DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 101 Luns, 27 de maio de 2024 Páx. 32105

I. Disposicións xerais

Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

DECRETO 146/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.

O Decreto 42/2024, do 14 de abril, establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, na cal se configura a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude. Esa estrutura desenvolveuse polo Decreto 49/2024, do 22 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, na cal se determina o nivel organizativo de órganos superiores e dirección e as diversas entidades dos sector público adscritas á Consellería.

A estrutura da Consellería está orientada, en primeiro lugar, a reforzar, cunha visión transversal e integral, o impulso do sector cultural galego que, ademais de representar un factor determinante para a identidade e cohesión social, segue a representar unha oportunidade de desenvolvemento económico que se debe reforzar con políticas proactivas que permitan seguir fortalecendo o ecosistema de industrias creativas e culturais ao mesmo tempo que se garante o exercicio e o acceso á cultura con plenitude a todas as persoas. Por outra banda, este decreto recolle a estrutura precisa para afondar nas políticas de conservación e difusión do patrimonio artístico, histórico, arqueolóxico, paleontolóxico, arquitectónico, etnolóxico, antropolóxico, industrial, científico e técnico de Galicia, como elementos definidores da identidade cultural do pobo galego e de conexión coa nosa historia cunha visión de futuro.

En segundo lugar, o fortalecemento da lingua galega como elemento definidor da identidade do pobo galego constitúe outro dos eixes directores da estrutura da Consellería, coa premisa do reforzo das políticas de defensa da nosa lingua nativa, tanto na dimensión interna de difusión, divulgación e aprendizaxe, coma na externa de expansión do seu uso, así na emigración como coa implantación en novos países; a promoción da lingua galega en todos os ámbitos da vida social, cultural, económica e educativa, e a dinamización da lingua galega, a través dos diferentes instrumentos de fomento e impulso que se encontren á súa disposición.

O terceiro piar da estrutura da Consellería constitúeo a xestión das políticas de xuventude e voluntariado, procurando favorecer as oportunidades da mocidade galega no ámbito do lecer e o tempo libre, a educación non formal, a mobilidade, a participación e o asociacionismo, afondando no desenvolvemento das políticas públicas recollidas na Lei 6/2012, do 19 de xuño, de xuventude de Galicia. Así mesmo, fomentarase a acreditación de competencias, o recoñecemento da acción voluntaria, e exploraranse novos eidos no voluntariado, seguindo os principios reitores fixados na Lei 10/2011, do 28 de novembro, de acción voluntaria.

Este decreto establece unha nova estrutura nos ámbitos competenciais da cultura, do patrimonio cultural e da lingua que antes se integraban na arquitectura organizativa da extinta Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, engadindo unha nova estrutura correspondente á área de xuventude e voluntariado, en consonancia co disposto no Decreto 49/2024, do 22 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia.

No relativo á organización dos servizos periféricos, a disposición derradeira primeira do Decreto 49/2024, do 22 de abril, deulle unha nova redacción ao artigo 11 do Decreto 245/2009, do 30 de abril, polo que se regulan as delegacións territoriais da Xunta de Galicia, e pasa a recoller a figura dos directores ou directoras territoriais que, ademais das funcións e competencias previstas no citado artigo, asumirán as competencias e as funcións das xefaturas territoriais suprimidas pola disposición adicional décimo segunda do propio Decreto 49/2024, do 22 de abril, previstas nos vixentes decretos de estrutura orgánica de cada consellería e nas restantes normas aplicables. Neste decreto regúlanse os departamentos territoriais da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, que asumen as competencias correspondentes ás áreas de cultura, patrimonio cultural e lingua das suprimidas xefaturas territoriais da extinta Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades e as relativas a xuventude, participación e voluntariado das suprimidas xefaturas territoriais da extinta Consellería de Política Social e Xuventude.

Esta norma adecúase aos principios de necesidade, proporcionalidade, seguridade xurídica, transparencia, accesibilidade, simplicidade e eficacia, de acordo co disposto no artigo 37.a) da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte de maio de dous mil vinte e catro,

DISPOÑO:

TÍTULO I

Ámbito competencial e organización xeral da Consellería

Artigo 1. Ámbito competencial

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude é o departamento da Xunta de Galicia ao cal lle corresponden as competencias e funcións en materia de promoción e difusión da cultura; a protección e promoción do patrimonio cultural de Galicia e dos Camiños de Santiago; a promoción e o ensino da lingua galega, así como a dirección, planificación, coordinación e execución da política lingüística da Xunta de Galicia, e a xestión das actuacións en materia de xuventude, participación e voluntariado. Todo iso de conformidade co establecido na Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, pola que se aproba o Estatuto de autonomía de Galicia, e na demais normativa que sexa de aplicación.

Artigo 2. Estrutura da Consellería

1. A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, para o exercicio das súas competencias e o cumprimento dos seus fins, baixo a superior dirección da persoa titular, estrutúrase nos seguintes órganos superiores e de dirección:

a) A persoa titular da Consellería.

b) A Secretaría Xeral Técnica.

c) A Secretaría Xeral da Lingua.

d) A Dirección Xeral de Cultura.

e) A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

f) A Dirección Xeral de Xuventude.

2. Quedan adscritas a esta consellería, sen prexuízo da súa personalidade xurídica propia, as seguintes entidades públicas instrumentais:

a) A Axencia Galega das Industrias Culturais.

b) A Fundación do Sector Público Autonómico Camilo José Cela.

c) A Fundación do Sector Público Autonómico Cidade da Cultura de Galicia.

d) A Fundación do Sector Público Autonómico Museo do Mar de Galicia.

3. Así mesmo, están adscritos a esta consellería, co carácter, misión e funcións establecidos nas súas respectivas normas reguladoras, os órganos colexiados seguintes:

a) A Comisión Mixta Xunta de Galicia-Igrexa Católica, regulada polo Decreto 84/2017, do 3 de agosto.

b) O Consello de Centros Museísticos de Galicia, regulado no Decreto 202/2022, do 10 de novembro, polo que se regula a súa composición e funcionamento.

c) O Consello de Arquivos, regulado no Decreto 25/2016, do 3 de marzo, polo que se regula a súa composición e funcionamento.

d) O Consello de Cooperación Bibliotecaria de Galicia, regulado polo Decreto 190/2013, do 19 de decembro.

e) O Consello Coordinador de Publicacións da Xunta de Galicia e a Comisión Permanente de Publicacións, regulados polo Decreto 196/2001, do 26 de xullo, polo que se regulan as publicacións da Xunta de Galicia.

f) O Consello Asesor do Libro, regulado polo Decreto 178/2007, do 13 de setembro.

g) O Consello de Avaliación Documental de Galicia, regulado polo Decreto 15/2016, do 14 de xaneiro.

h) O Consello Asesor do Centro Galego de Arte Contemporánea, regulado na disposición adicional sexta deste decreto.

i) O Consello Superior de Valoración de Bens Culturais de Interese para Galicia, regulado polo Decreto 122/2012, do 10 de maio.

j) A Comisión Técnica de Arqueoloxía, regulada polo Decreto 93/2017, do 14 de setembro.

k) O Consello Asesor dos Camiños de Santiago, regulado polo Decreto 93/2017, do 14 de setembro.

l) A Comisión Técnica de Etnografía, regulada polo Decreto 60/2008, do 13 de marzo.

m) Os consellos territoriais de Patrimonio Cultural de Galicia, regulados polo Decreto 93/2017, do 14 de setembro.

n) A Comisión Interdepartamental da Ribeira Sacra, creada polo Decreto 105/2020, do 9 de xullo.

ñ) A Comisión de Seguimento e Impulso do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, creada polo Decreto 58/2006, do 30 de marzo.

o) A Comisión Interdepartamental da Xunta de Galicia para a Normalización Lingüística, creada polo Decreto 258/2006, do 28 de decembro.

p) A Comisión de Toponimia, regulada polo Decreto 174/1998, do 5 de xuño.

q) O Consello Galego de Acción Voluntaria e o Observatorio Galego de Acción Voluntaria, creados pola Lei 10/2011, do 28 de novembro, de acción voluntaria.

r) O Comité Galego de Políticas de Xuventude, creado pola Lei 6/2012, do 19 de xuño, de xuventude de Galicia.

s) O Consello Asesor e Consultivo de Xuventude de Galicia e o seu Observatorio Galego da Xuventude, creados pola Lei 6/2012, do 19 de xuño.

Na composición dos órganos colexiados adscritos a esta consellería atenderase ao principio de presenza equilibrada de homes e mulleres.

TÍTULO II

Servizos centrais

CAPÍTULO I

Da persoa titular da Consellería

Artigo 3. A persoa titular da Consellería

A persoa titular da Consellería é a autoridade superior da Consellería e con tal carácter está investida das atribucións que lle confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia.

CAPÍTULO II

Da Secretaría Xeral Técnica

Artigo 4. A Secretaría Xeral Técnica

1. Baixo a superior dirección da persoa titular da Consellería, conforme o artigo 29 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, a Secretaría Xeral Técnica exercerá as competencias e funcións establecidas nel, así como aquelas outras que lle sexan delegadas ou encomendadas pola persoa titular da Consellería e as restantes que lle atribúa o ordenamento xurídico, entre elas as seguintes:

a) O asesoramento e a coordinación de todos os órganos, servizos e entidades instrumentais adscritos á Consellería.

b) A emisión dos informes e a realización dos estudos técnicos e xurídicos correspondentes aos asuntos de que coñezan a Consellería ou as entidades públicas instrumentais adscritas a ela.

c) A remisión dos asuntos que deban someterse ao Consello da Xunta de Galicia ou ás súas comisións delegadas.

d) O seguimento da tramitación e rexistro dos convenios, acordos, protocolos e declaracións subscritos no ámbito competencial da Consellería, así como a tramitación e execución dos convenios, plans, obras, actuacións e convocatorias de subvencións nas materias competencia doutros órganos superiores e de dirección da Consellería, con cargo aos créditos da Secretaría Xeral Técnica.

e) Exercer as funcións correspondentes á persoa encargada da sección do Rexistro de Fundacións de Interese Galego na Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.

f) A representación da Consellería nos órganos colexiados que exerzan funcións relacionadas coas súas competencias.

g) Velar polo cumprimento da lexislación de igualdade no traballo entre homes e mulleres.

h) A suplencia temporal, nos supostos de vacante, ausencia ou enfermidade, así como nos casos en que sexa declarada a abstención ou recusación, das persoas titulares dos órganos superiores e dos órganos directivos da Consellería a que se refire a disposición adicional cuarta.

2. Baixo a súa dirección, a Secretaría Xeral Técnica, para o cumprimento das competencias e funcións encomendadas, contará cos seguintes órganos:

a) Vicesecretaría Xeral.

b) Subdirección Xeral de Coordinación Económica e Contratación.

3. Adscríbense organicamente á Secretaría Xeral Técnica, con nivel orgánico de subdirección xeral, a Asesoría Xurídica, así como a Intervención Delegada. Os referidos órganos dependerán funcionalmente da Asesoría Xurídica Xeral da Xunta de Galicia e da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, respectivamente.

A Asesoría Xurídica rexerase polo disposto na Lei 4/2016, do 4 de abril, de ordenación da asistencia xurídica da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e do seu sector público, desenvolverá as funcións previstas na dita lei, en relación coa súa respectiva área funcional, e contará co número de efectivos que se determine na correspondente relación de postos de traballo.

Artigo 5. Vicesecretaría Xeral

1. A Vicesecretaría Xeral, con nivel orgánico de subdirección xeral, exercerá as seguintes funcións:

a) A dirección e coordinación, de conformidade coas instrucións da persoa titular da Secretaría Xeral Técnica, das actividades do resto dos órganos que integran a Secretaría Xeral Técnica e a coordinación destes con outros órganos e centros directivos da Consellería, así como a coordinación administrativa dos departamentos territoriais.

b) Apoio técnico e administrativo á persoa titular da Secretaría Xeral Técnica en cantos asuntos lle encomende.

c) Suplencia da persoa titular da Secretaría Xeral Técnica nos casos de vacante, ausencia ou enfermidade desta, así como nos casos en que sexa declarada a súa abstención ou recusación, na xestión e tramitación ordinaria de asuntos da competencia da Secretaría Xeral Técnica, sen prexuízo do disposto na disposición adicional cuarta.

d) Impulsar a aplicación do principio de igualdade entre mulleres e homes con carácter transversal nas funcións atribuídas á Secretaría Xeral Técnica.

e) Actuar como órgano estatístico sectorial de conformidade co disposto na lexislación estatística. A formación de estatísticas nas materias que sexan competencia da Consellería en coordinación co Instituto Galego de Estatística, sen prexuízo das funcións nesta materia doutros órganos e unidades da Consellería.

f) A ordenación, xestión e administración ordinaria dos asuntos relativos aos recursos humanos da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e as das cuestións relacionadas co seu réxime interno.

g) As funcións regulamentariamente establecidas sobre prevención de riscos laborais en relación co persoal da Consellería.

h) A organización e supervisión das bases de datos e de rexistro de persoal.

i) A xestión dos plans de formación de persoal da Consellería.

j) O estudo, a preparación e o informe dos asuntos que se eleven ao Consello da Xunta de Galicia, sen prexuízo das competencias de asesoramento en dereito encomendadas á Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia pola Lei 4/2016, do 4 de abril, de ordenación da asistencia xurídica da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e do seu sector público, así como a asistencia á persoa titular da Secretaría Xeral Técnica para o estudo e a preparación das reunións da Comisión de Secretarios/as Xerais.

k) A tramitación e xestión, por proposta dos órganos directivos da Consellería, dos convenios e protocolos de colaboración en que sexa parte a Consellería, e a súa remisión aos rexistros públicos de convenios.

l) A coordinación, o seguimento, o control e, de ser o caso, a xestión dos expedientes de subvencións de competencia da Consellería.

m) A tramitación dos requirimentos, queixas e peticións formulados á Consellería polos xulgados, tribunais, o Defensor do Pobo, o Valedor do Pobo, a cidadanía e outros órganos e institucións.

n) A tramitación das solicitudes de acceso á información pública correspondentes a materias de competencia da Secretaría Xeral Técnica, e a coordinación e o apoio nesta materia ás secretarías e direccións xerais e organismos e entidades dependentes da Consellería no exercicio das súas competencias en cuestións de transparencia.

ñ) A xestión das obrigas de publicidade activa, de transparencia da actividade administrativa e bo goberno da Consellería, e a coordinación das actuacións nesta materia das secretarías e direccións xerais e organismos e entidades dependentes da Consellería.

o) A tramitación dos anteproxectos e proxectos de disposicións de carácter xeral que elaboren os distintos órganos de dirección da Consellería.

p) A coordinación, para a súa remisión e correspondente publicación no Diario Oficial de Galicia ou en calquera outro diario oficial, das disposicións e actos administrativos ditados polos distintos órganos da Consellería.

q) O exercicio das funcións que teña encomendadas a Consellería con relación ás fundacións de interese galego sobre as cales exerza o protectorado, e as funcións como sección do Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

r) A coordinación, mediante a elaboración de instrucións, protocolos de actuación ou calquera outro instrumento que se considere axeitado, cos órganos e unidades administrativas con dependencia funcional da Consellería que desenvolvan funcións xurídico-administrativas.

s) O estudo, a coordinación e a proposta de resolución de reclamacións, recursos administrativos e requirimentos formulados contra os actos e resolucións ditados polos distintos órganos da Consellería, así como a coordinación de demandas e recursos contencioso-administrativos, cando non sexan competencia doutros órganos.

t) O estudo, a coordinación e a revisión da proposta de resolución dos expedientes de responsabilidade patrimonial cuxa resolución lle corresponda á persoa titular da Consellería.

u) O estudo e a coordinación da tramitación de expedientes sancionadores que lle resulten atribuídos, consonte a normativa aplicable.

v) A xestión das funcións en materia de seguridade da información e protección de datos da Consellería, e a coordinación das actuacións nesta materia das secretarías e direccións xerais e organismos e entidades dependentes da Consellería.

w) O apoio a calquera unidade administrativa e órgano da Consellería ou das entidades instrumentais adscritas a ela.

x) A organización, coordinación e supervisión da xestión administrativa do patrimonio adscrito á Consellería, sen prexuízo das competencias que lles correspondan a outros órganos.

y) A coordinación das tarefas asociadas ás necesidades de arquivos da Consellería.

z) Calquera outro asunto que lle poida ser encomendado pola persoa titular da Secretaría Xeral Técnica, no exercicio das súas atribucións.

2. Baixo a súa dirección, e para o cumprimento das funcións encomendadas, a Vicesecretaría Xeral contará co apoio do resto dos órganos que integran a Secretaría Xeral Técnica e coas seguintes unidades con nivel orgánico de servizo:

2.1. Servizo de Recursos Humanos e Réxime Interior.

A este servizo correspóndelle a realización das seguintes funcións:

a) A ordenación, xestión e administración ordinaria dos recursos humanos da Consellería.

b) A coordinación dos servizos periféricos da Consellería e dos seus entes instrumentais en materia de recursos humanos.

c) A programación das necesidades de recursos humanos da Consellería e dos seus entes instrumentais.

d) A formulación das propostas relativas á relación de postos de traballo, así como a coordinación das propostas que formulen neste ámbito as entidades instrumentais adscritas.

e) A tramitación, organización, custodia e arquivamento dos expedientes administrativos relativos ao persoal funcionario e laboral.

f) A tramitación e xestión dos permisos, vacacións e licenzas do persoal de servizos centrais da Consellería, así como o apoio nesta materia aos servizos periféricos e entidades instrumentais adscritas, sen prexuízo das funcións que teñan atribuídas outros órganos da Xunta de Galicia.

g) A xestión e tramitación da nómina do persoal, así como a habilitación dos seus pagamentos.

h) O control de asistencia e puntualidade do persoal dos servizos centrais, así como asegurar e supervisar o exercicio desta función nos servizos periféricos e nas entidades instrumentais adscritas.

i) O cumprimento das obrigas en materia de seguridade social e dereitos pasivos do persoal.

j) O estudo, coordinación e proposta de resolución nos procedementos disciplinarios cuxa resolución lle corresponda á persoa titular da Consellería ou ao Consello da Xunta de Galicia.

k) A coordinación para a confección das nóminas do persoal e o control da execución orzamentaria dos departamentos territoriais nesta materia e ámbitos.

l) A xestión dos expedientes e das situacións administrativas do persoal funcionario, tanto dos servizos centrais como dos departamentos territoriais.

m) A elaboración e xestión dos contratos relativos ao persoal laboral.

n) As funcións regulamentariamente establecidas sobre prevención de riscos laborais.

ñ) A formación e información ao persoal en materia de prevención de riscos laborais, a vixilancia da súa saúde e a adopción das medidas de emerxencia e evacuación.

o) En xeral, a xestión, o control e a coordinación do persoal de administración e servizos de carácter laboral ou funcionario adscrito á Consellería.

p) A elaboración de informes dos expedientes de incompatibilidades.

q) Calquera outra función análoga que lle sexa encomendada.

2.2. Servizo de Coordinación Administrativa e Apoio Normativo.

A este servizo correspóndelle a realización das seguintes funcións:

a) A coordinación administrativa de carácter xeral, dos rexistros e arquivos e da información e atención á cidadanía.

b) A elaboración, o impulso e a execución de plans de mellora da calidade dos servizos no ámbito propio da Consellería e a racionalización dos procedementos administrativos en coordinación cos órganos competentes da Consellería de Facenda e Administración Pública.

c) O apoio normativo no estudo, preparación e tramitación dos expedientes da Consellería que teñan que elevarse ao Consello da Xunta de Galicia e ás súas comisións, así como o traslado dos correspondentes acordos.

d) A elaboración dos informes relativos ás reclamacións en materia de transparencia e a tramitación dos requirimentos, queixas e peticións formulados á Consellería polo Defensor do Pobo, o Valedor do Pobo, a cidadanía e outros órganos e institucións.

e) A asistencia e o apoio no exercicio das funcións da Consellería relativas ás solicitudes de acceso á información pública e aos informes relativos aos recursos en materia de transparencia, así como as relativas ás obrigas de publicidade, de transparencia da actividade administrativa e bo goberno.

f) A tramitación dos convenios e protocolos de actuación en que sexa parte a Consellería, así como a coordinación dos trámites para o seu rexistro e publicidade.

g) A tramitación das convocatorias de axudas e subvencións propostas polos órganos da Consellería.

h) Calquera outra función análoga que lle sexa encomendada.

2.3. Servizo Técnico-Xurídico.

A este servizo correspóndelle o exercicio das seguintes funcións:

a) A asistencia e o apoio xurídico nas materias de competencia da Consellería.

b) A elaboración dos estudos xurídicos e informes legais que lle sexan encomendados pola Secretaría Xeral Técnica, sen prexuízo das competencias de asesoramento en dereito encomendadas á Asesoría Xurídica da Consellería pola Lei 4/2016, do 4 de abril, de ordenación da asistencia xurídica da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e do seu sector público.

c) O estudo e a tramitación dos anteproxectos de disposicións de carácter xeral e dos proxectos de disposicións que elaboren os centros directivos da Consellería, así como a preparación das recompilacións e refundicións das normas emanadas da Consellería.

d) A elaboración de instrucións, protocolos de actuación, informes, estudos ou calquera outro instrumento de carácter técnico-xurídico que se considere adecuado para a coordinación dos órganos e entidades instrumentais da Consellería.

e) O apoio á Asesoría Xurídica na tramitación dos recursos contencioso-administrativos e demais asuntos litixiosos en que a Consellería sexa parte interesada.

f) A tramitación dos requirimentos e peticións formulados á Consellería polos xulgados e tribunais.

g) O estudo, a tramitación e a formulación de propostas de resolución dos recursos e das reclamacións interpostas contra os actos ditados polos órganos da Consellería.

h) A tramitación e elaboración de propostas de resolución dos expedientes de responsabilidade patrimonial.

i) A tramitación da publicación nos diarios oficiais de todas as disposicións e actos administrativos ditados polos órganos da Consellería, así como a súa remisión para seren publicados.

j) O exercicio das funcións que a Consellería ten encomendadas en relación coas fundacións de interese galego adscritas a esta consellería sobre as cales lle corresponda exercer o protectorado.

k) A asistencia e o apoio no exercicio das funcións da Consellería relativas á seguridade da información e protección de datos persoais.

l) Calquera outra función análoga que lle sexa encomendada.

Artigo 6. Subdirección Xeral de Coordinación Económica e Contratación

1. Baixo a dependencia xerárquica da persoa titular da Secretaría Xeral Técnica, a Subdirección Xeral de Coordinación Económica e Contratación exercerá de xeito directo, ou a través das unidades administrativas que nela se integran, as seguintes funcións:

a) A coordinación da confección e a tramitación do anteproxecto de orzamentos dos órganos da Consellería e entidades instrumentais adscritas, o seguimento e control interno da execución orzamentaria, así como a tramitación dos expedientes de modificacións orzamentarias, en coordinación cos órganos e entidades implicados.

b) A execución da xestión orzamentaria, efectuando os trámites económico-administrativos dos expedientes de gasto e as propostas de pagamento da Consellería.

c) O asesoramento en materia orzamentaria aos órganos e entidades instrumentais da Consellería.

d) A supervisión, coordinación e elaboración das instrucións necesarias para que os órganos e entidades da Consellería efectúen unha correcta execución do orzamento.

e) A coordinación, o impulso e seguimento das axudas públicas xestionadas pola Consellería mediante ordes e convenios, así como a súa coherencia co Plan estratéxico de Galicia e con todos os plans sectoriais da propia Consellería.

f) O seguimento da execución dos proxectos do orzamento de gastos cofinanciados con fondos europeos ou con outros recursos catalogados como financiamento condicionado.

g) A coordinación, elaboración de instrucións e fixación de criterios en materia de contratación, nomeadamente no relativo á redacción dos pregos de cláusulas administrativas particulares.

h) A tramitación dos expedientes de contratación administrativa, sen prexuízo das competencias que lles correspondan a outros órganos da Consellería.

i) A coordinación dos contratos administrativos que se tramiten nos servizos periféricos en materia de obras e servizos relacionados con elas, así como equipamentos.

j) A xestión económico-administrativa dos convenios e xestión do gasto en xeral, para unha óptima racionalización dos recursos.

k) A organización, coordinación e supervisión da xestión económica do patrimonio adscrito á Consellería, sen prexuízo das competencias que lles correspondan a outros órganos.

l) A xestión dos investimentos, compras, subministracións e servizos da Consellería, sen prexuízo das competencias que lles correspondan a outros órganos.

m) A coordinación da xestión e recadación de taxas, prezos públicos e outros ingresos, sen prexuízo das competencias da Consellería de Facenda e Administración Pública.

n) A programación da execución de calquera fondo finalista destinado a investimentos nos centros dependentes da Consellería e a súa xestión.

ñ) Actuar como oficina orzamentaria de conformidade co previsto no artigo 50.bis do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

o) A xestión dos obxectivos estratéxicos e operativos, indicadores e actuacións de todo o sector público da Consellería en aplicación do Plan estratéxico de Galicia e de todos os plans sectoriais da propia Consellería.

p) Cantas outras funcións expresamente lle sexan asignadas ou delegadas pola persoa titular da Secretaría Xeral Técnica, no ámbito das súas competencias.

2. A Subdirección Xeral de Coordinación Económica e Contratación, para o cumprimento das funcións encomendadas, contará coas seguintes unidades con nivel orgánico de servizo:

2.1. Servizo de Xestión Económica e Orzamentaria.

A este servizo correspóndenlle as seguintes funcións, sen prexuízo das competencias que lles correspondan a outros órganos da Consellería:

a) A tramitación económico-administrativa dos expedientes de gasto e as propostas de pagamento.

b) A realización dos traballos preparatorios para a confección do anteproxecto de orzamento da Consellería.

c) A coordinación da execución, seguimento e control das partidas orzamentarias.

d) A tramitación, xestión e supervisión da execución das operacións e gastos cofinanciados con fondos europeos e fondos finalistas.

e) A tramitación dos expedientes de sinistros.

f) O aprovisionamento, mantemento e renovación do equipamento e material funxible non inventariable necesario para o funcionamento da Consellería e tarefas de réxime interno.

g) A tramitación das propostas de modificacións orzamentarias e de expedientes de gastos plurianuais.

h) A coordinación da xestión e recadación de taxas, prezos públicos e outros ingresos, sen prexuízo das competencias da Consellería de Facenda e Administración Pública.

i) A habilitación de pagamentos, agás os correspondentes a gastos do capítulo I.

j) Calquera outra función análoga que lle sexa encomendada.

2.2. Servizo de Contratación.

A este servizo correspóndenlle as seguintes funcións, sen prexuízo das competencias que lles correspondan a outros órganos da Consellería:

a) A tramitación, a xestión e o seguimento dos expedientes de contratación administrativa que sexan competencia da Consellería.

b) A elaboración dos pregos de cláusulas administrativas particulares en relación cos contratos que sexan da competencia da Consellería e non estean atribuídos a outro órgano.

c) O seguimento e o control da execución dos contratos.

d) A xestión, ante as entidades, órganos ou organismos públicos correspondentes, das autorizacións sectoriais preceptivas e das licenzas necesarias para a execución dos expedientes de obras que sexan da súa competencia.

e) O impulso e desenvolvemento das ferramentas de xestión da contratación para o seu uso xeral e compartido polas distintas unidades e servizos da Consellería.

f) A elaboración dos informes e das actuacións que sexan necesarios en relación cos órganos externos de control respecto ás ditas actividades contractuais.

g) Calquera outra función análoga que lle sexa encomendada.

CAPÍTULO III

Da Secretaría Xeral da Lingua

Artigo 7. A Secretaría Xeral da Lingua

1. A Secretaría Xeral da Lingua é o órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de promoción e ensino da lingua galega e de dirección, planificación, coordinación e execución da política lingüística da Xunta de Galicia, e ten como obxectivos impulsar o desenvolvemento e a aplicación da lexislación derivada do artigo 5 do Estatuto de autonomía de Galicia.

En particular, correspóndelle exercer as competencias e funcións seguintes:

a) Promover, impulsar e elaborar propostas lexislativas e regulamentarias que potencien a normalización lingüística e o fomento do uso da lingua galega.

b) Cooperar coa Comisión Interdepartamental da Xunta de Galicia para a Normalización Lingüística e impulsar e coordinar as medidas de política lingüística dos departamentos da Xunta de Galicia mediante a achega do soporte técnico necesario.

c) Programar e desenvolver medidas para o fomento do uso do idioma galego nos diferentes eidos sociais e económicos de Galicia, co fin de incrementar a dispoñibilidade de produtos e servizos en galego.

d) Planificar e desenvolver campañas e medidas de fomento do uso, coñecemento e difusión do galego dentro e fóra do territorio lingüístico galego.

e) Promover, coordinar e desenvolver a política de investigación que favoreza a normalización lingüística nas súas diferentes manifestacións, especialmente no eido do léxico e da terminoloxía.

f) Emitir informe sobre os proxectos de disposicións normativas de carácter xeral que promovan os departamentos da Xunta de Galicia sobre a normalización do uso do galego ou sobre a política lingüística en xeral.

g) Establecer o marco metodolóxico de referencia e os plans e programas para o ensino do galego ás persoas adultas, de acordo coas directrices do Consello de Europa en materia de ensino de linguas.

h) Colaborar co Consello de Europa e con outros organismos nacionais e internacionais en relación cos procesos para a defensa, a aprendizaxe, o ensino e a avaliación das linguas.

i) Convocar e administrar as probas e expedir os certificados de coñecemento de galego.

j) Convocar e administrar as probas e os certificados de tradución e interpretación xurada doutras linguas para o galego e viceversa, así como autorizar as habilitacións directas destes, cando proceda, e a súa inscrición no Rexistro oficial de profesionais da tradución e interpretación xuradas doutras linguas para o galego e viceversa.

k) Promover o diálogo, a cooperación e a colaboración con outras institucións competentes en materia de política lingüística.

l) Promover accións para impulsar a aplicación transversal do principio de igualdade por razón de xénero no eido da política lingüística e o fomento do uso da lingua galega.

m) Coordinar e impulsar accións en materia de toponimia.

n) Calquera outra competencia e función que lle sexa delegada ou encomendada pola persoa titular da Consellería.

2. Baixo a súa dirección, a Secretaría Xeral da Lingua, para o cumprimento das competencias e funcións encomendadas, contará cos seguintes órganos:

a) Subdirección Xeral de Política Lingüística.

b) Subdirección Xeral de Planificación e Dinamización Lingüística.

3. Intégrase na Secretaría Xeral da Lingua, dependendo directamente da persoa titular da Secretaría, a seguinte unidade con nivel orgánico de servizo:

3.1. Servizo do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

A este servizo, baixo a dirección da Secretaría Xeral da Lingua, correspóndenlle as seguintes funcións:

a) Xestionar o desenvolvemento dos proxectos e programas de estudos lingüísticos, literarios, históricos e antropolóxicos para a normalización da lingua galega.

b) Promover a formación e capacitación do alumnado universitario, tanto no ámbito galego como internacional, a través de convocatorias públicas para a investigación e o estudo de programas no ámbito das humanidades.

c) Canalizar, difundir e proxectar, no ámbito autonómico, estatal e internacional, a información sobre os proxectos e publicacións do Centro.

d) A Administración, a xestión económico-administrativa e o control do funcionamento do Centro e do persoal adscrito a este.

e) Xestionar, en coordinación coas persoas titulares das direccións técnicas dos departamentos do Centro, a organización de xuntanzas, encontros, xornadas, congresos e simposios, e calquera outra actividade que derive dos proxectos de investigación e formación.

f) Exercer as funcións correspondentes á Secretaría da Comisión Reitora do Centro.

g) Darlle apoio administrativo á persoa encargada da coordinación científica no desenvolvemento dos traballos de investigación do Centro.

h) Calquera outra función análoga que lle sexa encomendada.

Artigo 8. Subdirección Xeral de Política Lingüística

1. Á Subdirección Xeral de Política Lingüística correspóndenlle as seguintes funcións:

a) O apoio técnico-administrativo á persoa titular da Secretaría Xeral da Lingua no exercicio das súas funcións.

b) A coordinación e xestión dos plans e programas de formación e de acreditación de competencia en materia de lingua galega.

c) A coordinación e xestión das actividades de formación e promoción da lingua galega, así como a autorización e as homologacións de cursos, seminarios, encontros e congresos de formación de lingua galega e/ou de linguaxes específicas, e a xestión das certificacións de aptitude do alumnado, cando proceda.

d) A xestión das validacións e solicitudes de recoñecemento de certificacións de cursos e outras actividades de formación e normalización da lingua galega (seminarios, encontros...).

e) A xestión das probas de acreditación da competencia en lingua galega e, de ser o caso, en materia de linguaxes específicas galegas.

f) O apoio en materia de asesoramento lingüístico e produción e oferta de recursos tecnolóxicos para fomentar o uso da lingua galega.

g) A xestión das solicitudes de traducións galego-castelán e viceversa de documentación, acordos e títulos oficiais que teñan orixe ou destino noutras comunidades autónomas ou en institucións da Unión Europea.

h) A xestión das solicitudes de tradución para o castelán de títulos oficiais expedidos en galego que deben producir efectos en administracións públicas doutras comunidades autónomas do Estado español.

i) A xestión das solicitudes de habilitación profesional para a tradución e interpretación xurada doutras linguas para o galego e viceversa e do Rexistro oficial de profesionais da tradución e interpretación.

j) A xestión da produción de material didáctico para apoio á formación en lingua galega.

k) A xestión da colaboración da Secretaría Xeral da Lingua con organismos nacionais e internacionais para promover o fomento, a aprendizaxe, o ensino e a avaliación das linguas.

l) Propoñer a resolución de recursos nas materias que desenvolve.

m) Calquera outra función análoga que lle sexa encomendada.

2. Baixo a súa dirección, a Subdirección Xeral de Política Lingüística, para o cumprimento das funcións encomendadas, contará cunha unidade con nivel orgánico de servizo:

2.1. Servizo de Formación, Asesoramento e Proxección Exterior da Lingua.

A este servizo correspóndenlle as seguintes funcións:

a) Organizar cursos de formación, seminarios ou xornadas formativas.

b) Xestionar as validacións e solicitudes de recoñecemento de certificación de cursos e outras actividades de formación de lingua galega.

c) Xestionar e administrar as probas de acreditación de niveis de lingua galega.

d) Xestionar as solicitudes de tradución para o castelán de títulos oficiais en galego que deban producir efectos en administracións públicas sitas noutras comunidades autónomas do Estado español.

e) Planificar e coordinar a promoción exterior da lingua galega, tramitar os convenios de colaboración para a creación e o mantemento dos centros de estudos galegos, e xestionar a convocatoria para a selección das persoas lectoras.

f) Xestionar a promoción do material didáctico para apoio á formación en lingua galega.

g) Coordinar as tarefas de avaliación dos proxectos de dinamización lingüística dos centros de ensino non universitarios.

h) Calquera outra función análoga que lle sexa encomendada.

Artigo 9. Subdirección Xeral de Planificación e Dinamización Lingüística

1. Á Subdirección Xeral de Planificación e Dinamización Lingüística correspóndenlle as seguintes funcións:

a) O apoio técnico-administrativo á persoa titular da Secretaría Xeral da Lingua no exercicio das súas funcións.

b) A coordinación e xestión das medidas para o fomento do uso do idioma galego nos diferentes ámbitos sociais e económicos de Galicia para incrementar a súa dispoñibilidade en produtos e servizos.

c) A coordinación e xestión das liñas de axuda e subvencións para o apoio á dinamización e promoción da lingua galega.

d) A habilitación de pagamentos, agás os relativos ao capítulo I.

e) A coordinación e xestión das actividades de normalización e dinamización lingüística e as derivadas das campañas de promoción e difusión da lingua galega.

f) A coordinación, xestión e difusión dos recursos e/ou estudos necesarios para a promoción do galego.

g) O fomento das actividades de normalización e promoción da lingua galega en administracións públicas e noutras entidades.

h) A coordinación e xestión da participación en feiras, congresos e exposicións de difusión de linguas.

i) O fomento da produción de material didáctico para o apoio á formación en lingua galega e á normalización lingüística.

j) A coordinación da xestión de consultas e queixas en materia de dereitos lingüísticos e a proposta de resolución de recursos nas materias que desenvolve.

k) Calquera outra función análoga que lle sexa encomendada.

2. Baixo a súa dirección, a Subdirección Xeral de Planificación e Dinamización Lingüística, para o cumprimento das funcións encomendadas, contará cunha unidade con nivel orgánico de servizo:

2.1. Servizo de Xestión e Promoción Lingüística.

A este servizo correspóndenlle as seguintes funcións:

a) Elaborar o anteproxecto de orzamentos da Secretaría Xeral da Lingua e exercer a súa xestión económico-administrativa e orzamentaria.

b) A proposta de contratación administrativa e a elaboración dos pregos técnicos para a realización das actividades de formación, fomento e normalización da lingua galega e o seguimento e control da súa execución, así como a proposta dos convenios de colaboración con estas finalidades e o seu seguimento e control.

c) Propoñer a resolución de recursos nas materias que desenvolve este servizo.

d) Calquera outra función análoga que lle sexa encomendada.

CAPÍTULO IV

Da Dirección Xeral de Cultura

Artigo 10. A Dirección Xeral de Cultura

1. A Dirección Xeral de Cultura é o órgano directivo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ao cal lle corresponde exercer as competencias en materia de promoción da cultura.

En particular, correspóndelle exercer as competencias e funcións seguintes:

a) As vinculadas á defensa e promoción dos valores culturais do pobo galego, de acordo co artigo 32 da Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, pola que se aproba o Estatuto de autonomía para Galicia.

b) Promover o acceso universal, igualitario e inclusivo á cultura.

c) O fomento e a promoción da produción literaria, as artes visuais, a danza, a música e as artes escénicas, coreográficas e audiovisuais.

d) A dirección e coordinación das atribucións da Consellería en materia de promoción da lectura e do libro, así como nas materias de bibliotecas, arquivos e centros museísticos.

e) A protección do patrimonio documental, bibliográfico e museístico de Galicia.

f) A coordinación e supervisión das actuacións do Centro Galego de Arte Contemporánea.

g) Calquera outra competencia e función que lle sexa delegada ou encomendada pola persoa titular da Consellería.

2. Baixo a súa dirección e dependencia directa, a Dirección Xeral de Cultura, para o cumprimento das competencias e funcións encomendadas, contará cos seguintes órganos:

a) Subdirección Xeral de Bibliotecas e do Libro.

b) Subdirección Xeral de Arquivos e Centros Museísticos.

c) Centro Galego de Arte Contemporánea.

3. Intégrase na Dirección Xeral de Cultura, dependendo directamente da persoa titular desta, a seguinte unidade con nivel orgánico de servizo:

3.1. Servizo de Promoción da Cultura.

A este servizo correspóndenlle as seguintes funcións:

a) Elaborar as propostas para impulsar a creación cultural e promover e difundir a cultura nos seus diversos ámbitos.

b) Colaborar no impulso ao labor das fundacións culturais, federacións, asociacións e outros colectivos culturais para programar, organizar e coordinar actuacións propias e en colaboración nas actividades de innovación e dinamización da cultura.

c) Poñer en práctica medidas de apoio á creación cultural e á súa participación nas programacións culturais.

d) Potenciar as iniciativas e actividades orientadas á potenciación da proxección exterior e internacional da cultura galega.

e) Calquera outra función análoga que lle sexa encomendada.

Artigo 11. Subdirección Xeral de Bibliotecas e do Libro

1. Á Subdirección Xeral de Bibliotecas e do Libro correspóndenlle as seguintes funcións:

a) Propoñer a elaboración de normas e plans e programas de actuación para o fomento da lectura e a promoción das bibliotecas e do libro.

b) Promover e executar programas para o fomento da lectura, de apoio á creación literaria, á edición e á comercialización do libro de Galicia.

c) Supervisar o labor da Biblioteca de Galicia e das bibliotecas públicas de xestión autonómica adscritas a esta consellería.

d) Definir e executar programas orientados á mellora da calidade do servizo bibliotecario e ao acceso á cultura para toda a cidadanía a través da lectura, da creación, da aprendizaxe e do lecer.

e) Organizar e coordinar a actividade editorial da Xunta de Galicia, e xestionar a libraría institucional, no marco do Decreto 196/2001, do 26 de xullo, polo que se regulan as publicacións da Xunta de Galicia.

f) Impulsar a identificación, a preservación e difusión do patrimonio bibliográfico de Galicia.

g) Fomentar tanto a biblioteca dixital patrimonial, Galiciana, como a plataforma de préstamo dixital da Rede de bibliotecas de GaliciaLe, Galicia, co fin de difundir e facilitar o acceso á produción bibliográfica galega ou de interese para Galicia.

h) Supervisar o cumprimento da lexislación do depósito legal e coordinar o Rexistro da Propiedade Intelectual en Galicia.

i) Realizar estudos e informes relacionados coa lectura, as bibliotecas e o libro.

j) Impulsar, articular e coordinar a execución do orzamento e a xestión económico-administrativa das partidas asignadas ao cumprimento das súas funcións, sen prexuízo das funcións encomendadas a outros órganos da Consellería.

k) Apoiar o Consello de Cooperación Bibliotecaria de Galicia, o Consello Asesor do Libro e o Consello Coordinador de Publicacións da Xunta de Galicia.

l) Participar en proxectos, comisións, consellos e grupos de traballo técnicos de ámbito nacional e internacional que se creen no ámbito das súas competencias.

m) Calquera outra función análoga que lle sexa encomendada.

2. Baixo a súa dirección, a Subdirección Xeral de Bibliotecas e do Libro, para o cumprimento das funcións encomendadas, contará coas seguintes unidades con nivel orgánico de servizo:

2.1. Servizo do Libro e Publicacións.

A este servizo correspóndenlle as seguintes funcións:

a) A xestión dos programas e o fomento das actividades de promoción da lectura e do libro.

b) A xestión das liñas de apoio á creación, á tradución, á ilustración e á produción editorial.

c) A coordinación e xestión das iniciativas de promoción interior e exterior do libro a través da participación en feiras e outros eventos de difusión e comercialización.

d) O desenvolvemento de iniciativas para a incremento da competitividade da produción, distribución e comercialización do libro galego.

e) A organización e coordinación da actividade editorial da Xunta de Galicia e a xestión da libraría institucional.

f) A execución das funcións en relación co Rexistro da Propiedade Intelectual de Galicia.

g) O apoio ao Consello Coordinador de Publicacións e á Comisión Permanente de Publicacións para o desenvolvemento das súas funcións, así como na adxudicación dos números do ISBN para as publicacións da Xunta de Galicia.

h) O apoio técnico ao funcionamento do Consello Asesor do Libro.

i) A proposta e elaboración de estudos, programas, análises e informes en relación co ámbito das súas competencias.

j) Calquera outra función análoga que lle sexa encomendada.

2.2. Servizo da Biblioteca de Galicia.

A este servizo correspóndenlle as seguintes funcións:

a) A xestión técnica e administrativa da Biblioteca de Galicia.

b) Identificar, conservar e difundir as publicacións de interese para Galicia.

c) Describir e preservar as obras que constitúen o patrimonio bibliográfico de Galicia, tanto físico coma dixital, prestando servizos de asesoramento, promoción e coordinación das tarefas de control bibliográfico, conservación e dixitalización.

d) A xestión das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de depósito legal.

e) A coordinación das políticas de dixitalización do patrimonio bibliográfico galego para a súa integración e difusión a través de Galiciana-Biblioteca Dixital de Galicia.

f) O enriquecemento e a difusión do Catálogo colectivo do patrimonio bibliográfico e do Catálogo colectivo da Rede de bibliotecas de Galicia.

g) A elaboración e coordinación das normativas de descrición bibliográfica de aplicación nas bibliotecas de Galicia.

h) A valoración e proposta de medidas de preservación sobre os bens culturais de carácter bibliográfico de Galicia en risco de desaparición ou con deficiencias no seu acceso público.

i) Difundir o valor do patrimonio bibliográfico galego entre a cidadanía.

j) Deseñar e realizar iniciativas de formación especializada entre os profesionais das bibliotecas de Galicia.

k) Calquera outra función análoga que lle sexa encomendada.

2.3. Servizo de Bibliotecas.

A este servizo correspóndenlle as seguintes funcións:

a) Coordinar o funcionamento das bibliotecas públicas de xestión autonómica adscritas á Consellería, así como a execución do gasto necesario para a prestación dos seus servizos.

b) A xestión do Rexistro e o mantemento do Directorio de bibliotecas, así como a tramitación dos procedementos de integración na Rede de bibliotecas de Galicia.

c) A elaboración e publicación dos instrumentos de análise e avaliación da Rede de bibliotecas de Galicia: estatísticas en materia de bibliotecas públicas e o Mapa de bibliotecas públicas de Galicia.

d) A xestión administrativa dos programas dirixidos á promoción da actividade e á mellora da calidade dos servizos que prestan as bibliotecas integradas na Rede de bibliotecas de Galicia.

e) A proposta e o desenvolvemento de actividades formativas para a mellora da cualificación do persoal das bibliotecas de Galicia, así como a xestión de bolsas de formación en biblioteconomía.

f) A coordinación e proposta de desenvolvemento do sistema integrado de xestión bibliotecaria da Rede de bibliotecas de Galicia.

g) A xestión técnica e administrativa da plataforma de préstamo de libro electrónico.

h) Dar apoio administrativo ao funcionamento do Consello de Cooperación Bibliotecaria.

i) O asesoramento técnico e a elaboración de informes sobre o funcionamento, as instalacións e os servizos das bibliotecas públicas.

j) Calquera outra función análoga que lle sexa encomendada.

Artigo 12. Subdirección Xeral de Arquivos e Centros Museísticos

1. Á Subdirección Xeral de Arquivos e Centros Museísticos correspóndelle realizar as seguintes funcións:

a) Propoñer a elaboración de normas, programación e execución das funcións en relación co patrimonio documental e arquivos.

b) Exercer a dirección técnica do Arquivo de Galicia.

c) O apoio administrativo ao Consello de Arquivos e ao Consello de Avaliación Documental.

d) A coordinación e dirección técnica do Sistema galego de arquivos, xestión dos arquivos de titularidade autonómica adscritos a esta consellería, así como os de titularidade estatal de xestión transferida á Comunidade Autónoma de Galicia e, en xeral, acrecentar, conservar, difundir e poñer en valor o patrimonio documental.

e) A coordinación e dirección técnica do Sistema galego de centros museísticos, xestión dos museos de titularidade autonómica adscritos a esta consellería e os de titularidade estatal de xestión transferida á Comunidade Autónoma de Galicia, coa excepción prevista neste decreto para o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC).

f) Calquera outra función análoga que lle sexa encomendada.

2. Baixo a súa dirección, a Subdirección Xeral de Arquivos e Centros Museísticos, para o cumprimento das funcións encomendadas, contará coas seguintes unidades con nivel orgánico de servizo:

2.1. Servizo do Arquivo de Galicia.

A este servizo correspóndelle executar as seguintes funcións:

a) A xestión administrativa do Arquivo de Galicia.

b) O impulso da xestión documental en calquera soporte en todos os órganos dependentes da Xunta de Galicia e os procesos de valoración, selección, transferencia e dixitalización documental nos arquivos do subsistema da Xunta de Galicia.

c) A recepción, organización, descrición, conservación, dixitalización e servizo dos documentos procedentes dos arquivos intermedios do subsistema de arquivos da Xunta de Galicia e do resto das entidades públicas instrumentais cun ámbito territorial superior ao dunha provincia.

d) A recepción, organización, descrición, conservación, dixitalización e servizo dos documentos procedentes de organismos, institucións e entidades de ámbito autonómico dependentes da Xunta de Galicia que fosen suprimidos, con independencia da súa antigüidade.

e) A localización, recepción, organización, descrición, conservación, dixitalización e difusión dos fondos e documentos públicos ou privados que polo seu valor testemuñal e referencial concirnan a Galicia e sexan de especial importancia.

f) A conservación preventiva e dixitalización dos fondos documentais que custodie e a restauración daqueles documentos que o precisen.

g) Facilitar o acceso aos documentos e á información contida neles á Administración e á cidadanía, e difundir os fondos documentais de que dispón.

h) Calquera outra función análoga que lle sexa encomendada.

2.2. Servizo do Sistema de Arquivos.

A este servizo correspóndenlle as seguintes funcións:

a) A coordinación e dirección técnica do Sistema galego de arquivos e dos subsistemas e redes que o integran, así como a inspección dos arquivos e o seu patrimonio documental.

b) A xestión dos arquivos de titularidade autonómica adscritos a esta consellería e dos de titularidade estatal de xestión transferida á Comunidade Autónoma de Galicia.

c) A actualización e o control do censo-guía de arquivos.

d) O inventario do patrimonio documental custodiado nos arquivos galegos, así como o control dos movementos, restauracións e reproducións do patrimonio documental custodiado neles.

e) O apoio e asesoramento técnico nas materias de patrimonio documental e de arquivos.

f) A programación, coordinación e xestión das actuacións en materia de incremento, conservación, organización, descrición e difusión do patrimonio custodiado nos arquivos galegos.

g) A taxación de bens culturais de carácter documental con fins administrativos.

h) Calquera outra función análoga que lle sexa encomendada.

2.3. Servizo de Centros Museísticos.

A este servizo correspóndenlle as seguintes funcións:

a) A coordinación e dirección técnica do Sistema galego de centros museísticos e das distintas redes que o integran, así como a inspección dos centros museísticos galegos e do seu patrimonio cultural.

b) A xestión dos museos de titularidade autonómica adscritos a esta consellería e dos de titularidade estatal de xestión transferida á Comunidade Autónoma de Galicia.

c) A tramitación e o informe dos procedementos para a creación, autorización e cualificación de museos, coleccións museográficas e centros de interpretación do patrimonio cultural segundo a normativa vixente.

d) A actualización e o control do Rexistro Xeral de Centros Museísticos de Galicia.

e) O inventario do patrimonio moble custodiado nos museos galegos, así como o control dos movementos, restauracións e reproducións do patrimonio moble custodiado neles.

f) O apoio e asesoramento técnico nas materias de patrimonio moble e de museos de interese para Galicia.

g) A programación, coordinación e xestión das actuacións en materia de incremento, conservación, documentación, investigación e difusión do patrimonio custodiado nos centros museísticos galegos.

h) A taxación de bens culturais de carácter museístico con fins administrativos.

i) Incentivar as xestións para o incremento do patrimonio moble dos museos propios e xestionados a través das diferentes formas de ingreso previstas pola normativa vixente.

j) O apoio administrativo ao Consello de Centros Museísticos de Galicia.

k) Calquera outra función análoga que lle sexa encomendada.

Artigo 13. Centro Galego de Arte Contemporánea

O Centro Galego de Arte Contemporánea, cuxo regulamento se contén na disposición adicional sexta deste decreto, depende orgánica e funcionalmente da Dirección Xeral de Cultura e contará, para o cumprimento das competencias e funcións encomendadas, cunha dirección e cunha xerencia.

1. A Dirección do Centro dependerá directamente da persoa titular da Dirección Xeral, e terá un nivel orgánico equiparable a unha subdirección xeral.

A persoa directora do Centro exercerá as seguintes funcións de dirección e planificación artística especializada con autonomía e responsabilidade, sen prexuízo dos criterios e instrucións emanados da indicada dirección xeral:

a) A dirección artística do Centro, a coordinación e planificación da actividade artística dos departamentos e servizos ao seu cargo.

b) A elaboración dos plans xerais das actuacións do Centro, coa elaboración da proposta de programación anual de exposicións e actividades, en colaboración coa Xerencia, para a súa aprobación pola Dirección Xeral de Cultura, así como a proposta de designación de comisarias e comisarios que, baixo a súa supervisión, xestionen a súa realización e instalación artística e propoñan as obras que deban ser obxecto de mostra.

c) Impulsar acordos de cooperación e colaboración con outros centros e institucións no ámbito da arte contemporánea, tanto nacionais coma internacionais.

d) A elaboración da memoria anual das actividades do Centro.

e) Propoñer as medidas necesarias para a protección dos fondos artísticos do Centro e aprobar, de ser o caso, os tratamentos para a conservación ou restauración das obras de arte.

f) Propoñer a adquisición de obras de arte e dispoñer as que deban ser exhibidas con carácter permanente.

g) Propoñer o plan anual de publicacións do Centro, así como o de adquisicións para a biblioteca.

h) Calquera outra función análoga que lle sexa encomendada.

2. A Xerencia do Centro, como órgano administrativo con nivel orgánico de xefatura de servizo, dependerá directamente da persoa titular da Dirección Xeral de Cultura e proverase con persoal funcionario.

A persoa xerente do Centro exercerá as seguintes funcións:

a) Impulsar, articular e coordinar a execución do orzamento e a xestión económico-administrativa e de persoal do Centro.

b) Xestionar, supervisar e controlar a execución da contratación administrativa do centro, así como a elaboración dos convenios e acordos necesarios para o seu funcionamento.

c) Remitirlle á Dirección Xeral de Cultura os plans xerais de actuacións, así como das programacións anuais de exposicións e actividades para a súa aprobación.

d) Impulsar programas de difusión educativa e científica do Centro en coordinación cos plans e programas da Consellería.

e) Xestionar o uso dos espazos non expositivos do Centro.

f) Calquera outra función que lle sexa encomendada.

CAPÍTULO V

Da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural

Artigo 14. Dirección Xeral de Patrimonio Cultural

1. Á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural correspóndelle a dirección e coordinación das actuacións da Consellería en materia de patrimonio artístico, histórico, arqueolóxico, paleontolóxico, arquitectónico, etnolóxico, antropolóxico, industrial, científico e técnico en todas as súas manifestacións, e, especialmente, as seguintes funcións:

a) A protección, conservación, acrecentamento, difusión e fomento do patrimonio cultural de Galicia, así como a súa investigación, valorización e transmisión ás xeracións futuras.

b) A delimitación e protección dos Camiños de Santiago en Galicia, así como a elaboración de anteproxectos normativos que os afecten.

c) A xestión dos asuntos relacionados co réxime xurídico de protección do patrimonio cultural, en coordinación coa Secretaría Xeral Técnica.

d) A tramitación e xestión dos procedementos de clasificación do patrimonio cultural de Galicia, coa declaración de ben de interese cultural e inclusión no Catálogo. Xestión do Censo do patrimonio cultural de Galicia. Difusión do patrimonio cultural de Galicia.

e) A promoción e xestión das actuacións arqueolóxicas relacionadas coas competencias da Dirección Xeral.

f) A emisión de informes, acordos ou resolucións dos procedementos e intervencións que afecten a protección do patrimonio cultural, conforme a normativa vixente.

g) A realización de informes e estudos que sexan requiridos polas autoridades competentes e, en particular, o informe e asesoramento ás autoridades administrativas, cando sexa solicitado, en materia de protección e conservación do patrimonio cultural, e na adopción das medidas cautelares, correctivas e sancionadoras que se xulguen convenientes.

h) A promoción, dirección e xestión das obras de conservación e restauración do patrimonio cultural promovidas pola Consellería.

i) A realización das actuacións necesarias para o exercicio da potestade expropiatoria e do dereito de adquisición preferente en asuntos relacionados co patrimonio cultural.

j) A preparación e xestión de convenios e protocolos relacionados coas competencias da Dirección Xeral.

k) A elaboración e edición de publicacións de carácter científico, cultural, educativo e divulgativo relacionadas co patrimonio cultural.

l) A proposta de programas e accións de formación, difusión e xestión relacionados co patrimonio cultural.

m) A formulación das correspondentes propostas contables dos expedientes tramitados con cargo aos orzamentos asignados ao seu centro directivo.

n) A dirección do Plan Territorial Integrado dos Camiños de Santiago, así como dos instrumentos de ordenación do territorio que teñan por obxecto a protección dos seus valores culturais.

ñ) Calquera outra función análoga que lle sexa encomendada.

2. Baixo a súa dependencia, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, para o cumprimento das funcións encomendadas, contará coas seguintes unidades con nivel orgánico de subdirección xeral:

1) Subdirección Xeral de Protección do Patrimonio Cultural.

2) Subdirección Xeral de Conservación e Restauración de Bens Culturais.

Artigo 15. Subdirección Xeral de Protección do Patrimonio Cultural

1. A Subdirección Xeral de Protección do Patrimonio Cultural exercerá as seguintes funcións:

a) Propoñer a elaboración de normas relacionadas coa protección do patrimonio cultural galego.

b) A programación, dirección, e execución das medidas e actuacións encamiñadas á protección do patrimonio cultural galego.

c) A coordinación das políticas públicas en materia de protección do patrimonio cultural, con especial incidencia na coordinación coa Administración local.

d) A proposta e xestión de programas e proxectos de cooperación con outras entidades e coas corporacións locais.

e) Calquera outra función análoga que lle sexa encomendada.

2. Baixo a súa dirección, a Subdirección Xeral de Protección do Patrimonio Cultural, para o cumprimento das funcións encomendadas, contará coas seguintes unidades con nivel orgánico de servizo:

2.1. Servizo de Planeamento.

A este servizo correspóndenlle as seguintes funcións:

a) Coordinar a elaboración dos informes sectoriais sobre os instrumentos de planeamento urbanístico e ordenación do territorio, en calquera dos seus trámites.

b) Coordinar a redacción e tramitación do Plan territorial integrado dos Camiños de Santiago.

c) Asesorar e, de ser o caso, colaborar na elaboración de instrumentos de planeamento urbanístico ou de ordenación do territorio promovidos pola Xunta de Galicia e outras administracións públicas, que poidan redundar na mellora da protección do patrimonio cultural.

d) Elaborar os documentos técnicos e as instrucións que teñan por obxecto homoxeneizar os criterios de protección do patrimonio cultural nos documentos urbanísticos e de ordenación do territorio.

e) Elaborar, actualizar e difundir os criterios de intervención nos contornos dos bens e, de ser o caso, nas áreas de amortecemento, así como a súa integración nos documentos de planeamento urbanístico e de ordenación do territorio.

f) Calquera outra función análoga que lle sexa encomendada.

2.2. Servizo de Protección e Fomento.

A este servizo correspóndenlle as seguintes funcións:

a) Tramitar e emitir informe sobre os procedementos de autorización das intervencións que afecten os Camiños de Santiago, e xestionar a participación do Consello Asesor dos Camiños de Santiago como órgano asesor nos ditos procedementos e nos relativos aos documentos para a súa identificación e protección.

b) Tramitar os expedientes de autorización das intervencións sobre o patrimonio cultural de titularidade da Igrexa Católica, e xestionar a participación da Comisión Mixta Xunta de Galicia-Igrexa Católica como órgano asesor.

c) Exercer a secretaría da Comisión Superior de Valoración de Bens Culturais de Interese para Galicia.

d) Coordinar a elaboración de propostas normativas e disposicións xerais que afecten a protección do patrimonio cultural e a súa xestión.

e) Promover e coordinar a información relativa ás medidas de accesibilidade, protección e fomento do patrimonio cultural de Galicia.

f) Elaborar, actualizar e difundir os criterios de intervención nos territorios históricos dos Camiños de Santiago e colaborar na súa integración no Plan territorial integrado dos Camiños de Santiago.

g) Calquera outra función análoga que lle sexa encomendada.

2.3. Servizo de Vixilancia e Inspección.

A este servizo correspóndenlle as seguintes funcións:

a) A vixilancia sobre os bens de calquera natureza integrantes do patrimonio cultural de Galicia, para a súa protección e conservación.

b) A tramitación dos procedementos sancionadores por infraccións da normativa vixente en materia de protección do patrimonio cultural, e a realización de informes encamiñados a determinar e avaliar os danos producidos nel, así como a proposta á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural de adopción de medidas cautelares.

c) A comprobación do cumprimento das normas, resolucións e ditames emanados da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

d) O control do rexistro das transaccións realizadas polas persoas ou entidades dedicadas ao comercio de bens integrantes do patrimonio cultural, e do cumprimento dos requisitos para o exercicio desta actividade.

e) A elaboración do plan anual de inspección.

f) A coordinación cos servizos dos departamentos territoriais competentes en materia de inspección dos bens integrantes do patrimonio cultural de Galicia, en relación coa instrución dos expedientes sancionadores e coas actuacións correspondentes á investigación, comprobación e comunicación sobre os feitos obxecto de reclamacións ou denuncias sobre presuntas afectacións a aquel patrimonio.

g) Calquera outra función análoga que lle sexa encomendada.

Artigo 16. Subdirección Xeral de Conservación e Restauración de Bens Culturais

1. Á Subdirección Xeral de Conservación e Restauración de Bens Culturais correspóndenlle as seguintes funcións:

a) A programación, coordinación e execución das actuacións de prevención, conservación, restauración e posta en valor do patrimonio cultural.

b) A investigación, acrecentamento e difusión deste patrimonio e a elaboración dos criterios de intervención sobre el.

c) Calquera outra función análoga que lle sexa encomendada.

2. Baixo a súa dirección, a Subdirección Xeral de Conservación e Restauración de Bens Culturais, para o cumprimento das funcións encomendadas, contará coas seguintes unidades con nivel orgánico de servizo:

2.1. Servizo de Arquitectura.

A este servizo correspóndenlle as seguintes funcións:

a) A promoción, xestión e coordinación das actuacións de prevención, conservación, restauración e posta en valor do patrimonio inmoble de interese artístico, histórico, arquitectónico, etnolóxico, industrial, científico e técnico.

b) O seguimento, control e supervisión das actuacións de conservación e restauración dos retablos, das pinturas, murais e outros bens culturais de interese artístico, histórico ou etnográfico, como os cruceiros, os petos de ánimas ou a decoración escultórica da arquitectura.

c) A prestación de apoio e asesoramento técnico, cando así proceda, en proxectos e actuacións que afecten o patrimonio cultural inmoble.

d) A elaborar os informes técnicos sobre as propostas de clasificación do patrimonio cultural de Galicia de bens de interese artístico, histórico, arquitectónico, etnolóxico, antropolóxico, industrial, científico e técnico.

e) A elaboración, dirección e coordinación de informes, proxectos, estudos, traballos de investigación e de difusión relacionados coa conservación e coas intervencións sobre o patrimonio cultural inmoble, así como a supervisión e dirección técnica e facultativa das actuacións, cando así proceda.

f) A realización das actas de implantación, o seguimento e control da execución das obras, a supervisión e o informe de certificacións de obra e honorarios facultativos, a supervisión e o visado de plans de seguridade e saúde no traballo, a tramitación dos expedientes de expropiación e, en xeral, o desenvolvemento das funcións que lle corresponden á Oficina de Supervisión de Proxectos conforme a lexislación sobre contratos do sector público no ámbito da Consellería.

g) Calquera outra función análoga que lle sexa encomendada.

2.2. Servizo de Arqueoloxía.

A este servizo correspóndenlle as seguintes funcións:

a) A promoción, xestión e coordinación das actuacións de prevención, conservación, restauración e posta en valor do patrimonio arqueolóxico.

b) A coordinación do programa de posta en valor do patrimonio arqueolóxico da Rede galega de patrimonio arqueolóxico.

c) A tramitación, supervisión e o informe de expedientes de actuacións arqueolóxicas.

d) A prestación de apoio e asesoramento técnico, cando así proceda, en proxectos e actuacións que afecten o patrimonio arqueolóxico.

e) Elaborar os informes técnicos sobre as propostas de clasificación do patrimonio cultural de Galicia de bens de interese histórico, arqueolóxico, paleontolóxico, etnolóxico, antropolóxico e industrial.

f) A elaboración e coordinación de informes, estudos, traballos de investigación e de difusión relacionados coa conservación e intervencións sobre o patrimonio arqueolóxico.

g) Calquera outra función análoga que lle sexa encomendada.

2.3. Servizo de Inventario.

A este servizo correspóndenlle as seguintes funcións:

a) Manter, actualizar e xestionar o Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia, o Catálogo do patrimonio cultural de Galicia e o Censo do patrimonio cultural de Galicia.

b) Coordinar a elaboración de propostas de clasificación do patrimonio cultural de Galicia ou a súa inclusión no censo.

c) Tramitar os expedientes de declaración de ben de interese cultural e de inclusión no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia desde as actuacións preparatorias ata a súa conclusión.

d) Promover traballos para identificar, documentar e investigar as manifestacións do patrimonio cultural inmaterial de Galicia e as súas medidas de salvagarda.

e) Tramitar e, de ser o caso, elaborar os expedientes para delimitar os Camiños de Santiago en Galicia.

f) Elaborar medidas para a identificación e difusión do patrimonio cultural galego.

g) Informar e colaborar nos procedementos relativos ás figuras de protección e difusión nacionais e internacionais que en materia de patrimonio cultural se desenvolvan no ámbito territorial da Comunidade Autónoma.

h) Calquera outra función análoga que lle sexa encomendada.

CAPÍTULO VI

A Dirección Xeral de Xuventude

Artigo 17. A Dirección Xeral de Xuventude

1. A Dirección Xeral de Xuventude é o órgano directivo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ao cal lle corresponde exercer as competencias en materia de xuventude, participación e voluntariado. En particular, correspóndenlle as seguintes funcións:

a) A xestión das actuacións en materia de xuventude, así como as políticas xuvenís de carácter interdepartamental e de apoio ao desenvolvemento da actividade xuvenil.

b) A planificación en materia de xuventude, especialmente a través do Plan estratéxico de xuventude de Galicia, así como a coordinación na elaboración, na execución e na avaliación das políticas transversais de xuventude.

c) O fomento da participación da xuventude na vida social.

d) A coordinación e a supervisión do funcionamento das instalacións xuvenís, tanto as propias da Consellería como as dependentes doutras entidades, e a prestación da asistencia técnica necesaria para dar un servizo de calidade.

e) O fomento da mobilidade xuvenil, dos intercambios xuvenís, tanto no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia coma no resto do Estado e no ámbito internacional.

f) A organización e o funcionamento do Instituto da Xuventude de Galicia e, no seo deste, da Escola Galega de Xuventude.

g) O seguimento na xestión da Rede galega de información xuvenil e a súa promoción e desenvolvemento, en coordinación cos centros de información da Administración xeral do Estado e das comunidades autónomas, velando pola prestación dun servizo innovador e de calidade.

h) A coordinación das funcións informativas e de documentación dos servizos da Rede galega de información xuvenil e a coordinación dos servizos prestados na Rede galega de centros de xuventude, os Espazo Xove.

i) A xestión do Rexistro autonómico das entidades xuvenís, nos termos que establece a Lei 6/2012, de xuventude de Galicia, e todas aquelas actuacións que deriven da aplicación da citada lei.

j) A dirección e a xestión das actuacións en materia de voluntariado, a elaboración e o seguimento dos instrumentos de planificación, de rexistro, da xestión dos órganos colexiados, e todas aquelas actuacións en aplicación da Lei galega 10/2011, do 28 de novembro, de acción voluntaria.

k) A elaboración do anteproxecto de orzamento e a memoria de funcionamento correspondente ao órgano, así como a súa xestión, seguimento e avaliación.

l) Impulsar a aplicación da perspectiva de xénero nas materias da súa competencia.

2. Para o desenvolvemento das súas funcións, a Dirección Xeral de Xuventude contará cos seguintes órganos:

a) Instituto da Xuventude de Galicia.

b) Subdirección Xeral de Programas e Asesoramento para a Xuventude.

3. Intégranse na Dirección Xeral de Xuventude, dependendo directamente da persoa titular da Dirección Xeral, as seguintes unidades co nivel orgánico de servizo:

3.1. Servizo de Voluntariado e Participación, ao cal lle corresponderán as seguintes funcións:

a) Promover a participación e o voluntariado no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, directamente e en colaboración coas entidades de acción voluntaria, e fomentar a cooperación cos órganos ou organismos competentes en materia de voluntariado doutras comunidades autónomas e do Estado.

b) Elaborar e realizar o seguimento da execución dos instrumentos de planificación de conformidade coa norma reguladora de acción voluntaria, así como participar na planificación dos programas formativos en colaboración con outras entidades públicas ou privadas.

c) Executar e xestionar programas específicos en materia de voluntariado e desenvolver campañas de sensibilización e difusión do voluntariado entre a poboación galega en xeral e, en particular, entre o alumnado dos centros educativos.

d) Realizar os labores de coordinación do órgano colexiado consultivo e de participación do voluntariado, exercendo as funcións de secretariado deste.

e) Levar a cabo o desenvolvemento normativo en materia de voluntariado e establecer as liñas de colaboración para proxectos de voluntariado con outras entidades públicas ou privadas.

f) Xestionar o Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia e fomentar o traballo en rede coas entidades de acción voluntaria a través da web, prestando servizos de información, documentación e asesoramento.

g) Tramitar e realizar o seguimento dos expedientes de subscrición de convenios, concertos ou calquera outro medio de colaboración con entidades públicas ou privadas, e a convocatoria de axudas e subvencións a entidades e concellos.

h) Redactar propostas normativas, informes, estudos e estatísticas, e executar e facer o seguimento dos programas de formación.

i) Xestionar os proxectos europeos de política social en relación coas áreas de voluntariado en Galicia.

j) Prestar servizos de información, documentación e asesoramento ás organizacións de voluntariado.

k) Executar e xestionar programas específicos en materia de voluntariado.

3.2. Servizo de Xestión e Coordinación Administrativa.

A este servizo corresponderanlle a xestión e o control do pagamento das axudas e subvencións, así como a xestión económica e de contratación administrativa para os programas e actividades xestionados pola Dirección Xeral, sen prexuízo do control e da coordinación que lle corresponda á Secretaría Xeral Técnica.

3.3. Servizo de Información Xuvenil.

A este servizo correspóndelle coordinar o conxunto dos servizos de información xeral ou especializada da Rede galega de información xuvenil; recoller, catalogar, elaborar e distribuír canta información sexa de interese para os mozos e mozas, e cooperar con entidades, organizacións e institucións, públicas ou privadas, na elaboración e na execución dos servizos, programas e actividades de información á xuventude.

Así mesmo, tamén se encargará de organizar accións formativas dirixidas ao persoal dos servizos de información xuvenil e á mocidade en xeral, en colaboración coa Escola Galega de Xuventude, e de asesorar outras entidades públicas ou privadas sobre a creación e a apertura de servizos de información xuvenil.

Artigo 18. Instituto da Xuventude de Galicia

1. Correspóndenlle ao Instituto da Xuventude de Galicia, órgano con rango de subdirección xeral, as seguintes funcións:

a) A planificación, supervisión e coordinación das actividades desenvolvidas pola Escola Galega de Xuventude.

b) A planificación, promoción, organización e coordinación de actividades destinadas á xuventude en xeral e, en particular, as relativas ao seu lecer educativo, talento, iniciativa, autonomía e/ou liderado, directamente ou en colaboración con asociacións xuvenís ou outras administración públicas, institucións e organismos públicos e privados.

c) A coordinación, a vixilancia e o rexistro das instalacións xuvenís.

d) A coordinación da Rede de albergues xuvenís de Galicia.

e) A coordinación das axudas para o acceso da mocidade a determinados bens e servizos a través do Carné Xove, entre outros instrumentos.

f) O fomento e a promoción de intercambios dos mozos e mozas con outras comunidades autónomas e países estranxeiros.

g) A emisión de cantos informes lle sexan solicitados pola consellería de adscrición.

h) Todas cantas lle sexan atribuídas expresamente por disposicións de carácter legal ou regulamentario.

2. Para o desenvolvemento das súas funcións, contará cos seguintes órganos de apoio con nivel orgánico de servizo:

2.1. Servizo de Actividades para a Xuventude.

Corresponderalle a este servizo o exercicio das seguintes funcións:

a) O desenvolvemento, a coordinación, a xestión e o seguimento dos programas e servizos a prol da mocidade que lle correspondan ao Instituto da Xuventude de Galicia.

b) A participación na xestión e programación das actividades de lecer educativo e educación non formal que se realizan en campamentos, albergues e centros de xuventude.

c) A promoción e difusión de intercambios xuvenís con outras comunidades autónomas e países estranxeiros.

d) A elaboración e tramitación dos convenios dirixidos a fomentar a colaboración coas administracións públicas, respecto da organización de actividades dirixidas á xuventude.

e) A promoción e a xestión do Carné Xove.

f) A tramitación e o seguimento das axudas e subvencións relacionadas coas materias propias do Servizo.

2.2. Servizo de Participación Xuvenil e Escola Galega de Xuventude.

Corresponderalle a este servizo o exercicio das seguintes funcións:

a) A coordinación e xestión do Rexistro de Entidades Xuvenís de Galicia.

b) As funcións de fomento e seguimento de todas as actividades relacionadas co asociacionismo e coa participación xuvenil.

c) A programación e ordenación das ensinanzas no ámbito da educación non formal en temas relacionados coa mocidade, así como a promoción das diferentes actividades formativas relacionadas cos programas e actividades xestionados polo Instituto da Xuventude de Galicia.

d) A coordinación dos servizos prestados nos albergues e residencias da nosa comunidade autónoma integrados na Rede española de albergues xuvenís.

e) A promoción e xestión dos demais carnés nacionais e internacionais para a mocidade.

f) A tramitación e o seguimento das axudas e subvencións relacionadas coas materias propias do Servizo.

Artigo 19. Subdirección Xeral de Programas e Asesoramento para a Xuventude

1. Corresponderanlle a esta subdirección, como órgano de dirección, as seguintes funcións:

a) Deseñar, promover, organizar e coordinar programas, desde o ámbito da educación non formal, destinados ao desenvolvemento de capacidades e competencias na xuventude, así como á mellora da súa empregabilidade e das súas posibilidades de emancipación.

b) Ofrecer apoio e asesoramento á xuventude en relación cos recursos postos á súa disposición pola Administración autonómica.

c) Coordinar e fomentar actividades que se realicen no ámbito das residencias xuvenís, así como en colaboración cos centros educativos e universidades galegas.

d) Coordinar, promover e informar dos programas e proxectos da Unión Europea dirixidos á mocidade.

2. Para o desenvolvemento das súas funcións, contará co Servizo de Programas e Mobilidade Xuvenil, órgano de apoio co nivel orgánico de servizo, ao cal lle corresponderá o exercicio das seguintes funcións:

a) Desenvolver, coordinar e xestionar os programas para a xuventude que lle corresponden á Subdirección Xeral.

b) Redactar propostas normativas, informes, estudos e estatísticas, e facer o seguimento dos programas para a xuventude que lle corresponden á Subdirección Xeral.

c) Coordinar a xestión dos proxectos europeos que estean en funcionamento e dos cales forme parte a Dirección Xeral, e asesorar e capacitar a mocidade galega na realización de proxectos europeos de ámbito competencial da Dirección Xeral.

d) Participar e representar a Comunidade Autónoma de Galicia na Axencia Nacional Española que xestiona os programas Erasmus+ Xuventude e Corpo Europeo de Solidariedade, e promover entre a mocidade galega os ditos programas, así como xestionar, avaliar e facer o seguimento dos proxectos galegos presentados ao seu abeiro.

TÍTULO III

Dos departamentos territoriais

Artigo 20. Os departamentos territoriais

1. Para o exercicio das súas competencias, nos termos do artigo 11 do Decreto 245/2009, do 30 de abril, polo que se regulan as delegacións territoriais da Xunta de Galicia, na súa redacción dada pola disposición derradeira primeira do Decreto 49/2024, do 22 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude organízase nos departamentos territoriais da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra, á fronte dos cales estarán os directores ou directoras territoriais, que desenvolverán as súas funcións no ámbito territorial respectivo, sen prexuízo das funcións de coordinación no exercicio das competencias que asume cada delegación, no seu correspondente ámbito territorial, de acordo co disposto no artigo 2 do citado Decreto 245/2009, do 30 de abril.

Aos directores ou directoras territoriais correspóndenlles as seguintes funcións:

a) A representación oficial da Consellería ante as autoridades, organismos e entidades provinciais e locais.

b) Dirixir, coordinar e impulsar a política da Consellería na provincia.

c) Dirixir e exercer a supervisión, a coordinación e o seguimento das actividades dos servizos ou unidades do departamento territorial.

d) O impulso e a instrución da actividade administrativa do departamento territorial.

e) A coordinación do réxime interior do departamento.

f) A administración, o control contable, a xestión e a xustificación dos créditos asignados e os desconcentrados ao departamento territorial.

g) A elaboración do estudo do anteproxecto de orzamento anual correspondente aos programas de gasto do departamento e dos seus centros dependentes.

h) A coordinación e a supervisión da xestión económica dos centros dependentes.

i) A habilitación dos medios materiais do departamento e dos seus centros dependentes.

j) A tramitación dos expedientes de contratación administrativa e de subvencións que sexan competencia do departamento territorial.

k) A xefatura inmediata do persoal respecto de todos os órganos e servizos que integran o departamento e nos seus centros dependentes, sen prexuízo das competencias que nesta materia lles correspondan ás persoas titulares das delegacións territoriais e aos correspondentes órganos da Consellería.

l) A xestión da nómina do persoal no ámbito competencial da Consellería e a habilitación do seu pagamento.

m) A resolución dos recursos administrativos que correspondan.

n) A imposición das sancións que, de acordo coas disposicións vixentes en materia sancionadora, lles correspondan.

ñ) Calquera outra función análoga que lles sexa expresamente atribuída ou delegada.

2. Os servizos dos departamentos territoriais dependerán funcionalmente dos órganos superiores e de dirección da Consellería, dentro do ámbito das atribucións que lle correspondan a cada un deles, sen prexuízo da coordinación xeral que poidan exercer as persoas titulares dos departamentos territoriais, das cales dependen organicamente.

3. Os departamentos territoriais contarán, baixo a súa dirección, coas seguintes unidades:

3.1. Servizo de Coordinación Cultural.

Baixo a dependencia da dirección territorial correspondente, existirá un servizo que coordinará as competencias en materia de cultura, que exercerá as seguintes funcións:

a) A execución daquelas competencias que, en materia de cultura, propiedade intelectual, bibliotecas, museos e arquivos, se lle encomenden, así como a xestión administrativa dos expedientes relacionados con estas materias.

b) O apoio á realización de estudos e actividades tendentes a promover a imaxe das bibliotecas e o fomento do acceso igualitario á cultura para toda a cidadanía a través da lectura.

c) Calquera outra función análoga que lle sexa encomendada.

3.2. Servizo de Patrimonio Cultural.

A este servizo, de acordo coas directrices do director ou directora territorial, correspóndenlle as seguintes funcións:

a) A execución daquelas competencias que en materia de patrimonio histórico, arqueolóxico, paleontolóxico, artístico, arquitectónico e etnolóxico, en todas as súas manifestacións, se lle encomenden, así como a xestión administrativa dos expedientes relacionados con estas materias.

b) O apoio á realización de tarefas e funcións dirixidas a fomentar a protección, a conservación, a difusión e o fomento do patrimonio cultural de Galicia, así como a súa investigación e transmisión ás xeracións futuras.

c) A tramitación das tarefas complementarias para a declaración de bens de interese cultural e, de ser o caso, a instrución dos procedementos que afecten, conforme a normativa vixente, o patrimonio cultural.

d) O apoio e a realización de tarefas tendentes á investigación, comprobación e comunicación sobre os feitos obxecto de reclamación ou denuncia sobre presuntas afectacións ao patrimonio cultural de Galicia en materia de inspección dos bens integrantes daquel patrimonio.

e) O apoio e a realización de tarefas complementarias tendentes a contribuír á conservación, investigación e difusión do patrimonio custodiado nos museos galegos.

f) Calquera outra función análoga que lle sexa encomendada.

3.3. Servizo de Xuventude e Voluntariado.

Baixo a dependencia do departamento territorial correspondente, existirá un servizo que desenvolverá as funcións propias da Dirección Xeral de Xuventude no respectivo ámbito territorial, en particular:

a) O apoio na supervisión do correcto funcionamento das instalacións xuvenís adscritas á Consellería.

b) Prestar a colaboración que se lle requira na tramitación dos programas e servizos dirixidos á xuventude, así como a supervisión da súa execución no ámbito territorial.

c) O control e a supervisión das actividades de lecer educativo e educación non formal que se realizan en campamentos, albergues e centros de xuventude.

d) A verificación da prestación dos servizos á xuventude, cuxo inicio está suxeito a declaración responsable.

e) A participación na xestión do Carné Xove e dos demais carnés nacionais e internacionais para a mocidade.

f) A participación na xestión do Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia, verificando as altas e as modificacións correspondentes ao seu ámbito territorial, entre outros.

g) Calquera outra función análoga que lle sexa encomendada.

4. Así mesmo, nos departamentos territoriais existirán os gabinetes de normalización lingüística, que contarán co nivel orgánico que se estableza a través da relación de postos de traballo, aos cales lles corresponden, baixo a dirección do director ou directora territorial e en coordinación coa Subdirección Xeral de Política Lingüística, as seguintes funcións:

a) A proposta de programación, organización e xestión das actividades e dos cursos de lingua galega e de linguaxes especializadas que se desenvolvan no ámbito territorial da súa competencia.

b) A proposta de nomeamento do profesorado para impartir os cursos que se organicen no ámbito territorial da súa competencia, de acordo cos criterios e co réxime de chamamentos establecido pola Secretaría Xeral da Lingua.

c) A xestión dos expedientes e propostas de gasto e pagamento das actividades e dos cursos desenvolvidos.

d) A xestión de expedientes de axudas e subvencións.

e) A información e atención ao público nas materias propias do ámbito de competencia da Secretaría Xeral da Lingua.

f) Calquera outra función que, no ámbito da súa competencia, lle sexa encomendada.

Disposición adicional primeira. Integración da dimensión de igualdade de oportunidades entre as mulleres e os homes

No exercicio das funcións a que se refire este decreto, integrarase de xeito activo a dimensión de igualdade de oportunidades entre as mulleres e os homes.

Disposición adicional segunda. Integración da perspectiva de xénero na actividade estatística

Co obxectivo de facer efectivas as disposicións contidas na Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia, e de garantir a integración efectiva da perspectiva de xénero na súa actividade ordinaria, todos os órganos e unidades a que se refire este decreto levarán a cabo as actuacións contidas no artigo 27 da citada lei na elaboración de estudos e estatísticas.

Disposición adicional terceira. Referencias normativas a outros órganos

As referencias que a normativa vixente realiza aos órganos correspondentes nas materias recollidas no artigo 1 deste decreto entenderanse efectuadas aos correspondentes órganos da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.

Disposición adicional cuarta. Réxime de suplencias

1. Sen prexuízo do establecido no artigo 5.1.c) deste decreto para o suposto da suplencia da persoa titular da Secretaría Xeral Técnica nos casos de vacante, ausencia ou enfermidade das persoas titulares dos órganos superiores e de dirección da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, así como nos casos en que sexa declarada a súa abstención ou recusación, as competencias atribuídas por este decreto aos correspondentes órganos serán exercidas, temporalmente e mentres persistan aquelas circunstancias, polos órganos superiores e de dirección da Consellería, seguindo a orde de prelación que se establece no Decreto 49/2024, do 22 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia. Neste sentido, a suplencia será asumida pola persoa titular do órgano que ocupe o posto seguinte na orde correlativa enunciada, e corresponderalle á primeira persoa, se for o caso, suplir a última.

2. Nos casos de vacante, ausencia ou enfermidade das persoas titulares dos departamentos territoriais, así como nos casos en que sexa declarada a súa abstención ou recusación, serán suplidas polas persoas titulares das xefaturas de servizo, seguindo a orde de prelación establecida no artigo 20.

Disposición adicional quinta. Comisión de Toponimia

1. A Comisión de Toponimia, regulada polo Decreto 174/1998, do 5 de xuño, estará adscrita á Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.

2. As referencias á Consellería de Presidencia e Administración Pública contidas no Decreto 174/1998, do 5 de xuño, entenderanse realizadas á Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.

Disposición adicional sexta. Regulamento do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC)

1. O Centro Galego de Arte Contemporánea configúrase como un centro para a promoción da creación e difusión artística-contemporánea, para o desenvolvemento da cultura no eido das distintas manifestacións artísticas e, especialmente, na súa relación con Galicia. Terá, en particular, as seguintes funcións:

a) Promover o coñecemento e o acceso das persoas á arte contemporánea nas súas múltiples manifestacións.

b) Conservar e ampliar a colección permanente do Centro, expoñéndoa ordenadamente para a súa contemplación e estudo. Garantir a protección, conservación e restauración dos bens mobles e inmobles que o integran. A colección do Centro, sen prexuízo da súa concreta situación, estará integrada polos fondos actuais da Xunta de Galicia, polos que no futuro adquira a propia Xunta de Galicia, por proposta do Centro Galego de Arte Contemporánea, e polos procedentes de depósitos e doazóns que no seu favor se produzan. A colección terá unha estrutura dual, na cal a colección de arte contemporánea galega permanecerá en diálogo constante cos fondos de arte nacional e internacional.

c) Desenvolver programas de exposicións temporais de arte contemporánea, con especial atención á creación artística relacionada con Galicia.

d) Potenciar e incentivar a creación artística e contribuír á formación dos que se dedican ás artes plásticas, prestando, ademais, servizos de información, documentación e asesoramento no campo da arte contemporánea.

e) Desenvolver programas e actividades que favorezan o contacto co público, a súa sensibilización coa arte contemporánea e o seu achegamento ao Centro, impulsando o coñecemento, a difusión e a comunicación das obras e identidade cultural do patrimonio artístico do Centro, e desenvolver actividades didácticas respecto aos seus contidos.

f) Establecer as relacións de cooperación e colaboración con museos, universidades, centros de investigación ou institucións culturais públicas ou privadas, nacionais ou estranxeiras, para favorecer o intercambio de experiencias e coñecementos, desenvolver accións conxuntas coas entidades citadas para que poidan contribuír á mellor realización dos seus respectivos fins e redundar nunha sólida implantación social do Centro.

g) Prestar servizos de asesoramento, información, estudo ou ditame de carácter científico ou técnico que lle sexa requirido polo órgano competente da Administración autonómica.

h) Contribuír á formación e ao perfeccionamento do persoal especializado en arte contemporánea, museoloxía e museografía, tanto para atender as propias necesidades e servizos do Centro como para satisfacer as demandas doutros sectores.

i) Desenvolver programas de investigación e elaborar e publicar catálogos e monografías.

j) Calquera outra función tendente á consecución dos obxectivos que se lle atribúan.

2. O Centro Galego de Arte Contemporánea rexerase polo disposto neste regulamento e, supletoriamente, polo resto da normativa autonómica aplicable.

A súa sede queda establecida na cidade de Santiago de Compostela, no actual edificio do CGAC.

3. Baixo a dependencia da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, os órganos reitores do CGAC serán a Dirección e a Xerencia, cuxas funcións se establecen neste decreto. Ademais, o Centro contará cun Consello Asesor.

4. Consello Asesor do Centro Galego de Arte Contemporánea.

4.1. O Consello Asesor do Centro Galego de Arte Contemporánea é o órgano colexiado de consulta e asesoramento da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude nos asuntos relacionados coas competencias do Centro Galego de Arte Contemporánea e de participación dos axentes socioeconómicos relacionados co desenvolvemento da arte contemporánea en Galicia.

O Consello Asesor terá a súa sede nas dependencias do Centro Galego de Arte Contemporánea.

4.2. O Consello Asesor do Centro Galego de Arte Contemporánea ten as seguintes funcións:

a) Informar, estudar e prestar asistencia sobre cantos asuntos relacionados co funcionamento do Centro e os seus programas lle sexan sometidos a consulta.

b) Fomentar e impulsar a participación da sociedade nas actividades do Centro, así como no enriquecemento das coleccións e o mantemento deste.

c) Elevar propostas de posibles exposicións e actividades para seren incluídas nas programacións anuais do Centro coa valoración da asignación orzamentaria.

d) Elevar propostas de adquisicións de obras de arte para a colección propia do Centro.

e) Realizar o control e seguimento do plan anual de exposicións.

f) Todas aquelas que por norma legal ou regulamentaria se lle atribúan.

4.3. O Consello Asesor do Centro Galego de Arte Contemporánea terá a seguinte composición:

Unha Presidencia, unha Vicepresidencia, que substituirá a persoa titular da Presidencia nos supostos de vacante, ausencia, enfermidade ou outra causa legal e exercerá as funcións que lle deleguen, persoas vogais e unha persoa que ocupará o Secretariado, quen actuará con voz pero sen voto.

As seis persoas vogais serán designadas, tres por proposta de entidades e institucións culturais vinculadas á creación cultural contemporánea, e as outras tres entre persoas de recoñecido prestixio no ámbito da arte contemporánea.

A Presidencia poderá autorizar a presenza nas súas sesións, ou en parte delas, de persoas especializadas nos temas que sexan obxecto delas, que poderán actuar con voz pero sen voto.

4.4. Nomeamento e mandato.

4.4.1. O nomeamento dos/das membros do Consello Asesor do Centro Galego de Arte Contemporánea será por designación da persoa titular da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.

4.4.2. O mandato será por catro anos, renovables por períodos de igual duración. Unha vez que expire o seu mandato, continuarán desempeñando as súas funcións ata que se realice o nomeamento das persoas sucesoras. Aquelas persoas que, de ser o caso, fosen nomeadas por razón do seu cargo cesarán automaticamente, coa perda da condición en virtude da cal foron nomeadas.

4.4.3. As vacantes que se produzan por calquera causa serán cubertas no prazo dun mes desde que comunique tal circunstancia a persoa que ocupe o posto da Secretaría do Consello Asesor, e exercerán a súa función polo tempo que resta de mandato da persoa a que substitúan.

5. Será de aplicación ao Consello Asesor o disposto para os órganos colexiados na normativa sobre réxime xurídico do sector público.

6. As persoas membros do Consello Asesor non devindicarán dereito a ningunha retribución económica pola súa condición.

Disposición adicional sétima. Presenza equilibrada de mulleres e homes

Nos nomeamentos de altos cargos da Consellería, así como das persoas titulares e membros de órganos de entidades integrantes do sector público autonómico no seu ámbito de competencias, atenderase ao principio de presenza equilibrada entre mulleres e homes.

Disposición adicional oitava. Mantemento da antigüidade no posto de traballo

As persoas que estean a desempeñar os postos de traballo cuxa denominación ou adscrición varíe como consecuencia deste decreto manterán a antigüidade do posto de traballo de orixe sempre que se conserve o seu contido funcional.

Disposición transitoria primeira. Adscrición do persoal ás novas unidades

Cando, como consecuencia da estrutura orgánica que se establece neste decreto, se modifique a denominación ou o contido funcional das subdireccións xerais ou dos servizos existentes, autorízase a persoa titular da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, por proposta da persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da Consellería, para adscribir o persoal funcionario que ocupaba o posto existente ao posto equivalente que figura neste decreto.

No caso de supresión ou amortización das subdireccións xerais ou xefaturas de servizo, será de aplicación o establecido na normativa vixente en materia de función pública.

Disposición transitoria segunda. Organización respecto de postos de traballo con nivel orgánico inferior ao de servizo en subdireccións xerais ou servizos suprimidos ou amortizados

As unidades e os postos de traballo con nivel orgánico inferior ao de servizo, correspondentes ás subdireccións xerais ou servizos suprimidos ou amortizados como consecuencia deste decreto, continuarán subsistentes e retribuiranse con cargo aos mesmos créditos orzamentarios ata que se aprobe a nova relación de postos de traballo adaptada á estrutura orgánica establecida neste decreto. As unidades e os postos de traballo encadrados nos órganos suprimidos adscribiranse provisionalmente, por resolución da persoa titular da Consellería, por proposta da Secretaría Xeral Técnica, aos órganos establecidos neste decreto, en función das atribucións que teñen asignadas.

Disposición derrogatoria primeira. Derrogación normativa parcial do Decreto 119/2022, do 23 de xuño, e do Decreto 124/2022, do 23 de xuño

Quedan derrogados o Decreto 119/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, no que afecte as competencias da área de cultura, patrimonio cultural e de política lingüística, e o Decreto 124/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social e Xuventude, no que afecte as competencias da área de xuventude, así como cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao establecido neste decreto.

Disposición derrogatoria segunda. Derrogación da disposición adicional segunda do Decreto 163/2018, do 13 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura e Turismo

Queda derrogada a disposición adicional segunda do Decreto 163/2018, do 13 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura e Turismo, declarada vixente pola disposición derrogatoria primeira do Decreto 198/2020, do 20 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento normativo

Autorízase a persoa titular da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude para ditar as disposicións necesarias e adoptar os actos e as medidas precisos para o desenvolvemento deste decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte de maio de dous mil vinte e catro

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

José López Campos
Conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude