DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 108 Mércores, 5 de xuño de 2024 Páx. 34141

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 13 de maio de 2024, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Minas, pola que se outorgan as autorizacións administrativas previa e de construción para a infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica consistente no recuamento da LAT 132 kV San Martín-Carucedo, entre os seus apoios números 10 e 13, no concello do Barco de Valdeorras (Ourense), e que promove UFD Distribución Electricidad, S.A. (expediente IN407A 2024/020-3).

Feitos:

1. O 5.2.2024, UFD Distribución Electricidad, S.A. (en diante, UFD) presentou, ante a Xefatura Territorial de Ourense desta consellería (actualmente, Dirección Territorial de Ourense; en diante, dirección territorial), a solicitude de autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción para a infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica consistente no recuamento da LAT 132 kV San Martín-Carucedo, entre os seus apoios núms. 10 e 13, no concello do Barco de Valdeorras (Ourense), á cal se lle asignou o número de expediente IN407A 2024/020-3.

Esta solicitude acompañouse (ou completouse posteriormente) da seguinte documentación técnica:

• Proxecto de execución denominado LAT 132 kV San Martín-Carucedo. Recuamento Fomento, asinado o 25.1.2023 pola enxeñeira industrial María Isabel López Ferrer (colexiada nº 17.566 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Madrid) e visado por este colexio, co nº 202300325 e con data do 26.1.2023; e en que figura un orzamento total de 229.971,57 euros.

• Declaración responsable asinada polo técnico proxectista con data do 4.3.2024, exixida no artigo 53.1.b) da Lei 24/2013, do 26 de decembro.

• En canto ás cinco entidades que figuran como afectadas no proxecto: separata técnica para o Concello do Barco de Valdeorras e autorizacións das outras catro entidades (ADIF, Axencia Galega de Infraestruturas, Telefónica de España, S.A. e Ministerio de Transportes, Mobilidade y Axenda Urbana).

Segundo consta no proxecto de execución, a Demarcación de Estradas do Estado en Galicia (dependente do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana) ten proxectado realizar a conexión entre a N-120 e a N-536 no tramo Sobradelo-O Barco de Valdeorras, o que vai afectar a LAT 132 kV San Martín-Carucedo entre os apoios núms. 10 e 13, e deberase recuar para que ambas infraestruturas poidan coexistir. O alcance da actuación consistirá no recuamento da liña eléctrica desde o novo apoio nº 10N (localizado baixo traza a 36,54 m do apoio existente que se vai desmantelar nº 10 en dirección cara ao apoio existente nº 11) ata o novo apoio nº 13N (localizado baixo traza a 38,79 m do apoio existente que se vai desmantelar nº 13 en dirección cara ao apoio existente nº 12), que dá como resultado o desmantelamento de 626,76 m da liña existente e dos seus apoios (núms. 10, 11, 12 e 13) e a instalación dun novo tramo de liña eléctrica de 772 m e dos novos apoios (núms. 10N, 11N, 12N e 13N).

2. O 27.2.2024 a Xefatura Territorial de Ourense desta consellería trasladou a separata técnica do proxecto de execución ao Concello do Barco de Valdeorras, quen non contestou, entendéndose, polo tanto, a súa conformidade coa autorización da referida infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica, conforme ao disposto no artigo 47.3 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia; sen prexuízo da autorización que lle corresponda outorgar.

3. O 2.5.2024, a dirección territorial, logo de rematada a instrución do referido expediente (IN407A 2024/020-3), deu traslado del á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Minas (en diante, DXPEM) para os efectos de ditar a oportuna resolución, e incorpora ao expediente o informe e proposta seguintes:

• Informe emitido o 24.4.2024 polos servizos técnicos da dirección territorial, de carácter favorable, para os efectos do disposto no artigo 47.5 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro.

• Proposta ditada o 2.5.2024 pola dirección territorial, na cal emite informe favorable sobre a petición formulada por UFD, no relativo á tramitación das autorizacións administrativas previa e de construción do referido proxecto, para a súa resolución pola DXPEM.

Consideracións legais e técnicas:

1. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.

2. A competencia para resolver este expediente correspóndelle á DXPEM, de conformidade co disposto no artigo único (punto 1.b.3º para as autorizacións administrativas previa e de construción) do Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 22, do 1 de febreiro), así como no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (DOG nº 126, do 4 de xullo), no Decreto 42/2024, do 14 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia (DOG nº 73, do 14 de abril) e no Decreto 49/2024, do 22 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia (DOG nº 81, do 24 de abril).

De acordo con todo o anterior,

RESOLVO:

1. Outorgar a autorización administrativa previa para a infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica consistente no recuamento da LAT 132 kV San Martín-Carucedo, entre os seus apoios nº 10 e 13, no concello do Barco de Valdeorras (Ourense), e que promove UFD Distribución Electricidad, S.A.

2. Outorgar a autorización administrativa de construción para o proxecto de execución da citada infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica, denominado LAT 132 kV San Martín-Carucedo. Recuamento Fomento.

Todo isto de acordo coas condicións seguintes:

1. As instalacións que se autorizan terán que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto de execución denominado LAT 132 kV San Martín-Carucedo. Recuamento Fomento, asinado o 25.1.2023 pola enxeñeira industrial María Isabel López Ferrer (colexiada nº 17.566 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Madrid) e visado por este colexio, co nº 202300325 e con data do 26.1.2023; e en que figura un orzamento total de 229.971,57 euros.

2. A empresa promotora (UFD) asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manteñan as condicións regulamentarias de seguridade. En todo momento se deberán cumprir as normas e as directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, aprobado polo Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, e o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade nas instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23, aprobado polo Real decreto 337/2014, do 9 de maio.

3. Para introducir modificacións nas instalacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria a autorización previa da DXPEM; non obstante, a dirección territorial poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes, e deberá comunicar á dita dirección xeral todas as resolucións que se diten en aplicación da citada facultade.

4. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de catorce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución. Unha vez construídas estas instalacións, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de autorización de explotación ante a dirección territorial, quen deberá estendela tras as comprobacións técnicas que considere oportunas.

5. En canto aos bens e dereitos afectados pola referida infraestrutura eléctrica e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, a empresa promotora procederá a realizar os correspondentes cruzamentos e afeccións de acordo cos condicionados e informes emitidos por estes.

6. O incumprimento das condicións e requisitos establecidos nesta resolución ou a variación substancial dos orzamentos que determinaron a súa adopción poderán dar lugar á súa revogación, logo de audiencia a promotora, de conformidade co disposto no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro.

7. Estas autorizacións adóptanse sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da referida infraestrutura eléctrica, en especial as relativas á ordenación do territorio e ao ambiente, tal e como dispón o título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

8. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido no artigo 48.2 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Economía e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que xulguen pertinente.

Santiago de Compostela, 13 de maio de 2024

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Minas