DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 104 Xoves, 30 de maio de 2024 Páx. 32745

III. Outras disposicións

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

EXTRACTO da Resolución do 20 de maio de 2024, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para a participación no programa Conecta Voluntariado Galicia, dirixido a mozos e mozas de orixe galega ou descendentes de persoas emigrantes galegas e que residan no exterior, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento PR930C).

BDNS (Identif.): 763825.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

1. Poderán optar a este programa os mozos e mozas que cumpran os seguintes requisitos:

a) Ter, o 15.7.2024, unha idade comprendida entre os 21 e os 30 anos.

b) Non ter participado en ningún programa convocado pola Secretaría Xeral da Emigración.

c) Ter nacido en Galicia ou ser descendentes dunha persoa emigrante galega.

d) Posuír a nacionalidade española.

e) Ter a súa residencia habitual no estranxeiro.

f) Estar vinculadas con calquera concello galego no Padrón de españois residentes no estranxeiro (PERE) cunha antigüidade mínima de 12 meses contados desde o día de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

g) Carecer de discapacidades que lles impidan realizar a viaxe e participar con normalidade nas actividades do programa.

Segundo. Obxecto

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión das axudas correspondentes ao programa Conecta Voluntariado Galicia para o ano 2024, que ten por finalidade facilitar á mocidade da Galicia exterior o coñecemento da realidade galega dunha forma diferente e o encontro cos seus familiares (código de procedemento PR930C).

2. Así mesmo, por medio desta resolución convócase este programa para o ano 2024.

3. O procedemento de concesión destas axudas tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, de acordo co establecido no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 20 de maio de 2024, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para a participación no programa Conecta Voluntariado Galicia, dirixido a mozos e mozas de orixe galega ou descendentes de persoas emigrantes galegas e que residan no exterior, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento PR930C).

Cuarto. Financiamento

As axudas do programa teñen a consideración de axudas en especie e, consecuentemente, non supoñen contabilización de gasto. Os servizos que se prestan ás persoas participantes nesta convocatoria serán obxecto de licitación de acordo coa normativa de contratos do sector público.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

De acordo co artigo 30.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.

Santiago de Compostela, 20 de maio de 2024

Antonio Rodríguez Miranda
Secretario xeral da Emigración