DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 94 Mércores, 15 de maio de 2024 Páx. 29712

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Narón

ANUNCIO de información pública relativo á aprobación inicial do documento de revisión do Plan xeral de ordenación municipal (DAI-2023).

O Concello Pleno en sesión ordinaria que tivo lugar o 25 de abril de 2024 aprobou inicialmente o novo Plan xeral de ordenación municipal de Narón (PXOM) co seu estudo ambiental estratéxico e completado co resumo executivo, datado de outubro de 2023, e asinado por Alfredo Garrote Pazos, director do equipo redactor ARQYUR, S.C.

De conformidade co previsto no artigo 60.6 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (en diante, LSG), e no artigo 144.6 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (en diante, RLSG), ábrese un trámite de información pública durante un prazo de dous meses mediante anuncio no Diario Oficial de Galicia e nun dos xornais de maior difusión na provincia.

A documentación sometida a información pública abarcará todos os documentos integrantes do expediente tramitado, incluídos o resumo executivo, o estudo ambiental estratéxico e un resumo non técnico do estudo ambiental estratéxico.

Este acordo determina a suspensión automática do procedemento de outorgamento de licenzas naqueles ámbitos en que as novas determinacións supuxesen a modificación da ordenación urbanística vixente, co alcance previsto no resumo executivo, de acordo co número 4 do artigo 86 do RLSG. A dita suspensión, con efectos desde a publicación oficial do acordo, terá unha duración máxima de dous anos e non afectará os supostos previstos no artigo 86.3 do RLSG, e extinguirase, en todo caso, coa aprobación definitiva do planeamento (artigo 47.2 da LSG).

De conformidade co resumo executivo aprobado, dado que as novas determinacións do plan xeral comportan a súa plena adaptación ao novo marco normativo derivado da LSG e á nova lexislación sectorial incidente, acórdase suspender o procedemento de outorgamento de licenzas de parcelación de terreos, edificación e demolición no conxunto do territorio do termo municipal de Narón, agás naqueles ámbitos onde simultaneamente se cumpran as condicións do vixente PXOM 02 e as do Plan xeral de ordenación municipal aprobado inicialmente nos seguintes termos:

– En solo rústico, poderán outorgarse licenzas sempre que se dea cumprimento ao establecido na disposición transitoria primeira 2.d) da LSG.

– No solo de núcleo rural, sempre que simultaneamente se cumpran as condicións do planeamento vixente e as do plan aprobado inicialmente, aplicando para o primeiro o establecido na disposición transitoria primeira 2.c) da LSG.

– No solo urbano, sempre que simultaneamente se cumpran as condicións do planeamento vixente e as do plan aprobado inicialmente, aplicando para o primeiro o establecido na disposición transitoria primeira 2.a) da LSG.

Igualmente, poderán outorgarse licenzas nos seguintes ámbitos:

– Nas áreas de planeamento incorporado (API) que o plan xeral incorpora á ordenación como planeamento subsistente.

Por último, poderán outorgarse licenzas que teñan por obxecto a realización de obras de conservación e as necesarias para o mantemento do uso previsto, así como aquelas para obras de reforma, consolidación ou ampliación, rehabilitación e as de dotación de funcionalidade, seguridade, salubridade e habitabilidade segundo a normativa vixente, cumprindo en calquera caso as condicións establecidas no plan xeral vixente e no plan aprobado inicialmente. Igualmente, poderán existir os actos de comunicación previa cando se trate de obras ou actos para a implantación de usos ou actividades autorizados polo novo planeamento, e as primeiras ocupacións.

A documentación íntegra aprobada inicialmente poderá consultarse no xeoportal do Concello de Narón (https://naron.maps.arcgis.com/home/index.html) e presencialmente no terceiro andar da Casa do Concello co seguinte horario: os luns, os martes, os xoves e os venres sen cita previa para consultar o documento con funcionarios municipais das 10.00 ás 13.30 horas. Os mércores atenderá no terceiro andar o equipo redactor en horario das 10.00 ás 13.30 horas e das 15.30 á 18.30 horas, e os luns e venres das 15.30 ás 18.30 horas, con cita previa, que se poderá solicitar no seguinte teléfono: 981 33 77 00, extensións 1602 e 1610, ou mediante correo electrónico dirixido a edificabilidade@naron.gal

As alegacións poderán presentarse mediante calquera dos medios previstos na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Estará á disposición dos interesados na sede electrónica do Concello de Narón e no rexistro municipal de entrada un modelo de alegación que facilite a súa presentación.

Narón, 26 de abril de 2024

Marián Ferreiro Díaz
Alcaldesa