DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 101 Luns, 27 de maio de 2024 Páx. 31932

I. Disposicións xerais

Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas

DECRETO 142/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas.

O 14 de abril de 2024 publicouse o Decreto 42/2024, do 14 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, fundamentada nos criterios de eficacia e eficiencia que inspiran a actuación e a organización administrativa.

En virtude dos criterios arriba indicados, aprobouse o Decreto 49/2024, do 22 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, que debuxa a estrutura orgánica superior das respectivas consellerías, tendo en conta o compromiso da Xunta de Galicia de afondar no camiño xa iniciado de racionalización das súas estruturas administrativas consolidando pautas de mellora continua na procura dunha maior eficacia e eficiencia no seu funcionamento.

O desenvolvemento agora desta estrutura, ademais de ter en conta os principios e criterios fixados, aposta por converter a vivenda, a rexeneración urbana e a planificación do territorio en eixes fundamentais da acción política da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, en prol de impulsar e axilizar a tramitación dos procedementos previstos na normativa autonómica para favorecer a planificación territorial e o desenvolvemento e implantación das iniciativas en materia de vivenda.

Así, cómpre introducir as modificacións organizativas necesarias que faciliten o acceso á vivenda, particularmente polos colectivos con maiores dificultades para este, con especial incidencia na necesidade de potenciar a creación de solo residencial destinado a vivenda protexida e na implantación de programas de axuda tanto para o acceso á vivenda como para a rehabilitación edificatoria, potenciando a accesibilidade e a eficiencia enerxética do parque residencial existente.

Co fin de acadar os obxectivos anteriormente anunciados, a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas dótase dunha Secretaría Xeral de Vivenda e Urbanismo, que será a encargada de desenvolver, promocionar e coordinar a política en materia de vivenda, rehabilitación, rexeneración urbana, habitabilidade, urbanismo e planificación territorial dentro da Comunidade Autónoma de Galicia como órgano superior.

Así mesmo, reorganízase a Dirección Xeral de Urbanismo como órgano de dirección, co fin de orientar a planificación do territorio ao impulso dos procedementos previstos pola normativa autonómica para favorecer a implantación das iniciativas en materia de vivenda.

Finalmente, tamén se adaptan os departamentos territoriais ás novas previsións organizativas reguladas no Decreto 49/2024, do 22 de abril.

En definitiva, a nova estrutura orgánica da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas pretende responder ao reto urxente de favorecer a planificación territorial e execución de vivenda protexida, ao tempo que procura unha maior eficacia e eficiencia no seu funcionamento.

Por último, tamén debe sinalarse que este decreto respecta os principios de boa regulación (necesidade, eficacia, proporcionalidade, seguridade xurídica, transparencia e eficiencia) consonte aos cales deben actuar as administracións públicas no exercicio da iniciativa lexislativa e potestade regulamentaria, segundo establece o artigo 129.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, no exercicio da facultade outorgada polo artigo 34.4 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte de maio de dous mil vinte e catro,

DISPOÑO:

TÍTULO I

Ámbito competencial e organización xeral da Consellería

Artigo 1. Ámbito competencial

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas é o departamento da Xunta de Galicia ao cal lle corresponden as competencias e funcións en materia de vivenda, urbanismo e planificación de infraestruturas, que exercerá no nivel de desenvolvemento que se indica neste decreto para cada un dos seus órganos integrantes.

Tamén lle corresponden as funcións en materia de ordenación do territorio, excepto as relacionadas coa ordenación do litoral, e, en concreto, as previstas no artigo 11.4 da Lei 4/2023, do 6 de xullo, de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia, que serán exercidas pola consellería competente en materia de medio ambiente.

Artigo 2. Estrutura da Consellería

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, baixo a superior dirección do/da seu/súa titular, contará para o exercicio das súas competencias cos seguintes órganos superiores e de dirección:

a) A persoa titular da Consellería.

b) A Secretaría Xeral Técnica.

c) Secretaría Xeral de Vivenda e Urbanismo

1. A Dirección Xeral de Urbanismo.

Artigo 3. Organismos, entes e órganos adscritos á Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas

1. Quedan adscritas a esta consellería en virtude do disposto no artigo 7 do Decreto 49/2024, do 22 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, as seguintes entidades:

a) O Instituto Galego de Vivenda e Solo, creado pola Lei 3/1988, do 17 de abril, a través da Secretaría Xeral de Vivenda e Urbanismo.

b) A Axencia de Protección da Legalidade Urbanística, creada pola Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, e cuxos estatutos foron aprobados polo Decreto 213/2007, do 31 de outubro, a través da Secretaría Xeral de Vivenda e Urbanismo.

c) A Axencia Galega de Infraestruturas, creada, en virtude da autorización prevista na disposición adicional cuarta da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, polo Decreto 173/2011, do 4 de agosto, polo que se aproba o seu estatuto.

2. Así mesmo, quedan adscritos á Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas os seguintes órganos colexiados:

a) O Xurado de Expropiación de Galicia, regulado pola Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e cuxo Regulamento de organización e funcionamento foi aprobado polo Decreto 172/2018, do 20 de decembro.

b) A Xunta Consultiva en Materia de Ordenación do Territorio e Urbanismo, prevista na disposición adicional cuarta da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, creada e regulada polo Decreto 36/2022, do 10 de marzo.

TÍTULO II

Servizos centrais

CAPÍTULO I

Da persoa titular da Consellería

Artigo 4. Da persoa titular da Consellería

A persoa titular da Consellería é a autoridade superior da Consellería e, con tal carácter, está investida das atribucións enumeradas no artigo 34 da Lei de Galicia 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e daqueloutras que lle atribúa a lexislación sectorial.

Así mesmo, sen prexuízo das competencias e funcións atribuídas á persoa titular da Consellería pola normativa vixente no seu sector de actividade administrativa, corresponderanlle, especificamente, as seguintes atribucións:

a) Aquelas competencias que se lle atribúan regulamentariamente á Administración titular da rede de estradas no procedemento de tramitación dos plans sectoriais de estradas e das súas modificacións.

b) Acordar con outras administracións cambios na titularidade das estradas.

c) Resolver os expedientes de información pública en materia de estradas e informe das administracións afectadas.

d) Aprobar definitivamente os estudos informativos ou, de ser o caso, os anteproxectos ou proxectos que asuman a súa función segundo o previsto na Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia.

e) Emitir informe sobre as propostas de redacción, revisión ou modificación de instrumentos de planeamento que afecten as estradas existentes ou a actuacións previstas nos plans de estradas vixentes.

f) Establecer medidas ou procedementos compensatorios que, nos tramos das estradas onde se estableza un pagamento de peaxe ou taxa polo seu uso, veñan reducir ou anular o pagamento directo polas persoas usuarias.

g) Aprobar o establecemento de contribucións especiais.

h) Aprobar a redución excepcional das distancias establecidas con carácter xeral para a liña límite de edificación.

i) O exercicio das facultades que o ordenamento xurídico lle atribúe á Administración expropiante en materia de expropiación forzosa.

CAPÍTULO II

Da Secretaría Xeral Técnica

Sección 1ª. Da Secretaría Xeral Técnica

Artigo 5. Atribucións

A Secretaría Xeral Técnica exercerá as funcións e competencias establecidas no artigo 29 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e demais normativa aplicable, en relación coas diferentes unidades e servizos en que se estrutura a Consellería, así como aqueloutras previstas na normativa aplicable e as que lle sexan delegadas ou encomendadas pola persoa titular da Consellería.

Artigo 6. Estrutura

1. Para o exercicio das súas competencias, a Secretaría Xeral Técnica contará cos seguintes órganos:

a) Vicesecretaría Xeral.

b) Subdirección Xeral de Persoal e Xestión Económica.

c) Subdirección Xeral de Réxime Xurídico-Administrativo.

d) Servizo de Apoio Técnico.

2. Adscríbense organicamente á Secretaría Xeral Técnica, con nivel de subdirección xeral, a Asesoría Xurídica e a Intervención Delegada, que dependerán funcionalmente da Asesoría Xurídica Xeral da Xunta de Galicia e da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, respectivamente.

A Asesoría Xurídica, que se rexerá polo disposto na Lei 4/2016, do 4 de abril, de ordenación da asistencia xurídica da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e do seu sector público, desenvolverá as funcións previstas no capítulo II da citada norma e contará co número de efectivos que se determine na correspondente relación de postos de traballo.

Sección 2ª. Da Vicesecretaría Xeral

Artigo 7. Funcións

1. Con nivel orgánico de subdirección xeral, a Vicesecretaría Xeral é a unidade que exercerá as seguintes funcións:

a) A coordinación administrativa das funcións e actuacións que van desenvolver os órganos dependentes da Secretaría Xeral Técnica, así como os departamentos territoriais.

b) A organización, coordinación e supervisión da xestión administrativa do patrimonio adscrito á Consellería, sen prexuízo das competencias que correspondan a outros órganos.

c) A xestión dos expedientes de contratación administrativa de competencia da Consellería, nas súas fases de preparación, licitación, adxudicación, execución e recepción, que non sexan competencia doutros órganos da Consellería.

d) Xestión dos expedientes de subvencións que non sexan competencia doutros órganos da Consellería.

e) Coordinación do parque móbil da Consellería, sen prexuízo das competencias que corresponden a outros departamentos da Xunta de Galicia, e coordinación das dotacións relativas ao vestiario do persoal.

f) Coordinación, seguimento e control da política de protección de datos no ámbito das competencias da Consellería e, en particular, exercer as competencias relativas ao delegado de protección de datos previstas no Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, e na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

g) Formación de estatísticas nas materias que sexan competencia da Consellería en coordinación co Instituto Galego de Estatística, sen prexuízo das funcións nesta materia doutras unidades da Consellería.

h) Asesorar e emitir os informes solicitados pola persoa titular da Secretaría Xeral Técnica e, en especial, prestarlle asistencia, coordinar e xestionar cantos asuntos lle sexan encomendados pola persoa titular da Secretaría Xeral Técnica, por razón da súa competencia.

2. Para o desenvolvemento das funcións antes relacionadas, a Vicesecretaría Xeral contará coa seguinte unidade, con nivel orgánico de servizo:

2.1. Servizo de Contratación e Apoio Administrativo.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) A organización, coordinación e supervisión da xestión administrativa do patrimonio adscrito á Consellería, sen prexuízo das competencias que correspondan a outros órganos.

b) As funcións inherentes á preparación, licitación, adxudicación, execución e recepción dos expedientes de contratación de competencia da Consellería, sen prexuízo das facultades atribuídas a outros órganos da Consellería.

c) E, en xeral, prestarlle asistencia e xestionar cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia pola persoa titular da Vicesecretaría Xeral.

Sección 3ª. Da Subdirección Xeral de Persoal e Xestión Económica

Artigo 8. Funcións e estrutura

1. A Subdirección Xeral de Persoal e Xestión Económica exercerá as seguintes funcións:

a) A ordenación, xestión e administración ordinaria dos asuntos relativos ao persoal da Consellería.

b) A organización e supervisión das bases de datos e de rexistro de persoal, sen prexuízo das competencias que correspondan a outros departamentos da Xunta de Galicia.

c) A xestión dos plans de formación de persoal da Consellería.

d) A organización dos aspectos que atinxen ao réxime interior da Consellería.

e) A xestión do plan de publicacións e edicións audiovisuais da Consellería e as funcións relativas á representación desta na Comisión de Publicacións da Xunta de Galicia.

f) A coordinación da confección e tramitación do anteproxecto de orzamentos da Consellería; o seguimento e control interno da execución orzamentaria, así como a tramitación dos expedientes de modificacións orzamentarias, en coordinación cos órganos implicados.

g) A análise e coordinación dos recursos financeiros asignados á Consellería, así como a coordinación e seguimento da aplicación dos fondos europeos ou outros finalistas que financien proxectos da Consellería, sen prexuízo das función atribuídas ás unidades e órganos correspondentes.

h) A execución da xestión orzamentaria, efectuando os trámites económico-administrativos dos expedientes de gasto e propostas de pagamento da Secretaría Xeral Técnica.

i) En xeral, prestarlle asistencia e xestionar cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia pola persoa titular da Secretaría Xeral Técnica.

2. Para o desenvolvemento das funcións antes relacionadas, a Subdirección Xeral contará, con nivel orgánico de servizo, coa seguinte unidade:

2.1. Servizo de Persoal e Xestión Económica.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) Ordenación, xestión e administración ordinaria dos recursos humanos da Consellería e seguimento e control do rexistro de persoal.

b) Xestión do réxime interno da Consellería, rexistro, arquivo e información, tramitación de reclamacións e recursos en materia de persoal e xestión do plan de formación e do plan de publicacións.

c) Coordinación e tramitación do anteproxecto de orzamentos da Consellería, control da execución económica, tramitación dos expedientes de modificación orzamentaria e a execución dos gastos que se lle atribúan.

d) E, en xeral, prestarlle asistencia e xestionar cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia pola persoa titular da Subdirección Xeral de Persoal e Xestión Económica.

Sección 4ª. Da Subdirección Xeral de Réxime Xurídico-Administrativo

Artigo 9. Funcións e estrutura

1. A Subdirección Xeral de Réxime Xurídico-Administrativo exercerá as seguintes funcións:

a) A coordinación, para a súa remisión e ulterior publicación no Diario Oficial de Galicia, das disposicións e actos administrativos ditados polos órganos da Consellería, así como as súas entidades instrumentais e órganos colexiados.

b) O estudo, tramitación e proposta de resolución de reclamacións, recursos e requirimentos formulados contra os actos e resolucións ditados polos distintos órganos da Consellería, cando non estean atribuídos a outros órganos desta.

c) A tramitación dos requirimentos e peticións formuladas á Consellería polos xulgados, tribunais, a persoa titular das institucións do Defensor do Pobo, Valedor do Pobo e outros órganos e institucións.

d) A coordinación, mediante a elaboración de instrucións, protocolos de actuación ou calquera outro instrumento que se considere axeitado, coas unidades da Consellería que desenvolvan funcións xurídico-administrativas.

e) Coordinación das actuacións da Consellería en relación coas fundacións de interese galego sobre as cales esta exerza o protectorado, levando, para ese efecto, os libros de rexistro.

f) A redacción de propostas de resolución de expedientes sancionadores e de reposición das cousas ao seu estado anterior, de ser o caso, por comisión de infraccións tipificadas como leves, graves e moi graves na normativa de estradas.

g) A instrución, tramitación e redacción de propostas de resolución dos expedientes de responsabilidade patrimonial.

h) A asistencia e apoio xurídico nas diferentes materias que sexan competencia da Consellería aos órganos e entidades dependentes desta.

i) E, en xeral, prestarlle asistencia e xestionar cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia pola persoa titular da Secretaría Xeral Técnica.

2. Para o desenvolvemento das funcións antes relacionadas, a Subdirección Xeral contará, con nivel orgánico de servizo, coas seguintes unidades:

2.1. Servizo Técnico-Xurídico I.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) Asistencia e apoio xurídico nas diferentes materias que sexan competencia da Consellería e que sexan atribuídas pola persoa titular da Subdirección Xeral, no estudo, tramitación e proposta de resolución de reclamacións, recursos e requirimentos formulados contra os actos e resolucións ditados polos distintos órganos da Consellería, cando non estean atribuídos a outros órganos desta.

b) E, en xeral, prestarlle asistencia e xestionar cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia pola persoa titular da Subdirección Xeral de Réxime Xurídico-Administrativo.

2.2. Servizo Técnico-Xurídico II.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) Asistencia e apoio xurídico nas diferentes materias que sexan competencia da Consellería e que sexan atribuídas ou encomendadas á persoa titular da Subdirección Xeral, no estudo, tramitación e proposta de resolución de reclamacións, recursos e requirimentos formulados contra os actos e resolucións ditados polos distintos órganos da Consellería ou das entidades adscritas, cando non estean atribuídos a outros órganos desta.

b) E, en xeral, prestarlle asistencia e xestionar cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia pola persoa titular da Subdirección Xeral de Réxime Xurídico-Administrativo.

Sección 5ª. Do Servizo de Apoio Técnico

Artigo 10. Funcións

O Servizo de Apoio Técnico desenvolverá as seguintes funcións:

a) Rexistro, control e seguimento dos protocolos de colaboración, convenios e/ou acordos de colaboración e cooperación e encomendas de xestión en que sexa parte a Consellería, así como a xestión destes instrumentos xurídicos cando non sexan competencia doutros órganos desta.

b) O estudo dos asuntos que teñan que elevarse ao Consello da Xunta de Galicia e á Comisión de Secretarios Xerais, así como o estudo e tramitación dos anteproxectos e proxectos de disposicións de carácter xeral que elaboren os distintos centros directivos da Consellería.

c) Rexistro e arquivo das disposicións legais emanadas da Consellería, así como levar a cabo as recompilacións e refundicións das normas emanadas desta.

d) Coordinación, tramitación e xestión dos asuntos relativos á publicidade activa e transparencia nas materias propias da Consellería.

e) Coordinación e desenvolvemento da implantación da administración electrónica na Consellería e entes adscritos.

f) En xeral, prestarlle asistencia e xestionar cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia pola persoa titular da Secretaría Xeral Técnica.

CAPÍTULO III

Da Secretaría Xeral de Vivenda e Urbanismo

Sección 1ª. Atribucións e estrutura

Artigo 11. Atribucións

Baixo a superior dirección da persoa titular da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, a Secretaría Xeral de Vivenda e Urbanismo exercerá a coordinación das competencias e funcións en materia de vivenda, rehabilitación, rexeneración urbana, habitabilidade, urbanismo e planificación territorial, e as restantes que lle atribúa o ordenamento xurídico, entre estas as seguintes:

a) A coordinación e, de ser o caso, o desenvolvemento e a promoción da política en materia de vivenda, rehabilitación, rexeneración urbana, habitabilidade, urbanismo e planificación territorial dentro da Comunidade Autónoma de Galicia en colaboración cos distintos departamentos da Xunta de Galicia.

b) A coordinación do exercicio das competencias da Dirección Xeral de Urbanismo e das entidades adscritas a través da Secretaría Xeral e a proposta e formulación dos seus obxectivos, estratexias e plans de actuación.

c) A materialización e posta en práctica da política territorial e de utilización racional do solo coa finalidade de favorecer o desenvolvemento equilibrado e sustentable do territorio; contribuír a elevar a calidade de vida e a cohesión social da poboación e protexer e potenciar o patrimonio natural e cultural, sen prexuízo das competencias atribuídas a outros órganos.

d) O impulso da política da Xunta de Galicia en materia de vivenda, rehabilitación, rexeneración urbana, habitabilidade, urbanismo e planificación territorial, realizando informes, estudos e outros traballos técnicos, coordinando as actuacións en materia de planificación e propoñendo e impulsando as melloras respecto das ditas actuacións, así como a colaboración e coordinación con outras entidades públicas e privadas para o desenvolvemento de plans e accións, análises, informes e investigacións referidas ás materias da súa competencia.

e) Impulso da cooperación con todas as administracións públicas con competencia no territorio, especialmente coas administracións locais, co fin de promover o desenvolvemento de políticas comúns, debidamente coordinadas e programadas, que aseguren o cumprimento dos fins de protección, xestión, planificación do territorio e promoción da vivenda.

f) A elaboración dos informes respecto dos instrumentos de ordenación do territorio previstos na Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia, que se formulen por iniciativa desta consellería relativas ao desenvolvemento de solo residencial e á implantación de vivendas, cando así se exixa de acordo coa dita lei e a normativa e instrumentos que a desenvolvan.

g) O impulso da participación, nas materias de competencia da Secretaría Xeral, dos diferentes axentes, tanto públicos como privados, a través do Observatorio da Vivenda de Galicia.

h) A proposta de convenios de colaboración, cooperación e concertos referentes ás actividades da Consellería, dentro do seu ámbito competencial.

i) E, en xeral, prestarlle asistencia e xestionar cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia pola persoa titular da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas.

Artigo 12. Estrutura

A Secretaría Xeral de Vivenda e Urbanismo estrutúrase, para o exercicio das súas funcións, nos seguintes órganos e unidades:

1. Dirección Xeral de Urbanismo.

2. Subdirección Xeral de Coordinación e Planificación.

2.1. Servizo de Apoio Técnico.

Sección 2ª. Dirección Xeral de Urbanismo

Artigo 13. Funcións e estrutura

1. Baixo a superior dirección da persoa titular da Secretaría Xeral de Vivenda e Urbanismo, a Dirección Xeral de Urbanismo exercerá as funcións inherentes á dirección, planificación, impulso, xestión e coordinación das competencias que, en materia de urbanismo e ordenación do territorio, ten atribuídas a Consellería, así como as autorizacións e os informes no solo rústico.

En particular, corresponderanlle:

a) Colaborar activamente no impulso dos procedementos previstos pola normativa autonómica para favorecer a implantación das iniciativas en materia de vivenda, en aplicación dos principios de coordinación, cooperación e colaboración interadministrativas.

b) O exercicio das funcións que a Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, ou norma que a substitúa, lle atribúe á persoa titular da dirección xeral competente en materia de urbanismo.

c) O fomento da formación e da investigación, e a elaboración e divulgación de estudos e proxectos en materia de urbanismo e ordenación do territorio.

d) O fomento, seguimento e control da actividade urbanística, sen prexuízo das competencias dos municipios e o requirimento de anulación de actos de aprobación de instrumentos de plan e xestión urbanística.

e) O fomento da participación cidadá na formulación, tramitación e xestión do planeamento urbanístico.

f) A elaboración de proxectos e anteproxectos de disposicións normativas en materia de urbanismo e ordenación do territorio, sen prexuízo das competencias da Secretaría Xeral de Vivenda e Urbanismo.

g) A coordinación dos servizos territoriais de urbanismo.

h) A tramitación e proposta de resolución dos procedementos de responsabilidade patrimonial no ámbito das súas competencias.

i) As funcións inherentes á xestión económica, execución, seguimento, control e xestión da execución dos contratos administrativos e actividades de fomento no ámbito da súa competencia por razón da materia.

j) A xestión dos expedientes de contratación menores de competencia da dirección xeral por razón da materia.

k) A realización de actuacións de mellora de contornas urbanas, de accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas e de equipamentos públicos que teñan por finalidade a revitalización do territorio e o reequilibrio territorial.

l) A preparación dos informes que, conforme a lexislación de carácter sectorial, lle corresponda emitir ao órgano autonómico competente en materia de ordenación do territorio e urbanismo.

m) A análise e proposta de informe dos expedientes de solicitude de autorización de execución de grandes establecementos comerciais sobre a súa adaptación ao plan vixente e en tramitación, para a posta en coñecemento da súa viabilidade á Comisión Consultiva de Equipamentos Comerciais.

n) Informe de recursos interpostos contra resolucións ditadas pola persoa titular da Dirección Xeral de Urbanismo nas materias da súa competencia.

o) O exercicio de calquera competencia en materia de urbanismo que a lexislación vixente atribúa á Administración autonómica, sen especificar o órgano que deba exercela.

En materia de ordenación do territorio:

a) A coordinación coas restantes consellerías ou outros organismos ou entidades para a formulación dos seus correspondentes plans ou programas de carácter sectorial con incidencia sobre o territorio.

b) A elaboración dos informes respecto dos instrumentos de ordenación do territorio previstos na Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia, cando así se exixa de acordo coa dita lei e a normativa e instrumentos que a desenvolvan, agás os que correspondan á Secretaría Xeral de Vivenda e Urbanismo.

c) O seguimento, arquivo e rexistro dos instrumentos de ordenación do territorio aprobados.

d) A emisión do informe autonómico en materia de costas aos instrumentos de planeamento territorial e urbanísticos, así como as súas modificacións e revisións, cando incidan sobre as zonas de servidume de protección e de influencia do dominio público marítimo-terrestre.

e) A emisión de informes que, conforme a lexislación de carácter sectorial, lle corresponda emitir ao órgano autonómico competente en materia de ordenación do territorio.

En materia de urbanismo:

a) A preparación dos informes que, con carácter previo á aprobación inicial ou definitiva de instrumentos de planeamento urbanístico por parte dos concellos, prevé a Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia.

b) A elaboración das propostas de resolución respecto dos instrumentos de planeamento urbanístico cuxa aprobación definitiva sexa competencia da persoa titular da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, de conformidade coa Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia.

c) A elaboración e tramitación administrativa das normas técnicas de planeamento.

d) A tramitación administrativa dos instrumentos de planeamento urbanístico.

e) O apoio técnico e económico e a colaboración coas entidades locais para a formulación e tramitación do planeamento urbanístico e a súa xestión e execución.

f) O seguimento, arquivo e rexistro dos instrumentos de planeamento urbanístico aprobados e o requirimento de anulación de actos de aprobación de instrumentos de plan e xestión urbanística.

g) O seguimento, control e actualización do estado do planeamento en Galicia. Diagnose das necesidades.

h) A asistencia e coordinación aos concellos en relación cos expedientes das subvencións que, en materia de planeamento, se tramiten nesta consellería.

2. Baixo a dependencia directa da persoa titular da Dirección Xeral de Urbanismo, e para o exercicio das funcións e competencias enumeradas no artigo anterior, a Dirección Xeral estrutúrase nos seguintes órganos administrativos:

2.1. Servizo de Obras e Supervisión de Proxectos.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) As funcións de supervisión de proxectos técnicos e seguimento dos contratos de dirección e de execución de obra relacionados coas actuacións de mellora de contornas urbanas, de accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas e de equipamentos públicos que teñan por finalidade a revitalización do territorio e o reequilibrio territorial.

b) Prestarlle asistencia e xestionar cantos asuntos lle sexan encomendados, por razón da súa competencia, pola persoa titular da Dirección Xeral de Urbanismo.

2.2. Subdirección Xeral de Urbanismo.

2.2.1. A Subdirección Xeral de Urbanismo exercerá as funcións de estudo, preparación, informe e seguimento dos instrumentos de planeamento urbanístico, así como prestarlle asistencia e xestionar cantos asuntos lle sexan encomendados, por razón da súa competencia, pola persoa titular da Dirección Xeral de Urbanismo.

2.2.2. Para o desenvolvemento das funcións antes relacionadas, esta subdirección xeral contará, con nivel orgánico de servizo, coas seguintes unidades:

2.2.2.1. Servizo de Planificación Urbanística I.

2.2.2.2. Servizo de Planificación Urbanística II.

2.2.2.3. Servizo de Planificación Urbanística III.

Correspóndenlles as seguintes funcións:

a) O estudo, a preparación, o informe e o seguimento dos instrumentos de planeamento urbanístico.

b) En xeral, prestarlles asistencia e xestionar cantos asuntos lles sexan encomendados, por razón da súa competencia, pola persoa titular da Subdirección Xeral de Urbanismo.

2.3. A Subdirección Xeral de Apoio Xurídico e Xestión Económica.

2.3.1. A Subdirección Xeral Apoio Xurídico e Xestión Económica exercerá as seguintes funcións:

a) As encomendadas á Dirección Xeral de Urbanismo no que atinxe á área xurídico-administrativa e económica.

b) A elaboración de informes sobre os recursos interpostos contra resolucións ditadas pola persoa titular da Dirección Xeral de Urbanismo nas materias da súa competencia.

c) As correspondentes á Secretaría Xeral da Xunta Consultiva de Ordenación do Territorio e Urbanismo.

d) En xeral, prestarlle asistencia e xestionar cantos asuntos lle sexan encomendados, por razón da súa competencia, pola persoa titular da Dirección Xeral de Urbanismo.

2.3.2. Para o desenvolvemento das funcións antes relacionadas, a Subdirección Xeral de Apoio Xurídico e Xestión Económica contará co nivel orgánico de servizo, coas seguintes unidades:

2.3.2.1. O Servizo de Apoio Xurídico-Administrativo.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) As que lle encomende a Subdirección Xeral de Apoio Xurídico e Xestión Económica, no que incumbe á área xurídico-administrativa.

b) Prestarlle asistencia e xestionar cantos asuntos lle sexan encomendados, por razón da súa competencia, pola persoa titular da Subdirección Xeral de Apoio Xurídico e Xestión Económica.

2.3.2.2. O Servizo de Informes Sectoriais.

Correspóndenlle as funcións encomendadas á Subdirección Xeral de Apoio Xurídico e Xestión Económica, no relativo á área funcional de ordenación do territorio e, en xeral, prestarlle asistencia, así como desenvolver calquera outra función que, por razón da súa competencia, lle poida encomendar a persoa titular da Subdirección Xeral.

2.3.2.3. O Servizo de Xestión Económica e Orzamentaria.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) A elaboración dos anteproxectos de orzamentos da Dirección Xeral, a súa execución, seguimento e coordinación.

b) As funcións inherentes á xestión económica, execución, seguimento e control e xestión da execución dos contratos administrativos e actividades de fomento no ámbito da súa competencia por razón da materia.

c) A xestión dos expedientes de contratación menores de competencia da Dirección Xeral por razón da materia.

d) A tramitación, seguimento e control dos convenios e protocolos de colaboración.

e) A tramitación das propostas de modificación de créditos consignados no orzamento da Dirección Xeral.

f) O impulso da tramitación administrativa de expedientes e propostas de gasto das unidades dependentes da Dirección Xeral.

g) A coordinación, seguimento e control dos fondos procedentes da Unión Europea e dos fondos finalistas do Estado xestionados pola Dirección Xeral.

h) Prestar asistencia e xestionar cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia pola persoa titular da Subdirección Xeral de Apoio Xurídico e Xestión Económica.

Sección 3ª. Subdirección Xeral de Coordinación e Planificación

Artigo 14. Subdirección Xeral de Coordinación e Planificación

1. Baixo a inmediata dependencia xerárquica da persoa titular da Secretaría Xeral de Vivenda e Urbanismo, a Subdirección Xeral de Coordinación e Planificación exercerá as funcións de apoio e asesoramento á persoa titular da Secretaría Xeral de Vivenda e Urbanismo e, en particular, as seguintes:

a) Impulso da cooperación con todas as administracións públicas con competencia no territorio, especialmente coas administracións locais, co fin de promover o desenvolvemento de políticas comúns, debidamente coordinadas e programadas, que aseguren o cumprimento dos fins de protección, xestión, planificación do territorio e promoción da vivenda.

b) A programación, elaboración de informes e seguimento das materias competencia da Secretaría Xeral de Vivenda e Urbanismo que se lle encomenden.

c) A elaboración dos informes respecto dos instrumentos de ordenación do territorio previstos na Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia, que se formulen por iniciativa desta consellería relativas ao desenvolvemento de solo residencial e á implantación de vivenda cando así se exixa de acordo coa dita lei e a normativa e instrumentos que a desenvolvan.

d) O estudo, impulso e elaboración de propostas normativas, plans e programas dentro do ámbito das competencias da Secretaría Xeral de Vivenda e Urbanismo que se lle encomenden.

e) Participación como vogal na Comisión Permanente da Xunta Consultiva en materia de ordenación do territorio e urbanismo.

f) En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados en relación con estas funcións.

2. Para o desenvolvemento das funcións antes relacionadas, esta subdirección xeral contará, con nivel orgánico de servizo, coa seguinte unidade:

2.1 Servizo de Apoio Técnico.

Correspóndenlle as funcións que lle encomende a Subdirección Xeral de Coordinación e Planificación, no que incumbe a esta área técnico-administrativa.

TÍTULO III

Dos departamentos territoriais da Consellería de Vivenda e
Planificación de Infraestruturas

Artigo 15. Departamentos territoriais

1. Para o exercicio das súas competencias, a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas organízase nos departamentos territoriais da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra, que desenvolverán as súas funcións no ámbito respectivo, sen prexuízo das funcións de coordinación do exercicio das competencias que asume cada departamento no seu correspondente ámbito territorial, de acordo co disposto no artigo 2 do Decreto 245/2009, do 30 de abril.

2. Á fronte de cada departamento territorial estará a persoa titular da dirección territorial, que exercerá as seguintes funcións:

a) A representación oficial da Consellería ante as autoridades, organismos e entidades provinciais e locais.

b) Dirixir, coordinar e impulsar a política da Consellería na provincia.

c) Dirixir e exercer a supervisión, coordinación e seguimento das actividades dos servizos do departamento territorial.

d) A dirección, despacho e proposta de resolución dos asuntos ordinarios.

e) A xestión ordinaria e habilitación de gastos do persoal dependente do departamento territorial.

f) A elaboración do anteproxecto de orzamento de gastos do departamento territorial.

g) A xestión, administración e habilitación dos medios económicos e materiais do departamento territorial.

h) A tramitación e a xestión dos expedientes de gasto, o control contable e a xustificación dos créditos asignados.

i) A tramitación dos expedientes de contratación administrativa e de subvencións que sexan competencia do departamento territorial.

j) A incoación, instrución e tramitación dos expedientes sancionadores e de reposición das cousas ao seu estado anterior, de ser o caso, que se inicien en materia de estradas.

k) Cantas outras funcións expresamente lle sexan atribuídas ou delegadas.

3. Integra cada un dos departamentos territoriais o seguinte servizo:

Servizo de Urbanismo.

O Servizo de Urbanismo exercerá, no seu ámbito territorial, as seguintes funcións:

a) O estudo, a preparación, o informe e o seguimento dos instrumentos de planeamento urbanístico.

b) A preparación dos informes e autorizacións que, conforme a lexislación de carácter sectorial, lle corresponda emitir ao órgano autonómico competente en materia de ordenación do territorio e urbanismo.

c) A tramitación dos procedementos de autorización autonómica en solo rústico.

d) En xeral, prestarlle asistencia e xestionar cantos asuntos lle sexan encomendados, por razón da súa competencia, pola persoa titular da Dirección Xeral de Urbanismo.

Disposición adicional primeira. Potestade expropiatoria

Corresponde á Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas o exercicio da potestade expropiatoria nos supostos en que esta ou as súas entidades públicas instrumentais reciban encomendas ou encargos que requiran o exercicio desta potestade para a súa execución, sen prexuízo do disposto na lexislación sectorial aplicable.

Disposición adicional segunda. Orde de prelación no caso de vacante, ausencia, enfermidade, abstención ou recusación

1. Nos casos de vacante, ausencia ou enfermidade, así como abstención ou recusación declarada da persoa titular da Secretaría Xeral de Vivenda e Urbanismo, as competencias atribuídas por este decreto a este órgano serán exercidas, temporalmente e mentres persistan aquelas circunstancias, pola persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas.

2. Nos casos de vacante, ausencia ou enfermidade, así como nos casos en que fose declarada a abstención ou recusación dos titulares dos órganos de dirección da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, as competencias atribuídas por este decreto aos correspondentes órganos serán exercidas, temporalmente e mentres persistan aquelas circunstancias, pola persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, e, na súa falta, polos órganos de dirección da Consellería, seguindo a orde de prelación que se establece no Decreto 49/2024, do 22 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia.

Neste sentido, a suplencia será asumida pola persoa titular do órgano que ocupe o posto seguinte na orde correlativa enunciada, correspondéndolle á primeira, de ser o caso, substituír a última.

Disposición adicional terceira. Referencias normativas a outros órganos

As referencias que a normativa vixente realiza aos órganos correspondentes nas materias recollidas no artigo 1 deste decreto entenderanse efectuadas aos correspondentes órganos da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas.

Disposición adicional cuarta. Mantemento de nomeamentos

Non será preciso novo nomeamento e toma de posesión das persoas titulares dos órganos cuxa denominación varíe como consecuencia do disposto neste decreto.

Disposición adicional quinta. Integración da dimensión de igualdade de oportunidades entre as mulleres e os homes

No exercicio das funcións a que se refire este decreto integrarase, de maneira activa, a dimensión de igualdade de oportunidades entre as mulleres e os homes.

Disposición adicional sexta. Presenza equilibrada de mulleres e homes

Nos nomeamentos de altos cargos da Consellería, así como das persoas titulares e membros de órganos de entidades integrantes do sector público autonómico no seu ámbito de competencias, atenderase ao principio de presenza equilibrada entre mulleres e homes.

Disposición adicional sétima. Mantemento da antigüidade no posto de traballo

As persoas que estean a desempeñar os postos de traballo cuxa denominación ou adscrición varíen como consecuencia deste decreto manterán a antigüidade do posto de traballo de orixe sempre que se conserve o seu contido funcional.

Disposición transitoria primeira. Modificación de unidades administrativas

Cando, como consecuencia da estrutura orgánica que se establece neste decreto, se modifique a denominación ou o contido funcional das subdireccións xerais ou servizos existentes, autorízase a persoa titular da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, por proposta da persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da Consellería, para adscribir o persoal funcionario que ocupaba o posto existente ao posto equivalente que figura neste decreto. No caso de supresión ou amortización das subdireccións xerais ou xefaturas de servizo, será de aplicación o establecido na normativa vixente en materia de función pública.

Disposición transitoria segunda. Adscrición de postos con nivel orgánico inferior ao de servizo

As unidades e postos de traballo con nivel orgánico inferior ao de servizo correspondentes ás subdireccións xerais ou servizos suprimidos ou amortizados como consecuencia deste decreto continuarán subsistentes e retribuiranse con cargo aos mesmos créditos orzamentarios ata que se aprobe a nova relación de postos de traballo adaptada á estrutura orgánica establecida neste decreto. As unidades e postos de traballo encadrados nos órganos suprimidos adscribiranse provisionalmente, por resolución da persoa titular da Consellería, por proposta da Secretaría Xeral Técnica, aos órganos establecidos neste decreto, en función das atribucións que teñen asignadas.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

Queda derrogado expresamente o Decreto 118/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, así como cantas disposicións de igual ou inferior categoría se opoñan ao establecido neste decreto ou o contradigan.

Disposición derradeira primeira. Modificación do Decreto 36/2022, do 10 de marzo, polo que se crea e regula a Xunta Consultiva en Materia de Ordenación do Territorio e Urbanismo

O Decreto 36/2022, do 10 de marzo, polo que se crea e regula a Xunta Consultiva en Materia de Ordenación do Territorio e Urbanismo, queda modificado como segue:

Un. O punto 1.b) 4º do artigo 9 queda redactado como segue:

4º. A persoa titular da subdirección xeral competente en materia de coordinación e planificación da secretaría xeral competente en materia de vivenda e urbanismo.

Dous. O punto 2 do artigo 11 pasa a ter a seguinte redacción:

A persoa titular da Secretaría Xeral será a persoa titular da subdirección xeral que desenvolva as funcións de apoio xurídico da dirección xeral competente en materia de urbanismo da consellería competente en materia de urbanismo.

Disposición derradeira segunda. Disposicións de desenvolvemento

Autorízase a persoa titular da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas para ditar as disposicións necesarias para a execución e desenvolvemento deste decreto.

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte de maio de dous mil vinte e catro

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

María Martínez Allegue
Conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas