DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 94 Mércores, 15 de maio de 2024 Páx. 29397

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 23 de abril de 2024, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se abre o prazo de presentación de solicitudes para a elaboración da lista para o desempeño transitorio de postos reservados a persoal funcionario do corpo de xestión da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A2, escala técnica de seguridade e saúde no traballo, especialidade de seguridade no traballo.

O nomeamento de persoal funcionario interino para o desempeño con carácter transitorio de prazas reservadas a funcionarios e a contratación temporal de persoal laboral figuran regulados no Decreto 37/2006, do 2 de marzo (DOG núm. 48, do 9 de marzo).

O artigo 6 do Decreto 37/2006 establece no seu punto primeiro que se poderán presentar novas solicitudes para incorporarse ás listas cando se publique a resolución de apertura do prazo de presentación de solicitudes por parte da dirección xeral competente en materia de función pública e no prazo establecido nela.

A existencia de postos reservados a funcionarios do corpo de xestión da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A2, escala técnica de seguridade e saúde no traballo, especialidade de seguridade no traballo, e a necesidade da súa cobertura transitoria fan necesaria a elaboración dunha lista para nomear estes funcionarios interinos.

Polo exposto, de conformidade co Decreto 37/2006, do 2 de marzo (DOG núm. 48, do 9 de marzo), polo que se regula o nomeamento de persoal interino para o desempeño con carácter transitorio de prazas reservadas a funcionarios e a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galicia, esta dirección xeral acorda realizar a convocatoria para elaborar as ditas listas, consonte as seguintes bases:

Primeira. Obxecto

O obxecto desta convocatoria é elaborar as listas para a cobertura con carácter temporal de postos de traballo reservados a funcionarios do corpo de xestión da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A2, escala técnica de seguridade e saúde no traballo, especialidade de seguridade no traballo.

Segunda. Ámbito territorial

O ámbito territorial desta lista será servizos centrais e cada unha das provincias da Comunidade Autónoma, e deberá especificarse na instancia o/os ámbito/s obxecto de elección.

Terceira. Requisitos que deberán posuír as persoas solicitantes

Para ser admitidos/as nas listas, os/as aspirantes deberán posuír na data de presentación da solicitude os seguintes requisitos:

3.1. Idade: ter feitos os dezaseis anos e non exceder a idade máxima de xubilación forzosa.

3.2. Nacionalidade:

a) Ter a nacionalidade española.

b) Ser nacional dalgún dos Estados membros da Unión Europea.

c) Ser nacional dalgún Estado en que, en virtude dos tratados internacionais subscritos pola Unión Europea e ratificados por España, sexa de aplicación a libre circulación de traballadores/as.

d) Tamén poderán participar, calquera que sexa a súa nacionalidade, os cónxuxes dos españois e dos nacionais doutros Estados membros da Unión Europea, sempre que non estean separados de dereito. Nas mesmas condicións poderán participar os seus descendentes e as/os do seu cónxuxe sempre que non estean separados de dereito, sexan menores de vinte e un anos ou maiores da dita idade dependentes.

3.3. Titulación académica: estar en posesión ou en condicións de obter o título de arquitecto técnico ou enxeñeiro técnico ou graduado nunha titulación que habilite para o exercicio da profesión de arquitecto técnico ou de enxeñeiro técnico, e título de técnico con formación en nivel superior nas tres disciplinas preventivas, consonte establece o Regulamento dos servizos de prevención, aprobado polo Real decreto 39/1997, do 17 de xaneiro, ou pola norma que o substitúa.

As persoas con titulacións obtidas no extranxeiro deberán acreditar que están en posesión da correspondente validación ou da credencial que acredite, se for o caso, a homologación do título. Este requisito non será de aplicación ás persoas aspirantes que obtivesen o recoñecemento da súa cualificación profesional, no ámbito das profesións reguladas, ao abeiro das disposicións de dereito da Unión Europea.

3.4. Capacidade funcional: posuír as capacidades e aptitudes físicas e psíquicas que sexan necesarias para desempeñar as correspondentes funcións ou tarefas.

3.5. Habilitación: non ter sido separado/a, nin despedido/a, mediante expediente disciplinario, do servizo de ningunha Administración pública ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin encontrarse na situación de inhabilitación absoluta ou especial para o desempeño de empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, cando se trate de acceder ao corpo ou escala de persoal funcionario do cal a persoa foi separada ou inhabilitada.

No suposto de ser nacional doutro Estado, non encontrarse inhabilitado/a ou en situación equivalente, nin ter sido sometido/a a sanción disciplinaria ou equivalente que impida, no Estado de procedencia, o acceso ao emprego público nos termos anteriores.

3.6. Coñecemento da lingua galega: débese estar en posesión do título do Celga 4 ou do título equivalente debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia, de conformidade coa disposición adicional segunda da Orde do 16 de xullo de 2007, pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (DOG núm. 146, do 30 de xullo), modificada pola Orde do 10 de febreiro de 2014 (DOG núm. 34, do 19 de febreiro).

Cuarta. Solicitudes

4.1. As persoas interesadas en formar parte das listas deberán presentar unha instancia, que se presentará preferentemente por vía electrónica, a través do formulario normalizado contido no anexo I da Orde do 22 de febreiro de 2021 (DOG núm. 39, do 26 de febreiro) (código de procedemento AP522T), accesible no portal web corporativo xunta.gal/funcion-publica, seguindo a ruta <Listas de Contratación>-<Inclusión nas listas>. Así mesmo, será accesible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Para a presentación electrónica das solicitudes utilizarase o aplicativo Fides e poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365). Dentro do proceso deberá pagar a taxa que estea vixente no momento de presentala e que exixe a Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia. Unha vez finalizado o pagamento, deberá presentarse a solicitude para completar o proceso de inscrición.

Opcionalmente, poderán presentarse as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, utilizando a «solicitude normalizada presencial», accesible no portal web corporativo xunta.gal/funcion-publica, seguindo a ruta <Listas de Contratación>-<Inclusión nas listas>.

4.2. As instancias dirixiranse á Dirección Xeral da Función Pública da Consellería de Facenda e Administración Pública.

4.3. O prazo para presentar as solicitudes será de vinte (20) días hábiles, que se contarán a partir do seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido no artigo 6.1 do Decreto 37/2006, do 2 de marzo.

Quinta. Taxas

5.1. De conformidade coa Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, e coa Lei 9/2023, do 28 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024, o importe das taxas que se deberán aboar en concepto de dereitos de inscrición ascende a 18,40 euros.

5.2. Están exentos do pagamento, consonte o artigo 23.5 da Lei 6/2003:

Do importe total da taxa:

a) As persoas con discapacidade igual ou superior ao 33 %.

b) As persoas que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría especial.

Do 50 % do importe da taxa:

a) As persoas que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría xeral.

b) As persoas que figuren como demandantes de emprego desde, polo menos, os seis meses anteriores á data de publicación da presente resolución no Diario Oficial de Galicia e non estean a percibir prestación ou subsidio por desemprego.

c) As vítimas do terrorismo, entendendo por tales as persoas que sufrisen danos físicos ou psíquicos como consecuencia da actividade terrorista e así o acrediten mediante sentenza xudicial firme ou en virtude de resolución administrativa pola que se recoñeza tal condición, o seu cónxuxe ou persoa con quen convivise con análoga relación de afectividade, o cónxuxe do falecido e os fillos dos feridos e falecidos.

As persoas solicitantes exentas do pagamento da taxa marcarán esta opción na solicitude.

5.3. As persoas solicitantes que non estean exentas de pagamento poderán aboar as taxas:

5.3.1. No caso de presentar a solicitude electrónica a través do formulario normalizado accesible no portal web corporativo xunta.gal/funcion-publica, seguindo a ruta <Listas de Contratación>-<Inclusión nas listas> ou na sede electrónica da Xunta de Galicia:

A plataforma Fides permite realizar o pagamento con tarxeta e o pagamento de modo presencial, para o cal terá que acudir á entidade bancaria e volver á aplicación para completar o pagamento. Ademais, se accede con certificado dixital terá a posibilidade de habilitar un cargo na conta. Finalizado correctamente o proceso de pagamento, deberá volver e finalizar o procedemento presentando a solicitude.

Na plataforma pode consultar o Manual de pagamento de taxas.

5.3.2. No caso de presentar a súa solicitude de xeito presencial:

a) Pode realizar o pagamento de modo presencial nas entidades financeiras autorizadas.

Para tal efecto, poderá descargar o impreso na páxina web da Axencia Tributaria de Galicia (Consellería de Facenda e Administración Pública), epígrafe «Cidadáns» premendo na epígrafe «Pagamento de taxas e prezos», «Iniciar taxa», e optará ou ben por descargar o modelo en branco ou por cubrilo informaticamente.

As instrucións para cubrir o impreso de autoliquidación figuran dispoñibles, así mesmo, no portal web corporativo da Xunta de Galicia, https://funcionpublica.xunta.gal, epígrafe de «Listas de contratación», subepígrafe «Inclusión nas listas», accedendo ao modelo de «Solicitude normalizada presencial», e encontrarase a información baixo a epígrafe «Modelo A1. Autoliquidación de taxas».

A presentación do xustificante do ingreso das taxas en que non figure o selo da entidade bancaria con indicación da data determinará a exclusión da persoa solicitante.

b) Pode realizar o pagamento na Oficina Virtual Tributaria da Axencia Tributaria de Galicia, https://ovt.atriga.gal

Neste caso, unha vez efectuado o pagamento da taxa correspondente, imprimirase o xustificante de ter aboada a taxa e achegarase prensencialmente xunto coa instancia.

En ningún caso a presentación deste xustificante suporá a substitución da presentación en tempo e forma da solicitude.

Sexta. Comprobación de datos

6.1. Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña na solicitude á súa consulta:

– DNI/NIE.

– Título/s oficial/ais universitarios e non universitarios.

– Documento xustificativo de estar en posesión do Celga 4, expedido polo órgano competente en materia de política lingüística.

Consultaranse, ademais, os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente, consonte o artigo 23.5 da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, e disposición quinta da presente resolución:

a) Certificado de discapacidade igual ou superior ao 33 % expedido pola Administración Autonómica de Galicia, para acreditar a exención do importe total da taxa.

b) Certificado de familia numerosa de carácter especial ou xeral ou carné familiar en que conste o dito carácter, para acreditar a exención do importe total da taxa ou do 50 %, respectivamente.

c) Certificación expedida pola oficina de emprego en que conste que a persoa aspirante figura como demandante de emprego, ininterrompidamente, desde polo menos os seis meses anteriores á data de publicación desta convocatoria no DOG, para acreditar a exención do 50 % do importe da taxa, de cumprirse, así mesmo, o requisito establecido na letra d).

d) Certificación do Servizo Público de Emprego Estatal en que conste que na data de presentación da solicitude non está a percibir prestación ou subsidio por desemprego, para acreditar a exención do 50 % do importe da taxa, de cumprirse, así mesmo, o requisito previsto na letra c).

6.2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos xustificativos mencionados anteriormente segundo o suposto en que se atopen.

6.3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Sétima. Documentación

7.1. As persoas interesadas en presentar electronicamente a súa solicitude deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Certificado ou documento equivalente ao Celga 4 non expedido polo órgano competente en materia de política lingüística.

b) No suposto de non ter nacionalidade española, pasaporte e/ou documentación acreditativa de cumprir calquera das condicións previstas no artigo 52.1 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, reguladora do acceso ao emprego público de persoas nacionais doutros Estados.

c) Certificado de discapacidade igual ou superior ao 33 % non expedido pola Administración autonómica de Galicia, para acreditar a exención do importe total da taxa.

d) Vítimas do terrorismo, sentenza xudicial firme ou resolución administrativa pola que se recoñeza tal condición, conforme o establecido no punto 5.2.c) da presente resolución, para acreditar a exención do importe parcial da taxa.

Para a remisión electrónica, empregará as epígrafes habilitadas na aplicación Fides para os efectos. Se non dispón de copias auténticas, deberá xerar o anexo de «Achega de documentación separada da solicitude» para poder remitir o orixinal ou a copia debidamente compulsada dos documentos xustificativos, segundo os supostos en que se encontre.

7.2. As persoas interesadas en presentar presencialmente a súa solicitude deberán achegar coa solicitude normalizada presencial a seguinte documentación:

a) Xustificante de ter aboadas as taxas administrativas por dereitos de inscrición ou, se é o caso, documentación xustificativa para a exención, total ou parcial, do pagamento das taxas (código da taxa 05/13/07/300301).

b) Certificado ou documento equivalente ao Celga 4 non expedido polo órgano competente en materia de política lingüística.

c) No suposto de non ter nacionalidade española, pasaporte e/ou documentación acreditativa de cumprir calquera das condicións previstas no artigo 52.1 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, reguladora do acceso ao emprego público de persoas nacionais doutros Estados.

d) Certificado de discapacidade igual ou superior ao 33 % non expedido pola Administración autonómica de Galicia, para acreditar a exención do importe total da taxa.

e) Vítimas do terrorismo, sentenza xudicial firme ou resolución administrativa pola que se recoñeza tal condición, conforme o establecido no punto 5.2.c) da presente resolución, para a acreditación da exención do importe parcial da taxa.

7.3. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

Oitava. Orde de prelación

8.1. A orde de prelación das persoas solicitantes virá dada pola puntuación obtida de acordo co baremo establecido no artigo 9 do Decreto 37/2006, do 2 de marzo.

8.2. Para dirimir os empates de puntuación, aplicarase o previsto no artigo 10 do Decreto 37/2006, do 2 de marzo.

8.3. A actualización de méritos efectuaraa anualmente de oficio a Administración, conforme o previsto no artigo 12 do Decreto 37/2006, do 2 de marzo.

Novena. Elaboración das listas

9.1. A Comisión Permanente prevista no artigo 4 do Decreto 37/2006, do 2 de marzo, será a encargada de elevarlle ao titular da Dirección Xeral da Función Pública o anuncio das listaxes provisionais e definitivas de persoas admitidas e excluídas para a súa publicación no DOG.

9.2. As ditas listaxes, nas cales se indicará a puntuación obtida por cada persoa candidata, poderán consultarse no portal web corporativo xunta.gal/funcion-publica, seguindo a ruta <Listas de Contratación>-<Consulta das listas de contratación temporal>.

Décima. Devolución de taxas

Publicadas as listas definitivas, as persoas excluídas que así o desexen, incluídas as excluídas por desistir da súa solicitude, disporán do prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución pola que se fan públicas as listas definitivas no Diario Oficial de Galicia, para solicitar a devolución das taxas por dereitos de inscrición, e deberán consignar o nome e apelidos, o NIF, o número da conta bancaria (vinte díxitos) e a localidade desta, segundo o modelo que figura no anexo III da Orde do 22 de febreiro de 2021 (DOG núm. 39, do 26 de febreiro), xunto coa documentación xustificativa de ter aboadas as taxas administrativas.

Décimo primeira. Recursos

Contra esta resolución, de conformidade co previsto nos artigos 112 e seguintes da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, pódese interpor recurso de alzada ante o conselleiro de Facenda e Administración Pública no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de abril de 2024

José María Barreiro Díaz
Director xeral da Función Pública