DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 97 Martes, 21 de maio de 2024 Páx. 30255

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 6 de maio de 2024 pola que se aproban as bases reguladoras e se convoca unha bolsa de formación práctica en estudos relacionados co dereito administrativo (código de procedemento PR770F).

O artigo 3.1.g) da Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública (en diante, EGAP), modificado pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, considera entre os fins da escola a investigación, a documentación, o estudo e a realización de traballos de divulgación no terreo da Administración pública, promovendo a súa máxima difusión.

A bolsa que se convoca persegue formar a persoa que resulte adxudicataria en varias materias do dereito administrativo, favorecendo a reflexión en distintos campos, como o papel que pode xogar a intelixencia artificial nos procesos de modernización das administracións públicas.

As oportunidades que ofrece a intelixencia artificial nas administracións públicas son evidentes. É innegable o potencial que teñen nos procesos de modernización, podendo contribuír de modo substancial na mellora da súa eficiencia e calidade. No entanto, tamén é preciso que se faga de xeito responsable, garantindo a protección dos dereitos das persoas e o respecto ao principios propios en que se basea toda actuación administrativa.

De conformidade co exposto, resolvo convocar unha bolsa en formación en estudos relacionados co dereito administrativo mediante a colaboración titorizada da EGAP, segundo as seguintes bases:

Primeira. Obxecto

1. Por medio desta resolución establécense as bases reguladoras e procédese á convocatoria dunha bolsa de formación en estudos relacionados co dereito administrativo (código de procedemento PR770F).

2. A bolsa regulada nesta resolución concederase en réxime de concorrencia competitiva e baixo os principios de publicidade, obxectividade, transparencia, igualdade, non discriminación, eficacia e eficiencia.

Segunda. Duración, importe e financiamento da bolsa

1. As actividades de formación iniciaranse coa incorporación da persoa candidata seleccionada ao desempeño da bolsa na EGAP, tal como se dispón na base décimo cuarta, e finalizarán o 31 de decembro de 2024.

2. O importe da bolsa será de 2.200 € brutos cada dous meses, que se farán efectivos, tras a certificación da EGAP do bo aproveitamento da bolsa, polo importe líquido, tras realizar as retencións fiscais e sociais que lle correspondan, na conta bancaria que sinale a persoa beneficiaria da bolsa. No caso de producirse a incorporación ou o cesamento nun día distinto ao primeiro ou ao último de cada mes, a persoa bolseira percibirá o importe que proporcionalmente corresponda ao número de días que desfrute da bolsa.

3. A bolsa será financiada con cargo á aplicación orzamentaria 07.81.122B.480.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2024.

4. Durante o tempo de duración da bolsa, a persoa beneficiaria quedará incluída no réxime xeral da Seguridade Social, tal como establece o Real decreto 1493/2011, do 24 de outubro, polo que se regulan os termos e as condicións de inclusión no réxime xeral da Seguridade Social das persoas que participen en programas de formación. A cota patronal satisfarase con cargo ao concepto orzamentario 484.0 do orzamento de gastos da EGAP.

Terceira. Requisitos das persoas beneficiarias

1. Poderán beneficiarse desta bolsa quen reúna os seguintes requisitos no momento de terminar o prazo de presentación de solicitudes:

– Ter rematados os estudos académicos con posterioridade a xaneiro do ano 2019 e acreditadas a titulación de licenciatura ou grao en Dereito ou en Ciencias Xurídicas das Administracións Públicas.

– Non reunir ningunha das circunstancias especificadas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o que se declarará de acordo co modelo que se inclúe nesta convocatoria como anexo I.

– Non ter emprego remunerado nin gozar doutra bolsa de acordo co disposto na base 20ª, calquera que fose esta, ou, no caso de ter emprego remunerado ou gozar doutra bolsa, manifestar un compromiso expreso de renunciar a eles con anterioridade ao momento de incorporación á EGAP, segundo o modelo que se inclúe como anexo I.

– Ter competencia en lingua galega no nivel de Celga 4 ou superior.

– Non ter gozado no último ano dunha bolsa da EGAP para a formación en estudos relacionados co dereito administrativo, excepto que gozase dela por un período de tempo non superior a un ano. Para estes efectos, non será computado o período en que a persoa interesada estivese na situación de incapacidade temporal durante o goce da bolsa. En tal sentido, tampouco poderán ser beneficiarias desta bolsa aquelas persoas que, sendo adxudicatarias desta mesma bolsa nunha convocatoria anterior, non se incorporasen ao centro de destino ou renunciasen a ela logo de iniciado o período de vixencia sen causa debidamente xustificada. Considérase xustificada a renuncia cando se deba á obtención doutra bolsa ou emprego incompatible con aquela.

Cuarta. Lugar e prazo de presentación de solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos, a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Debido á formación académica exixida ás persoas beneficiarias desta bolsa, considérase que teñen acceso e dispoñibilidade suficiente dos medios electrónicos necesarios para realizar todos os trámites electronicamente neste procedemento, de acordo co establecido no artigo 14.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 10.2 e 10.3 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidas pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave 365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. O prazo de presentación de solicitudes e documentación complementaria será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia desta convocatoria.

Para estes efectos, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o derradeiro do mes.

Quinta. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:

a) En defecto de título universitario, xustificación do pagamento dos dereitos de expedición.

b) Certificación académica en que se detallen as cualificacións obtidas nas distintas disciplinas.

c) En defecto de título Celga 4 ou superior expedido polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia, certificado oficial acreditativo de coñecemento da lingua galega equivalente.

d) Currículo de acordo co modelo incluído no anexo II. Só serán obxecto de valoración os méritos das persoas solicitantes que figuren relacionados expresamente no currículo e estean debidamente acreditados.

e) Documentos que acrediten os méritos relacionados no currículo.

f) Traballo escrito sobre os coñecementos teóricos relacionados co papel da intelixencia artificial na modernización da Administración pública cunha extensión máxima de 15 follas. Valorarase a claridade expositiva, o rigor terminolóxico, o uso de diversas fontes bibliográficas e o uso da linguaxe non discriminatoria. As persoas interesadas deberán achegar este traballo coa solicitude no prazo establecido na base 4ª. De non facelo así, non se admitirá a súa solicitude.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos que serán requiridos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Sexta. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) Título universitario correspondente.

c) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.

d) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

e) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

f) Certificado oficial acreditativo do curso de perfeccionamento de galego ou Celga 4 ou superior expedido polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia.

g) Certificado de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

h) Certificado de concesión de subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Sétima. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderase rexeitada cando transcorresen dez (10) días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

6. A publicación das listaxes provisionais e definitivas así como da resolución, á cal se refiren as bases 12ª e 13ª, substituirá a notificación persoal e producirá os seus mesmos efectos.

Oitava. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Novena. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, a persoa beneficiaria da bolsa está obrigada a subministrar á EGAP, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra banda, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Décima. Instrución do procedemento

1. Rematado o prazo de presentación de instancias, o Servizo de Estudos, Investigación e Publicacións da EGAP revisará as solicitudes recibidas. No caso de que algunha solicitude estea incompleta, conteña erros ou non se acompañe toda a documentación exixida, sen prexuízo do disposto na base quinta respecto do traballo escrito, requirirase a persoa afectada para que emende os defectos administrativos observados no prazo de dez (10) días hábiles, que se contarán desde a súa notificación, todo de acordo co disposto polo artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. Unha vez que remate o prazo de presentación de solicitudes e, de ser o caso, o de emenda, publicarase a lista de persoas admitidas e excluídas con indicación, neste último caso, da causa de exclusión.

3. Unha vez publicada esta listaxe, os expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos serán remitidos á comisión encargada da súa valoración, que avaliará os méritos de acordo co establecido na base décimo segunda e confeccionará a listaxe provisional de posibles persoas beneficiarias da bolsa, ordenada de maior a menor, segundo a súa puntuación. Esta listaxe farase pública, xunto, de ser o caso, coa puntuación mínima para acceder á entrevista. O prazo de exposición, consultas e reclamacións será de tres días hábiles que se contarán a partir da data de publicación.

4. Resoltas as reclamacións realizaranse as entrevistas de acordo co disposto na base décimo segunda, tras o cal a comisión fará pública a lista definitiva de posibles persoas beneficiarias da bolsa, ordenada de maior a menor, segundo a súa puntuación.

5. A Comisión elevará á Dirección da Escola Galega de Administración Pública unha proposta de concesión para a designación da persoa adxudicataria da bolsa.

Coas restantes persoas admitidas valoradas cun mínimo de 5 puntos na fase da entrevista elaborarase unha lista de suplentes, por orde decrecente de puntuación. Esta listaxe será operativa no caso de que a persoa seleccionada non se incorpore na data establecida, cando manifeste expresamente a súa non aceptación da bolsa, así como nos casos de renuncia e revogación.

6. As listaxes referidas nesta base faranse públicas no portal web da EGAP https://egap.xunta.gal

7. Prescíndese do trámite de audiencia, segundo o artigo 82.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ao non figurar no procedemento nin ser considerados na resolución outros feitos e outras alegacións e probas máis que as aducidas polas persoas interesadas.

Décimo primeira. A Comisión de Avaliación

A avaliación das solicitudes levaraa a cabo unha comisión que estará integrada por un máximo de cinco persoas designadas pola persoa titular da Dirección da EGAP.

Na composición da Comisión de Avaliación procurarase acadar unha presenza equilibrada de mulleres e homes.

A composición da Comisión de Avaliación farase pública no portal web da EGAP https://egap.xunta.gal e no seu taboleiro de anuncios.

Décimo segunda. Criterios de avaliación

1. A avaliación dos méritos levarase a cabo consonte o seguinte baremo:

1) Expediente académico: ata un máximo de 15 puntos. Utilizarase para a valoración desta epígrafe a nota media simple do expediente académico, consonte a Resolución do 15 de marzo de 2005 da Secretaría Xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria (DOG núm. 57, do 23 de marzo).

Forma de acreditación: certificación académica en que se detallen as cualificacións obtidas nas distintas disciplinas e en que se deberá incluír a nota media simple obtida.

2) Formación complementaria: ata un máximo de 14 puntos. Cursos, másters e diplomas de estudos avanzados (DEA) relacionados co obxecto da bolsa organizados por administracións públicas e universidades:

a) Por un máster ou DEA: 4 puntos. No caso de acreditarse a realización de máis dun máster ou DEA puntuaranse os seguintes con 2, ata un máximo de 8.

b) Cursos de duración igual ou superior a 100 horas: 0,30 puntos por curso, ata un máximo de 3 puntos.

c) Cursos de duración igual ou superior a 40 horas: 0,20 puntos por curso, ata un máximo de 2 puntos.

d) Cursos de duración inferior a 40 horas: 0,10 puntos por curso, ata o máximo de 1 punto.

Non se valorarán os cursos de menos de 8 horas lectivas nin aqueles que non acrediten as horas lectivas.

Forma de acreditación: copia dos títulos ou certificados de participación nas actividades formativas.

3) Coñecemento de calquera das linguas da Unión Europea que non sexan oficiais en Galicia: 0,25 por lingua (niveis B1, B2, C1 ou C2) ata un máximo de 1 punto. A valoración do certificado de aptitude dun nivel superior exclúe a dos certificados de nivel inferior da mesma lingua.

Forma de acreditación: mediante o correspondente certificado oficial expedido pola Escola Oficial de Idiomas ou institución ou centros recoñecidos oficialmente.

A Comisión non valorará aqueles méritos das persoas candidatas que non estean acreditados consonte o exposto.

Será necesario obter un mínimo de 10 puntos para pasar á fase de entrevista. A puntuación máxima desta fase será de 30 puntos.

2. A Comisión realizará unha entrevista coas 3 persoas aspirantes, que contando coa antedita puntuación mínima de 10 puntos, teñan obtido a maior puntuación na fase anterior. En caso de empate na puntuación máxima de 30 puntos, utilizarase como criterio de desempate a puntuación máis alta no criterio 1, expediente académico.

A entrevista consistirá na realización de varias preguntas que versarán sobre os seus méritos curriculares e o traballo presentado. As preguntas terán por finalidade dialogar sobre o currículo, ademais de valorar os coñecementos teóricos relacionados co tema do traballo. Terase en conta a capacidade de análise, claridade de ideas, capacidade de expresión oral e comunicativa, ademais da motivación. Para acceder á bolsa será necesario obter unha puntuación mínima de 5 puntos na entrevista. A puntuación máxima será de 10 puntos.

Décimo terceira. Resolución

1. Unha vez que a Comisión de Avaliación eleve a proposta de concesión, a persoa titular da Dirección da EGAP ditará resolución. Contra esta resolución, que deberá ser ditada e notificada no prazo a que se refire a base décimo novena, poderá interpoñerse, con carácter potestativo, recurso de reposición ante a Dirección da EGAP no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación da resolución nos termos dos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou directamente, recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo que resulten competentes, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, de conformidade co establecido nos artigos 8.2.a) e 14 e 46.4, respectivamente, da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

A notificación da resolución á persoa titular da bolsa farase segundo o disposto nos artigos 40 e 41 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e daráselle a oportuna publicidade no Diario Oficial de Galicia.

2. No caso en que non se presenten solicitudes ou que non acaden as rexistradas a puntuación mínima exixida na fase de valoración dos méritos ou na fase de entrevista, a convocatoria será declarada deserta mediante resolución da Dirección da EGAP que se publicará no Diario Oficial de Galicia.

Décimo cuarta. Aceptación da bolsa e incorporación da persoa beneficiaria

Unha vez que a persoa beneficiaria reciba a notificación da concesión da bolsa, dispoñerá dun prazo de dez (10) días para comunicar á EGAP a súa aceptación ou renuncia á bolsa. Logo de transcorrer este prazo sen que se produza manifestación expresa ao respecto, entenderase tacitamente aceptada, segundo o establecido no artigo 21.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia

No prazo de cinco (5) días contado desde a aceptación expresa da bolsa ou do transcurso do prazo para entendela tacitamente aceptada, a persoa seleccionada deberá incorporarse ao desempeño da bolsa na EGAP. Se non se incorpora neste prazo, ou se renuncia expresamente, perderá os dereitos inherentes á bolsa. Nestes supostos, a persoa titular da Dirección da EGAP procederá, mediante resolución, á concesión da bolsa á primeira candidatura que figure na listaxe que para ese efecto elaborará a Comisión de Avaliación, conforme a base décimo segunda.

Décimo quinta. Obrigas da persoa beneficiaria

Quen resulte seleccionado comprometerase a:

a) Desempeñar as actividades de formación e de colaboración na materia que se describe nas bases anteriores, de luns a venres, en horario de mañá e/ou tarde, de acordo coa distribución que realice a EGAP.

b) Cumprir co programa de formación establecido pola Dirección da EGAP, baixo o asesoramento, orientación e dirección do persoal funcionario que se designe para tales efectos, e asistir ás actividades formativas que a escola xulgue convenientes. Os gastos ocasionados con motivo destas actividades serán aboados pola escola con cargo á aplicación orzamentaria 07.81.122B.480.0 na cal se habilitará previamente o crédito para este fin, logo de que a persoa titular da Secretaría Xeral certifique os gastos producidos. Os gastos de desprazamento, aloxamento e mantemento non poderán superar a contía establecida para o grupo II do Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre as indemnizacións por razón do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia.

c) Colaborar nas accións formativas da EGAP directamente relacionadas co obxecto da bolsa, de considerarse oportuno.

d) Presentar os informes, formularios e demais documentos que lle exixa a EGAP con motivo da xestión do programa de formación e, ao finalizar a bolsa, informe de todas as actividades desenvolvidas durante o tempo de goce da bolsa, así como da formación recibida.

e) Gardar sixilo e confidencialidade respecto da información a que teña acceso por razón da súa investigación, limitándose a empregala para o estrito cumprimento dos obxectivos da bolsa.

f) Facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control interno.

g) Comunicar á EGAP toda modificación das circunstancias que fundamentaran a concesión da bolsa.

h) Reintegrar as cantidades percibidas no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a concesión da bolsa.

i) Presentar antes do último pagamento unha declaración complementaria do conxunto das bolsas e axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución, para o mesmo proxecto, das administracións públicas competentes ou outros entes públicos.

j) Cumprir as demais obrigas que, con carácter xeral, se establecen no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Décimo sexta. Natureza xurídica do vínculo

A concesión e posterior aceptación da bolsa non supón ningún tipo de vínculo laboral ou funcionarial entre a persoa bolseira e a EGAP, nin supón ningún compromiso de incorporación posterior desta persoa no seu cadro de persoal.

Para a utilización do material e a información obtidos como resultado das actividades desenvolvidas durante a bolsa, quen desfrute dela deberá contar coa autorización expresa da persoa titular da Dirección da EGAP e deberá facer constar neste caso que a información foi obtida durante o desenvolvemento da bolsa concedida pola EGAP.

Décimo sétima. Interrupción, renuncia, revogación e reintegro de cantidades

1. A persoa titular da Dirección da EGAP poderá autorizar a interrupción temporal do goce da bolsa por motivos de conciliación debidamente acreditados. O período de interrupción poderase incrementar á data prevista de finalización da bolsa sempre que as dispoñibilidades orzamentarias o permitan.

2. A renuncia á bolsa por parte da persoa titular, unha vez iniciado o período de aproveitamento, deberá comunicarse cun mínimo de quince (15) días naturais de antelación en escrito dirixido á persoa titular da Dirección da EGAP, quen poderá, polo período que reste, concedela á persoa candidata que corresponda segundo a listaxe que para ese efecto fose elaborado pola Comisión de Avaliación. A renuncia dará lugar á devolución das cantidades percibidas, se procede, e determinará a perda dos dereitos económicos da parte da bolsa non gozada.

3. A persoa titular da Dirección da EGAP poderá revogar a bolsa se quen é beneficiario/a dela non realiza ou incumpre as tarefas ou o programa de formación que lle asignen, ou se estes non reúnen os requisitos de calidade exixibles. Neste suposto, como no caso da renuncia, a persoa titular da Dirección da EGAP poderá, polo período que reste, concederlle a bolsa á candidatura que corresponda segundo a listaxe elaborada pola Comisión de Avaliación.

4. Procederá o reintegro das cantidades percibidas e a exixencia dos xuros de mora nos casos establecidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Décimo oitava. Réxime xurídico e impugnación

Para o non regulado expresamente nestas bases observarase o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e demais normativa aplicable.

Esta convocatoria, as súas bases e cantos actos administrativos deriven dela, poderán ser impugnados polas persoas interesadas nos casos e na forma establecidos na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Décimo novena. Duración de procedemento

Ao abeiro do establecido no artigo 23.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o prazo máximo para resolver e notificar a resolución do procedemento non excederá os cinco (5) meses desde a data da publicación desta convocatoria.

As solicitudes entenderanse desestimadas de non ditarse resolución expresa no prazo sinalado no parágrafo anterior.

Vixésima. Incompatibilidades

A bolsa regulada nesta convocatoria será incompatible co goce doutra bolsa de similares características financiada con fondos públicos e coa percepción de calquera retribución de carácter laboral e da prestación por desemprego. Permitiranse, con todo, as percepcións esporádicas por tarefas docentes (cursos ou relatorios) ou investigadoras (libros, artigos, premios).

Vixésimo primeira. Cláusula xeral

A participación nesta convocatoria implica o coñecemento e aceptación destas bases.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da bolsa e, en todo caso, o incumprimento do réxime de incompatibilidades pola obtención concorrente doutras bolsas, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Vixésimo segunda. Disposicións de aclaración ou interpretación

A Dirección da EGAP poderá adoptar todos os actos e medidas necesarias para a aclaración ou interpretación destas bases.

Vixésimo terceira. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de maio de 2024

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file