DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 96 Luns, 20 de maio de 2024 Páx. 29976

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

DECRETO 130/2024, do 22 de abril, polo que se declara ben de interese cultural do patrimonio inmaterial o Corpus Christi de Ponteareas.

I

A Convención da Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura (Unesco) para Salvagardar o Patrimonio Cultural Inmaterial define o patrimonio inmaterial como os usos, representacións, expresións, coñecementos e técnicas -xunto cos instrumentos, obxectos, artefactos e espazos culturais que son inherentes a eles- que as comunidades, os grupos e, nalgúns casos, os individuos recoñezan como parte integrante do seu patrimonio cultural, e que se transmite de xeración en xeración, recreado constantemente polas comunidades e grupos en función do seu ambiente, a súa interacción coa natureza e a súa historia, introducindo un sentimento de identidade e continuidade e contribuíndo, deste xeito, ao respecto da diversidade cultural e á creatividade humana.

O Plan nacional de salvagarda do patrimonio cultural inmaterial afonda na importancia de valorizar o protagonismo das comunidades, grupos e individuos, posuidores e titulares das iniciativas e actuacións encamiñadas á investigación, documentación, promoción, transmisión, formación e difusión das manifestacións inmateriais da cultura.

A Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do artigo 149.1.28 da Constitución e se-gundo o disposto no artigo 27 do Estatuto de autonomía, asume a competencia exclusiva en materia de patrimonio cultural e, en exercicio desta, apróbase a Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia (LPCG).

O artigo 1.2 da LPCG establece que o patrimonio cultural de Galicia está constituído polos bens mobles, inmobles ou manifestacións inmateriais que, polo seu valor artístico, histórico, arquitectónico, arqueolóxico, paleontolóxico, etnolóxico, antropolóxico, industrial, científico e técnico, documental ou bibliográfico, deban ser considerados como de interese para a permanencia, recoñecemento e identidade da cultura galega a través do tempo, e tamén por aqueles bens ou manifestacións inmateriais de interese para Galicia en que concorra algún dos ditos valores e que estean en Galicia, con independencia do lugar no cal se creasen.

O artigo 8.2 da LPCG dispón que terán a consideración de bens de interese cultural aqueles bens e manifestacións inmateriais que, polo seu carácter máis sobranceiro no ámbito da Comunidade Autónoma, sexan declarados como tales por ministerio da lei ou mediante decreto do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de patrimonio cultural, e inscribiranse no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia, despois da incoación e tramitación do expediente, segundo ditaminan o título I da LPCG e o Decreto 430/1991, do 30 de decembro, polo que se regula a tramitación para a declaración de bens de interese cultural de Galicia e se crea o Rexistro de Bens de Interese Cultural.

O artigo 9.3.a) da LPCG establece que se consideran bens do patrimonio cultural inmaterial os usos, representacións, expresións, coñecementos e técnicas, xunto cos instrumentos, obxectos, artefactos e espazos culturais que lles son inherentes, que as comunidades, os grupos e, nalgúns casos, os individuos recoñezan como parte integrante do seu patrimonio cultural. En concreto, no número 5 deste artigo inclúense «os usos sociais, rituais, cerimonias e actos festivos», no número 6 «os coñecementos e usos relacionados coa natureza e o universo» e, no número 7, «as técnicas artesanais tradicionais, actividades produtivas e procesos».

O artigo 91 da LPCG indica que integran o patrimonio etnolóxico de Galicia os lugares, bens mobles ou inmobles, as expresións, así como as crenzas, coñecementos, actividades e técnicas transmitidas por tradición, que se consideren relevantes ou expresión testemuñal significativa da identidade, a cultura e as formas de vida do pobo galego ao longo da historia.

II

No relativo á festa do Corpus Christi de Ponteareas, a primeira solicitude formal para o seu recoñecemento foi realizada polo Concello de Ponteareas o 13 de marzo de 1995. Esta solicitude ten o informe favorable dos servizos técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, así como do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, da Real Academia de Belas Artes, do Consello da Cultura Galega, da Facultade de Xeografía e Historia e da Comisión Territorial de Patrimonio Histórico de Pontevedra. En consecuencia, no Diario Oficial de Galicia núm. 195, do 4 de outubro de 1996, publícase a Resolución da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural pola que se incoa o procedemento de declaración de ben de interese cultural da festa do Corpus Christi de Ponteareas, coa categoría de lugar de interese etnográfico.

A cuestión referida á categoría e clasificación do ben, dunha evidente natureza inmate-rial, nunha categoría destinada ao patrimonio inmoble determinou a caducidade do pro-cedemento administrativo e, polo tanto, o arquivamento do expediente logo da incerteza xurídica dunha declaración con esas características.

En xuño de 2017, o Concello de Ponteareas, ante a perspectiva dun novo marco xurídico tanto estatal como especialmente no caso de Galicia, no cal se clarifica a categorización, clasificación e réxime específico do patrimonio cultural inmaterial, realiza unha nova petición, que é completada o 6 de marzo de 2018 e, posteriormente, o 2 de febreiro de 2023.

III

A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural publicou no Diario Oficial de Galicia núm. 117, do 21 de xuño, a Resolución do 12 de xuño de 2023 pola que se incoa o procedemento para declarar ben de interese cultural do patrimonio inmaterial o Corpus Christi de Ponteareas.

Solicitouse, conforme o establecido no artigo 18.2 da LPCG, o parecer dos órganos asesores e consultivos mencionados no artigo 7 do citado precepto legal: o Consello da Cultura Galega, o Museo do Pobo Galego e o Departamento de Filosofía e Antropoloxía da Universidade de Santiago de Compostela. Todos eles emitiron informes en que se mostran favorables ao recoñecemento do valor cultural sobranceiro do Corpus Christi de Ponteareas.

No período de exposición pública da proposta de incoación e do expediente administrativo non se presentaron alegacións.

Na tramitación do expediente, polo tanto, cumpríronse todos os trámites legalmente preceptivos de acordo coa normativa vixente.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro competente en materia de patrimonio cul-tural, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e dous de abril de dous mil vinte e catro,

DISPOÑO:

Primeiro

Declarar ben de interese cultural o Corpus Christi de Ponteareas, como manifestación do patrimonio inmaterial de Galicia, segundo a descrición recollida no anexo I e as medidas de salvagarda establecidas no anexo II deste decreto.

Segundo

Ordenar a inscrición do Corpus Christi de Ponteareas como manifestación do patrimonio cultural inmaterial de Galicia no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia e que se comunique á Administración xeral do Estado para a súa anotación no Inventario Xeral do Patrimonio Cultural Inmaterial do Estado.

Terceiro

Publicar este decreto no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial del Estado.

Cuarto

Notificarlles este decreto ás persoas e ás asociacións interesadas e ao Concello de Ponteareas.

Quinto

Contra este acto, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poden interpoñer potestativamente recurso de reposición no prazo dun mes desde o día seguinte ao da súa publicación ante o órgano que ditou o acto ou, directamente, interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses desde o día seguinte ao da súa publicación, perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Eficacia

Este decreto terá eficacia desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e dous de abril de dous mil vinte e catro

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

José López Campos
Conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude

ANEXO I

Corpus Christi de Ponteareas

1. Denominación: Corpus Christi de Ponteareas.

2. Tipo de manifestación: usos sociais, rituais, cerimonias e actos festivos (artigo 9.3.a.5º LPCG).

Tamén se pode entender asociado o ben inmaterial aos coñecementos e usos relacionados coa natureza e o universo (artigo 9.3.a.6º LPCG) e ás técnicas artesanais tradicionais, actividades produtivas e procesos (artigo 9.3.a.7º LPCG).

3. Descrición:

3.1. Contexto histórico do Corpus Christi.

A festa do Corpus Christi é unha das celebracións máis relevantes dentro do panorama cristián. Caracterízase por ter unha gran significación pública que transcende o ámbito relixioso, para actuar como un elemento relevante no proceso de creación e de afirmación da identidade local mediante a súa identificación coa sociedade responsable da elaboración do conxunto ornamental, alfombras florais, cruceiros vexetais, altares... Uns e outros conforman todo un conxunto de arquitecturas efémeras, que vinculan a vila e a súa veciñanza con sistemas e costumes tradicionais, e destacan por unha extraordinaria recreación ornamental e estética que proporciona aos elementos unha gran riqueza e colorido.

A celebración da eucaristía na forma do Corpus Christi ten a súa orixe a mediados do século XIII en Liexa (Bélxica) da man dun movemento eucarístico xurdido na abadía de Cornillón. A vindicación da importancia deste sacramento axiña chega a Roma co nomeamento papal de Urbano IV e, posteriormente, durante os séculos XIV e XV, institucionalízase e difúndese desde o Vaticano dentro do calendario cristián. Deste xeito, pasa de ser unha modesta festa medieval a unha das festividades máis importantes da liturxia católica.

Na Contrarreforma, nos anos centrais do século XVI, a reafirmación da eucaristía como un sacramento oficial cobra especial interese fronte á Reforma protestante e o papado de Roma sitúaa como incuestionable. Neste contexto, a Coroa española dos Austria, unha das grandes valedoras da Contrarreforma, promove a celebración do Corpus do xeito máis venerable e ostentoso posible. Neste sentido, foron comúns as procesións polas rúas e polos lugares públicos e a veneración da sagrada forma no altar das igrexas principais.

Os actos formais e pomposos das celebracións eclesiásticas do Corpus Christi foron complementados con elementos festivos de carácter popular. Os diaños, as danzas, os xigantes, os ananos e os cabezudos mesturábanse na procesión co paso solemne das imaxes relixiosas, nun ambiente de xúbilo promovido polas institucións da xerarquía eclesiástica católica como reafirmación dos seus principios definitorios e diferenciadores.

A partir do século XVIII, co paso da Coroa española aos Borbóns, o dogma relixioso da eucaristía e, por extensión, o Corpus perden importancia e deixan de estar promovidos polo poder vixente e, en consecuencia, entran nunha fase de decadencia.

As primeiras mencións coñecidas en Galicia sobre o Corpus Christi datan do ano 1437 e refírense ás cidades de Ourense e Pontevedra. No que atinxe a Ponteareas, cómpre destacar dous feitos importantes: o primeiro, a existencia, desde 1601, da denominada Irmandade de Sacerdotes baixo a advocación do Santísimo Sacramento, pertencente ao arciprestado de Salvaterra de Miño -á cal pertencían as parroquias de San Miguel e San Vicente de Canedo, que no século XVIII xuntáronse nunha soa e constituíron a parroquia de Ponteareas-, que tiña como unha das súas principais celebracións os actos do Corpus Christi. Ademais, en segundo lugar, na vila existía unha confraría do Santísimo, que data do ano 1803, que durante moitos anos se encargaba de organizar tanto a función relixiosa coma a profana.

A festa duraba dous días e contaba coa presenza de gaiteiros, foguetes, globos, bailes, cantos populares... É moi probable que nesta época xa se espallaran flores e follas polas rúas que percorría a procesión, xa que tanto a confraría coma a irmandade tentaron realzar a solemnidade da festa e os organizadores aceptaron calquera iniciativa que conducise a tal fin. Unha desas iniciativas foron as alfombras de flores e outros elementos vexetais espallados polas rúas, iniciativa xa coñecida en moitos lugares de Galicia pola tradición dos Maios e que se consolidou e estendeu acadando un notable éxito.

As teorías que se manexan sobre a orixe das alfombras de Ponteareas versan ben sobre a importación deste costume por parte dalgún foráneo coñecedor desta tradición ou ben que a iniciativa dalgúns veciños da vila, que comezaron a estender herbas olorosas na porta da súa casa ao paso da procesión, dera lugar á festa tal e como hoxe a coñecemos.

Non obstante, é a mediados do século XIX, concretamente en 1857, cando se ten constancia documentada da celebración do Corpus en Ponteareas, representado por elementos locais moi significativos e diferenciables, os cales se mantiveron ata hoxe. Entre os máis relevantes pódense destacar as alfombras florais ao paso da procesión ou o cruceiro cuberto de musgo e animais, tradicións que enlazaban coas festividades florais populares dos maios galegos.

En resumo, o Corpus é unha festividade católica medieval baseada no culto á eucaristía, unha tradición que foi adoptando elementos populares folclóricos e do ciclo agrario, que ao chegar á vila de Ponteareas adquire elementos diferenciables do carácter popular galego e as alfombras de flores son o seu punto máis representativo e recoñecible, e da que se mantivo a súa transmisión entre xeracións das comunidades locais, que conservan as canles para a participación dos seus membros.

3.2. O tempo da festa do Corpus Christi de Ponteareas.

O contexto temporal da festa do Corpus Christi de Ponteareas vén determinado polo ciclo do calendario relixioso católico que se sobrepón e incorpora as tradicións do ciclo agrario das comunidades do occidente europeo.

Esta festa enlaza no calendario coas festas do solsticio de verán en que nos ritos pagáns hai referencias burlescas e satíricas en moitos dos casos. Este ambiente festivo e de celebración tamén é asumido na representación eucarística da felicidade de participar do Santísimo Sacramento.

O día tradicional da celebración do Corpus Christi no calendario litúrxico é sesenta días despois do domingo de Resurrección, é dicir, o xoves que segue ao noveno domingo despois da primeira lúa chea da primavera no hemisferio norte. Esta celebración, destinada a fortalecer a crenza da presenza de Xesucristo no Santísimo Sacramento, celébrase despois das solemnidades da Santísima Trindade e Pentecoste. No Estado español, e en moitos outros lugares, as festividades e honores trasladáronse do xoves ao domingo para encadralo no calendario laboral. Este é o caso de Ponteareas, onde o sábado previo, durante toda a noite, se formalizan materialmente os deseños de cada tramo ou portal, nos cales levan traballando permanentemente ao longo do ano, tanto na súa creatividade como nas cuestións loxísticas para proverse dos materiais, coa misión de que as alfombras estean listas á primeira hora da mañá do domingo para o paso da procesión relixiosa e para a satisfacción da contemplación da obra común elaborada. A procesión, desde a súa saída e durante todo o percorrido, recibirá unha chuvia de pétalos de flores que os veciños lanzan sobre o Santísimo Sacramento provocando unha das imaxes máis impresionante desta festa.

Cómpre ter en conta que, aínda que o Corpus Christi se celebra un día concreto de finais de primavera, a particularidade do deseño e confección de alfombras florais para decorar as rúas no momento da procesión require que a veciñanza da cidade dedique durante todo o ano parte do seu tempo ao traballo de preparación da festividade. É o caso do deseño das alfombras, da campaña de promoción e da elección do cartel representativo, do tratamento de secado ou torradura dalgúns materiais..., polo que as particularidades da festa do Corpus Christi de Ponteareas abranguen un maior marco temporal.

Esta festa non se corresponde coas festividades patronais da vila, que se celebran no mes de setembro ligadas á Nosa Señora dos Remedios e a San Miguel Arcanxo. Porén, a festa do Corpus Christi de Ponteareas é a súa manifestación comunitaria máis relevante e singular en termos de identidade e recoñecemento.

3.3. O ámbito xeográfico do Corpus na vila de Ponteareas.

No escenario en que se celebra o Corpus Christi na vila de Ponteareas distínguense dous espazos ben diferenciados. Por unha banda, a igrexa de San Miguel, lugar sagrado en que comeza e remata a procesión, e, por outra banda, o tránsito polas rúas da vila das autoridades civís e eclesiásticas, cos seus elementos relixiosos e o lugar especial para que os nenos reciban a primeira comuñón. Foi e é aquela sobre a cal recaeu a preparación da ornamentación das rúas, antigamente coordinada baixo un mordomo do cabido local, nun chamamento a adornar alí por onde pasase o Santísimo Sacramento. Os altares que se confeccionan para a procesión transforman o espazo urbano con dúas funcións de importancia: achegar ornamento litúrxico e decorativo á festa e servir de punto de descanso para o paso da procesión. Trátase de arquitecturas efémeras que fan alusións ao Santísimo e a outros, ás veces con tapizados e flores aromáticas e ás veces con símbolos litúrxicos en ouro, prata ou tallas relixiosas.

Na primeira documentación sobre as alfombras florais na festa do Corpus Christi de Ponteareas cítase o lucido da rúa San Gregorio con flores e herbas, ben que a tradición local localiza o principal ámbito de ornamentos na rúa Real ou rúa de Abaixo. Desde aquí rematou por estenderse a cada vez máis rúas e completar un amplo circuíto de máis dun quilómetro de lonxitude.

Por tanto, o percorrido da procesión e a extensión das alfombras mudou ao longo do tempo. A construción da igrexa na praza de Bugallal e o mal estado da estrada a Salvaterra provocaron modificacións no seu percorrido. Na actualidade a procesión transita desde a praza de Bugallal, pola rúa de Oriente ata a praza Maior, baixa pola costa de San Gregorio segue pola rúa dos Ferreiros, a rúa Dr. Fernández Vega, a rúa Reveriano Soutullo e a rúa da Constitución ata a igrexa parroquial.

3.4. A descrición da elaboración das alfombras florais e das súas características técnicas.

A elaboración dos tramos alfombrados é un reto e un éxito colectivo dos veciños, un compromiso que quere ser visibilizado e amosado con orgullo, e que se desenvolve con total liberdade polos acordos comunitarios dos responsables de cada tramo. Así mesmo, este espírito de creación colectiva tamén se evidencia na formalización de numerosos colectivos de asociacións de alfombristas, así como na súa participación e representación en numerosos lugares do mundo en que se celebran actos rituais semellantes.

A elaboración dos tramos alfombrados reside nos portadores inmateriais da tradición do Corpus, isto é, nos habitantes de Ponteareas representados polas súas asociacións de alfombristas.

As alfombras do Corpus Christi de Ponteareas teñen unhas características uniformes tanto a nivel formal como a nivel iconográfico, aínda que internamente cada tramo alfombrado posúa os matices propios.

Nun principio as alfombras non tiñan ningún debuxo, senón que se estendían polo chan as ramas, as flores e outros elementos vexetais, previamente igualado con terra pola veciñanza. Os bordos das beirarrúas decorábanse con testos de flores e arbustos e, posteriormente e ata principios do século XX, as rúas cubríanse con serraduras que se tinguían, en grandes barricas, con anilinas de diversas tonalidades e con auga, coa finalidade de cubrir todas as rúas do percorrido procesional.

A confección de debuxos nas alfombras data de finais do século XIX e principios do século XX, maioritariamente xeométricos e outros con grecas e ornamentacións similares ás actuais.

A realización destes elementos artéllase en tres fases: trazado, perfilado e matización. En concreto, o sábado o trazado iníciase a partir das 16.00 horas e deberá estar rematado antes do paso da procesión de Corpus Christi. Unha vez decidido o deseño, realízase o traslado a un patrón de tamaño natural, normalmente de plástico. No plástico, cun punteiro, márcase a silueta das figuras para despois trasladalas á rúa. Realizaranse a partir do trazado de patrón-molde, pintando con elementos lavables sobre o asfalto. Os máis cativos, asesorados por persoas maiores, son os encargados de pintar o deseño do plástico sobre o asfalto. Unha vez que o deseño está pintado comeza o traballo do perfilado, con cocas, árnica, fiúncho e outros materiais que se empregan para marcar a silueta dos diferentes elementos do deseño. Cando a alfombra está perfilada, comezan os traballos de recheo, desde o centro cara a fóra para que non se estrague o traballo.

Tradicionalmente o Corpus Christi desenvólvese en Ponteareas de xeito dividido por tramos alfombrados. Cada tramo en cada portal estaba composto por veciños e veciñas que voluntariamente se coordinaban cada ano para realizar as alfombras e dentro de cada portal os vínculos familiares e as relacións de confianza entre os seus membros eran o criterio fundamental de transmisión de coñecementos entre os portadores da tradición cultural do Corpus. Nas rúas polas que pasaba a procesión do Santísimo, os seus veciños organizábanse para alfombralas con flores e materiais vexetais. Desta forma, cada rúa e os seus veciños, para o deseño e confección da alfombra anual correspondente ao seu tramo, reúnense ao redor dun portal ou portais dentro de cada rúa. Nestes portais, a veciñanza planifica e delibera os deseños, coordínase para ir procurar os materias de confección, manufactura algúns elementos naturais que requiran dun tratamento previo (torradura, conxelación e secado de carriza e da flor do carrasco...), defolian ou desfollan as flores os días previos etc.

Ademais, é usual que cada tramo compile deseños entre os seus membros e se realice unha selección interna do deseño da alfombra que finalmente representará. O deseño realízase na actualidade sobre papel a escala e pode versar sobre figuras xeométricas, figuras lendarias ou mitolóxicas, temática relixiosa, temática etnográfica ou sobre outros motivos conmemorativos, despois pásase a plástico, a escala natural, e perfórase a liña do perfil para que permita o marcación no pavimento da rúa.

O segredo é unha parte moi importante desta celebración, o cal nunca prexudicou a homoxeneidade global da festividade. Non obstante, o grao de coñecemento sobre a confección das alfombras de cada tramo é unha cuestión vital para os alfombristas. Dentro dun xogo de «normas» comúns, ningún tramo sabe o tipo de alfombra que van realizar os outros tramos ata o momento mesmo da súa confección. Dentro, incluso, de cada portal de alfombristas, o coñecemento sobre as técnicas, os deseños, os tratamentos etc. varía dunha persoa a outra en función dos vínculos e das relacións entre elas.

Polo xeral, cada portal tiña un mestre alfombrista, unha persoa encargada de dirixir os demais membros do tramo co fin de que a realización da alfombra culminase con éxito. Ademais, é relevante destacar a existencia de deseñadores dentro dos tramos alfombrados, ás veces eran os propios mestres os encargados de elaborar os deseños e outras realizábanse por concurso interno entre as propostas que os membros achegaran ao colectivo.

En conclusión, eses portais eran o núcleo fundamental de acción veciñal en cada tramo alfombrado para a confección das súas alfombras. Non obstante, nas últimas décadas os portais veciñais deron paso a asociacións de alfombristas, unha en cada tramo alfombrado, cun representante, un texto fundacional e unha lista de afiliados.

Os materiais empregados responden aos elementos vexetais máis presentes e accesibles na vida dos veciños de Ponteareas, ben que se foron incorporando novas especies que, nalgúns casos, son alleas á vexetación climática galega. Unha relación das especies usadas é a rosa nas súas múltiples variedades; a deuztia, a celinda (Philadelphus coronarius), kerria, hortensia (Hydrangea), rododendro (Rhododendron), xesta (Cytisus scoparius), flor de xesta, toxo (Ulex), carriza (Juncus conglomeratus); pelargonio (Pelargonium), cala (Zantedeschia aethiopica), gladíolo (Gladiolus), caravel (Dianthus caryophyllus), caravel de poeta ou caraveliña, papoula (Papaver rhoeas), trevo vermello (Trifolium pratense), margaridas (Bellis perennis), caléndulas (Calendula officinalis), pampullo (Coleostephus myconis), cardo (Carduus pycnocephalus), árnica (Arnica montana), estraloque (Digitalis purpurea), mimosa (Acacia dealbata), tuia (Thuja), fiúncho (Foeniculum vulgare), buxo ou mirto (Myrtus), piñeiro (Pinus), piñas, coca de eucalipto, folla de eucalipto, carapucho das belotas, carolo de millo, casca de piñeiro e sementes diversas.

Todos estes elementos vexetais e florais van enchendo as rúas de Ponteareas de aromas a árnica, a tuia, a eucalipto..., a medida que se achega a festa, así din que «Ponteareas recende a Corpus», un crisol de aromas que perfuman todos os recunchos da cidade.

3.5. A transmisión da tradición.

A transmisión da tradición do Corpus en Ponteareas realízase desde antigo maioritariamente de forma oral. Cada tramo alfombrado –hoxe en día representado por asociacións– constitúese tradicionalmente mediante portais que son os lugares de reunión, planificación e traballo dos veciños e veciñas na confección das alfombras, así como un dos puntos principais de intercambio da información, por vía oral, relativa ao Corpus.

É unha tradición de arraigo familiar e veciñal en que participan varias xeracións, ben directamente ou ben mediante a transmisión de formas e usos na confección de alfombras, de xeito que a tradición non só non se perdeu, senón que se incrementou e mellorou coas achegas de cada nova xeración.

No eido veciñal, as persoas que integran as rúas participantes teñen en cada tramo os seus usos, as súas prácticas e os seus segredos. Deste xeito, púidose manter, dun modo prolongado e estable a través de décadas, este costume, ben que co paso do tempo a confección dos tramos alfombrados foi variando, respondendo a unha adaptación lóxica desta tradición ás novas realidades e ás novas tecnoloxías, o que supuxo un desafío para a organización, a transmisión e a publicación de tradicións como a do Corpus.

Os distintos tramos alfombrados fóronse constituíndo en asociacións que, en constante coordinación co Concello de Ponteareas, procuran, a través da súa unión, a promoción externa deste evento.

O efecto fundamental desta realidade é que a tradición do Corpus se deposite desde os veciños e das persoas participantes ata as asociacións que estes constitúan, pasando estas a ser portadoras da tradición inmaterial do Corpus.

3.6. Función social.

A festividade do Corpus, e todo o conxunto de actos desenvolvidos ao seu arredor, ten unhas funcións sociais moi destacables, como a de lograr a integración dos participantes nunha empresa común e comunitaria da veciñanza da vila.

Ademais, resulta evidente o potencial como activo económico de base cultural, complementario e reforzo do sentir identitario entre as persoas da vila, construídos ao redor da creación artística que representa tanto crenzas de sentir relixioso como tradicións vinculadas con outras formas de vivir e de relacionarse.

Así mesmo, destaca o sistema de organización e de integración social en círculos de relacións persoais e grupais da veciñanza, e a orgullosa recepción e benvida de visitantes. Neste sentido, nos últimos anos artelláronse diferentes actividades para que os visitantes poidan participar dun xeito máis activo, como nas recollidas e colocación dos materias florais e vexetais...

Todas estas funcións sociais dotan o Corpus Christi dun significado cultural preeminente en Ponteareas, onde a unidade, tradición, historia, cultura, patrimonio, turismo, celebración e potencialidade conflúen nesta celebración. Trátase dunha confluencia de máis de cento cincuenta anos de tradición continua, de transmisión na colectividade, de participación en diferentes niveis de competencias e relacións, de integración dos visitantes, de aspiración de difusión universal, de vocación de permanencia e de adaptación, cuns resultados estéticos e compositivos, tan fermosos e orixinais, que converten a festa do Corpus Christi de Ponteareas nunha manifestación sobranceira do patrimonio cultural inmaterial de Galicia.

3.7. Bens materiais vinculados: mobles e inmobles.

Os tramos alfombrados da vila de Ponteareas abranguen preto dos 5.000 m2 na súa totalidade, pasando por varias das rúas do seu núcleo histórico (praza Bugallal, rúa Oriente, praza Maior, rúa dos Ferreiros, rúa Fernández Vega, rúa Reveriano Soutullo e rúa Constitución). Este feito determina que o marco das alfombras florais estea moi vencellado aos distintos bens mobles e inmobles patrimoniais da cidade, como a igrexa de San Miguel, a praza de Bugallal, a praza Maior, a antiga igrexa de San Gregorio, o auditorio municipal Reveriano Soutullo, o conservatorio municipal, a Casa do Concello e os xardíns da Xiralda.

ANEXO II

Medidas de salvagarda

O artigo 1 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, ten como obxectivo a protección, conservación, difusión e fomento do patrimonio cultural de Galicia constituído polos bens mobles, inmobles ou manifestacións inmateriais que, polo seu valor, deban ser considerados como de interese para a cultura galega a través do tempo e, tamén, por aqueles bens e manifestacións inmateriais de interese para Galicia en que concorra algún dos valores sinalados e que se encontren en Galicia, con independencia do lugar en que fosen creados.

O artigo 9.3 da devandita lei establece que se consideran bens do patrimonio cultural inmaterial os usos, representacións, expresións, coñecementos e técnicas, xunto cos instrumentos, obxectos, artefactos e espazos culturais que lles son inherentes, que as comunidades, os grupos e, nalgúns casos, os individuos recoñezan como parte integrante do seu patrimonio cultural. En concreto, no número 5 deste artigo inclúense «os usos sociais, rituais, cerimonias e actos festivos», no número 6 «os coñecementos e usos relacionados coa natureza e o universo» e, no número 7, «as técnicas artesanais tradicionais, actividades produtivas e procesos».

Así mesmo, o artigo 91 dispón que integran o patrimonio etnolóxico de Galicia os lugares, bens mobles ou inmobles, as expresións, así como as crenzas, coñecementos, actividades e técnicas transmitidas por tradición, que se consideren relevantes ou expresión testemuñal significativa da identidade, a cultura e as formas de vida do pobo galego ao longo da historia.

As medidas xerais de salvagarda do patrimonio cultural inmaterial comprometen as administracións públicas, dentro das súas competencias e dispoñibilidades orzamentarias, a garantir a súa viabilidade, nomeadamente a súa identificación, documentación, rexistro, investigación, preservación, protección, promoción, valorización, transmisión e revitalización.

En consecuencia, é conveniente proceder ao arquivo e á sistematización dos documentos relacionados con este patrimonio cultural para poder ter unha comprensión máis eficaz e completa del, e a súa difusión debe ser incorporada ao ensino tanto formal como non regulamentado, e realizar a súa difusión para mellorar a súa transmisión.

En especial, debe destacarse a publicación dos carteis da festa e sobre todo da revista Pregón, en que se escribe sobre diferentes aspectos da vila: o Corpus Christi, historia, arte, antropoloxía, literatura, música etc., e que resulta un elemento relevante e esencial para a interpretación e difusión da festa. A documentación e recollida de testemuños, o material audiovisual e a compilación doutros rexistros de interese deberían ser sistematizados e postos á disposición das persoas interesadas.

Así mesmo, cómpre continuar coa realización de alfombras promovidas polas máis di-versas entidades, comprometidas coa tradición, e a súa necesaria transmisión como exemplo de cohesión cultural e identidade colectiva.

Do mesmo xeito, cómpre continuar co recoñecemento aos alfombristas e ás xeracións que o transmitiron.