DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 108 Mércores, 5 de xuño de 2024 Páx. 34136

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 13 de maio de 2024, da Dirección Territorial de Pontevedra, pola que se concede a autorización administrativas previa e de construción dunha instalación eléctrica no concello de Vilanova de Arousa (expediente IN407A 2023/320-4).

Expediente: IN407A 2023/320-4.

Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Denominación: LMTS e substitución CTI Pantrigueira 36AJ28.

Concello: Vilanova de Arousa.

Feitos:

1. O 6.6.2023, a empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción do proxecto de execución da instalación eléctrica denominada LMTS e substitución CTI Pantrigueira 36AJ28.

O proxecto de execución que acompaña a solicitude foi asinado polo enxeñeiro técnico industrial Tito Arias Santos, colexiado LE-1010 do COIILE, e en que figura un orzamento total de 147.999,36 euros.

Examinado o proxecto de execución, conclúese que consiste nas seguintes actuacións previstas no lugar de Pantrigueira de Abaixo, na parroquia de Caleiro, no concello de Vilanova de Arousa (Pontevedra):

• Substitución do centro de transformación intemperie Pantrigueira (36AJ28) por outro de 250 kVA con envolvente prefabricada de formigón, na parcela con referencia catastral 36061A02401003.

• Instalación dunha cela de liña extensible telemandada no centro de transformación Terrón II (36CRN2).

• Instalación dunha liña de media tensión subterránea (LMTS) de 752 metros desde o centro de transformación proxectado ata o centro de transformación Terrón II (36CRN2).

• Desmontaxe da liña de media tensión aérea (LMTA) entre os apoios 9R1U80LP e 9R50GTXS.

2. Esta dirección territorial solicitou o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas, isto é, o Concello de Vilanova de Arousa, a Axencia Galega de Infraestruturas e Augas de Galicia, que non emitiron os condicionados técnicos, entendéndose en consecuencia a súa conformidade coa autorización de construción da dita infraestrutura eléctrica, conforme o disposto no artigo 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, sen prexuízo da autorización que lles corresponda outorgar.

Consideracións legais e técnicas:

1. A Dirección Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 49/2024, do 22 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (DOG nº 126, do 4 de xullo), e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 22, do 1 de febreiro).

2. A lexislación de aplicación ao presente expediente é:

– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

– Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

– Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

– Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

– Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresarias en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro).

3. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:

• LMTS a 20 kV, con condutor tipo RHZ1, de 752 metros de lonxitude, coa orixe no centro de transformación existente Terrón II 36CRN2 e final no novo centro de transformación proxectado Pantrigueira 36AJ28.

• Centro de transformación a 250 kVA, con relación de transformación 20 kV/400 V, situado na parcela con referencia catastral 36061A02401003, no lugar Pantrigueira de Abaixo.

• Instalación dunha cela de liña extensible telemandada no centro de transformación Terrón II (36CRN2).

A instalación está situada en Pantrigueira de Abaixo, Caleiro, no concello de Vilanova de Arousa (Pontevedra).

Conforme o indicado,

RESOLVO:

1. Outorgar á empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada LMTS e substitución CTI Pantrigueira 36AJ28, expediente IN407A 2023/320-4, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e ás condicións establecidas nos condicionados dos organismos que constan no expediente.

2. A empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade. En todo momento se deberán cumprir as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

3. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a execución. Unha vez constituídas estas instalacións, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de autorización de explotación ante esta dirección territorial acompañada da seguinte documentación:

• As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento, e as certificacións ou homologacións, se procede.

• Un certificado de dirección final de obra en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas axeitadas para a montaxe da instalación e posta a punto.

• Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.

4. O incumprimento das condicións e requisitos establecidos nesta resolución poderá dar lugar á súa revogación, logo da audiencia á promotora, de conformidade co disposto no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro.

5. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Economía e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Pontevedra, 13 de maio de 2024

Beatriz López del Olmo
Directora territorial de Pontevedra