DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 107 Martes, 4 de xuño de 2024 Páx. 33798

III. Outras disposicións

Axencia Instituto Enerxético de Galicia

RESOLUCIÓN do 27 de maio de 2024 pola que se amplía o crédito orzamentario establecido na Resolución do 20 de decembro de 2023, pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria do procedemento de concesión de subvencións para a renovación de electrodomésticos, así como a selección de entidades colaboradoras que participarán na súa xestión (códigos de procedemento IN414B e IN414C).

No Diario Oficial de Galicia núm. 9, do 12 de xaneiro de 2024, publicouse a Resolución do 20 de decembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a renovación de electrodomésticos, en réxime de concorrencia non competitiva, así como a selección das entidades colaboradoras que participarán na súa xestión, e se procede á súa convocatoria para a anualidade de 2024 (códigos de procedemento IN414B e IN414C).

O procedemento de concesión destas subvencións tramitouse en réxime de concorrencia non competitiva, segundo a excepción prevista no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Dado que a axuda asociada ás solicitudes en curso é superior ao orzamento da convocatoria, é preciso facer unha ampliación de fondos destinados á renovación de electrodomésticos e modificar o punto 1 do artigo 2 da Resolución do 20 de decembro de 2023 que establecía o seguinte:

«1. As subvencións que se concedan financiaranse con cargo aos orzamentos do Inega para o exercicio 2024 e imputaranse á aplicación orzamentaria 05.A3.733A.780.7. O importe total asignado a esta convocatoria ascende a 2.175.000,00 euros».

O artigo 2.2 das bases reguladoras prevé a posibilidade de ampliar o crédito como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria derivada dalgunha das circunstancias previstas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e, se for o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. Isto podería dar lugar á concesión de máis subvencións de acordo coa orde de prelación das solicitudes que resulte da aplicación dos criterios fixados nas bases que rexen a convocatoria. De producirse a ampliación de crédito, publicarase no DOG e na páxina web do Inega (www.inega.gal), sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo para resolver.

Por todo o anterior, e dado que nas aplicacións orzamentarias correspondentes existe crédito dispoñible, coa finalidade de incrementar a eficacia administrativa e a eficiencia na asignación de recursos públicos, maximizando a renovación eficiente de electrodomésticos e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro. Ampliar en 36.000 € o crédito dispoñible para a renovación de electrodomésticos e modificar o artigo 2.1 da Resolución do 20 de decembro de 2023 que queda redactado do seguinte xeito:

«1. As subvencións que se concedan financiaranse con cargo aos orzamentos do Inega para o exercicio 2024 e imputaranse á aplicación orzamentaria 09.A3.733A.780.7. O importe total asignado a esta convocatoria ascende a 2.211.000 euros.

Tipo de actuación

Aplicación orzamentaria

Orzamento

Inicial (€)

Modificación orzamentaria

Orzamento

final (€)

Renovación de electrodomésticos

09.A3.733A.780.7

2.175.000

36.000

2.211.000»

Segundo. A presente modificación, unha vez publicada no Diario Oficial de Galicia, non implicará a modificación do prazo establecido para presentar solicitudes.

Santiago de Compostela, 27 de maio de 2024

Pablo Fernández Vila
Director da Axencia Instituto Enerxético de Galicia