DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 94 Mércores, 15 de maio de 2024 Páx. 29247

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

ORDE do 29 de abril de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a participación de persoas escritoras, ilustradoras, tradutoras e editoras nas actividades que se celebren no sector do libro, e se convocan para o ano 2024 (código de procedemento CT221A).

A Xunta de Galicia ten atribuídas funcións en materia de fomento da cultura, de acordo co establecido no artigo 27.19 do Estatuto de autonomía, en consonancia co estipulado no artigo 148.1.17ª da Constitución española.

De acordo co Decreto 49/2024, do 22 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, correspóndelle a este departamento as competencias e funcións en materia promoción e difusión da cultura.

A Lei 17/2006, do 27 de decembro, do libro e da lectura de Galicia, establece, no artigo 5, que a Xunta de Galicia articulará unha política de promoción dos creadores e creadoras galegos. Esta promoción abranguerá desde o ámbito social da Comunidade ata aqueloutros ámbitos estatais e internacionais nos que se considere conveniente.

Á súa vez, esta norma, establece a obriga da Xunta de Galicia de promover a participación do sector editorial nas feiras nacionais e internacionais relacionadas co libro e o fomento da asistencia das empresas galegas do sector do libro e dos creadores e creadoras a feiras ou exposicións que se desenvolvan fóra do seu ámbito territorial, incluídos os certames internacionais, sempre que estes teñan interese para a comercialización ou difusión das publicacións ou servizos das empresas, ou sexan de interese para o país (artigos 17 e 18.3).

En cumprimento destes mandatos, a Consellería vén desenvolvendo unha serie de actuacións encamiñadas á divulgación da cultura galega e de apoio á produción editorial e a promoción da participación en eventos culturais e feiras do sector do libro, coa finalidade de crear novas vías de difusión da obra dos creadores e creadoras galegas e a súa produción editorial, facilitando a asistencia a eventos de difusión e de comercialización do libro, así como a outros espazos de creatividade.

No exercicio destas competencias, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude quere, con esta orde, establecer un instrumento que, conforme a normativa legal vixente, promova a difusión da obra creada e editada polos diferentes integrantes da industria do libro, segundo os criterios de publicidade, obxectividade e concorrencia.

Por este motivo, dentro das responsabilidades que lle competen, no uso das facultades que se lle confiren, e de acordo co previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude establece unha liña de subvencións para o apoio económico a aquelas persoas escritoras, ilustradoras, tradutoras e editoras que desexen participar en distintas actividades que se realicen no sector do libro, tales como feiras, festivais, seminarios, encontros, obradoiros e estadías creativas, como medio de favorecer a creación e a promoción do libro galego.

Na súa virtude, no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, modificada parcialmente pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras do procedemento de concesión de subvencións a persoas físicas ou xurídicas, que sexan escritoras, ilustradoras, tradutoras ou editoras e que desenvolvan o seu traballo no sector do libro e no ámbito da Comunidade Autónoma galega facilitando a súa participación en actividades do dito sector que se celebren no ano 2024 (código do procedemento CT221A).

2. Serán obxecto de subvención os gastos de viaxe referidos ao aloxamento e transporte que permitan a asistencia fóra de Galicia, ata un máximo de dúas actividades por solicitante, realizadas no sector do libro de entre as seguintes: feiras, festivais, seminarios, encontros, obradoiros, estadías creativas e eventos de similar natureza.

As empresas editoras poderán designar un máximo de dúas persoas do seu cadro de persoal para que asistan a un evento cada unha ou a un único traballador/a para que asista a un máximo de dous eventos.

3. Financiaranse unicamente os gastos realizados que respondan de xeito directo e indubidable á natureza da actividade subvencionada e resulten estritamente necesarios para a súa realización.

4. Así mesmo, ten por obxecto convocar a dita subvención para o ano 2024.

Artigo 2. Natureza e concorrencia das axudas

1. As empresas quedan suxeitas ao Regulamento (UE) nº 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro de 2023, relativo a aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 15 de decembro de 2023, L).

2. As axudas deberán cumprir as condicións de exención e os límites sinalados no Regulamento (UE) nº 2023/2831. A contía total das axudas de minimis concedidas a unha empresa non poderá exceder os 300.000,00 € durante o período dos tres anos previos á data da concesión. Este limiar aplicarase independentemente da forma da axuda ou do obxectivo perseguido. As axudas de minimis non se acumularán con ningunha axuda estatal correspondente aos mesmos gastos subvencionables se a dita acumulación dá lugar a unha intensidade de axuda superior á establecida para as circunstancias concretas de cada caso pola normativa comunitaria.

3. O procedemento de concesión tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, de acordo co establecido no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e coas garantías previstas no artigo 31.4 da dita lei, e con base no disposto no artigo 32 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da devandita lei.

4. A concesión destas axudas efectuarase tendo en conta a data de presentación de cada unha das solicitudes, sempre que se cumpran os requisitos para poder ser beneficiarios, e estará en calquera caso condicionada á existencia de crédito orzamentario. O esgotamento do crédito establecido para esta subvención comportará a inadmisión das solicitudes presentadas desde que se produce esta circunstancia. A Dirección Xeral de Cultura publicará esta circunstancia no Diario Oficial de Galicia (DOG), sen prexuízo de que se poida incrementar o crédito orzamentario nos supostos previstos no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. Inclúese a posibilidade de efectuar pagamentos á conta a medida que o beneficiario xustifique a realización das accións subvencionadas, nas condicións establecidas polo artigo 62 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

6. As subvencións concedidas ao abeiro desta convocatoria son compatibles con calquera outra que puidese ser concedida para a mesma finalidade. Non obstante, o importe da axuda en ningún caso poderá superar, illadamente ou en concorrencia con subvencións doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, o custo da acción que levou a cabo a persoa beneficiaria.

Artigo 3. Beneficiarios e requisitos para obter a condición de persoas beneficiarias e exclusións

1. Poderán ser beneficiarias das subvencións establecidas nesta orde as persoas físicas, sexan autónomos ou non, ou xurídicas, que sexan escritoras, ilustradoras, tradutoras ou editoras que acrediten esta condición e desenvolvan o seu traballo no sector do libro maioritariamente no ámbito da Comunidade Autónoma galega, que cumpran, ademais, todos os seguintes requisitos debidamente acreditados:

a) Terse inscrito, asistido ou participado nunha actividade subvencionable realizada no sector do libro fóra de Galicia, no prazo establecido na presente convocatoria.

b) Acreditaren o desenvolvemento do seu traballo no sector do libro maioritariamente no ámbito da Comunidade Autónoma galega.

c) Ter publicado obra en Galicia, polo menos unha obra, como persoa escritora, ilustradora, tradutora ou editora, para a cal se solicita a subvención, nos cinco anos anteriores á publicación da presente orde.

2. Non poden beneficiarse das axudas recollidas nesta orde aqueles solicitantes que se encontren nos supostos previstos nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. As persoas xurídicas deben acreditar a condición de editoras ou tradutoras de acordo co establecido nesta orde, para o que deberán estar dadas de alta antes do 1 de xaneiro de 2024, na epígrafe 476.1 edición de libros ou 774 tradutores e intérpretes do imposto de actividades económicas, de acordo co establecido na presente orde.

Artigo 4. Imputación orzamentaria e contía das subvencións

1. As axudas concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 43.03.432A.770.01 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024, por un importe de 30.000,00 €.

2. O financiamento dos gastos da viaxe son os referidos ao aloxamento e transporte e terán o seguinte importe por ámbito xeográfico de destino, sempre que se xustifique:

– España, agás a Comunidade Autónoma galega: 500 €.

– Resto de Europa ou países ribeiregos do mediterráneo: 900 €.

– Resto do mundo: 1.600 €.

Para o cálculo do orzamento dos traslados facendo uso do automóbil, aplicarase o establecido na Orde HFP/793/2023, do 12 de xullo, pola que se revisa o importe da indemnización por uso de vehículo particular establecida no Real decreto 462/2002, do 24 de maio, sobre indemnizacións por razón do servizo, quedando fixado en 0,26 € por quilómetro percorrido. Aceptaranse tamén gastos de peaxe debidamente xustificados.

3. Este importe pode ser ampliado en función das dispoñibilidades orzamentarias, o que poderá dar lugar á concesión de máis subvencións, de acordo co disposto no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 5. Gastos subvencionables e excluídos

1. Son subvencionables os gastos realizados que respondan de xeito directo e indubidable á natureza da actividade subvencionable, resulten estritamente necesarios, se realicen no prazo establecido na presente orde e estean facturados e pagados entre o 1 de xaneiro e o 16 de decembro de 2024 (incluído), sempre que exista crédito suficiente para o seu financiamento.

2. Serán obxecto de subvención os gastos de viaxe referidos ao aloxamento e transporte que permitan a asistencia a un máximo de dous eventos dos celebrados no eido do sector do libro, segundo o previsto no artigo 1 desta orde. Para o establecemento da contía que se pode percibir en concepto de gasto de viaxe valorarase, exclusivamente, a xustificación documental dos gastos de aloxamento e transporte.

3. Quedan expresamente excluídos desta subvención os gastos de manutención ou calquera outro gasto que non se refira de xeito indubidable ao obxecto da subvención.

Artigo 6. Solicitudes

1. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, segundo o modelo que se incorpora como anexo I.

2. A presentación electrónica será obrigatoria para as persoas xurídicas e para as persoas físicas que sexan autónomas, e os seus representantes, de acordo co establecido no artigo 10.1.a) da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia.

3. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas obrigadas á presentación electrónica presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

4. Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

5. Aquelas persoas interesadas non obrigadas á presentación electrónica, poderán presentar as súas solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 7. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia ata o 1 de xullo de 2024 (incluído).

Artigo 8. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

Documentación acreditativa da representación da persoa que actúe no nome da persoa solicitante, de ser o caso. A representación deberá acreditarse a través do modelo normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia ou por calquera outro medio válido en dereito. O modelo normalizado pódese descargar na seguinte ligazón https://sede.xunta.gal/modelos-normalizados

– Exclusivamente para persoas xurídicas:

a) Certificación de situación no Censo de Actividades Económicas da Axencia Estatal da Administración Tributaria, de ser o caso.

b) Copia do último recibo do pagamento do imposto de actividades económicas, de ser o caso.

c) Certificado de exención do pagamento do imposto de actividades económicas, emitido pola Axencia Tributaria, de ser o caso.

d) Declaración responsable de exención do pagamento do imposto de actividades económicas, de ser o caso.

3. A documentación que se achegue coa solicitude debe vir obrigatoriamente nunha das dúas linguas oficiais de Galicia ou, noutro caso, acompañada da súa correspondente tradución, certificada pola persoa solicitante, que será responsable da súa veracidade.

4. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

Artigo 9. Forma de presentación da documentación complementaria

1. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica.

A presentación electrónica será obrigatoria para as persoas xurídicas e para as persoas físicas que sexan autónomas, e os seus representantes. Se algunha destas persoas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Nestes casos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

– Aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

– As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

– Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se dispón del.

– No caso de que algún dos documentos que se presenten de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial, dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 10. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborado polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña a súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante.

c) NIF da entidade solicitante.

d) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

e) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

f) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

g) Consulta de concesións de subvencións e axudas

h) Consulta de concesión pola regra de minimis.

i) Alta no imposto de actividades económicas.

j) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa AEAT.

k) Certificado de domicilio fiscal.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 11. Emenda das solicitudes

Se a documentación presentada fose incompleta ou presentase erros emendables, requirirase a persoa solicitante para que, no prazo de 10 días hábiles, rectifique a falta ou achegue os documentos preceptivos, coa advertencia de que, de non o facer, se lle terá por desistida da súa solicitude, segundo o disposto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, logo de que se dite a oportuna resolución ao abeiro do artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 12. Procedemento de instrución

1. Corresponde á Subdirección Xeral de Bibliotecas e do Libro a instrución do procedemento de concesión de subvencións e desenvolverá de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales deba formularse a proposta de resolución.

2. Ás solicitudes que se axusten aos requisitos establecidos nesta convocatoria asignaráselles a cantidade correspondente ao ámbito xeográfico para o cal se solicita a actividade por orde de entrada da solicitude segundo a lexislación vixente, ata, de ser o caso, que se esgote o crédito dispoñible, tendo en conta que cada persoa ou empresa solicitante pode solicitar axuda para a asistencia a dúas actividades e beneficiarse de dúas axudas.

3. De acordo coa natureza desta subvención, poderán realizarse pagamentos a conta por cada actividade executada e xustificada, conforme o establecido no artigo 19 destas bases.

4. De conformidade co disposto no artigo 22 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, rematada a tramitación do expediente, o órgano instrutor formulará directamente a proposta de resolución ao órgano concedente, que unicamente deberá comprobar a concorrencia dos requisitos requiridos para conceder a subvención.

5. Á vista da proposta de resolución, a persoa titular da Dirección Xeral de Cultura resolverá por delegación do conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude.

Artigo 13. Resolución

1. A persoa titular da Dirección Xeral de Cultura por delegación da persoa titular da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude., no prazo de quince (15) días desde a elevación da proposta de resolución da Subdirección Xeral de Bibliotecas e do Libro, ditará a resolución de concesión de acordo co disposto no artigo 34 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Nesta resolución incluirase a relación de persoas beneficiarias e as cantidades concedidas por solicitude.

2. O prazo para ditar e notificarlles ás persoas interesadas a resolución expresa non poderá superar os cinco meses, segundo establece o artigo 23.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O prazo computarase a partir do día da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

3. O vencemento do dito prazo sen que se notifique a resolución expresa faculta a persoa interesada para entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

4. Na resolución informarase por escrito ás persoas beneficiarias sobre o importe da axuda e sobre o seu carácter de minimis, facendo unha referencia expresa ao Regulamento (UE) nº 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro de 2023, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de Funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE 15.12.2023 Serie L).

Artigo 14. Notificación

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se efectúen ou deixen de efectuar por medios electrónicos.

2. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel) no formulario. No caso de optar pola notificación en papel, efectuarase a notificación segundo o establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, da administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que conste na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

4. No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos, deberán optar, en todo caso, no formulario, pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida, nin produza efectos no procedemento unha opción diferente.

5. As notificacións por medios electrónicos entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida pola persoa interesada, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

6. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico efectuará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 15. Publicación dos actos

Publicaranse no Diario Oficial de Galicia (DOG), de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, as resolucións administrativas, nos termos previstos en dita lei.

Así mesmo, serán igualmente obxecto de publicidade a través da páxina web:

https://www.cultura.gal

Artigo 16. Trámites administrativos posteriores á presentación das solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica, tamén poderán realizarse os ditos trámites presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 17. Aceptación e renuncia

1. Notificada a resolución definitiva polo órgano competente, as persoas interesadas propostas como beneficiarias dispoñerán dun prazo de 10 días para a súa aceptación.

Transcorrido este sen que se producise manifestación expresa, entenderase como tacitamente aceptada, agás que no mesmo prazo se comunique de xeito formal e expreso a renuncia á subvención concedida, debidamente asinada pola representación da persoa beneficiaria.

2. A renuncia á subvención poderase facer por calquera medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3. No caso de renuncia, a persoa titular da Dirección Xeral de Cultura, por delegación da persoa titular da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 18. Prazo de xustificación

1. O prazo para xustificar as axudas será:

– Para actividades celebradas entre o 1 de xaneiro e ata a data de aceptación da axuda referida no artigo 17.1; 10 días hábiles desde a data de aceptación.

– Para actividades que se celebren con posterioridade á data de aceptación, 5 días hábiles desde o remate da actividade subvencionable.

– Non se admitirán xustificacións con posterioridade ao 16 de decembro de 2024.

2. As persoas beneficiarias das axudas, para percibir a subvención, quedan obrigadas a acreditaren a realización dos gastos subvencionados e a xustificalos, no prazo establecido na presente orde.

Artigo 19. Xustificación e pagamento

1. De acordo co establecido no artigo 62 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, poderanse efectuar pagamentos á conta a medida que o beneficiario xustifique a realización das accións subvencionadas. Estes pagamentos non superarán o 80 % da porcentaxe total subvencionada correspondente aos pagamentos xustificados, e o importe restante librarase no momento da completa xustificación por parte do beneficiario da totalidade das accións subvencionadas, así como das demais condicións para as cales lle foi concedida a subvención. Ademais, de acordo co recollido no número 4.i) do artigo 65 do citado decreto, exonéranse aos beneficiarios da constitución de garantía.

2. Os beneficiarios de dúas actividades poderán xustificar por separado cada un dos eventos aos que asistan nos prazos establecidos no artigo 18.

3. Para a xustificación das axudas deberá presentarse a seguinte documentación:

a) Copia do certificado de asistencia á actividade realizada no sector do libro, con especificación do lugar e das datas de realización, emitido pola entidade organizadora, de ser o caso, ou ben, calquera outro xustificante oficial da entrada ou participación da persoa beneficiaria da axuda.

b) Memoria das actividades levadas a cabo en relación coa finalidade da subvención solicitada, con indicación das actividades realizadas e o resultado do evento para a persoa beneficiaria (máximo 1 páxina). A memoria deberá estar asinada pola persoa solicitante.

c) Declaración das axudas solicitadas ou recibidas para o mesmo obxecto ou concepto para os que se solicita esta subvención, así como declaración das axudas concedidas en réxime de minimis durante o período dos tres anos previos. Poderá empregarse o modelo previsto no anexo II.

d) Relación clasificada e certificación dos gastos da actividade, con identificación do acredor, do documento de gasto ou factura, o importe, a data de emisión e a data de pagamento. No caso de desprazamentos fóra da zona euro, terá que indicar a conversión a euros dos gastos xustificados, segundo establece o Banco de España ou os bancos nacionais de referencia.

Xunto coa relación clasificada dos gastos deberase certificar que as facturas corresponden ás actividades obxecto da subvención. Deberá empregar o modelo establecido no anexo III.

Xunto co anexo III achegarase o seguinte documento:

Documento acreditativo da relación laboral da persoa física que realice a actividade coa empresa solicitante.

4. Son subvencionables os gastos de transporte e aloxamento. Os gastos de transporte refírense só aos gastos de ida e volta desde a localidade de residencia, segundo consta na solicitude, á localidade onde se realice a actividade e, no caso de billetes electrónicos, deberanse xuntar as tarxetas de embarque. Nos gastos da viaxe inclúense os de emisión dos billetes, así como os correspondentes ás taxas e aos impostos directamente relacionados coa emisión daqueles.

5. Considéranse documentos xustificativos do pagamento das facturas os seguintes:

a) Xustificante bancario do pagamento pola persoa beneficiaria (transferencia bancaria, xustificante bancario de ingreso en efectivo polo portelo ou certificación bancaria), en que conste o número da factura e obxecto do pagamento. Identificación da persoa que realiza o pagamento, que deberá coincidir coa persoa beneficiaria da axuda. Identificación da persoa destinataria do pagamento, que deberá coincidir coa persoa, empresa e/ou entidade que emitiu a factura.

b) Con carácter excepcional, admitiranse pagamentos en metálico cando o seu importe, individual ou en conxunto por provedor, sexa inferior a 1.000 €. Neste caso, o pagamento xustificarase mediante a factura asinada e selada polo provedor en que figure a expresión «recibín en metálico».

6. A Dirección Xeral de Cultura poderá requirir en todo momento ás persoas solicitantes que acheguen a documentación complementaria que considere necesaria co fin de completar a solicitude e xustificar a axuda.

7. Cando as actividades fosen financiadas, ademais de coa subvención, con fondos propios ou outras subvencións ou recursos, deberá acreditarse na xustificación o importe, procedencia e aplicación de tales fondos ás actividades subvencionadas, segundo recolle o artigo 28.6 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

8. Para o desprazamento en vehículo propio presentarase unha memoria asinada polo/a beneficiario/a onde conste a distancia percorrida e os gastos de combustible que poidan corresponder de acordo co recollido no artigo 3 destas bases. Para os gastos de peaxe é preciso xuntar as facturas ou tíckets de pagamento onde conste o día, a hora e o prezo.

9. A mesma persoa física non poderá dar lugar a máis de dúas xustificacións de cadansúa actividade, sexa como traballador dunha empresa ou como beneficiario directo.

Artigo 20. Obrigas das persoas beneficiarias

1. As persoas beneficiarias desta axuda quedan suxeitas ás obrigas recollidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como ás restantes obrigas previstas na lei, regulamento e normativa básica estatal.

2. As persoas beneficiarias das axudas terán a obriga de facilitar toda a información que lles requira a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas ou o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Artigo 21. Reintegro da axuda e procedemento sancionador

1. Procederá o reintegro, total ou parcial, das subvencións e axudas públicas percibidas cando concorra calquera das circunstancias previstas no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. No caso de que a persoa beneficiaria da axuda incumprise algunha das condicións ou obrigacións estipuladas, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude instruirá o correspondente expediente sancionador, de conformidade co previsto no título IV da Lei 9/2007, citada no punto anterior.

3. Toda alteración das condicións observadas para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión.

Artigo 22. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 23. Información ás persoas interesadas

Sobre este procedemento administrativo, poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, a través dos seguintes medios:

a) Portal web oficial da Dirección Xeral de Cultura (https://www.cultura.gal) onde, ademais de obter os modelos normalizados de solicitude, se poderá descargar o texto íntegro desta orde.

b) Así mesmo, poderá obterse información xeral deste procedemento na Guía de procedementos e servizos na páxina web da Xunta de Galicia (https://www.xunta.gal).

Artigo 24. Remisión normativa

No desenvolvemento desta orde, observarase o disposto nas seguintes leis e disposicións:

a) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas da Administración pública galega.

E, supletoriamente:

d) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, reguladora dos requisitos de concesión e xustificación de subvencións concedidas na Administración do Estado. Nesta lei recóllense artigos de carácter básico, que resultan de aplicación á normativa desta comunidade autónoma e, consecuentemente, a esta orde de convocatoria.

e) Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

f) Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

g) Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

Artigo 25. Recursos

Contra os actos resolutivos que esgotan a vía administrativa, poderá interpoñer o interesado recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados desde a recepción da notificación da resolución, ou potestativamente interpoñer, no prazo dun mes desde a recepción da resolución, recurso de reposición ante a persoa titular da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.

Artigo 26. Base de datos nacional de subvencións e Rexistro Público de Axudas, Subvencións e Convenios

1. En cumprimento do disposto nos artigos 18 e 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do artigo 20 será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS), que operará como sistema nacional de publicidade de subvencións e axudas públicas. A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

A entidade outorgante das axudas consignará na BDNS, no prazo de 20 días hábiles a partir da concesión da axuda, a información sinalada no artigo 6.1 do Regulamento (UE) nº 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro de 2023, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 15 de decembro de 2023, serie L).

2. As subvencións outorgadas ao abeiro desta orde figurarán no Rexistro Público de Axudas, Subvencións e Convenios. En todo caso, a presentación da solicitude implica que a persoa solicitante consente na inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, no dito rexistro, feito que terá lugar, agás nos casos legalmente establecidos, de acordo co regulado no artigo 16.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición derradeira primeira

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Cultura, no ámbito das súas competencias, para que dite as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de abril de 2024

José López Campos
Conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file