DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 97 Martes, 21 de maio de 2024 Páx. 30276

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

EXTRACTO da Resolución do 6 de maio de 2024 pola que se aproban as bases reguladoras e se convoca unha bolsa de formación práctica en estudos relacionados co dereito administrativo (código de procedemento PR770F).

BDNS (Identif.): 761177.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da Resolución do 6 de maio de 2024 pola que se aproban as bases reguladoras e se convoca unha bolsa de formación práctica en estudos relacionados co dereito administrativo (código de procedemento PR770F), cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

1. Poderán beneficiarse desta bolsa quen reúna os seguintes requisitos no momento de terminar o prazo de presentación de solicitudes:

– Ter rematados os estudos académicos con posterioridade a xaneiro do ano 2019 e acreditadas a titulación de licenciatura ou grao en Dereito ou en Ciencias Xurídicas das Administracións Públicas.

– Non reunir ningunha das circunstancias especificadas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o que se declarará de acordo co modelo que se inclúe nesta convocatoria como anexo I.

– Non ter emprego remunerado nin gozar doutra bolsa de acordo co disposto na base 20ª, calquera que fose esta, ou, no caso de ter emprego remunerado ou gozar doutra bolsa, manifestar un compromiso expreso de renunciar a eles con anterioridade ao momento de incorporación á EGAP, segundo o modelo que se inclúe como anexo I.

– Ter competencia en lingua galega no nivel de Celga 4 ou superior.

– Non ter gozado no último ano dunha bolsa da EGAP para a formación en estudos relacionados co dereito administrativo, excepto que gozase dela por un período de tempo non superior a un ano. Para estes efectos, non será computado o período en que a persoa interesada estivese na situación de incapacidade temporal durante o goce da bolsa. En tal sentido, tampouco poderán ser beneficiarias desta bolsa aquelas persoas que, sendo adxudicatarias desta mesma bolsa nunha convocatoria anterior, non se incorporasen ao centro de destino ou renunciasen a ela logo de iniciado o período de vixencia sen causa debidamente xustificada. Considérase xustificada a renuncia cando se deba á obtención doutra bolsa ou emprego incompatible con aquela.

Segundo. Obxecto

1. Por medio desta resolución establécense as bases reguladoras e procédese á convocatoria dunha bolsa de formación en estudos relacionados co dereito administrativo (código de procedemento PR770F).

2. A bolsa regulada nesta resolución concederase en réxime de concorrencia competitiva e baixo os principios de publicidade, obxectividade, transparencia, igualdade, non discriminación, eficacia e eficiencia.

Terceiro. Bases reguladoras

As bases que rexerán serán as contidas na Resolución do 6 de maio de 2024 pola que se aproban as bases reguladoras e se convoca unha bolsa de formación práctica en estudos relacionados co dereito administrativo (código de procedemento PR770F). Para o non regulado expresamente nestas bases observarase o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e demais normativa aplicable.

Cuarto. Contía

O importe da bolsa será de 2.200 € brutos cada dous meses, que se farán efectivos, tras a certificación da EGAP do bo aproveitamento da bolsa, polo importe líquido, tras realizar as retencións fiscais e sociais que lle correspondan, na conta bancaria que sinale a persoa beneficiaria da bolsa. No caso de producirse a incorporación ou o cesamento nun día distinto ao primeiro ou ao último de cada mes, a persoa bolseira percibirá o importe que proporcionalmente corresponda ao número de días que desfrute da bolsa.

Quinta. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes e documentación complementaria será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia desta convocatoria.

Sexta. Outros datos

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos, a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Debido á formación académica exixida ás persoas beneficiarias desta bolsa, considérase que teñen acceso e dispoñibilidade suficiente dos medios electrónicos necesarios para realizar todos os trámites electronicamente neste procedemento, de acordo co establecido no artigo 14.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 10.2 e 10.3 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidas pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Unha vez que a persoa beneficiaria reciba a notificación da concesión da bolsa, dispoñerá dun prazo de dez días para comunicar á EGAP a súa aceptación ou renuncia á bolsa. Logo de transcorrer este prazo sen que se produza manifestación expresa ao respecto, entenderase tacitamente aceptada, segundo o establecido no artigo 21.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia

No prazo de cinco días contado desde a aceptación expresa da bolsa ou do transcurso do prazo para entendela tacitamente aceptada, a persoa seleccionada deberá incorporarse ao desempeño da bolsa na EGAP. Se non se incorpora neste prazo, ou se renuncia expresamente, perderá os dereitos inherentes á bolsa. Nestes supostos, a persoa titular da Dirección da EGAP procederá, mediante resolución, á concesión da bolsa á primeira candidatura que figure na listaxe que para ese efecto elaborará a Comisión de Avaliación, conforme a base décimo segunda.

Santiago de Compostela, 6 de maio de 2024

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública