DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 98 Mércores, 22 de maio de 2024 Páx. 30963

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de San Cibrao das Viñas

ANUNCIO da aprobación definitiva da modificación do Plan parcial SUR-I2, SUR-I3 e SUR-I4.

Unha vez aprobada definitivamente a modificación do Plan parcial do Sector SUR-I2, SUR-I3 e SUR-I4 do Plan xeral de ordenación municipal de San Cibrao das Viñas, publícase este para o seu xeral coñecemento e en cumprimento dos artigos 82 e 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e nos artigos 199 e 208 do Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, aprobado polo Decreto 143/2016, do 22 de setembro:

«O Pleno Municipal, en sesión extraordinaria do 30 de abril de 2024, adoptou ou seguinte acordo:

Primeiro. Desestimar as alegacións presentadas polo Parque Tecnolóxico de Galicia, S.A. polos motivos expresados no informe do equipo redactor de abril de 2024, do que se remitirá copia xunto coa notificación deste acordo.

Segundo. Aprobar definitivamente a modificación do Plan parcial do sector SUR-I2, SUR-I3 e SUR-I4 do Plan xeral de ordenación municipal de San Cibrao das Viñas, coas modificacións resultantes das alegacións formuladas e dos informes emitidos.

Terceiro. Publicar a aprobación definitiva no Diario Oficial de Galicia, para os efectos do establecido no artigo 82 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia. Esta publicación deberá realizarse no prazo dun mes desde a adopción da aprobación definitiva.

Igualmente, xunto á publicación deste acordo publicarase a indicación das medidas adoptadas para o seguimento dos efectos no ambiente da aplicación do plan e a referencia ao enderezo electrónico na que figurará o contido íntegro do plan á disposición do público.

Quinto. Comunicar o acordo de aprobación definitiva, en virtude do artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, á consellería competente en materia de urbanismo, para a súa inscrición no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia, achegando un exemplar en soporte dixital, debidamente dilixenciado.

Sexto. Notificar individualmente a aprobación definitiva do plan parcial a todas as persoas titulares catastrais dos terreos afectados ás cales xa se lles notificara a súa aprobación inicial, de conformidade co artigo 186.4 do regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, aprobado mediante o Decreto 143/2016, do 22 de setembro».

Con respecto á indicación das medidas adoptadas para o seguimento dos efectos no ambiente da aplicación do plan e a referencia ao enderezo electrónico no que figurará o contido íntegro do plan á disposición do público infórmase:

Epígrafe I. Ordenanzas de sustentabilidade ambiental e protección do ambiente e da paisaxe.

Artigo 1. Protección dos recursos hídricos

A protección das augas, así como a regulación das verteduras de actividades que poidan contaminar o dominio público hidráulico, realizarase conforme o disposto en:

Real decreto lexislativo 1/2001, do 20 de xullo, polo que se aproba a Lei de augas e o Real decreto lei 4/2007, do 13 de abril, polo que se modifica o texto refundido da Lei de augas.

Real decreto 907/2007, do 6 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da planificación hidrolóxica.

Real decreto 849/1986, do 11 de abril, polo que se aproba o Regulamento do dominio público Hidráulico.

Garantiranse os requirimentos de calidade da auga de consumo humano conforme o disposto na lexislación sobre os criterios sanitarios da calidade da auga de consumo humano.

No caso de verteduras asimilables a augas residuais urbanas, para realizar na rede de saneamento xeral, estas deberán realizarse segundo a ordenanza reguladora do servizo público de saneamento e depuración de augas residuais do municipio de San Cibrao das Viñas.

Toda instalación industrial quedará sometida ás especificacións, controis e normas contidas nas ordenanzas municipais.

a) Con relación á protección da estación depuradora.

Non se admitirán corpos que poidan producir obstrucións nas conducións e grupos de bombeo.

Non se admitirán substancias capaces de producir fenómenos de corrosión e/ou abrasión nas instalacións electromecánicas.

Non se admitirán substancias capaces de producir espumas que interfiran nas operacións das sondas de nivel e/ou afecten ás instalacións eléctricas, así como aos procesos de depuración.

Non se admitirán substancias que poidan producir fenómenos de flotación e interferir nos procesos de depuración.

b) Con relación coa composición química e biolóxica do efluente.

Efectuarase unha predepuración das augas antes da súa vertedura aos colectores públicos.

Dotarase un paso por un separador de hidrocarburos das augas pluviais, antes da súa vertedura ou emprego para o risco das zonas verdes.

Os establecementos industriais que produzan augas residuais cuxas composicións cualitativas ou cuantitativas sexan superiores aos límites establecidos nas ordenanzas municipais, estarán obrigados a depurar as súas augas previamente á súa vertedura aos colectores públicos.

Artigo 2. Protección do ambiente atmosférico

a) Emisións atmosféricas.

As emisións máximas permitidas á atmosfera regularanse polas disposicións vixentes na materia.

Prohíbese a queima de calquera tipo de residuos ou materiais que non conten coa autorización correspondente.

As industrias e instalacións que desenvolven actividades potencialmente contaminadoras da atmosfera adoptarán as medidas necesarias e as prácticas idóneas nas actividades e instalacións, que permitan evitar ou reducir a contaminación atmosférica aplicando, na medida do posible, as mellores técnicas dispoñibles e empregando os combustibles menos contaminantes.

Durante o movemento de terras, transporte de materiais e, en xeral, en todas as accións que poidan provocar a emisión de partículas á atmosfera, tomaranse as precaucións necesarias para reducir a contaminación ao mínimo posible, evitando a dispersión. Deste modo, disporanse medidas preventivas como realizar os labores en condicións atmosféricas favorables, recubrir os materiais a transportar, regar as zonas e materiais afectados polas obras, etc.

b) Contaminación luminosa.

Preservaranse ao máximo posible as condicións naturais das horas nocturnas en beneficio da fauna, a flora e os ecosistemas en xeral, e reducirase a intrusión luminosa en zonas distintas ás que se pretende iluminar.

Terase en conta a frecuencia, distancia e tipoloxía das luminarias para evitar a sobre iluminación.

Axustaranse os horarios de acendemento e apagado, recomendándose a instalación de redutores de fluxo.

A iluminación pública do sector industrial responderá ás necesidades dos mesmos, pero sen xerar un punto de atracción luminosa para os posibles espectadores exteriores. Prestarase atención á intensidade, color e dirección da iluminación, así como a utilización de tipos de luminarias acordes co entorno.

Artigo 3. Protección contra a contaminación acústica e vibratoria

Estarase ao disposto no Decreto 106/2015, do 9 de xullo, sobre contaminación acústica de Galicia, na Lei 37/2003, do 17 de novembro, do ruído, e polo Real decreto 1367/2007, do 19 de outubro, que a desenvolve.

Durante a fase de urbanización, evitarase a realización de obras ou movementos de maquinaria fóra do período diúrno (7.00 a 19.00).

Con carácter xeral priorizaranse as medidas de redución da fonte emisora, nas máquinas, nas infraestruturas, nos motores, nos pavimentos, nas actividades industriais, etc, empregando, na medida do posible, as mellores tecnoloxías dispoñibles e as boas prácticas ambientais que minimicen a emisión e limiten a transmisión do ruído e as vibracións.

Artigo 4. Xestión dos residuos

Para a xestión dos residuos do polígono serán de aplicación as disposicións contidas na Lei 22/2011, do 28 de xullo, de residuos e solos contaminados, na Lei 6/2021, do 17 de febreiro, de residuos e solos contaminados de Galicia, así como calquera outra normativa ou instrumentos de planificación vixentes.

No proxecto de urbanización habilitaranse lugares idóneos para a localización das illas de recollida selectiva residuos durante a execución das obras de urbanización. Prohíbese a provisión de residuos en condicións nas que non se poida garantir a prevención da contaminación do sistema de saneamento, o sistema de drenaxe superficial, o solo ou o subsolo, sendo obrigatorio o acondicionamento das zonas de provisión de forma previa, de forma que ademais de previr a contaminación, se impida o acceso visual a estas provisións desde o viario ou as zonas habitadas.

No referente aos residuos de construción e demolición, a súa xestión farase en conformidade co disposto no Decreto 174/2005, do 9 de xuño, polo que se regula o réxime xurídico da produción e xestión de residuos e o Rexistro Xeral de Produtores e Xestores de Residuos de Galicia e o Real decreto 105/2008, do 1 de febreiro, polo que se regula a produción e xestión dos residuos de construción e demolición.

Artigo 5. Protección do solo

Durante o movemento de terras realizarase un tratamento selectivo das terras no que logo dos procesos de roza da cuberta vexetal, cuxos materiais serán convenientemente triturados e esparexidos para incorporalos de forma homoxénea ao solo, amorearanse as capas fértiles do solo e conservaranse en condicións idóneas (cordóns de 1,5 a 2 m de altura, ben drenados). A terra vexetal será reutilizada nos labores de axardinamento, (conformando a primeira capa sobre a que se realizarán as plantacións), así como nos labores de restauración das áreas ocupadas temporalmente e das deterioradas polas obras.

Evitarase a degradación dos solos por materiais, residuos ou substancias potencialmente contaminantes procedentes das obras ou da maquinaria, acondicionando espazos para o seu almacenamento e xestión, conformes coa lexislación.

Deberá prestarse especial atención á definición das áreas de circulación e estacionamento e almacenamento de materiais co obxectivo de reducir as superficies de alteración, evitar a invasión de terreos adxacentes e protexer os cursos fluviais e as súas proximidades.

Empregaranse solos permeables nas praias de aparcamento que favorezan a drenaxe das augas pluviais e o desenvolvemento de liques e vexetación herbácea.

Definiranse as medidas precisas para consolidar, o antes posible, os taludes, desmontes e terrapléns, seleccionando aqueles que contribúan a unha mellor integración paisaxística (revexetación, estendido de mantas de fibras naturais, etcétera).

Nas zonas verdes restauraranse e revexetaranse con prontitude as superficies núas para evitar perdas de solo, usando as especies autóctonas do lugar e de acordo coas súas características edafolóxicas e climáticas.

Artigo 6. Protección do medio natural

Para os efectos de protexer a flora e fauna silvestres teranse en conta as medidas previstas na lexislación aplicable e, en especial, as establecidas nas seguintes disposicións:

a) Lei 5/2019, do 2 de agosto, do patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia.

b) Lei 42/2007, do 13 de decembro, do patrimonio natural e da biodiversidade. Modificada pola Lei 7/2018, do 20 de xullo.

c) Real decreto 139/2011, do 4 de febreiro. (Lista de especies silvestres en réxime de protección especial e do Catálogo español de especies ameazadas.

d) Decreto 88/2007, do 19 de abril, polo que se regula o Catálogo galego de especies ameazadas, modificado polo Decreto 167/2011, do 4 de agosto, polo que se modifica e actualiza o dito catálogo.

Antes do inicio dos traballos levarase a cabo una prospección minuciosa para constatar a presenza ou ausencia de especies do Catálogo galego de especies ameazadas (Real decreto 88/2007) comunicándoo en caso de detección ao Servizo de Patrimonio Natural de Pontevedra, xunto coas medidas que se propoñan. No caso de detectar a presenza das ditas especies garantirase a súa conservación e cumpriranse os deberes establecidos ao respecto no artigo 95 da Lei 5/2019, do 2 de agosto, do patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia.

As plantacións realizaranse con especies herbáceas, arbóreas e arbustivas propias da rexión bioxeográfica e procedentes de ecotipos locais co fin de garantir a súa viabilidade e reducir posteriores labores de mantemento.

As sementes empregadas deberán ser verificadas para garantir que non se introducen sementes foráneas e invasoras e que non se incorporan elementos que poidan afectar tanto á flora como á fauna da contorna.

A poda da vexetación non poderá realizarse en primavera, ao ser o período reprodutor das especies e afectar a nidificación das especies silvestres.

Artigo 7. Paisaxe

Inclúese un anexo de estudo da paisaxe. As condicións naturais do medio físico, e en especial as masas arboradas e cursos de auga existentes nas inmediacións do ámbito, integraranse no tratamento das zonas verdes e espazos libres, coa finalidade de garantir un bo nivel ambiental e paisaxístico.

a) Someteranse os taludes e desmontes a un tratamento paisaxístico para garantir a súa conservación e mantemento.

b) Realizarase a elección do mobiliario urbano tendo sempre en conta a súa integración na paisaxe.

c) Empregaranse pantallas vexetais para ocultar ou fragmentar elementos impactantes ou de gran tamaño coa fin de reducir a súa visibilidade. Empregaranse especies arbóreas e arbustivas autóctonas de diferente porte, evitando as plantacións lineais e distribuíndo aquelas especies de maior porte naquelas zonas que teñan un maior impacto visual, co fin de mitigar a súa visibilidade.

d) Salvo que por exixencias da actividade se requiran cerramentos opacos, estes serán abertos, mediante redes metálicas ou reixas, e poderá integrarse vexetación no seu deseño.

e) Empregaranse barreiras vexetais para a ocultación de zonas de amoreamento ou depósito permanente de materiais que poidan producir un impacto visual na contorna. Para iso empregaranse especies arbóreas e arbustivas autóctonas de diferente porte, evitando as plantacións lineais e distribuíndo aquelas especies de maior porte naquelas zonas que teñan un maior impacto visual, co fin de mitigar a súa visibilidade.

Así mesmo, estará á disposición dos interesados na sede electrónica deste concello [http://sancibrao.sedelectronica.es].

Contra o presente acordo, en aplicación do artigo 112.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e dado que aproba unha disposición de carácter xeral, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao da recepción da presente notificación, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa. Todo iso sen prexuízo de que poida interpoñer vostede calquera outro recurso que puidese considerar máis conveniente ao seu dereito.

San Cibrao das Viñas, 15 de maio de 2024

Marta Nóvoa Iglesias
Alcaldesa