes.

4. Toda disposición de fondos con cargo ás devanditas contas deberá autorizarse por dúas firmas mancomunadas: a do presidente e a do tesoureiro. Con todo, en casos de ausencia xustificada ou de enfermidade, calquera deles poderá delegar a súa sinatura noutro membro da Xunta Directiva. A dita delegación haberá de ser realizada por escrito.

Artigo 30. Regras económico-financeiras específicas

Será necesaria a autorización da Administración autonómica para a venda ou gravame dos bens inmobles cuxa titularidade lle corresponda a FGBD que fosen financiados, en todo ou en parte, con fondos públicos. Así mesmo, requirirase igual autorización cando a FGBD pretenda comprometer gastos de carácter plurianual ou cando a natureza do gasto, ou a porcentaxe deste en relación co seu orzamento, vulneren os criterios que regulamentariamente se determinen.

Esta autorización pode consignarse nos contratos programa que poidan ser asinados entre a Administración deportiva autonómica e a FGBD para o desenvolvemento das súas actividades e funcións.

TÍTULO VII

Do réxime disciplinario

CAPÍTULO I

Disposicións xerais sobre infraccións e sancións

Artigo 31. Tipificación, natureza e clasificación das infraccións

1. As infraccións das regras do xogo ou competición e as infraccións das normas xerais de conduta deportiva tipificadas nestes estatutos constitúen faltas disciplinarias. As infraccións clasifícanse en moi graves, graves e leves. As sancións correspondentes aplicaranse en función da clasificación das infraccións.

2. Consideraranse infraccións moi graves as seguintes:

a) As actuacións dirixidas para predeterminar, mediante prezo, intimidación ou simple acordo ou decisión, o resultado dunha proba, encontro ou competición.

b) Os comportamentos e as actitudes agresivas e antideportivas ou discriminatorias dos deportistas ou técnicos, cando se dirixan aos xuíces, aos xurados, a outros deportistas, técnicos ou ao público.

c) Os quebrantamentos de sancións impostas.

d) A manipulación ou alteración, xa sexa persoalmente ou a través de persoa interposta, do material ou equipamento deportivo en contra das regras técnicas de cada especialidade, cando poidan alterar a seguridade da proba, encontro ou competición ou poñan en perigo a integridade das persoas.

e) Non executar ou desobedecer as resolucións no ámbito disciplinario do Comité Galego de Xustiza Deportiva.

f) A inasistencia sen causa xusta dos deportistas ás convocatorias da selección galega ou a negativa da entidade deportiva a facilitar a súa asistencia.

g) A aliñación indebida e non comparecer ou retirarse inxustificadamente das probas, encontros ou competicións.

h) A reincidencia na comisión de faltas graves. Enténdese que hai reincidencia na comisión cando se sexa sancionado mediante resolución firme pola comisión de tres ou máis infraccións graves no período dun ano.

Da infracción a que se refire a letra e) poderá ser responsable o presidente da federación, sen prexuízo das responsabilidades en que poidan incorrer outras persoas físicas integrantes dos órganos federativos.

3. Consideraranse infraccións graves as seguintes:

a) A falta de remisión no prazo ou de forma manifestamente incompleta, sen causa xusta, dos expedientes ou da información requirida polo Comité Galego de Xustiza Deportiva.

b) O incumprimento de ordes e instrucións emanadas dos órganos deportivos competentes.

c) Actuar de forma pública e notoria contra a dignidade e o decoro propios da actividade deportiva.

d) A reiteración de faltas leves. Entenderase que hai reiteración cando se sexa sancionado mediante resolución firme pola comisión de tres ou máis infraccións leves no período dun ano. Das infraccións a que se refiren as letras a) e b) poderá ser responsable o presidente da federación, sen prexuízo das responsabilidades en que poidan incorrer outras persoas físicas integrantes dos órganos federativos.

4. Consideraranse infraccións leves as seguintes:

a) As condutas contrarias ás normas deportivas que non estean incursas na cualificación de moi graves ou graves.

b) A incorrección co público, compañeiros e subordinados.

c) A adopción dunha actitude pasiva no cumprimento das ordes e instrucións recibidas de xuíces e autoridades deportivas no exercicio das súas funcións.

Artigo 32. Sancións

1. Pola comisión de faltas moi graves impoñeranse as seguintes sancións:

a) Multa en contía non superior a 1.500 euros.

b) Perda de puntos ou postos de clasificación.

c) Perda de ascenso de categoría ou división.

d) Clausura do recinto deportivo por un período máximo dunha tempada.

e) Suspensión ou privación da licenza federativa ou, se é o caso, da inscrición no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia, ou da habilitación para ocupar cargos na federación por un prazo máximo de cinco anos.

f) Privación da licenza federativa, cancelación da inscrición no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia ou privación da habilitación para ocupar cargos na federación a perpetuidade. Esta sanción unicamente poderá acordarse, de modo excepcional, pola reincidencia en infraccións de extrema gravidade.

g) Inhabilitación por un período de dous a catro anos, cando as infraccións sexan cometidas por directivos.

h) Destitución do cargo, cando as infraccións sexan cometidas polos directivos.

2. Pola comisión de faltas graves impoñeranse as seguintes sancións:

a) Amoestación pública.

b) Multa en contía non superior a 1.000 euros.

c) Clausura do recinto deportivo ata un máximo de catro probas ou tres meses.

d) Suspensión ou privación da licenza federativa e/o, de ser o caso, da inscrición no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia, e inhabilitación para ocupar cargos dun mes a dous anos.

3. Pola comisión de faltas leves impoñeranse as seguintes sancións:

a) Apercibimento.

b) Inhabilitación para ocupar cargos federativos ou suspensión de ata un mes, ou dunha a tres probas.

4. As multas soamente poderán impoñerse ás entidades deportivas e a quen, conforme estes estatutos, sexan considerados deportistas profesionais ou técnicos profesionais.

Artigo 33. Principio de proporcionalidade

1. No establecemento de sancións pecuniarias deberase ter en conta que a comisión das infraccións tipificadas non resulte máis beneficiosa para a persoa infractora que o cumprimento das normas infrinxidas.

2. Na determinación do réxime sancionador deberase gardar a debida adecuación entre a gravidade do feito constitutivo da infracción e a sanción aplicada.

3. Para graduar as sancións teranse en conta as circunstancias concorrentes, a natureza dos feitos, as consecuencias e os efectos producidos, a existencia de intencionalidade, a reincidencia e a concorrencia de circunstancias agravantes ou atenuantes.

4. En función das circunstancias previstas nos puntos anteriores, as sancións aplicaranse nos seus graos máximo, mínimo ou medio. De ser o caso, de concorrer circunstancias atenuantes cualificadas, poderase aplicar a sanción inferior nun grao á prevista.

Artigo 34. Circunstancias modificativas da responsabilidade

1. Serán consideradas como circunstancias atenuantes o arrepentimento espontáneo e a existencia de provocación suficiente inmediatamente anterior á comisión da infracción.

2. Serán consideradas como circunstancias agravantes da responsabilidade a reincidencia, o prezo, o prexuízo económico ocasionado e o número de persoas afectadas pola infracción respectiva.

3. Entenderase producida a reincidencia cando a persoa infractora cometa, polo menos, unha infracción da mesma natureza declarada por resolución firme, no termo dun ano.

4. Os órganos disciplinarios sancionadores poderán, no exercicio da súa función, aplicar a sanción no grao que consideren adecuado, ponderando, en todo caso, a natureza dos feitos, a personalidade do responsable, as consecuencias da infracción e a concorrencia de circunstancias atenuantes ou agravantes.

Artigo 35. Causas de extinción da responsabilidade

A responsabilidade disciplinaria extínguese:

a) Polo cumprimento da sanción.

b) Polo falecemento da persoa inculpada.

c) Por disolución da entidade sancionada.

d) Por prescrición das infraccións ou sancións.

Artigo 36. Prescrición de infraccións e sancións

1. As infraccións moi graves prescribirán aos tres anos, as graves prescribirán ao ano e as leves, ao mes.

2. O termo de prescrición comeza a contar o día en que se cometeron os feitos e interrómpese no momento en que se acorda iniciar o procedemento sancionador. O seu cómputo renovarase se o expediente permanecese paralizado durante un mes por causa non imputable ao presunto responsable.

3. As sancións prescribirán aos tres anos, ao ano ou ao mes, segundo se trate das que correspondan a infraccións moi graves, graves ou leves. O prazo de prescrición comezará a contar desde o día seguinte a aquel en que adquira firmeza a resolución pola que se impuxo a sanción, ou desde o momento en que se quebrantase o seu cumprimento, se este xa comezase.

Artigo 37. Prohibición de dobre sanción polos mesmos feitos

Non poderá impoñerse máis dunha sanción polos mesmos feitos.

Artigo 38. Aplicación dos efectos retroactivos favorables

As disposicións disciplinarias teñen efecto retroactivo en canto favorezan ao infractor, aínda que no momento da publicación das disposicións máis favorables se ditase sanción firme.

Artigo 39. Prohibición de sancionar por infraccións non tipificadas no momento da súa comisión

Non poderá impoñerse ningunha sanción por accións ou omisións non tipificadas como infracción con anterioridade ao momento de se produciren, nin tampouco poderán impoñerse sancións que non estean establecidas por norma anterior á comisión da infracción.

CAPÍTULO II

Procedementos e órganos disciplinarios deportivos

Artigo 40. Procedemento disciplinario

A imposición de sancións pola comisión das infraccións previstas nestes estatutos e no regulamento de réxime disciplinario que o desenvolva axustarase aos procedementos previstos no capítulo IV do título VII da Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia.

Artigo 41. Clases de procedementos

1. Os procedementos para a imposición de sancións serán o abreviado e o ordinario.

2. O procedemento abreviado é aplicable para a imposición das sancións por infracción das regras do xogo ou da competición. En todo caso, deberá asegurárselles o trámite de audiencia ás persoas interesadas e o dereito ao recurso.

3. O procedemento ordinario será de aplicación para as sancións correspondentes ás infraccións das normas xerais de conduta deportiva.

Artigo 42. Regras comúns aos procedementos

1. No non previsto nos presentes estatutos serán de aplicación supletoria as normas contidas na Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia; na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

2. Os procedementos sancionadores respectarán a presunción de inexistencia de responsabilidade administrativa mentres non se demostre o contrario.

3. As sancións impostas a través do correspondente procedemento disciplinario serán inmediatamente executivas, salvo que o órgano encargado da resolución do recurso acorde a suspensión.

4. As actas subscritas polos xuíces da proba ou competición constituirán medio documental necesario en conxunto da proba das infraccións ás regras e normas deportivas. Igual natureza terán as ampliacións ou aclaracións a aquelas. As manifestacións do xuíz plasmadas nas citadas actas presúmense certas, salvo proba en contrario.

Artigo 43. Procedemento abreviado

As regras a que se axusta o procedemento abreviado son as seguintes:

1. Iniciación:

a) O procedemento abreviado iníciase coa notificación da acta da proba ou competición, que reflicta os feitos que poden dar lugar á sanción, subscrita polo xuíz e polos competidores ou polos delegados das entidades deportivas. No caso de que os feitos que poidan dar lugar á sanción non estean reflectidos na acta, senón mediante anexo, o procedemento iníciase no momento en que teña entrada na federación o anexo da acta da proba ou documento en que queden reflectidos os feitos obxecto de axuizamento. Ademais, designarase unha persoa instrutora que exercerá as funcións de impulso na ordenación do expediente e de secretaria ou secretario, e serán aplicables as causas de abstención e recusación reguladas na Lei 39/2015 e concordantes.

b) Tamén pode iniciarse a instancia da parte interesada, sempre que a denuncia preséntese nas dependencias da federación dentro do segundo día hábil seguinte ao día en que se celebrou a proba ou competición.

2. Tramitación e resolución:

a) No prazo de dous días, que se contaran desde a notificación prevista no punto anterior, as persoas interesadas poderán formular alegacións en relación cos feitos consignados na acta, o anexo ou a denuncia. Tamén poderán propoñer ou achegar, no seu caso, as probas pertinentes. A proba deberá practicarse no prazo máximo dos dous días hábiles seguintes ao da súa admisión.

b) O órgano instrutor trasladará, no prazo máximo de dous días que se contarán a partir da presentación de alegacións ou da practica da proba ou da súa denegación, ao órgano competente para resolver a proposta de resolución, para que, dentro do día seguinte, se dite resolución na cal se deben expresar os feitos imputados, os preceptos infrinxidos e os que habilitan a sanción que se impoña. Así mesmo, deben expresarse na mesma resolución os motivos de denegación das probas non admitidas se non se realizou con anterioridade. A resolución deberase notificar as persoas interesadas, con expresión dos recursos que se poidan formular contra ela e do prazo para a súa interposición.

Artigo 44. Procedemento ordinario

As regras ás que se somete o procedemento ordinario son as seguintes:

1. Iniciación:

a) O procedemento iníciase por acordo do órgano competente, de oficio ou por instancia de persoa interesada.

b) O acordo que inicie o procedemento conterá a identidade do instrutor, no seu caso do secretario, da autoridade competente para impoñer a sanción e a norma que lle atribúa tal competencia, o prego de cargos que conterá a determinación dos feitos imputados, a identificación da persoa ou persoas presuntamente responsables, así como as posibles sancións aplicables. Este acordo deberá serlle notificado a persoa interesada. Serán de aplicación ao instrutor e ao secretario as causas de abstención e recusación e procedemento establecidas na Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia, na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; e na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

2. Tramitación:

a) Durante a tramitación do procedemento, o órgano competente para incoalo, de oficio ou por instancia do instrutor, poderá acordar en resolución motivada as medidas que xulgue oportunas para asegurar a eficacia da resolución que se poida ditar.

b) O acordo de iniciación notificaráselles ás persoas interesadas e concederáselles un prazo de dez días para contestar os feitos e propoñer a practica das probas que conveña á defensa dos seus dereitos e intereses.

c) Practicaranse de oficio ou se admitiran a proposta da persoa interesada cantas probas sexan adecuadas para a determinación de feitos e posibles responsabilidades. Soamente poderán declararse improcedentes aquelas probas que pola súa relación cos feitos non poidan alterar a resolución final a favor do presunto responsable.

d) Contestado o prego de cargos ou transcorrido o prazo para facelo, ou concluída a fase probatoria, o instrutor redactará a proposta de resolución, ben apreciando a existencia dalgunha infracción imputable –e neste caso conterá necesariamente os feitos declarados probados, as infraccións que constitúan e as disposicións que as tipifiquen, as persoas que resulten presuntamente responsables e as sancións que procede impoñer–, ou ben propoñendo a declaración de inexistencia de infracción ou responsabilidade e o sobresemento con arquivo das actuacións. A proposta de resolución notificaráselles ás persoas interesadas e concederáselles un prazo de dez días para formular alegacións e presentar os documentos que xulguen pertinentes.

3. Resolución:

a) Recibidas polo instrutor as alegacións ou transcorrido o prazo de audiencia, elevará o expediente ao órgano competente para resolver.

b) A resolución do órgano competente pon fin ao procedemento común e ditarase no prazo máximo de dez días hábiles.

Artigo 45. Lexitimación para recorrer as sancións

Están lexitimadas para interpoñer recurso en materia disciplinaria as persoas directamente afectadas pola sanción. Enténdese, en todo caso, por tales os deportistas, as súas entidades deportivas e as entidades deportivas participantes na competición.

Artigo 46. Órganos disciplinarios

No Regulamento de réxime disciplinario especificarase a composición e funcionamento dos órganos competentes en materia disciplinaria, que serán:

a) En primeira instancia, un comité de competición ou xuíz único.

b) En segunda instancia, un comité de apelación.

Artigo 47. Comité Galego de Xustiza Deportiva

Contra as resolucións da FGBD en materia disciplinaria cabe recurso ante o Comité Galego de Xustiza Deportiva.

TÍTULO VIII

Da reforma dos estatutos

Artigo 48. Órgano competente e proposta

Os estatutos da FGBD unicamente poderán modificarse por acordo da Asemblea Xeral, reunida en sesión extraordinaria, logo da inclusión na orde do día da modificación que se pretende. A proposta de modificación estatutaria, salvo cando esta haxa de ser realizada por imperativo legal, poderá ser exposta por un terzo dos membros da Asemblea Xeral, ou pola Xunta Directiva.

Artigo 49. Emendas

Da proposta de modificación darase traslado a cada un dos membros da Asemblea Xeral, quen deberá contar cun prazo non inferior a dez días para facer chegar a FGBD as emendas ou suxestións que xulguen pertinentes.

Entre a data de recepción da proposta de modificación na sede da FGBD e a reunión da Asemblea Xeral en que esta se debata non poderán transcorrer máis de tres meses, polo cal, se non estiver prevista reunión da Asemblea Xeral dentro dese prazo, deberá convocarse unha para tal fin.

Artigo 50. Debate

A Asemblea Xeral abrirá a sesión coa lectura do texto da modificación proposta, así como das emendas ou suxestións efectuadas. Posteriormente, tras o debate a que dese lugar, procederase á votación.

Artigo 51. Votación

A aprobación pola Asemblea Xeral da modificación proposta requirira o voto favorable da maioría absoluta dos seus membros.

Artigo 52. Aprobación

A reforma requirira, unha vez aprobada pola Asemblea Xeral, a aprobación pola Administración deportiva de Galicia e a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

TÍTULO IX

Causas e procedemento de extinción e disolución

Artigo 53. Causas de extinción

A FGBD extinguirase polas seguintes causas:

a) Pola revogación do seu recoñecemento.

b) Por resolución xudicial.

c) Por integración ou fusión con outra federación deportiva galega.

d) Polas demais causas previstas no ordenamento xurídico.

Artigo 54. Procedemento de extinción e disolución

1. En caso de extinción e disolución da FGBD, unha vez liquidado o seu patrimonio, a parte restante, se a houber, destinarase aos fins de carácter deportivo que determine a Administración deportiva autonómica competente.

2. A extinción e disolución realizaranse cumprindo os trámites procedementais previstos na lexislación vixente.

Disposición adicional primeira

As normas regulamentarias de desenvolvemento dos presentes estatutos, con exclusión das normas técnicas ou regulamentos deportivos que rexen a competición, depositaranse no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia, e daranse a coñecer a través da páxina web da federación.

O calendario oficial aprobado pola Asemblea Xeral deberá ser comunicado, nos termos exixidos pola lexislación vixente, á Administración deportiva no prazo de sete días desde a súa aprobación.

Disposición adicional segunda

No prazo máximo dun ano desde a celebración da primeira asemblea xeral, constituirase a creación dun comité de transparencia e bo goberno encargado de velar polo cumprimento das disposicións da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro e, así mesmo, someterase a aprobación pola asemblea nos mesmos prazos da redacción dun código de bo goberno que deberá incluír o procedemento interno que garanta o sinalado control.

Disposición transitoria única

1. Unha vez creada a FGBD, constituirase unha comisión xestora, por delegación da Xunta de Promotores da Federación e a elección destes, non só para os efectos de proseguir a xestión ordinaria do deporte de baile deportivo en Galicia, senón tamén aos de constitución dos órganos de goberno e representación da FGBD.

A dita Comisión Xestora convocará eleccións para a constitución da Asemblea Xeral da FGBD, de acordo coas seguintes regras:

a) A normativa para aplicar será a contida no regulamento electoral tipo, aprobado pola Xunta de Galicia, complementando a lexislación autonómica correspondente.

b) No prazo máximo de 90 días, a Comisión Xestora poñerá en marcha o procedemento para a elección da Asemblea Xeral, tendo en conta que os seus trámites substanciaranse cumprindo sempre os prazos mínimos previstos na normativa para aplicar.

c) Unha vez constituída a Asemblea Xeral, procederá a convocar a elección de presidente da FGBD, aplicándose así mesmo, para esta primeira elección, a normativa autonómica correspondente.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Os presentes estatutos entraran en vigor tras a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.