DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 109 Xoves, 6 de xuño de 2024 Páx. 34448

III. Outras disposicións

Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade

RESOLUCIÓN do 28 de maio de 2024, da Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais, pola que se fai pública a concesión dos premios á cooperación 2024 (código de procedemento TR802Q).

Mediante a Orde do 29 de decembro de 2023, da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración (a extinta Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade), publicada no DOG núm. 18, do 25 de xaneiro de 2024, establecéronse as bases reguladoras dos premios á cooperación e procedeuse á súa convocatoria para o ano 2024.

Nas bases reguladoras establécese que a Comisión Permanente do Consello Galego de Cooperativas actuará como tribunal e que a persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais resolverá a concesión dos premios, que serán obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia.

Unha vez emitida a proposta de concesión dos premios pola Comisión Permanente do Consello Galego de Cooperativas, na súa reunión do 27 de maio de 2024, mediante a Resolución da Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais, do 28 de maio de 2024, aprobouse a concesión dos premios.

Por todo o anterior,

DISPOÑO:

Facer pública a concesión dos premios á cooperación 2024 ás entidades que se indican a seguir:

Premio aos valores cooperativos para Consumo Consciente Árbore, Sociedade Cooperativa Galega.

Premio ao mellor proxecto cooperativo novo para A Morada Nosa, Sociedade Cooperativa Galega.

Premio á traxectoria cooperativa para A Carqueixa, Sociedade Cooperativa Galega.

Santiago de Compostela, 28 de maio de 2024

Pablo Fernández López
Secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais