DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 101 Luns, 27 de maio de 2024 Páx. 31484

I. Disposicións xerais

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

DECRETO 135/2024, do 20 de maio, de estrutura orgánica dos órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia.

O Decreto 42/2024, do 14 de abril, estableceu a estrutura orgánica da Xunta de Galicia. Pola súa parte, o Decreto 48/2024, do 22 de abril, estableceu os órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, e fixou aqueles órganos que, pola súa importancia e natureza, quedan adscritos á Presidencia.

O artigo 27 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, establece que os decretos de estrutura determinarán os distintos órganos de dirección, as competencias e funcións que deles dependen e, en particular, os postos con rango de subdirección xeral e xefatura de servizo. Procede neste momento desenvolver esta estrutura orgánica superior ata o nivel de xefatura de servizo nun texto único que regule conxuntamente e de forma unitaria a estrutura orgánica e as correspondentes funcións dos órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, tendo como premisas os criterios de máxima eficacia e eficiencia na organización administrativa.

En consecuencia, mediante este decreto actualízase a estrutura dos órganos superiores de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia fixada polo Decreto 108/2022, do 16 de xuño, incorporando a Oficina de Coordinación Económica da Presidencia, con rango de secretaría xeral, a Dirección Xeral de Asuntos Constitucionais e Desenvolvemento Lexislativo, dependente da Asesoría Xurídica Xeral, e as delegacións territoriais da Xunta de Galicia, que pasarán a estar adscritas a este departamento.

Tamén se recolle a tutela funcional da sociedade pública Galicia Calidade, S.A., que será asumida pola Axencia de Turismo de Galicia.

Así mesmo, ademais de incluírse a nova Dirección Xeral de Asuntos Constitucionais e Desenvolvemento Lexislativo, modifícase o Regulamento orgánico da Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia, aprobado polo Decreto 343/2003, do 11 de xullo, por motivos meramente organizativos derivados da nova estrutura orgánica. Así, modifícase a adscrición do Servizo de Asuntos Xerais, que pasa a depender desta dirección xeral, e créase o Gabinete de Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Tamén se actualizan as referencias contidas no regulamento ao director xeral da Asesoría Xurídica, que pasan a referirse á persoa titular da Secretaría Xeral da Asesoría Xurídica Xeral e á persoa titular da Dirección Xeral de Asuntos Constitucionais e Desenvolvemento Lexislativo, segundo proceda. Do mesmo xeito, corríxense as referencias ao Gabinete de Asuntos Constitucionais e Defensa Xurisdicional, que non estaban actualizadas, e pasan a facerse ao Gabinete de Defensa Xurisdicional.

O decreto axústase aos principios de boa regulación contidos no artigo 129 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e no artigo 37.a) da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público de Galicia. En concreto, cumpre cos principios de necesidade e eficacia, é un instrumento necesario e axeitado para servir ao interese xeral e ten como premisas os criterios de racionalización administrativa. Cumpre co principio de proporcionalidade e é o instrumento normativo necesario para o desenvolvemento da estrutura orgánica, coa regulación imprescindible para atender esta necesidade. Finalmente, cumpre cos principios de seguridade xurídica, transparencia e eficiencia, pois é coherente co resto do ordenamento xurídico, identifica o seu propósito e del non derivan novas cargas administrativas, así como cos principios de simplicidade e eficacia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, no exercicio da facultade outorgada polo artigo 4.15 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e logo de deliberación do Consello da Xunta na súa reunión do día vinte de maio de dous mil vinte e catro,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I

Organización xeral da Presidencia da Xunta de Galicia

Artigo 1. Estrutura

1. Dependerán da Presidencia da Xunta de Galicia os seguintes órganos superiores e de dirección:

a) Secretaría Xeral da Presidencia. Ao dito órgano adscríbese a Dirección Xeral do Gabinete Técnico da Presidencia.

b) Secretaría Xeral de Medios. Ao dito órgano adscríbese a Dirección Xeral de Comunicación.

c) Oficina de Coordinación Económica da Presidencia, con rango de secretaría xeral.

d) Asesoría Xurídica Xeral, con rango de secretaría xeral. Ao dito órgano adscríbese a Dirección Xeral de Asuntos Constitucionais e Desenvolvemento Lexislativo.

e) As delegacións territoriais da Xunta de Galicia.

2. Queda adscrita á Presidencia da Xunta de Galicia a Axencia de Turismo de Galicia, que se axustará nos seus fins, estrutura e funcionamento ao disposto na Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia, no Decreto 196/2012, do 27 de setembro, polo que se crea a Axencia de Turismo de Galicia e se aproban os seus estatutos, e nas demais normas de aplicación.

3. A Presidencia da Xunta de Galicia contará coa xefatura de Gabinete de Apoio á Presidencia da Xunta de Galicia, así como coa xefatura de Comunicación, que se encargarán de prestar asesoramento especial e apoio á Presidencia da Xunta de Galicia no desenvolvemento do seu labor político, no cumprimento das súas funcións de carácter parlamentario e nas súas relacións coas institucións públicas, cos medios de comunicación e coas organizacións administrativas, así como nas actividades protocolarias.

Artigo 2. Adscrición aos órganos superiores e de dirección

1. As delegacións territoriais da Xunta de Galicia quedan adscritas organicamente á Presidencia da Xunta de Galicia, e exercerán as competencias previstas no artigo 7 do Decreto 245/2009, do 30 de abril, polo que se regulan as delegacións territoriais da Xunta de Galicia, así como aqueloutras previstas na normativa aplicable. Na orde funcional dependerán das directrices, instrucións ou criterios que emanen dos diversos órganos superiores das consellerías que correspondan por razón das distintas competencias materiais.

2. As secretarías territoriais, con nivel orgánico de subdirección xeral, dependen orgánica e funcionalmente da persoa titular da delegación territorial e exercerán as seguintes funcións:

a) O apoio e o asesoramento á persoa titular da delegación territorial no exercicio das súas competencias.

b) A suplencia da persoa titular da delegación territorial en caso de vacante, enfermidade ou ausencia, así como como nos casos en que sexa declarada a súa abstención ou recusación.

c) A xestión e a coordinación dos servizos de automobilismo provinciais e do persoal adscrito a eles, así como a utilización das súas dependencias e garaxes.

d) Cantas outras competencias lles sexan atribuídas ou delegadas.

3. Quedan adscritos aos órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, segundo o disposto nas súas normas reguladoras, os seguintes órganos colexiados:

a) O Consello Asesor de Telecomunicacións e Audiovisual de Galicia, creado polo Decreto 276/1999, do 21 de outubro, á Secretaría Xeral de Medios.

b) O Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago, regulado polo Decreto 45/2001, do 1 de febreiro, á Axencia de Turismo de Galicia.

c) O Consello de Turismo de Galicia, regulado polo Decreto 149/2012, do 5 de xullo, á Axencia de Turismo de Galicia.

d) A Comisión Interdepartamental do Camiño de Santiago, regulada polo Decreto 107/2016, do 4 de agosto, á Axencia de Turismo de Galicia.

e) O Comité Camelia Galicia, regulado pola Orde do 25 de maio de 2020, polo que se establece a ordenación da Ruta dos Xardíns da Camelia e se crea o Comité Camelia Galicia, á Axencia de Turismo de Galicia.

CAPÍTULO II

Secretaría Xeral da Presidencia

Sección 1ª. Atribucións e estrutura da Secretaría Xeral da Presidencia

Artigo 3. Atribucións

1. A Secretaría Xeral da Presidencia configúrase como órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de apoio e asistencia técnica á Presidencia da Xunta de Galicia.

2. Correspóndenlle, en particular:

a) A asistencia técnica, o apoio e o asesoramento á persoa titular da Presidencia.

b) A coordinación da planificación interdepartamental e a comunicación, nos asuntos xerais, coas consellerías, entidades e organismos que teñan relación coa Presidencia da Xunta de Galicia, así como as que lle sexan delegadas pola persoa titular da Presidencia da Xunta de Galicia.

c) A coordinación dos órganos adscritos á Secretaría Xeral da Presidencia, sinalados no artigo único, letra a), punto 1, do Decreto 48/2024, do 22 de abril, polo que se establecen os órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia.

d) A elaboración de estudos e informes para a Presidencia da Xunta.

e) A coordinación dos asuntos xerais da Presidencia da Xunta que así o precisen.

f) A coordinación da elaboración dos orzamentos da Presidencia.

g) A xestión do persoal da Presidencia nos termos establecidos neste decreto.

h) As funcións de réxime interior e os asuntos xerais da Secretaría Xeral da Presidencia.

i) As funcións recollidas nas disposicións adicionais do presente decreto.

j) Aqueloutras que lle asigne o órgano competente ou que lle atribúa o ordenamento xurídico.

3. A Secretaría Xeral da Presidencia exercerá as competencias e funcións establecidas no artigo 29 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico, de conformidade co disposto no artigo 26.5 da mesma lei.

4. A Secretaría Xeral da Presidencia poderá reclamar das consellerías e do resto dos órganos superiores e de dirección da Xunta de Galicia cantos informes, datos e documentos considere precisos para o exercicio das funcións que ten encomendadas.

Artigo 4. Estrutura

1. Para o exercicio das súas competencias, a Secretaría Xeral da Presidencia estrutúrase nas seguintes unidades:

a) Vicesecretaría Xeral.

1º. Servizo de Recursos Humanos e Réxime Interior.

2º. Servizo Técnico-Normativo.

3º. Servizo de Xestión Económica.

b) Asesoría Xurídica.

c) Intervención Delegada.

2. Queda adscrita á Secretaría Xeral da Presidencia a Dirección Xeral do Gabinete Técnico da Presidencia.

Artigo 5. Vicesecretaría Xeral

1. Á Vicesecretaría Xeral, con nivel orgánico de subdirección xeral, correspóndenlle as seguintes funcións:

a) A suplencia da persoa titular da Secretaría Xeral da Presidencia nos casos de ausencia, enfermidade ou vacante, así como nos casos en que sexa declarada a súa abstención ou recusación.

b) A coordinación e o apoio na dirección e xestión da actividade da Secretaría Xeral, así como a execución dos proxectos, dos obxectivos ou das actividades que lle sexan asignadas pola persoa titular da Secretaría Xeral.

c) O asesoramento e realización de estudos e informes de carácter técnico-xurídico que lle sexan encomendados pola persoa titular da Secretaría Xeral.

d) A elaboración, por requirimento da persoa titular da Secretaría Xeral, de estudos e propostas de actuación sobre aspectos relativos á estruturación, planificación, organización, métodos de traballo e de mellora da xestión dos diferentes procedementos administrativos.

e) A programación das necesidades de persoal da Presidencia, en colaboración cos distintos órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia, a coordinación na elaboración da relación de postos de traballo e a xestión do persoal adscrito á Presidencia da Xunta de Galicia, que inclúe a xestión económica e habilitación de pagamentos relativos ao capítulo I.

f) O réxime interior, a asistencia técnica, a xestión dos medios materiais, a coordinación administrativa e outras funcións de contido administrativo que lle atribúa a persoa titular da Secretaría Xeral.

g) A coordinación da elaboración do anteproxecto de gastos da Presidencia da Xunta de Galicia, a elaboración do anteproxecto do orzamento de gastos da Secretaría Xeral da Presidencia, así como o seguimento e control da súa execución.

h) A tramitación das publicacións dos órganos dependentes da Presidencia ante a Comisión Permanente de Publicacións e o Consello Coordinador de Publicacións.

i) A remisión ao Diario Oficial de Galicia de disposicións e actos do ámbito da Secretaría Xeral da Presidencia.

j) En xeral, a asistencia e xestión de cantos asuntos lle sexan encomendados, por razón da súa competencia, pola persoa titular da Secretaría Xeral.

2. Para o cumprimento das súas funcións, a Vicesecretaría Xeral contará cos seguintes órganos:

a) Servizo de Recursos Humanos e Réxime Interior.

b) Servizo Técnico-Normativo.

c) Servizo de Xestión Económica.

Artigo 6. Servizo de Recursos Humanos e Réxime Interior

A este servizo correspóndelle realizar as seguintes funcións:

a) A ordenación, xestión e administración ordinaria dos recursos humanos e o seguimento e control do rexistro de persoal da Presidencia da Xunta de Galicia.

b) A xestión do réxime interno do persoal, rexistro, arquivo e información, control da asistencia e puntualidade da Presidencia.

c) A xestión dos plans de formación do persoal da Presidencia.

d) A habilitación de gastos de persoal da Presidencia.

e) O estudo, a tramitación e a elaboración das propostas de resolución de reclamacións e recursos, así como a execución de sentenzas, en materia de persoal funcionario e laboral da Presidencia da Xunta de Galicia.

f) O asesoramento en materia de estruturación, planificación, organización, métodos de traballo e de mellora da xestión, así como a elaboración da proposta de relacións de postos de traballo dos órganos dependentes da Presidencia.

g) Aqueloutras funcións que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas.

Artigo 7. Servizo Técnico-Normativo

A este servizo correspóndelle realizar as seguintes funcións:

a) O apoio e asesoramento e a realización de estudos e informes de carácter técnico-xurídico nas materias que lle sexan encomendadas, así como na elaboración dos anteproxectos e proxectos de disposicións de carácter xeral tramitados polos órganos dependentes da Presidencia, de acordo co artigo 40 da Lei 16/2010, do 17 de decembro.

b) O estudo e seguimento das propostas de disposicións que elaboren os distintos órganos superiores e de dirección da Presidencia.

c) O estudo dos anteproxectos de disposicións normativas do Estado e anteproxectos e proxectos de disposicións doutros departamentos.

d) As tarefas relativas á asistencia técnica prestada pola Secretaría Xeral da Presidencia da Xunta de Galicia para a tramitación das consultas e ditames de órganos consultivos que lle corresponda solicitar.

e) Aqueloutras funcións que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas.

Artigo 8. Servizo de Xestión Económica

A este servizo correspóndelle realizar as seguintes funcións:

a) A coordinación da elaboración e tramitación do anteproxecto de orzamentos da Presidencia, o control da execución orzamentaria, a tramitación dos expedientes de modificación orzamentaria e a execución dos gastos que se lle atribúan.

b) A tramitación dos expedientes de contratación que sexan competencia da Secretaría Xeral da Presidencia.

c) A habilitación dos gastos correntes da Secretaría Xeral da Presidencia.

d) Desenvolver as funcións que lle corresponden á oficina orzamentaria previstas no artigo 50.bis do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

e) O asesoramento e a elaboración de informes en materia de xestión económica e orzamentaria no ámbito da Presidencia.

f) A xestión económica dos convenios de colaboración con outros entes, públicos ou privados, no marco das competencias atribuídas á Presidencia.

g) Aqueloutras funcións que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas.

Artigo 9. Asesoría Xurídica

A Asesoría Xurídica, con nivel orgánico de subdirección xeral, dependerá organicamente da Secretaría Xeral e funcional e xerarquicamente da Asesoría Xurídica Xeral, segundo o previsto no artigo 35 da Lei 4/2016, do 4 de abril, de ordenación da asistencia xurídica da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e do seu sector público.

Artigo 10. Intervención Delegada

A Intervención Delegada, con nivel orgánico de subdirección xeral, dependerá organicamente da Secretaría Xeral e funcionalmente da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma.

Sección 2ª. Atribucións e estrutura da Dirección Xeral do
Gabinete Técnico da Presidencia

Artigo 11. Atribucións

1. A Dirección Xeral do Gabinete Técnico da Presidencia exercerá as funcións de asesoramento, asistencia e apoio directo á Presidencia da Xunta de Galicia, en coordinación coa persoa titular da Secretaría Xeral da Presidencia.

2. Correspóndenlle, en particular:

a) Prestar asesoramento en todos os asuntos e materias que dispoña a Presidencia da Xunta de Galicia.

b) Solicitar e sistematizar información acerca das iniciativas, programas, plans e actividades das consellerías para os efectos de facilitarlle a coordinación da acción de Goberno.

c) Solicitar das institucións públicas e privadas a información que demande para o exercicio das súas funcións.

d) Preparar os documentos e informes que sexan necesarios para a súa interlocución ou toma de decisións.

e) Prestar asistencia para a preparación das súas intervencións no Parlamento de Galicia.

f) A coordinación das actividades da Casa de Galicia en Madrid.

g) O secretariado do Goberno da Xunta de Galicia e das súas comisións delegadas, coa excepción da asistencia ás súas sesións, exercendo as competencias que se sinalan nas normas reguladoras de réxime interior da Xunta de Galicia, de acordo co establecido na disposición adicional cuarta do Decreto 48/2024, do 22 de abril, polo que se establecen os órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia.

h) A defensa dos asuntos da Presidencia da Xunta na Comisión de Secretarios Xerais e o apoio á persoa titular da Presidencia no sometemento daqueles ao Consello da Xunta.

i) A xestión da documentación da Presidencia da Xunta de Galicia.

j) Realizar aqueloutras actividades ou funcións que se lle encomenden.

Artigo 12. Estrutura

1. Para o exercicio das súas competencias, a Dirección Xeral do Gabinete Técnico da Presidencia contará coa Subdirección Xeral de Coordinación e Planificación.

2. Queda adscrita á Dirección Xeral do Gabinete Técnico da Presidencia da Xunta de Galicia a Casa de Galicia en Madrid, que como sede da Xunta de Galicia en Madrid desenvolverá as actividades previstas no artigo 17, sen prexuízo da coordinación dos demais departamentos da Xunta de Galicia das actividades que se poidan desenvolver nela.

Artigo 13. Subdirección Xeral de Coordinación e Planificación

1. Á Subdirección Xeral de Coordinación e Planificación corresponderanlle as seguintes funcións:

a) A realización dos informes que lle sexan encomendados pola persoa titular da Dirección Xeral do Gabinete Técnico da Presidencia.

b) O estudo dos asuntos que teñan que elevarse á Comisión de Secretarios Xerais e ao Consello da Xunta de Galicia.

c) O apoio á persoa titular da Dirección Xeral do Gabinete Técnico da Presidencia da Xunta de Galicia no labor de solicitar e sistematizar información acerca das iniciativas, programas, plans e actividades das consellerías.

d) A edición do Diario Oficial de Galicia.

e) En xeral, a asistencia e xestión de cantos asuntos lle sexan encomendados, por razón da súa competencia, pola persoa titular da Dirección Xeral do Gabinete Técnico da Presidencia da Xunta de Galicia.

2. Para o cumprimento das súas funcións, a Subdirección Xeral de Coordinación e Planificación contará cos seguintes órganos:

a) Servizo de Coordinación e Planificación.

b) Servizo de Secretariado do Goberno.

c) Servizo de Tradución e Apoio na Edición do Diario Oficial de Galicia.

Artigo 14. Servizo de Coordinación e Planificación

A este servizo correspóndelle realizar as seguintes funcións:

a) O apoio técnico-administrativo á Subdirección Xeral nos labores de recompilación e seguimento da información.

b) A elaboración de informes derivados dos estudos transversais que lle sexan encomendados.

c) Aquelas funcións que lle sexan asignadas pola persoa titular da Subdirección Xeral.

Artigo 15. Servizo de Secretariado do Goberno

A este servizo correspóndelle realizar as seguintes funcións:

a) A preparación da orde do día, a revisión e o arquivamento da documentación dos expedientes que se eleven ao Consello da Xunta, ás súas comisións delegadas e á Comisión de Secretarios Xerais, para a súa aprobación.

b) A redacción das actas, acordos e certificacións correspondentes ás reunións dos órganos citados na letra precedente, a súa remisión ás consellerías competentes por razón da materia, o seu rexistro e a súa custodia.

c) A remisión ao Diario Oficial de Galicia, para a súa publicación, dos decretos aprobados polo Consello da Xunta de Galicia e da normativa aprobada, se é o caso, polas comisións delegadas do Goberno galego.

d) O traslado ao órgano con competencias en materia de relacións institucionais e parlamentarias das certificacións dos acordos de aprobación de proxectos de lei e dos seus textos, para a súa remisión ao Parlamento de Galicia.

e) A remisión ao Boletín Oficial del Estado das leis aprobadas polo Parlamento de Galicia para a súa publicación.

f) Aqueloutras funcións que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas.

Artigo 16. Servizo de Tradución e Apoio na Edición do Diario Oficial de Galicia

1. A este servizo correspóndelle realizar as seguintes funcións:

a) A tradución e a revisión lingüística de disposicións normativas, particularmente as publicadas no Diario Oficial de Galicia.

b) A resolución das cuestións terminolóxicas que xurdan nas traducións e revisións lingüísticas realizadas para o Diario Oficial de Galicia.

c) A xestión e actualización do Manual de estilo do Diario Oficial de Galicia e outras publicacións institucionais.

d) O asesoramento lingüístico á Comisión Permanente de Publicacións e a outros órganos da Administración que o soliciten.

e) Aquelas funcións que lle sexan asignadas pola persoa titular da Subdirección Xeral.

2. O Servizo de Tradución e Apoio na Edición do Diario Oficial de Galicia, para o desenvolvemento das súas funcións, contará, ademais, con dúas unidades administrativas directamente dependentes:

a) Unha de apoio nos labores de administración e xestión do Diario Oficial de Galicia.

b) Outra de apoio nos labores de edición do Diario Oficial de Galicia.

Artigo 17. Casa de Galicia en Madrid

1. Na Casa de Galicia en Madrid desenvolveranse principalmente as seguintes actividades:

a) As actividades de protocolo e relacións institucionais tanto da persoa titular da Presidencia da Xunta de Galicia como dos demais membros do Goberno ou doutros cargos da Administración autonómica.

b) O establecemento de relacións cos axentes dos distintos sectores para o fomento da actividade económica e empresarial e do turismo de Galicia, en coordinación coas correspondentes unidades competentes nas ditas materias.

c) A relación coa comunidade galega en Madrid e coas entidades e asociacións galegas nesta comunidade autónoma.

d) As exposicións, actos, presentacións, encontros, conferencias, cursos e calquera outra actividade para o fomento da lingua e da cultura galegas.

e) En xeral, o mantemento de relacións cos distintos axentes sociais, empresariais e institucionais que operan en Madrid.

2. Na Casa de Galicia en Madrid estará situada unha oficina de rexistro para a presentación de documentación por parte da cidadanía.

CAPÍTULO III

Secretaría Xeral de Medios

Sección 1ª. Atribucións e estrutura da Secretaría Xeral de Medios

Artigo 18. Atribucións

1. A Secretaría Xeral de Medios é o órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia encargado de executar a política xeral da Xunta de Galicia en materia de medios de comunicación e audiovisuais, e correspóndelle o exercicio das funcións seguintes:

a) A divulgación da acción institucional da Xunta de Galicia e da Presidencia.

b) A xestión das competencias da Xunta de Galicia en materia de medios de comunicación social, comunicación audiovisual, así como o exercicio das recollidas no artigo 34 e no artigo 27, número 31, no que se refire á publicidade, ambos os dous do Estatuto de autonomía de Galicia.

c) A coordinación da política de imaxe e dos contidos da publicidade institucional da Xunta de Galicia, dirixindo e coordinando as actividades que neste sentido se leven a cabo en todos os sectores e medios de comunicación social.

d) A coordinación da transmisión dunha imaxe igualitaria, plural e non estereotipada na política de imaxe e dos contidos da publicidade institucional da Xunta de Galicia.

e) A proposición e o desenvolvemento da normativa referente a comunicación social e a publicidade.

f) A elaboración, coordinación e seguimento relativo ao manual e normas sobre a identificación corporativa da Xunta de Galicia.

g) O estudo, a preparación e a tramitación de cantas actuacións lle correspondan á Xunta de Galicia para o desenvolvemento e efectividade das previsións do artigo 34 do Estatuto de autonomía de Galicia, en relación coa radio, televisión e medios de comunicación social.

h) A realización de estudos e, se é o caso, a súa coordinación sobre materias relativas a todos os sectores da información e medios de comunicación en xeral.

i) As competencias de supervisión, control e protección activa para garantir o cumprimento do previsto na lexislación básica en materia de comunicación audiovisual e, se é o caso, a potestade sancionadora en relación cos servizos de comunicación audiovisual cuxo ámbito de cobertura, calquera que sexa o medio de transmisión empregado, non supere os límites territoriais da Comunidade Autónoma de Galicia.

j) A dotación de infraestruturas no ámbito da comunicación.

k) A implantación de redes propias de comunicación audiovisual radiofónica e televisiva para a prestación de servizos que sexan competencia da Comunidade Autónoma, de acordo co establecido na Lei 13/2022, do 7 de xullo, xeral de comunicación audiovisual.

l) A dirección e coordinación das actuacións en materia de comunicación audiovisual e multimedia e todos os aspectos que deriven da aplicación destas tecnoloxías no ámbito da comunicación.

m) As funcións recollidas nas disposicións adicionais deste decreto.

Artigo 19. Estrutura

1. Para o cumprimento das súas funcións, a Secretaría Xeral de Medios estrutúrase nas seguintes unidades:

a) Subdirección Xeral de Xestión e Coordinación de Medios.

1º. Servizo de Estudos e Coordinación de Medios.

2º. Servizo de Contratación.

b) Subdirección Xeral de Enxeñaría e Planificación de Radio, Televisión e Multimedia.

1º. Servizo de Planificación.

c) Subdirección Xeral de Réxime Xurídico.

2. Queda adscrita á Secretaría Xeral de Medios a Dirección Xeral de Comunicación.

Artigo 20. Subdirección Xeral de Xestión e Coordinación de Medios

1. Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) A elaboración do anteproxecto de orzamento da Secretaría Xeral de Medios, a coordinación, control e seguimento da execución dos orzamentos da Secretaría e a tramitación dos expedientes de modificacións orzamentarias.

b) A execución da xestión orzamentaria mediante a tramitación dos correspondentes expedientes de gasto.

c) A supervisión da xestión da habilitación de pagamentos, agás o capítulo I.

d) A xestión e a tramitación dos convenios de colaboración con outras administracións públicas, entes de dereito público ou particulares, sempre que non estean expresamente atribuídas a outros órganos.

e) A tramitación das axudas e subvencións que sexan competencia da Secretaría Xeral.

f) A xestión e a tramitación dos expedientes de contratación administrativa, encargas a medios propios e das encomendas de xestión da Secretaría, sen prexuízo das competencias que correspondan a outros órganos.

g) A coordinación administrativa das campañas institucionais e de comunicación da Xunta de Galicia e o control dos convenios e acordos de colaboración das consellerías e organismos públicos cos medios informativos.

h) En xeral, prestar asistencia e desenvolver calquera outra función que por razón da súa competencia lle encomende a persoa titular da Secretaría Xeral.

2. Para o exercicio das súas funcións, contará coas unidades que se recollen nos artigos 21 e 22, con nivel orgánico de servizo, ás cales lles corresponderán, ademais das funcións previstas no artigo 36 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, as que se sinalan nos seguintes artigos.

Artigo 21. Servizo de Estudos e Coordinación de Medios

Son funcións deste servizo:

a) O tratamento da información estratéxica para a coordinación das campañas institucionais e de comunicación da Administración xeral da Xunta de Galicia e das entidades instrumentais do sector público autonómico, así como para a elaboración de informes que permitan a toma de decisións en materia de comunicación institucional.

b) O seguimento da execución dos acordos e convenios de colaboración formalizados pola Xunta de Galicia e polos organismos públicos dependentes dela cos medios informativos, sen prexuízo do control orzamentario que lle corresponde a cada consellería ou organismo.

c) A xestión orzamentaria da Secretaría Xeral e a xestión e a tramitación dos convenios de colaboración e das axudas e subvencións, así como a habilitación xeral de pagamentos da Secretaría Xeral, agás o capítulo I.

Artigo 22. Servizo de Contratación

Correspóndenlle a este servizo a xestión e a tramitación dos expedientes de contratación, encargas a medios propios e das encomendas de xestión da Secretaría Xeral.

Artigo 23. Subdirección Xeral de Enxeñaría e Planificación de Radio, Televisión e Multimedia

1. Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) A xestión, a planificación, a coordinación e o asesoramento técnico dos servizos e infraestruturas de comunicación audiovisual que sexan competencia da Xunta de Galicia.

b) A supervisión da actividade inspectora e de comprobación técnica correspondentes ao disposto no artigo 35 do Decreto 102/2012, do 29 de marzo, polo que se desenvolve o servizo de comunicación audiovisual radiofónica no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

c) A elaboración e a redacción de informes, estudos e proxectos técnicos relacionados coa comunicación audiovisual radiofónica e televisiva.

d) A xestión da dotación de infraestrutura á Corporación Radio e Televisión de Galicia, así como a implantación doutros sistemas e servizos soportados polas redes de radiodifusión e televisión públicas, con cargo aos orzamentos da Xunta de Galicia.

e) A tramitación e a supervisión dos proxectos técnicos de radiodifusión e televisión, conforme a normativa autonómica do servizo de comunicación audiovisual televisiva, o artigo 12 do Decreto 102/2012, do 29 de marzo, e as disposicións adicionais sexta e sétima do Real decreto 391/2019, do 21 de xuño, polo que se aproba o Plan técnico nacional da televisión dixital terrestre e se regulan determinados aspectos para a liberación do segundo dividendo dixital.

f) A dirección e o control das instalacións técnicas de radiodifusión e televisión, así como a asistencia técnica necesaria no referente á comunicación audiovisual.

g) En xeral, prestar asistencia e desenvolver calquera outra función que por razón da súa competencia lle encomende a persoa titular da Secretaría Xeral.

2. Para o exercicio das súas funcións, contará coa unidade que se recolle no artigo 24, con nivel orgánico de servizo, á cal lle corresponderán, ademais das funcións previstas no artigo 36 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, as que se sinalan no artigo seguinte.

Artigo 24. Servizo de Planificación

Son funcións deste servizo:

a) A elaboración de informes técnicos nas materias da súa competencia.

b) A planificación e a coordinación da rede de extensión de cobertura da televisión dixital terrestre da cal resulte titular a Administración autonómica, así como as redes de comunicación audiovisual titularidade do sector público autonómico.

c) A supervisión e a comprobación dos compromisos das licenzas de comunicación audiovisual e a coordinación e execución das actuacións de inspección e de comprobación técnica correspondentes ao disposto nos artigos 13 e 35 do Decreto 102/2012, do 29 de marzo.

Artigo 25. Subdirección Xeral de Réxime Xurídico

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) Elaborar propostas normativas referentes ao ámbito da comunicación audiovisual radiofónica e televisiva, dentro das competencias da Xunta de Galicia.

b) Asesorar, elaborar informes xurídico-administrativos e formular propostas por petición da Secretaría Xeral en relación cos servizos de comunicación audiovisual.

c) Asesorar, elaborar informes xurídico-administrativos e formular propostas en relación coas actuacións en materia de imaxe institucional e identificación corporativa da Xunta de Galicia que lle correspondan á Secretaría Xeral.

d) O control e a xestión dos procedementos de autorizacións e licenzas dos prestadores do servizo de comunicación audiovisual.

e) A xestión e a tramitación dos negocios xurídicos que afecten os servizos de comunicación audiovisual que operen no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

f) A xestión e a tramitación dos expedientes sancionadores en materia de servizos de comunicación audiovisual cuxo ámbito de cobertura non exceda os límites territoriais da Comunidade Autónoma de Galicia.

g) A xestión do Rexistro Galego de Prestadores do Servizo de Comunicación Audiovisual.

h) A coordinación e o seguimento dos plans estratéxicos en que participe a Secretaría Xeral.

i) O control de asistencia e puntualidade do persoal da Secretaría Xeral, así como a elaboración do cadro anual de vacacións e informe da concesión de permisos e licenzas, seguindo as indicacións da Secretaría Xeral da Presidencia nos termos previstos na normativa aplicable.

j) As funcións de réxime interior e asuntos xerais da Secretaría Xeral de Medios, incluídas aquelas relacionadas coa transparencia.

k) A remisión ao Diario Oficial de Galicia e aos demais diarios ou boletíns oficiais das disposicións ou actos da Secretaría Xeral de Medios, sempre que non sexa función doutra unidade.

l) Colaborar en todos aqueles asuntos relativos á comunicación audiovisual que afecten outros departamentos da Xunta de Galicia.

m) O seguimento da aplicación do manual e das normas sobre a identificación corporativa da Xunta de Galicia e a participación nos órganos colexiados con competencias en materia de imaxe, comunicación e publicacións.

n) En xeral, prestar asistencia xurídico-administrativa e desenvolver calquera outra función que, por razón da súa competencia, lle encomende a persoa titular da Secretaría Xeral.

Sección 2ª. Dirección Xeral de Comunicación

Artigo 26. Dirección Xeral de Comunicación

1. A Dirección Xeral de Comunicación, como órgano de dirección, exercerá as funcións seguintes:

a) A supervisión e a coordinación da política informativa e de comunicación da Xunta de Galicia.

b) A execución da política informativa e de comunicación da Presidencia da Xunta.

c) A relación cos medios informativos en todas as materias de comunicación que afecten a Presidencia da Xunta de Galicia.

d) A coordinación dos servizos de comunicación dos departamentos da Administración xeral da Comunidade Autónoma e das entidades instrumentais integrantes do sector público autonómico.

e) A coordinación da comunicación interdepartamental da Xunta de Galicia.

f) A coordinación dos contidos ofrecidos pola Xunta de Galicia no eido dixital e das relacións coa cidadanía e institucións nas redes sociais.

g) A xestión dos recursos e medios técnicos en materia de comunicación da Xunta de Galicia.

2. Para o exercicio das súas funcións contará cun departamento de comunicación, que se proverá con persoal eventual.

CAPÍTULO IV

Oficina de Coordinación Económica da Presidencia

Artigo 27. Atribucións

1. A Oficina de Coordinación Económica da Presidencia configúrase como un órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia con nivel orgánico de secretaría xeral e funcións de apoio e asesoramento en materia económica á Presidencia da Xunta de Galicia.

2. Correspóndenlle, en particular:

a) A elaboración de estudos sobre o impacto das políticas económicas aplicadas na Comunidade Autónoma.

b) A elaboración de estudos de seguimento e avaliación sobre o desenvolvemento de proxectos de investimentos estratéxicos e transformadores.

c) A análise e a proposta de fontes de financiamento, no ámbito dos fondos europeos, para os proxectos e investimentos transformadores.

d) A elaboración de estudos e informes sobre a situación económica e análises sectoriais.

e) O asesoramento e o apoio á Oficina Económica de Galicia na coordinación dos distintos departamentos e órganos sectoriais do sector público autonómico, garantindo a coherencia das actuacións que cada un desenvolva no marco das súas competencias para a consecución dun resultado común.

f) Aqueloutras que lle asigne o órgano competente ou lle atribúa o ordenamento xurídico.

3. Para o exercicio das súas funcións, a Oficina de Coordinación Económica da Presidencia poderá crear comisións sectoriais específicas ou grupos de traballo dos cales formen parte órganos superiores ou directivos da Administración autonómica ou expertos nas materias concernidas. Así mesmo, poderá ditar instrucións e impulsar acordos e protocolos de coordinación nas materias que analice, nas cales exista interrelación competencial ou funcional entre os distintos órganos da Administración autonómica.

CAPÍTULO V

Asesoría Xurídica Xeral

Artigo 28. Asesoría Xurídica Xeral

A Asesoría Xurídica Xeral, con nivel orgánico de secretaría xeral, con funcións de asesoramento e asistencia xurídica á Presidencia da Xunta de Galicia e as reguladas na Lei 4/2016, do 4 de abril, de ordenación da asistencia xurídica da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e do seu sector público, rexerase, en canto á súa estrutura e funcionamento, polo Decreto 343/2003, do 11 de xullo, polo que se aproba o Regulamento orgánico da Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia.

Disposición adicional primeira. Desconcentración de competencias nas secretarías xerais da Presidencia

1. Quedan desconcentradas nas persoas titulares das secretarías xerais dependentes da Presidencia as seguintes competencias:

a) Administrar os créditos para gastos dos orzamentos do seu centro directivo. Aprobar e comprometer os gastos que non sexan da competencia do Consello da Xunta, recoñecer as obrigas económicas e propor o seu pagamento, e as demais competencias atribuídas ás persoas titulares das consellerías en materia orzamentaria, agás o capítulo I.

b) Todas as facultades que a normativa vixente na materia lles atribúe aos órganos de contratación, así como a formalización de convenios no seu respectivo ámbito competencial.

c) A aprobación das bases, a convocatoria e as resolucións en materia de axudas e subvencións do seu respectivo ámbito de competencia.

d) As competencias en materia sancionadora que a normativa lles atribúa ás persoas titulares das consellerías nos procedementos e materias de competencia da respectiva secretaría xeral.

e) A competencia para resolver os procedementos de revisión de oficio dos actos administrativos nulos, declarar a lesividade dos actos anulables e revogar os actos de gravame ou desfavorables, así como a resolución das reclamacións de responsabilidade patrimonial.

f) A designación de comisións de servizos con dereito a indemnización, prevista no artigo 4 do Decreto 144/2001, do 7 de xuño, de todo o persoal da respectiva secretaría xeral.

2. Queda desconcentrada na persoa titular da Secretaría Xeral da Presidencia a competencia para administrar, aprobar e comprometer os créditos para gastos correspondentes ao capítulo I do orzamento dos órganos dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, así como o recoñecemento das obrigas económicas destes e propor o seu pagamento.

3. As resolucións administrativas ditadas polas persoas titulares das secretarías xerais da Presidencia da Xunta de Galicia, no ámbito das súas respectivas competencias, poñen fin á vía administrativa.

Disposición adicional segunda. Presidencia do Consello Reitor e desconcentración de competencias na Dirección da Axencia de Turismo de Galicia

1. Sen prexuízo do disposto nos artigos 63 e 64 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, correspóndelle á persoa titular da Dirección da Axencia presidir as reunións do Consello Reitor, salvo nos casos en que, por razón da materia que se vaia tratar, a persoa titular da Presidencia da Axencia considere necesaria a súa intervención.

2. Queda desconcentrada na persoa titular da Dirección da Axencia a competencia para subscribir en nome da Axencia convenios de colaboración excluídos da lexislación de contratos do sector público con entidades públicas ou privadas.

3. Así mesmo, queda desconcentrada na persoa titular da Dirección da Axencia a competencia para resolver os procedementos de revisión de oficio dos actos administrativos nulos, declarar a lesividade dos actos anulables e revogar os actos de gravame ou desfavorables, así como resolver as reclamacións de responsabilidade patrimonial e o exercicio da potestade sancionadora que a normativa de aplicación en materias e procedementos da súa competencia lle atribúa á persoa titular da consellería competente en materia de turismo.

Disposición adicional terceira. Orde de prelación nos casos de vacante, ausencia, enfermidade, abstención ou recusación

1. No non previsto neste decreto, nos casos de vacante, ausencia ou enfermidade, así como nos casos en que sexa declarada a abstención ou recusación das persoas titulares dos órganos superiores da Presidencia, as competencias atribuídas por este decreto aos correspondentes órganos serán exercidas, temporalmente e mentres persistan aquelas circunstancias, pola persoa titular da Secretaría Xeral da Presidencia e, na súa falta, polos órganos superiores da Presidencia, seguindo a orde de prelación que se establece no Decreto 48/2024, do 22 de abril, polo que se establecen os órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia.

Neste sentido, a suplencia será asumida pola persoa titular do órgano que ocupe o posto seguinte na orde correlativa enunciada, e corresponderalle á primeira, se for o caso, substituír a última.

2. Nos casos de vacante, ausencia ou enfermidade, así como nos casos en que sexa declarada a abstención ou recusación das persoas titulares dos órganos de dirección da Presidencia da Xunta de Galicia, as competencias atribuídas por este decreto aos correspondentes órganos serán exercidas, temporalmente e mentres persistan aquelas circunstancias, pola persoa titular da secretaría xeral a que estean adscritos e, na súa falta, polos órganos superiores da Presidencia, seguindo a orde de prelación que se establece no Decreto 48/2024, do 22 de abril, polo que se establecen os órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia.

Disposición adicional cuarta. Mantemento da antigüidade no posto de traballo

As persoas que estean a desempeñar os postos de traballo cuxa denominación ou adscrición varíen como consecuencia deste decreto manterán a antigüidade do posto de traballo de orixe, sempre que se conserve o seu contido funcional.

Disposición adicional quinta. Integración da igualdade

No exercicio das funcións a que se refire este decreto integrarase de xeito activo a dimensión de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes.

Disposición adicional sexta. Presenza equilibrada de mulleres e homes

Nos nomeamentos de altos cargos da Presidencia, así como das persoas titulares e membros de órganos de entidades integrantes do sector público autonómico no seu ámbito de competencias, atenderase ao principio de presenza equilibrada entre mulleres e homes.

Disposición adicional sétima. Tutela funcional da sociedade pública Galicia Calidade, S.A.

A Axencia de Turismo de Galicia asumirá a tutela funcional da sociedade pública Galicia Calidade, S.A.

Disposición transitoria única. Modificación de unidades administrativas

Cando, como consecuencia da estrutura orgánica que se establece neste decreto, se modifique a denominación ou o contido funcional das subdireccións xerais ou servizos existentes, autorízase a persoa titular da Secretaría Xeral da Presidencia para adscribir o persoal funcionario que ocupaba o posto existente ao posto equivalente que figura neste decreto.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

Queda derrogado o Decreto 108/2022, do 16 de xuño, de estrutura orgánica dos órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia e calquera outra disposición de igual ou inferior rango que contradiga o disposto neste decreto.

Disposición derradeira primeira. Modificación do Regulamento orgánico da Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia, aprobado polo Decreto 343/2003, do 11 de xullo

O Regulamento orgánico da Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia queda modificado como segue:

Un. Modifícase o artigo 3, que queda redactado como segue:

«Artigo 3. Secretaría Xeral da Asesoría Xurídica

1. Á persoa titular da Secretaría Xeral da Asesoría Xurídica Xeral correspóndelle a dirección, coordinación e inspección das funcións de asistencia xurídica, tanto contenciosa como consultiva, encomendadas ao persoal letrado da Xunta de Galicia.

2. A persoa titular da Secretaría Xeral da Asesoría Xurídica Xeral designarase de acordo co establecido no artigo 34.2 da Lei 4/2016, do 4 de abril, de ordenación da asistencia xurídica da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e do seu sector público.

3. A persoa titular da Secretaría Xeral da Asesoría Xurídica Xeral poderá reservar para si o coñecemento de calquera asunto, consultivo ou contencioso, así como dispor a actuación conxunta ou individual de letrados/as con especiais coñecementos, calquera que sexa a unidade a que estea atribuído o asunto.

4. Nos supostos establecidos no artigo 13.1 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, a persoa titular da Secretaría Xeral da Asesoría Xurídica Xeral será substituída pola persoa titular da Dirección Xeral de Asuntos Constitucionais e Desenvolvemento Lexislativo».

Dous. Engádese un novo artigo 3.bis, coa seguinte redacción:

«Artigo 3.bis. Dirección Xeral de Asuntos Constitucionais e Desenvolvemento Lexislativo

1. Correspóndenlle á persoa titular da Dirección Xeral de Asuntos Constitucionais e Desenvolvemento Lexislativo as seguintes funcións:

a) Dirixir e coordinar as funcións de asuntos constitucionais e desenvolvemento lexislativo atribuídas á Asesoría Xurídica Xeral. Para estes efectos, quedan adscritos a esta dirección xeral o Gabinete de Asuntos Constitucionais e o Gabinete de Desenvolvemento lexislativo previstos nos artigos 9.bis e 11.

b) Representar a Asesoría Xurídica Xeral na Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Coordinar o asesoramento e o seguimento da normativa do Estado ou doutras comunidades autónomas para os efectos do cumprimento do bloque de constitucionalidade e, en especial, da distribución de competencias derivada del.

d) Coordinar os informes en dereito e, se é o caso, a elaboración dos anteproxectos e proxectos de disposición cando afecten ou poidan afectar a Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia, a súa organización, funcionamento e réxime de actuacións.

e) Organizar actividades que teñan por obxecto a formación e o perfeccionamento do persoal letrado da Xunta de Galicia.

f) Levar os asuntos administrativos, de organización, de persoal e de réxime interior.

g) Apoiar a persoa titular da Asesoría Xurídica Xeral no exercicio das súas funcións, así como levar, dirixir, supervisar ou coordinar aqueles ámbitos da prestación de asistencia xurídica e contenciosa ou asuntos concretos que lle sexan encomendados.

2. A persoa titular da Dirección Xeral de Asuntos Constitucionais e Desenvolvemento Lexislativo designarase de acordo co disposto para a designación da persoa titular da Secretaría Xeral da Asesoría Xurídica no artigo 34.2 da Lei 4/2016, do 4 de abril, de ordenación da asistencia xurídica da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e do seu sector público.

3. Durante o desempeño do seu cargo a persoa titular da Dirección Xeral estará habilitada para exercer as funcións de letrado/a da Xunta de Galicia e, en particular, poderá asinar como tal os escritos procesuais.

4. Nos supostos establecidos no artigo 13.1 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, a persoa titular da Dirección Xeral de Asuntos Constitucionais e Desenvolvemento Lexislativo será substituída pola persoa titular da Xefatura do Gabinete de Asuntos Constitucionais ou do Gabinete de Desenvolvemento Lexislativo que teña maior antigüidade na escala de letrados da Xunta de Galicia».

Tres. Engádese un novo artigo 3.ter, coa seguinte redacción:

«Artigo 3.ter. Servizo de Asuntos Xerais

Correspóndenlle ao Servizo de Asuntos Xerais, adscrito á Dirección Xeral de Asuntos Constitucionais e Desenvolvemento Lexislativo, as seguintes funcións:

a) A xestión dos servizos de rexistro, arquivo e réxime interior da Dirección Xeral.

b) Estudar as necesidades de dotación e actualización dos servizos de biblioteca da Asesoría Xurídica Xeral, así como das bases de datos xurídicas, e procurar a asistencia ao persoal letrado nos medios desta natureza que precisen para o desenvolvemento das súas funcións.

c) O impulso e a coordinación da dotación de medios materiais da Asesoría Xurídica Xeral.

d) A colaboración na elaboración do programa anual de actividades, xornadas e cursos específicos de formación e perfeccionamento, así como na súa organización concreta.

e) Todas as actuacións tendentes á formalización, renovación e seguimento dos acordos subscritos coas entidades instrumentais do sector público autonómico a que se refire o artigo 1.

f) A xestión dos créditos asignados á Asesoría Xurídica Xeral e dos devindicados como consecuencia dos acordos subscritos coas entidades instrumentais mencionadas na letra anterior para o asesoramento xurídico e a representación e defensa en xuízo.

g) Apoiar na tramitación e realizar o seguimento das actuacións que desenvolva a Asesoría Xurídica Xeral en materia de custas procesuais devindicadas en favor do tesouro autonómico.

h) A realización de cantas actuacións previas sexan necesarias para que leve a cabo a provisión de prazas de letrados e do persoal adscrito á Asesoría Xurídica Xeral polos órganos competentes para iso.

i) Calquera outra función que lle sexa encomendada pola persoa titular da Dirección Xeral de Asuntos Constitucionais e Desenvolvemento Lexislativo».

Catro. Modifícase a letra e) do artigo 8, que queda redactada como segue:

«e) O Gabinete de Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia».

Cinco. Modifícase o título do artigo 9, que queda redactado como segue:

«Artigo 9. Do Gabinete de Defensa Xurisdicional»

Seis. Engádese unha letra c) ao número 1 do artigo 9, coa seguinte redacción:

«c) A representación e a defensa da Administración autonómica ante os órganos e organismos internacionais ou supranacionais en que esta sexa parte en calquera procedemento xurisdicional, de acordo co previsto na normativa aplicable».

Sete. Engádense as letras d) e e) ao número 1 do artigo 10, coa seguinte redacción:

«d) O asesoramento xurídico en materia de dereito comunitario europeo e dereito internacional.

e) A realización de estudos de dereito comunitario».

Oito. Modifícase o artigo 12, que queda redactado como segue:

«Artigo 12. Do Gabinete de Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia

Ao Gabinete de Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia correspóndelle a representación e defensa da Xunta de Galicia e da Administración da Comunidade Autónoma ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia en todos os procedementos previstos na lexislación vixente en que coñeza en única instancia, sen prexuízo das competencias de representación e defensa en determinadas materias atribuídas a outros órganos da Asesoría Xurídica».

Nove. Engádese unha nova disposición adicional segunda, coa seguinte redacción:

«Disposición adicional segunda. Entrada en funcionamento do Gabinete de Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia

1. O Gabinete de Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia terá a súa sede oficial na cidade da Coruña, sen prexuízo do seu carácter de gabinete central da Asesoría Xurídica Xeral e da estrutura ou persoal con que conte en Santiago de Compostela, co obxecto de prestar servizo aos órganos autonómicos asistidos.

2. O Gabinete contará co persoal letrado que se determine na correspondente relación de postos de traballo, coa consideración de letrado ou letrada especialista de sala. Este persoal estará adscrito organicamente ao Gabinete e poderá estar destinado nas localidades da Coruña ou Santiago de Compostela, de acordo co que estableza a relación de postos de traballo.

3. O Gabinete de Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia irá asumindo progresivamente as súas funcións de conformidade coas instrucións que dite a persoa titular da Secretaría Xeral da Asesoría Xurídica Xeral, que poderá atribuírlle determinadas categorías ou tipos de asuntos atendendo ao seu volume, natureza e complexidade, e tendo en conta o persoal letrado asignado en cada momento ao Gabinete.

4. Para os efectos da posta en funcionamento inicial do Gabinete de Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, a persoa titular da Secretaría Xeral da Asesoría Xurídica Xeral poderá encomendar os asuntos contenciosos do Gabinete ao persoal letrado que se considere necesario con independencia da súa adscrición orgánica, de acordo co establecido no artigo 34.5 da Lei 4/2016, do 4 de abril, de ordenación da asistencia xurídica da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e do seu sector público».

Dez. Engádese unha nova disposición derradeira única, coa seguinte redacción:

«Disposición derradeira única. Actualización das referencias ao director xeral da Asesoría Xurídica e ao Gabinete de Asuntos Constitucionais e Defensa Xurisdicional

1. As referencias feitas ao director xeral da Asesoría Xurídica e á Dirección Xeral da Asesoría Xurídica entenderanse realizadas á persoa titular da Secretaría Xeral da Asesoría Xurídica Xeral e á Secretaría Xeral da Asesoría Xurídica Xeral, respectivamente. Exceptúase da regra anterior a referencia contida no artigo 11.1.b) ao director xeral-xefe da Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia, que se entenderá realizada á persoa titular da Dirección Xeral de Asuntos Constitucionais e Desenvolvemento Lexislativo.

2. As referencias feitas ao Gabinete de Asuntos Constitucionais no artigo 14.4 e as referencias feitas ao Gabinete de Asuntos Constitucionais e Defensa Xurisdicional contidas nos artigos 31.1 e 40.3 entenderanse feitas ao Gabinete de Defensa Xurisdicional».

Disposición derradeira segunda. Habilitación para a execución

Autorízase a Secretaría Xeral da Presidencia para ditar as resolucións necesarias para a execución deste decreto.

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte de maio de dous mil vinte e catro

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes