DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 93 Martes, 14 de maio de 2024 Páx. 28817

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social e Igualdade

RESOLUCIÓN do 24 de abril de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras do concerto social para a reserva e ocupación de once prazas nun centro de acollida e inclusión, no concello da Coruña (código de procedemento BS213Q).

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27, puntos 23 e 24, asígnalle á Comunidade Autónoma competencia exclusiva en materia de asistencia social e en promoción do desenvolvemento comunitario, respectivamente.

En virtude deste título competencial aprobouse a Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, que ten por obxecto estruturar e regular, como servizo público, os servizos sociais en Galicia para a construción do sistema galego de benestar.

Posteriormente, a Lei 10/2013, do 27 de novembro, de inclusión social de Galicia, dá unha énfase especial aos procesos vinculados á inclusión sociolaboral, tanto a inclusión básica como de transición ao emprego das persoas en situación o risco de exclusión social.

Este enfoque da inclusión social activa, anteriormente recollido na Estratexia para a inclusión social de Galicia 2014-2020, está consolidado como unha das prioridades da Unión Europea e dos Estados membros, dirixido a lograr o obxectivo político dunha Europa máis social e inclusiva, por medio da aplicación do piar europeo de dereitos sociais, e lograr unha protección social xusta e unha sociedade inclusiva e cohesionada que aspire a erradicar a pobreza, establecendo como obxectivos específicos para alcanzalo o fomento da inclusión activa, a non discriminación e a participación activa, a mellora da empregabilidade, en particular para os grupos desfavorecidos, e a promoción da integración social das persoas en risco de pobreza ou exclusión social.

Para lograr a converxencia entre España e a Unión Europea, Galicia deberá aumentar a súa taxa de emprego, mellorando as condicións de empregabilidade e propoñendo oportunidades de integración social e laboral, especialmente entre aqueles grupos que teñen unha menor participación no mercado de traballo que presentan un maior risco de exclusión.

De acordo co establecido no artigo 2 da Lei 13/2008, do 3 de decembro, enténdese por servizos sociais o conxunto coordinado de prestacións, programas e equipamentos destinados a garantir a igualdade de oportunidades no acceso á calidade de vida e á participación social de toda a poboación galega.

O artigo 29.1 deste texto normativo sinala que os servizos sociais prestaranos as administracións públicas galegas a través das seguintes fórmulas: a) a xestión directa, b) a xestión indirecta no marco da normativa reguladora dos contratos do sector público, c) mediante o réxime de concerto social previsto nesta lei, ou d) mediante convenios con entidades sen ánimo de lucro.

Para os efectos desta lei, e segundo recolle o seu artigo 33.bis, enténdese por concerto social o instrumento por medio do cal se produce a prestación de servizos sociais de responsabilidade pública a través de entidades cuxo financiamento, acceso e control sexan públicos. E o artigo 33.ter indica que poderán ser obxecto de concerto social a reserva e a ocupación de prazas para uso exclusivo das persoas usuarias de servizos sociais ou os colectivos vulnerables, cuxo acceso sexa autorizado polas administracións públicas mediante a aplicación dos criterios previstos na normativa das administracións competentes.

Con isto dótase a Administración autonómica dun novo mecanismo que permite impulsar as súas relacións coas entidades prestadoras de servizos sociais e acadar unha maior seguridade xurídica nas actividades económicas deste sector. Así mesmo, o establecemento de concertos sociais incorporará na provisión dos servizos sociais os principios de atención personalizada e integral, arraigo da persoa no contorno de atención social, elección da persoa e continuidade na atención no seu ciclo de vida e calidade.

En desenvolvemento destes artigos aprobouse o Decreto 229/2020, do 17 de decembro, polo que se desenvolve o réxime de concertos sociais no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia. De acordo co previsto no artigo 2.1 é de aplicación aos concertos sociais que realice a Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, a través da consellería competente en materia de servizos sociais, e o sector público autonómico, a través das entidades instrumentais adscritas a ela, con entidades que ofrezan servizos sociais previstos nas carteiras de servizos vixentes que se determinen.

O artigo 11.1 do devandito decreto sinala que os procedementos de concerto social se iniciarán de oficio mediante resolución da persoa titular da consellería competente en materia de servizos sociais.

A Consellería de Política Social e Igualdade, de conformidade co Decreto 49/2024, do 22 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, tendo en conta o Decreto 124/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social e Xuventude, ao abeiro da disposición transitoria do Decreto 42/2024, do 14 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, é o departamento da Administración autonómica ao cal lle corresponde propor e executar as directrices xerais da Xunta de Galicia no ámbito do benestar, que engloban as competencias en materia de servizos sociais, incluíndo a xestión das políticas da Xunta de Galicia en materia de inclusión social.

En consecuencia, facendo uso das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

RESOLVO:

CAPÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto

1. O obxecto da presente resolución é establecer as bases reguladoras do concerto social para la reserva e ocupación de 11 prazas nun centro de acollida e inclusión do concello da Coruña, dirixidas a mellorar a situación de exclusión o risco de exclusión das persoas beneficiarias, dando continuidade ás prazas que actualmente están contratadas nun centro de inclusión social situado nesta cidade (código de procedemento BS213Q).

2. As prazas dos servizos que sexan concertados integraranse no Sistema público galego de servizos sociais.

3. Este procedemento convócase ao abeiro do disposto no artigo 9.1 do Decreto 229/2020, do 17 de decembro, polo que se desenvolve o réxime de concertos sociais no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

4. As condicións técnicas de execución do concerto son as establecidas no prego técnico que figura como anexo I a esta orde.

Artigo 2. Servizos que se van concertar

A través desta convocatoria, concertaranse prazas correspondentes ao seguinte servizo establecido no Decreto 61/2016, do 11 de febreiro, polo que se define a Carteira de servizos sociais de inclusión:

Código

Servizo

Tipoloxía

Prazas concerto

Núm.

Concello

0302

Servizo integral de inclusión sociolaboral

Internado (365 días)

11

A Coruña

O servizo incluirá as prestacións descritas no prego técnico da convocatoria.

Artigo 3. Medios mínimos profesionais e materiais necesarios para levar a cabo a prestación

1. As entidades deberán dispoñer do persoal preciso para atender a realización das prestacións concertadas, o cal deberá cumprir os requisitos establecidos na normativa que sexa de aplicación e no establecido na presente convocatoria.

O devandito persoal dependerá exclusivamente das entidades concertadas, por canto estas terán todos os dereitos e obrigas inherentes á súa calidade de empresarias e deberán cumprir as disposicións vixentes en materia fiscal, laboral, de seguridade social, de integración social das persoas con discapacidade, igualdade de xénero e seguridade e saúde no traballo.

O incumprimento destas obrigas por parte das entidades concertadas non implicará responsabilidade ningunha para a Administración.

2. As ratios de atención son as establecidas no prego técnico desta convocatoria.

3. As entidades concertadas están obrigadas a que o centro onde se ofertan as prazas dispoñan, durante a vixencia do concerto e para o cumprimento dos obxectivos asistenciais previstos, dos recursos materiais, equipamento e sistemas informáticos e de comunicacións, se é o caso, necesarios para realizar con eficacia, calidade e garantía, as prestacións obxecto do concerto. As entidades concertadas manterán os centros, o seu equipamento e instalacións en perfectas condicións de conservación e funcionamento e, para tal efecto, deberán subscribir os contratos de mantemento preceptivos, así como levar a cabo as reparacións e reposicións que sexan necesarias, facendo fronte ás deterioracións propias do funcionamento diario das instalacións e do seu equipamento. Así mesmo, están obrigadas a xestionar os permisos, licenzas e autorizacións establecidas na normativa nacional, autonómica e local que lles sexa de aplicación, e nas normas de calquera outro organismo público ou privado que sexan necesarias para o inicio e execución do servizo concertado.

Artigo 4. Duración

1. A duración inicial dos concertos sociais formalizados ao abeiro da presente convocatoria é de 4 anos, coa previsión de que entren en funcionamento o día 1 de setembro de 2024.

2. Os concertos poderán renovarse ata acadar un máximo de 10 anos. A duración de cada unha das renovacións non poderá exceder a duración máxima indicada no número anterior.

3. Mediante acordo do Consello da Xunta poderá superarse o límite dos 4 anos para as renovacións dos concertos sociais.

4. No caso de resolución do concerto ou extinción polo seu incumprimento, a entidade concertante estará obrigada a seguir prestando o servizo, en idénticas condicións, durante o tempo indispensable para que a Administración poida asegurar a continuidade na presentación do servizo.

Artigo 5. Requisitos que deben cumprir as entidades

1. Poderán participar na presente convocatoria as entidades que cumpran os seguintes requisitos:

a) Estar debidamente inscritas no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais da Comunidade Autónoma de Galicia (en diante, RUEPSS).

b) Contar coa oportuna autorización administrativa dos centros en que se vaian prestar os servizos obxecto de concerto, de acordo co disposto no Decreto 254/2011, do 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e a inspección dos servizos sociais en Galicia.

c) Acreditar a titularidade do centro en que se vai prestar o servizo obxecto de concerto ou a súa dispoñibilidade mediante calquera título xurídico válido por un período non inferior ao da vixencia deste, así como a autorización da entidade ou persoa titular do centro onde se prestan os servizos.

d) Estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e coa Seguridade Social impostas pola lexislación vixente.

e) Acreditar a solvencia económica e financeira e técnica ou profesional e unha experiencia mínima de atención ao colectivo destinatario do obxecto do concerto, segundo se establece no artigo 6.

f) Contar cun seguro de responsabilidade civil cunha cobertura non inferior aos 150.000 euros, para garantir a obriga de indemnizar as persoas usuarias polos danos que se lles poidan ocasionar como consecuencia da execución do concerto.

g) Estar en condicións de acreditar o cumprimento da normativa que, con carácter xeral ou específico, lle sexa aplicable, tanto pola natureza xurídica da entidade como polo tipo de servizo obxecto da presente convocatoria.

Todos os requisitos sinalados deberán cumprirse na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes.

2. Non poderán concorrer a esta convocatoria as entidades que estean nalgún dos supostos de prohibición para concertar a que se refire o artigo 7 do Decreto 229/2020, do 17 de decembro.

Artigo 6. Solvencia económica e financeira e técnica ou profesional, e experiencia mínima

1. Para poder concertar prazas ao abeiro desta convocatoria, as entidades solicitantes deberán acreditar a súa solvencia económica e financeira. Reputarase solvente a entidade que acredite cumprir un dos seguintes requisitos:

a.1) Volume anual de negocios, referido aos tres últimos exercicios concluídos dispoñibles en función da data de creación ou inicio das actividades da entidade. Reputarase solvente a entidade licitadora que acredite ter un volume de negocios no ámbito da atención da inclusión social, referido ao ano de maior volume de negocios dos últimos tres concluídos, por un importe igual ou superior ao valor anual medio do contrato (IVE excluído).

A súa acreditación efectuarase por medio dunha copia das contas anuais aprobadas e depositadas no Rexistro Mercantil, se a entidade está inscrita no dito rexistro; en caso contrario, polas depositadas no rexistro oficial en que deba estar inscrita. Os empresarios individuais non inscritos no Rexistro Mercantil acreditarán o seu volume anual de negocios mediante copia dos seus libros de inventarios e contas anuais legalizados polo Rexistro Mercantil.

a.2) Un seguro de indemnización de responsabilidade civil, vixente ata o fin do prazo de presentación de ofertas, por un importe igual ou superior ao valor anual medio do contrato (IVE excluído).

A súa acreditación efectuarase por medio dunha declaración responsable asinada polo representante legal do licitador en que se exprese o importe asegurado e a súa vixencia, que deberá ser igual ou superior aos valores anuais indicados.

Unha vez adxudicado o concerto, a entidade que resulte adxudicataria estará en condicións de achegar, de ser requirida, un certificado expedido pola aseguradora, en que consten os importes e riscos asegurados e data de vencemento do seguro, así como un documento de compromiso vinculante de subscrición, prórroga ou renovación do seguro, no caso en que proceda para garantir o mantemento da súa cobertura durante a execución do concerto.

2. Así mesmo, as entidades solicitantes deberán acreditar a súa solvencia técnica ou profesional. Reputarase solvente a entidade que acredite ter un ou varios servizos de natureza análoga ao obxecto deste concerto, que se prestasen a algunha Administración pública ou entidade privada (contabilizados ata o fin do prazo de presentación de proposicións) cuxos importes acumulados sen IVE no ano de maior execución sexa igual ou superior ao 50 % do importe medio anual do custo do concerto social.

Entenderanse por traballos de contido similar aqueles en que se xestionen servizos integrais de inclusión sociolaboral a persoas en situación de exclusión social.

Só se terán en conta os servizos ou traballos relacionados co obxecto do presente concerto que aparezan relacionados no formulario de solicitude (anexo II) e respecto dos cales se acheguen as correspondentes certificacións ou declaracións.

Cada un dos traballos recollidos no devandito anexo deberá acreditarse, mediante copia, do seguinte xeito:

a) Se o destinatario foi unha entidade do sector público, mediante copia da certificación de boa execución expedida ou visada polo órgano competente.

b) Se o destinatario foi un suxeito privado, mediante unha copia da certificación de boa execución expedida por este ou, a falta de certificación, mediante unha declaración responsable do candidato en que declare ter realizado o traballo ou servizo a satisfacción daquel, xunto cos documentos que consten no seu poder, que acrediten a realización da prestación.

3. Así mesmo, as entidades participantes deberán ter unha experiencia mínima dun ano na atención ao colectivo destinatario do obxecto do concerto. Esta experiencia acreditase mediante declaración responsable.

4. As solvencias exixidas nos parágrafos anteriores enténdense xa acreditadas no caso de entidades que oferten para esta convocatoria as prazas actualmente en disposición da Consellería de Política Social e Igualdade mediante réxime de contratación.

CAPÍTULO II

Procedemento de concertación

Artigo 7. Forma, lugar e prazo de presentación de solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo II) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. O prazo de presentación das solicitudes será dun (1) mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. De acordo co previsto no artigo 30 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

3. Se a solicitude non reúne algúns dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras, o órgano responsable da tramitación requirirá as persoas interesadas para que, nun prazo de dez días hábiles a partir do día seguinte a notificación do requirimento, emenden a falta ou presenten os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixeren, se terán por desistidas da súa petición, logo da correspondente resolución, nos termos previstos polo artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

4. Presentarase unha única solicitude por entidade, e as ofertas deberán ser pola totalidade das prazas do concello a que concorra.

Para os efectos de preferencia das entidades que, na data de publicación desta convocatoria estean prestando o servizo obxecto do presente concerto mediante outras fórmulas de colaboración ou contratación, deberán ofertar a totalidade das prazas que teñen contratadas. En caso contrario, non se terá en conta o criterio de preferencia e as prazas serán atribuídas atendendo aos criterios de selección recollidos na presente convocatoria.

5. A presentación da solicitude supón a aceptación incondicionada da entidade solicitante da totalidade do contido desta convocatoria, sen excepción ou reserva ningunha.

6. No anexo II constan as seguintes declaracións responsables:

a) Que, de acordo co artigo 38 do Decreto 229/2020, do 17 de decembro, en relación con outras axudas concedidas ou solicitadas, a entidade non solicitou outras axudas para o financiamento dos servizos ou prestacións obxecto deste concerto.

b) Que a entidade ten contratada unha póliza de seguro de responsabilidade civil cunha cobertura non inferior aos 150.000 euros, para garantir a obriga de indemnizar as persoas usuarias polos danos que se lles poidan ocasionar como consecuencia da execución do concerto.

c) Que a entidade dispón da experiencia mínima, segundo se establece no artigo 6.3 da convocatoria.

d) Que a entidade non está incursa en ningunha causa de prohibición para concertar, segundo o disposto no artigo 7.1 do Decreto 229/2020, do 17 de decembro.

e) Que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se achegan son certos.

f) Que é certa a información contida no anexo II para a valoración da proposta.

g) Que a entidade participante acepta a totalidade das condicións establecidas nesta convocatoria e no prego técnico.

h) Que a entidade representada esta en condicións de acreditar o cumprimento da normativa que, con carácter xeral ou específico, lle sexa aplicable, tanto pola natureza xurídica da entidade como polo tipo de servizo obxecto da presente convocatoria.

Artigo 8. Documentación complementaria

1. As entidades solicitantes deberán achegar coa solicitude (anexo II) a seguinte documentación:

a) Documentación acreditativa da representatividade da persoa solicitante para actuar en nome da entidade, para o caso de que esta se atribúa a persoa distinta á designada no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais.

b) Documentación xustificativa da solvencia económica e financeira de acordo cos medios establecidos no artigo 6.1, se é o caso.

c) Documentación xustificativa da solvencia técnica ou profesional, de acordo cos medios establecidos no artigo 6.2, se é o caso.

d) No caso de que a entidade solicitante non sexa a titular do centro en que se vai prestar o servizo obxecto de concerto, xustificante sobre a súa dispoñibilidade mediante calquera título xurídico válido por un período non inferior ao da vixencia deste, así como a autorización da entidade ou persoa titular do centro onde se prestan os servizos.

e) Proxecto de inclusión.

f) Declaración responsable sobre a exención do imposto sobre o valor engadido, de ser o caso.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para os efectos, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 9. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da Xunta de Galicia da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 10. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) Inscrición no RUEPSS da entidade solicitante.

d) Inscrición no RUEPSS do centro cuxas prazas se ofertan.

e) Titularidade do centro no RUEPSS.

f) Certificado de que a entidade solicitante está ao día no cumprimento das obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria e fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por calquera concepto, coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 11. Instrución do procedemento

1. O órgano competente para a tramitación do procedemento é a Subdirección Xeral de Prestacións e Programas de Inclusión da Dirección Xeral de Inclusión Social.

Presentada a solicitude, a unidade administrativa instrutora realizará, de oficio, cantas actuacións considere necesarias para determinar, coñecer e comprobar os datos en virtude dos cales se deba pronunciar a resolución, conforme o establecido nesta convocatoria.

2. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, se a solicitude non reúne algúns dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras, o órgano instrutor requirirá as entidades solicitantes para que, nun prazo de 10 días hábiles desde o día seguinte ao da notificación do dito requirimento, emenden a falta ou acheguen os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixeren, se terán por desistidas da súa petición, logo de resolución que deberá ditarse nos termos previstos no artigo 21 da mesma lei.

3. O órgano instrutor, por solicitude da Comisión de Valoración e motivadamente, poderá requirir das persoas solicitantes a información ou documentación adicional que, non estando en poder da Administración, teña fundamental relevancia e unha relación directa para unha mellor avaliación das solicitudes.

Artigo 12. Comisión de Valoración

1. Constituirase como órgano colexiado unha Comisión de Valoración de conformidade co artigo 15 do Decreto 229/2020, do 17 de decembro.

2. A Comisión de Valoración será a encargada de verificar o cumprimento das condicións impostas ás entidades para concertar e valorar as solicitudes, de conformidade cos criterios de baremación establecidos no artigo 13.

3. A Comisión rexerase polo establecido na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, e na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, no relativo aos órganos colexiados, e estará integrada polos seguintes membros:

a) A persoa titular da Subdirección Xeral de Prestacións e Programas de Inclusión que actuará como presidente/a. Se, por calquera causa, a persoa titular da presidencia non pode asistir cando a Comisión de Valoración se reúna para o exame das solicitudes, será substituída polo/a funcionario/a designado/a para estes efectos pola persoa titular da Dirección Xeral de Inclusión Social.

b) A persoa titular do Servizo de Prestacións e Acción Social.

c) A persoa titular do Servizo de Coordinación de Programas de Inclusión.

d) Un/unha funcionario/a designado pola persoa titular da presidencia, que actuará como secretario/a.

Se, por calquera causa, as persoas titulares dos servizos competentes ou o/a secretario/a que compoñen a Comisión de Valoración non puidese asistir cando esta se reúna para o exame das solicitudes, será substituída polo/a funcionario/a designado para estes efectos pola persoa que exerza a presidencia.

4. A Comisión de Valoración determinará aquelas entidades que cumpran os requisitos para concertar e elaborará un informe de acordo co previsto no artigo 13.

5. Segundo o referido informe da Comisión de Valoración, o órgano instrutor formulará a proposta de resolución ao órgano competente para resolver a concesión con cada entidade.

No informe da Comisión de Valoración figurarán, de maneira individualizada, as solicitudes propostas para a concertación do servizos obxecto de concerto, con especificación da puntuación que lles corresponde e/ou, se é o caso, a preferencia, e o centro cuxa praza se concerta.

Artigo 13. Criterios de selección

1.1. Criterios de selección e preferencia.

1.1.1. Segundo o disposto no punto 4 da disposición transitoria primeira do Decreto 229/2020, do 17 de decembro, as entidades que, na data de publicación desta convocatoria, estean a prestar o servizo obxecto do presente concerto, mediante outras fórmulas de colaboración ou contratación, terán preferencia nas prazas que soliciten e que teñan contratadas, sen necesidade de aplicar os criterios de valoración previstos no presente artigo, sempre e cando a solicitude sexa pola totalidade das prazas que se están xestionando.

1.1.2. No caso de non fose aplicable o anterior criterio, a asignación do concerto realízase de acordo cos seguintes criterios de selección que se utilizarán para acadar unha valoración que sirva para establecer unha orde de prelación para a adxudicación do concerto:

a) Calidade do proxecto de inclusión presentado, ata 23 puntos. Na valoración terase en conta a coherencia entre a problemática e necesidades das persoas atendidas e os obxectivos, contidos, metodoloxía e actividades propostos.

b) Experiencia da entidade no ámbito da inclusión social, considerada en función do número de anos que desde o actual leva dedicándose ininterrompidamente a este labor, puntuarase ata un máximo de 10 segundo a seguinte escala; computaranse completos desde que inicio a actividade ata o momento da solicitude: dous anos, 2 puntos; catro anos, 4 puntos; seis anos, 6 puntos, máis de seis anos, 10 puntos. Para a puntuación, terase en conta en conta a declaración responsable contida no anexo de valoración.

c) Número de profesionais contratados/as dedicados/as a labores de inclusión no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia. Puntuarase ata 10 puntos. A puntuación asignarase conforme a seguinte escala: de 3 a 10 persoas, 3 puntos; de 10 a 20 persoas, 5 puntos; de 20 a 50 persoas, 8 puntos; máis de 50 persoas, 10 puntos. Para a puntuación, terase en conta en conta a declaración responsable contida no anexo de valoración.

d) Antigüidade do persoal dedicado á inclusión no momento da solicitude superior a 2 anos en relación coa totalidade do persoal. Puntuarase ata 10 puntos. A puntuación asignarase conforme a seguinte escala: máis do 30 % e ata o 50 % do persoal, 3 puntos; máis do 50 % e ata o 70 % do persoal, 8 puntos; máis do 70 % do persoal, 10 puntos. Para a puntuación, terase en conta en conta a declaración responsable presentada pola entidade.

e) Emprego no momento da solicitude de persoas perceptoras da Risga ou persoas que se encontran en situación de exclusión social. Puntuarase con 2 puntos por cada persoa contratada ata un máximo de 10. Para a puntuación, terase en conta en conta a declaración responsable presentada pola entidade.

f) Auditoría. A entidade conta cunha auditoría externa de contas no último exercicio, 7 puntos. Para valorar este criterio será necesario achegar certificado da entidade auditora.

g) Promoción da igualdade de xénero. Puntuarase con 10 puntos se a entidade conta cun plan de igualdade nos termos da Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, e do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia. Para a puntuación, terase en conta a declaración responsable presentada pola entidade.

h) Medidas de conciliación da vida persoal, familiar e corresponsabilidade, 10 puntos, de acordo co establecido no artigo 57 da Lei 5/2021, do 2 de febreiro, de impulso demográfico de Galicia, valorarase a existencia na entidade de políticas en materia de conciliación da vida persoal, familiar e laboral e corresponsabilidade que se apliquen na execución deste concerto. Para a puntuación, terase en conta en conta a declaración responsable presentada pola entidade.

i) Innovación. Contido innovador na metodoloxía empregada ou sistemas de organización ou xestión que acheguen valor ao proxecto, ata 10 puntos. A puntuación asígnase conforme os seguintes criterios: a proposta prevé innovacións da entidade pero non están vinculados especificamente ao desenvolvemento do programa, ou son innovacións de escasa entidade, ata 3 puntos; a innovación está pensada explicitamente para o desenvolvemento do programa que se vai levar a cabo, e trátase de innovacións importantes e innovadoras, ata 10 puntos. Para a puntuación, terase en conta a información contida na proposta presentada.

1.2. Para a adxudicación deste concerto, de acordo co artigo 33 quinquies.5 da Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, darase prioridade ás entidades sen ánimo de lucro, cando existan análogas condicións de efectividade, calidade e rendibilidade social, sempre que, en todo caso, se garanta a libre concorrencia e se respecten os principios de igualdade de trato, de non discriminación e de transparencia.

Deste xeito, a consideración de entidade sen ánimo de lucro inclúese como criterio de desempate.

De persistir o empate entre os solicitantes, será seleccionada a entidade que teña unha maior antigüidade de inscrición no RUEPSS, e, de manterse o empate, a que teña un maior número de prazas autorizadas na área de inclusión.

Artigo 14. Resolución

1. A resolución, logo da proposta, correspóndelle, por delegación da persoa titular da consellería competente en materia de política social, á persoa titular da Dirección Xeral de Inclusión Social.

2. O prazo máximo para resolver e notificar será de 5 meses contado desde a publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Este prazo poderá ser ampliado, de acordo coa normativa sobre o procedemento administrativo. Transcorrido o dito prazo sen recaer resolución expresa, as solicitudes teranse por desestimadas.

3. A resolución de concesión recollerá os seguintes datos:

a) NIF, razón social e número de rexistro no RUEPSS da entidade que concerta.

b) Denominación e número de rexistro no RUEPSS do centro concertado.

c) Concello e provincia onde está/n situado/s o/os centro/s en que se executarán os servizos.

d) Servizo e número de prazas que se concertan.

e) Período de concerto.

f) Importe do concerto.

Artigo 15. Publicidade dos concertos

Publicarase no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a resolución de concertación, que terá os efectos de notificación.

Sen prexuízo do indicado no parágrafo anterior, de forma complementaria poderase efectuar a notificación da resolución ás entidades solicitantes por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 16. Notificacións por medios electrónicos

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse de forma complementaria só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, da administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia Notifica.gal

Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as persoas interesadas cumpran a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico efectuará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 17. Recursos

A resolución desta convocatoria porá fin á vía administrativa. Contra ela poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ou ben recurso contencioso-administrativo, nos prazos e na forma establecidos na súa respectiva normativa reguladora.

Artigo 18. Formalización dos acordos de concerto social

1. Os concertos sociais resultado desta convocatoria formalizaranse mediante documento administrativo dentro dos 30 días seguintes ao da publicación da resolución de concertación.

2. Os documentos de formalización serán subscritos, en representación da Administración pola persoa titular da Dirección Xeral de Inclusión Social, por delegación da persoa titular da consellería competente en materia de política social.

3. O concerto social perfeccionarase coa súa formalización e non se poderá iniciar a súa execución sen terse efectuado esta previamente.

4. O documento de formalización dos concertos sociais conterá as mencións sinaladas no artigo 19.5 do Decreto 229/2020, do 17 de decembro.

5. No caso de que non se chegase a formalizar o concerto por causas alleas á Administración, poderá, indistintamente:

a) Concertar, sen necesidade de nova solicitude, os servizos ofertados que quedasen excluídos por falta de formalización, seguindo a orde de prelación resultante do procedemento de selección, logo de comprobación de que a entidade segue reunindo os requisitos exixidos.

b) Abrir un novo prazo de presentación de solicitudes ao abeiro da presente convocatoria para concertar os servizos que, se é o caso, quedasen desertos por ausencia de formalización.

Artigo 19. Seguimento e avaliación do concerto social

A Dirección Xeral de Inclusión Social é a responsable do seguimento e avaliación dos acordos de acción concertada subscritos, sen prexuízo das funcións inspectoras que realice o órgano competente en materia de autorización e inspección de servizos sociais da Xunta de Galicia.

Realizarase unha avaliación cada dous anos e unha ao final do concerto social, incluídas as prórrogas subscritas.

CAPÍTULO III

Execución

Artigo 20. Organización e funcionamento da prestación

1. O centro disporá un regulamento de réxime interno, que deberá ser visado pola consellería competente en materia de política social, e que deberá estar exposto nun lugar visible do centro e que lles entregará no momento do seu ingreso ás persoas designadas para ocupar as prazas públicas do servizo concertado.

2. Sen prexuízo das referidas normas de funcionamento, o centro deberá axustarse ao establecido no prego técnico desta convocatoria.

Artigo 21. Cobertura de prazas e acceso aos servizos polas persoas usuarias

1. A asignación do recurso será determinada conforme os criterios aprobados polo órgano que teña asumido as competencias en materia de inclusión social da Xunta de Galicia. A asignación do usuario será por proposta dos servizos sociais comunitarios dalgún concello de Galicia.

2. Na data do ingreso a persoa usuaria no centro e a persoa responsable da entidade asinarán un contrato de prestación de servizos, que deberá cumprir cos requisitos exixidos pola normativa aplicable e regulará os aspectos fundamentais da relación desde o seu ingreso ata a súa baixa no centro. No contrato deberá constar, necesariamente, a obriga da persoa usuaria de aboarlle á entidade concertada o importe que lle corresponda e a forma e prazos en que deben efectuarse os correspondentes pagamentos.

Artigo 22. Obrigas da entidade concertada

1. A formalización dun concerto social obrigará a entidade concertada ao cumprimento das obrigas establecidas no artigo 20 do Decreto 229/2020, do 17 de decembro.

2. A entidade concertada é responsable da organización do servizo, da calidade técnica dos traballos que desenvolve e das prestacións e servizos realizados, así como das consecuencias que se deduzan para a Administración ou para terceiros das omisións, erros, métodos inadecuados ou conclusións incorrectas na execución da prestación obxecto de concerto.

3. A entidade concertada comprométese expresamente ao cumprimento do disposto na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, no Regulamento 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos e polo que se derroga a Directiva 95/46/CE (Regulamento xeral de protección de datos), así como a restante normativa vixente na materia.

A entidade concertada e o persoal que teña relación directa ou indirecta coa prestación ás persoas usuarias da atención obxecto do concerto gardarán segredo profesional sobre todas as informacións, documentos e asuntos aos cales teñan acceso ou coñecemento durante a vixencia do contrato, e están obrigados a non facer público ou allear cantos datos coñezan como consecuencia ou con ocasión da súa execución, mesmo despois de finalizar o prazo contractual.

No caso de que as entidades concertadas, como encargadas do tratamento, destinen os datos a finalidade distinta á estipulada, os comuniquen ou utilicen incumprindo as presentes bases, serán consideradas tamén responsables do tratamento, respondendo das infraccións en que incorresen.

As entidades concertadas como encargadas do tratamento comprométense á observancia das medidas de seguridade correspondentes ao tratamento dos datos persoais.

4. Deberán designar un responsable do servizo ao seu cargo, quen coordinará e supervisará a súa prestación. O dito responsable recibirá e executará as indicacións que o órgano con atribucións da consellería competente en materia de política social considere oportuno impartir en relación coa prestación do servizo, e deberá ter atribucións suficientes para adoptar, se é o caso e no momento en que se requira, as decisións necesarias para asegurar un bo funcionamento deste.

5. Están obrigados a manter vixente o seguro de responsabilidade civil, exixido en virtude do artigo 5, durante toda a duración do acordo de concerto social.

6. No caso de resolución do concerto ou extinción polo seu incumprimento, a entidade concertada estará obrigada a seguir prestando o servizo ata a formalización do novo concerto. Nestes casos de extensión do servizo, a entidade concertada terá dereito a ser compensada de acordo cos prezos establecidos no propio acordo de concertación.

Artigo 23. Obrigas da Administración concertante

A formalización dun concerto social obrigará a Administración concertante ao cumprimento das obrigas establecidas no artigo 22 do Decreto 229/2020, do 17 de decembro.

Artigo 24. Publicidade

1. As entidades acollidas ao concerto social, xunto coa súa denominación, teñen que facer constar na documentación, en todas as comunicacións externas, particularmente ás persoas usuarias dos servizos (informes, documentos, trípticos de difusión, webs, insercións en prensa) e na publicidade que realizan, a condición de entidade concertada pola Xunta de Galicia, segundo as indicacións do Manual de identidade corporativa que se facilitará desde a Administración, sempre co visto e prace da consellería competente en materia de política social.

2. As entidades acollidas ao réxime de concerto social teñen que colocar nun lugar visible das súas instalacións a indicación «Centro concertado coa Xunta de Galicia» co logotipo correspondente, que lle proporcionará a consellería competente en materia de política social.

3. Toda a publicidade, a documentación escrita, os anuncios ou a sinalización exterior, como tamén calquera tipo de información en apoio electrónico, informático ou telemático que derive desta actividade, ten que utilizar unha linguaxe inclusiva de mulleres e homes.

4. As entidades concertadas teñen a obriga de apuntar na súa memoria anual de funcionamento toda a publicidade, a documentación escrita, os anuncios ou a sinalización que utilizasen, en que conste que existe financiamento da Xunta de Galicia.

Artigo 25. Réxime de compatibilidade

1. De acordo co exposto no artigo 38 do Decreto 229/2020, do 17 de decembro, o réxime de concertos sociais será incompatible coas subvencións para o financiamento do servizo de reserva e ocupación de prazas concertadas.

2. Sen prexuízo do sinalado no punto anterior, este réxime é compatible con programas específicos que non financien gastos estruturais imputables a este concerto.

Artigo 26. Subcontratación e cesión de servizos concertados

1. Só se poderán subcontratar aquelas prestacións accesorias ou complementarias do obxecto principal do concerto social, ata unha porcentaxe máxima do 60 % do prezo do concerto.

Poderanse subcontratar, entre outras, as seguintes prestacións:

a) Servizo de manutención, transporte, limpeza ou outras de análoga consideración.

b) Aquelas actividades que correspondan á prestación de servizos profesionais (como é o caso, entre outros, do servizo médico, de enfermaría ou de fisioterapia), que non requiran exclusividade ou que teñan natureza de servizos xerais, que sexan necesarios para cubrir as necesidades de atención integral ou execución do servizo.

Os subcontratistas quedarán obrigados só ante a entidade concertada, que asumirá a total responsabilidade da execución e da prestación do servizo fronte á Administración.

Para os efectos do previsto no punto anterior, a entidade concertada será responsable de que, na execución da actividade accesoria ou complementaria subcontratada con terceiros, se respecten os límites que se establezan na normativa de concertos sociais en canto á natureza e contía máxima.

2. Queda prohibida a cesión, total ou parcial, dos servizos obxecto do concerto social, excepto cando a entidade concertada sexa declarada en concurso de acredores e non quede garantida a continuidade da atención das persoas usuarias, con autorización expresa e previa da Administración, que adoptará as medidas precisas para garantir a continuidade e calidade do servizo.

3. O cambio de titularidade do servizo concertado, xa sexa por sucesión da entidade concertada ou pola cesión do concerto formalizado, terá a consideración de modificación do concerto social.

Poderase producir a sucesión da entidade concertada cando esta se fusione ou transforme noutra. Neste caso, o concerto continuará vixente coa entidade que a suceda, sempre que esta continúe reunindo os requisitos exixidos para formalizar o concerto social.

A entidade sucesora subrogarase nos dereitos e obrigas derivados do concerto social que estean vixentes no momento da sucesión.

Se non é posible concertar coa entidade sucesora por non cumprir esta cos requisitos exixidos no concerto social, considerarase para todos os efectos un suposto de resolución do concerto por culpa da entidade concertada.

Para os efectos anteriores, a entidade concertada deberá comunicar á Consellería de Política Social e Igualdade a circunstancia que a producise.

Artigo 27. Resolución de conflitos

As cuestións litixiosas derivadas da aplicación do réxime de concerto social serán resoltas polo órgano competente da Administración concertante, sen prexuízo de que, unha vez esgotada a vía administrativa, se poidan someter á xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 28. Penalizacións por incumprimento

1. En caso de cumprimento defectuoso da execución dos servizos concertados, ou, se é o caso, incumprimento dos medios persoais e materiais exixidos nas presentes bases, a Administración poderá impoñer á entidade as penalidades indicadas no punto seguinte.

Considerarase execución defectuosa os seguintes supostos:

a) O incumprimento da obriga de manter, durante toda a vixencia do concerto, as condicións técnicas de capacidade que foron exixidas nestas bases.

b) A utilización de medios persoais ou materiais inferiores aos establecidos nestas bases.

c) As deficiencias na prestación do servizo, na satisfacción de necesidades e no control e protección das persoas usuarias que afecten a súa integridade física ou emocional cando sexan imputables á entidade.

d) A inobservancia reiterada das instrucións dadas pola Administración concertante, relativas á correcta prestación do servizo ou pola ocultación de feitos relevantes que afecten as persoas usuarias ou a prestación do servizo.

e) O mal trato dispensado polo persoal da entidade adscrita á execución do concerto ás persoas beneficiarias do servizo, entendéndose por tal os abusos e a desatención das devanditas persoas, e inclúe todos os tipos de malos tratos físicos ou psicolóxicos, desatención, neglixencia ou doutro tipo que causen ou poidan causar un dano á saúde, desenvolvemento ou dignidade da persoa usuaria, ou poñer en perigo a súa supervivencia, no contexto dunha relación de responsabilidade, confianza ou poder.

f) A negativa para admitir no servizo a calquera persoa usuaria proposta segundo o previsto nas presentes bases.

2. A base económica das penalizacións calcularase sobre o total de prazas concertadas no centro no momento en que se producise o feito que dea lugar ás penalidades, valoradas ao orzamento do concerto en cómputo anual, segundo a seguinte fórmula:

Servizo de atención residencial:

BP= Prazas concertadas × (prezo unitario praza/mes) × 12.

3. Poderase impoñer unha penalidade de ata o 1,5 % da base económica no caso de incumprimento das condicións técnicas de prestación do servizo, sempre que dean lugar a unha situación de risco para a saúde e a integridade da persoa usuaria.

4. Poderase impoñer unha penalidade de ata o 0,5 % da base económica nos seguintes casos:

a) Por incumprimento das condicións técnicas de prestación do servizo, sempre que non dean lugar a unha situación de risco para a saúde e a integridade da persoa usuaria.

b) Pola disposición de medios persoais inferiores ao establecido na normativa vixente en cada momento.

c) Polo incumprimento de calquera outra obriga establecida no Decreto 229/2020, do 17 de decembro, e nesta convocatoria.

5. En todo caso, cando a contía das penalidades impostas por estas causas alcance o 10 % do importe do concerto, poderá procederse á resolución do acordo.

6. Nos casos en que, debido ao cumprimento defectuoso da entidade concertada ou ao incumprimento das condicións esenciais do concerto social, a Administración concertante teña que intervir en defensa dos dereitos das persoas usuarias, poderá exixirlle á entidade os danos e perdas sufridos.

7. Os actos ou resolucións que finalicen os procedementos administrativos no relativo á imposición de penalizacións ou determinación dos danos e perdas producidos serán inmediatamente executivos e faranse efectivos mediante deducións nos pagamentos que se deben facer á entidade.

8. Para a imposición á entidade concertada deste tipo de penalidades, instruirase un procedemento en que, necesariamente, terá lugar o trámite de audiencia.

Artigo 29. Causas de extinción

1. Os acordos de acción concertada derivados desta convocatoria extinguiranse polas causas establecidas no capítulo VI do Decreto 229/2020, do 17 de decembro.

2. Extinguido o acordo, a Consellería de Política Social e Igualdade garantirá ás persoas usuarias a continuidade do servizo e a entidade concertada deberá seguir prestando o servizo, en idénticas condicións, durante o tempo indispensable para que a Administración poida asegurar a dita continuidade.

CAPÍTULO IV

Modificación de concertos

Artigo 30. Modificación do acordo de concertación

Unha vez formalizados os acordos de concertación, poderán ser modificados nos supostos, cos requisitos e seguindo o procedemento establecido no artigo 27 do Decreto 229/2020, do 17 de decembro.

Artigo 31. Modificación do número de prazas concertadas

1. De acordo coas dispoñibilidades orzamentarias e estando xustificada na demanda dos servizos polas persoas que teñan ou poidan ter dereito a estes, poderá modificarse o número de prazas obxecto do concerto social durante a súa vixencia.

2. A porcentaxe de incremento do número de prazas de cada concerto social non poderá exceder o 50 % de cada acordo.

3. Poderase minorar o número de prazas ou servizos concertados nos casos en que non exista suficiente demanda para a súa cobertura. Nos casos en que esta insuficiencia da demanda sexa prolongada, durante tres meses consecutivos ou de seis meses nun período de doce, a Administración concertante poderá impoñer, unilateralmente, a minoración do número de prazas afectadas.

Artigo 32. Modificación das condicións técnicas

1. As condicións recollidas no prego técnico poderán ser modificadas como consecuencia de cambios normativos que as afecten ou da súa revisión por parte da Administración. Neste último caso, deberán estar motivadas pola mellora das condicións de prestación dos servizos mediante informe do órgano competente e logo de audiencia ás entidades concertadas afectadas para que poidan formular alegacións á revisión proposta.

2. No expediente de modificación deberá constar unha memoria económica en que se avalíe o impacto no cambio das condicións técnicas nos prezos unitarios ou módulos económicos. De ter incidencia nestes últimos, deberase proceder ao seu reaxuste.

3. A modificación das condicións técnicas deberá afectar todas as prazas da mesma tipoloxía de servizo, sen que se poida facer distinción en función da entidade concertada.

CAPÍTULO V

Financiamento da acción concertada

Artigo 33. Orzamento do concerto

1. A presente convocatoria conta cun orzamento de 1.007.045,978 € (IVE incluído), que se financiará con cargo á aplicación 11.03.313C.228 dos orzamentos de gastos da Comunidade Autónoma de Galicia para o exercicio 2024, e a aplicación que corresponda para os anos 2025 a 2028, coa seguinte distribución:

Ano

Orzamento base

IVE

Orzamento total con IVE

2024

69.355,78 €

14.564,71 €

83.920,50 €

2025

208.067,35 €

43.694,14 €

251.761,49 €

2026

208.067,35 €

43.694,14 €

251.761,49 €

2027

208.067,35 €

43.694,14 €

251.761,49 €

2028

138.711,57 €

29.129,43 €

167.841,00 €

Total 832.269,40 €

Total con IVE

1.007.045,97 €

Artigo 34. Módulos económicos

1. O módulo económico para a reserva e ocupación de prazas por cada tipo de servizo será o seguinte:

Servizo

Prezo praza sen IVE

IVE (21 %)

Prezo total

Servizo integral de inclusión sociolaboral

1.576,27 €/mes

331,02 €

1.907,28 €/mes

2. Das posibles renovacións e modificacións resulta o seguinte valor estimado:

Modificacións:

Ano

Total custo praza ano sen IVE

Total custo ano concerto sen IVE

IVE

Total coste anual con IVE

Modificado 50 %

IVE

Total modificado con IVE

2024

6.305,07 €

69.355,78 €

14.564,71 €

83.920,50 €

31.525,36 €

6.620,32 €

38.145,68 €

2025

18.915,21 €

208.067,35 €

43.694,14 €

251.761,49 €

94.576,07 €

19.860,97 €

114.437,04 €

2026

18.915,21 €

208.067,35 €

43.694,14 €

251.761,49 €

94.576,07 €

19.860,97 €

114.437,04 €

2027

18.915,21 €

208.067,35 €

43.694,14 €

251.761,49 €

94.576,07 €

19.860,97 €

114.437,04 €

2028

12.610,14 €

138.711,57 €

29.129,43 €

167.841,00 €

63.050,71 €

13.240,65 €

76.291,36 €

Renovacións:

Ano

Total custo praza ano sen IVE

Total coste ano concerto sen IVE

IVE

Total coste anual con IVE

2028

12.610,14 €

201.762,28 €

42.370,08 €

244.132,36 €

2029

18.915,21 €

302.643,42 €

63.555,12 €

366.198,54 €

2030

18.915,21 €

302.643,42 €

63.555,12 €

366.198,54 €

2031

18.915,21 €

302.643,42 €

63.555,12 €

366.198,54 €

2032

18.915,21 €

302.643,42 €

63.555,12 €

366.198,54 €

2033

18.915,21 €

302.643,42 €

63.555,12 €

366.198,54 €

2034

6.305,07 €

100.881,14 €

21.185,04 €

122.066,18 €

Total

Total con IVE

2.197.191,23 €

Artigo 35. Revisión dos módulos económicos

1. Os módulos económicos poderán ser revisados cando se produza unha variación substancial nos custos do servizo respecto das condicións económicas do concerto social. Para estes efectos, serán revisables desde a entrada en vigor dos concertos conforme as variacións económicas do Convenio colectivo estatal de acción e intervención social 2022-2024, publicado no BOE do 28 de outubro de 2022, coas limitacións que a normativa vixente estableza.

A revisión dos módulos precisará dun informe da Dirección Xeral de Inclusión sobre os custos económicos do concerto social, en que se evidencie a necesidade da revisión.

2. No suposto en que se produza unha variación substancial nos custos que implique unha alteración substancial do equilibrio económico do concerto social, procederase á revisión de prezos establecida no artigo 5 da Lei 2/2005, do 30 de marzo, de desindexación da economía española, sempre que se xustifique nunha memoria económica específica para este fin.

A dita memoria económica deberá axustarse ao previsto no artigo 12 e á disposición adicional primeira do Real decreto 55/2017, do 3 de febreiro, polo que se desenvolve a Lei 2/2015, do 30 de marzo, de desindexación da economía española. En todo caso, a dita memoria deberá xustificar a oportunidade da revisión e a análise do impacto económico e orzamentario. A revisión de prezos quedará condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente.

3. A revisión dos prezos ou módulos económicos efectuarase mediante resolución ditada para o efecto polo órgano competente, que deberá ser publicada no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 36. Pagamento do custo do concerto

1. Para o aboamento das compensacións económicas, a entidade concertada deberá presentar ante a Dirección Xeral de Inclusión Social, nos 5 primeiros días do mes seguinte á prestación dos servizos, a correspondente factura e os seguintes documentos:

a) Declaración responsable do que cumpre as ratios de persoal establecidas no prego técnico desta convocatoria.

b) Liquidación de estadías mediante declaración responsable, emitida pola persoa titular ou responsable do centro, das cantidades que se perciban, en que se expresarán os conceptos polos que se efectúa a dita declaración (praza ocupada/praza reservada/praza vacante) e os días que correspondan a cada un dos conceptos.

A factura e demais documentación indicada nas letras a) e b) deste punto deberá presentarse de forma telemática a través do Sistema electrónico de facturación da Comunidade Autónoma de Galicia (dispoñible no enderezo electrónico https://factura.conselleriadefacenda.es/eFactura_web/).

A contraprestación que deberá satisfacer a Administración ás entidades concertadas virá determinada polo número total de prazas efectivamente ocupadas.

No caso de prazas reservadas e vacantes, a Administración achegará a parte do módulo determinado segundo o punto seguinte.

A Administración concertante terá a obriga de aboar o prezo dentro dos 30 días seguintes á data de aprobación dos documentos que acrediten a conformidade co disposto no concerto social dos servizos prestados.

2. Para os efectos da liquidación mensual, establécese a seguinte clasificación das prazas:

a) Praza ocupada: é aquela praza asignada a unha persoa usuaria desde o momento en que se produza o seu ingreso no centro. Nestas prazas, a entidade concertada percibirá o 100 % do importe da praza. Para os efectos previstos a continuación, a ausencia da persoa usuaria durante 10 días de prestación do servizo en cómputo mensual ou menos non modifica a cualificación da praza.

b) Praza reservada: terán a consideración de praza reservada e non vacante aquelas ocupadas por un usuario durante os períodos de ausencia deste en virtude de permisos, enfermidade ou internamento en establecementos hospitalarios, sempre que estes períodos de ausencia duren máis de 10 días naturais ao mes. No caso de permisos, estes non poderán superar os 30 días naturais e serán outorgados pola dirección xeral competente en materia de inclusión social por proposta do centro adxudicatario. Excepcionalmente, o permiso poderá ampliarse ata un máximo de 30 días adicionais. Neste caso, o usuario deberá xustificar a ampliación do prazo de reserva e o centro adxudicatario emitir informe favorable sobre a necesidade da ampliación. Unha vez transcorrido este prazo sen que a praza sexa ocupada, extinguirase a reserva e perderase a praza asignada. Neste caso, a praza liquidarase polo 40 % do prezo praza/mes de concertación, na parte correspondente ao período de ausencia.

c) Praza vacante: terá a consideración de praza vacante aquela concertada que non fose asignada a unha persoa usuaria. Neste caso, non procederá o pagamento en concepto de reserva de praza.

3. Cando a incorporación e baixa de usuarios non se produza o primeiro ou o último día do mes, respectivamente, liquidarase a parte proporcional ao período de ocupación da praza (cuantificado en días naturais) e aplicarase a seguinte fórmula:

Prezo praza/mes×12

× nº de días naturais do período de ocupación

365

A anterior fórmula utilizarase tamén para a liquidación dos períodos de ausencia previstos no punto 2.b).

4. A contribución das persoas usuarias no financiamento do servizo virá determinada pola consellería competente en materia de política social, de acordo coa normativa que, ao respecto, sexa de aplicación.

5. Na facturación por parte das entidades concertadas só deberán aplicar IVE aquelas entidades que, por lei, estean suxeitas a este imposto.

Artigo 37. Constitución de garantías

Para a formalización dos concertos sociais non se exixe constitución de garantía nin provisional nin definitiva ao tratarse da prestación de servizos sociais, ao abeiro do artigo 107 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público.

Disposición adicional primeira. Continuidade de persoas usuarias de praza pública

1. As persoas que estean atendidas nunha praza pública contratada cunha entidade que resulte concertada a través deste procedemento manterán o seu dereito para continuar na mesma praza e non se poderán ver afectadas como consecuencia da resolución da presente convocatoria.

2. A resolución desta convocatoria non suporá, por si mesma, a revisión do programa individual de atención das persoas usuarias das respectivas prazas.

Disposición adicional segunda. Delegación de competencias

Autorízase expresamente a persoa titular da Dirección Xeral Inclusión Social para resolver, por delegación da persoa titular da consellería competente en materia de política social, a concesión, denegación, modificación ou outras actuacións que lle corresponda para o desenvolvemento e aplicación desta convocatoria.

Disposición derradeira primeira. Réxime de impugnacións

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación. Así mesmo, con carácter potestativo, poderán interpoñer recurso de reposición no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación, ante o mesmo órgano que ditou a resolución. Todo iso de conformidade co establecido nos artigos 112, 114, 115, 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e os artigos 8, 14.2 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, sen prexuízo de que poidan exercer, se é o caso, calquera outro que consideren procedente.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de abril de 2024

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social e Igualdade

ANEXO I

Prego técnico do concerto para a reserva e ocupación de prazas nun centro
de acollida e inclusión no concello da Coruña

1. Obxecto do concerto.

O obxecto do concerto e describir as condicións técnicas da prestación dos servizos nas 11 prazas concertadas que os centros de acollida e inclusión debe cumprir para mellorar a situación de exclusión ou risco de exclusión das persoas beneficiarias.

Entendendo que son centros de acollida e inclusión aqueles equipamentos en réxime residencial temporal en que, mediante unha actuación programada, se posibilitan oportunidades de axuste persoal e incorporación sociolaboral ás persoas en situación ou risco de exclusión social.

O seu programa de intervención específico adaptarase ás características e ás necesidades sociais a que se pretende dar resposta.

Os centros de acollida e inclusión organizarán a súa actividade mediante o deseño, a execución e a avaliación de proxectos de traballo que desenvolva o programa básico de acollemento e inclusión social dirixido a persoas ou familias excluídas ou en risco de exclusión ou de emerxencia social, manutención e aloxamento de xeito estable por un período de tempo determinado, mentres participan nun proxecto de inserción encamiñado ao logro da súa incorporación social e laboral.

2. Definición do servizo.

2.1. Definición.

Os servizos que ofrece un centro de acollida e inclusión correspóndense co servizo de acollida básica e mais co servizo integral de inclusión sociolaboral con internamento residencial, previstos no Decreto 61/2016, do 11 de febreiro, polo que se define a Carteira de servizos sociais de inclusión.

O servizo de acollida básica comprende as seguintes prestacións:

a) Atención social, diagnose ou valoración da situación social.

b) Aloxamento completo por un período de tempo determinado, prestando especial atención ás persoas que, pola súa especial problemática, necesiten un seguimento continuado para mellorar as súas condicións de vida, potenciar a súa autonomía e previr a súa exclusión.

c) Manutención.

d) Enderezo postal.

e) Apoio para preservar a autonomía persoal.

f) Accións de adquisición e/ou fortalecemento das capacidades persoais e sociais.

g) Apoio socioeducativo para a adherencia a tratamentos de prescrición facultativa.

h) Roupeiro.

O servizo integral de inclusión sociolaboral comprende as seguintes prestacións:

a) Atención social, diagnose ou valoración da situación social.

b) Deseño, seguimento e avaliación do proxecto de inclusión social e/ou sociolaboral.

c) Acompañamento social.

d) Manutención.

e) Aloxamento completo, de xeito estable, por un período de tempo determinado, mentres as persoas usuarias participan nun proxecto de inserción encamiñado ao logro da súa incorporación social e laboral.

f) Accións de adquisición e/ou fortalecemento das capacidades persoais e sociais.

g) Accións promotoras do acceso e permanencia no mercado laboral.

h) Roupeiro.

i) Atención á convivencia, velando especialmente polo respecto á diversidade relixiosa e cultural.

j) Mediación laboral.

k) Prospección e intermediación laboral activa.

l) Apoio socioeducativo para a adherencia a tratamentos de prescrición facultativa.

Os servizos prestaranse nun centro de acollida e inclusión que conte coa preceptiva autorización administrativa, de conformidade co disposto no Decreto 254/2011, do 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e a inspección de servizos sociais (DOG nº 14, do 20 de xaneiro de 2012).

2.2. Obxectivos do servizo.

Os obxectivos comprenden dous niveis de intervención: individual e familiar. Por unha banda, intervirase coa persoa, procurándolle unha atención integral e a cobertura das súas necesidades, a potenciación da autonomía persoal e o desenvolvemento das súas capacidades. Pero o traballo tamén debe enfocarse, por outra banda, cara á unidade familiar, facilitándolle apoio e asesoramento no proceso de integración social.

Atendendo a estes niveis, sinálanse os seguintes obxectivos para acadar, entre outros:

– Garantir e procurar servizos de aloxamento e manutención, así como de valoración, asesoramento e atención psicosocial.

– Deseñar, acordar e desenvolver procesos integrais e individualizados de incorporación ou reincorporación social e laboral, utilizando os itinerarios personalizados como metodoloxía de intervención.

– Facilitar o desenvolvemento persoal e a normalización social, potenciando a autonomía da persoa, mellorando a súa autoestima e promovendo a súa participación social, mediante programas de habilidades sociais e de axuste persoal e social.

– Detectar e intervir nas necesidades de tipo educativo, social, sanitario, así como promover o acceso e uso normalizado dos servizos e recursos públicos e privados da comunidade.

– Mellorar a súa empregabilidade e posibilitar o acceso ao mercado laboral a través da formación para o emprego e do traballo de desenvolvemento de competencias e destrezas profesionais.

– Promover e educar en hábitos de vida saudables e de autocoidado persoal, en prol de mellorar ou manter o mellor nivel de saúde posible.

– Proporcionar servizos de asesoramento e recursos de apoio familiar.

3. Poboación atendida polo servizo.

Poderán ser atendidas por este servizo as persoas que, de conformidade cos criterios establecidos no artigo 3 da Lei 10/2013, do 27 de novembro, de inclusión social de Galicia, estean valoradas polos servizos sociais comunitarios en situación o risco de exclusión social ou en situación de emerxencia social.

A idade de admisión na praza concertada será de 18 a 74 anos. Ademais, deberán cumprir os seguintes requisitos:

• Ter a súa residencia efectiva e estar empadroado/a nalgún concello de Galicia, polo menos durante un ano completo inmediatamente anterior ao seu ingreso no centro, agás no caso de galegos emigrantes retornados e cidadáns doutras comunidades autónomas e estranxeiros, que se rexerán polo previsto nos tratados e convenios oportunos.

• Asinar un proxecto de inserción no prazo de dous (2) meses desde o seu ingreso no centro e aceptar o regulamento de réxime interior do centro.

4. Designación de usuarios/as.

4.1. O acceso dos usuarios ás prazas concertadas será determinado conforme os criterios aprobados polo órgano que teña asumido as competencias en materia de inclusión social da Xunta de Galicia. A asignación do usuario será por proposta dos servizos sociais comunitarios dalgún concello de Galicia.

A notificación de adxudicación de praza efectuaraa a entidade concertada e será realizada persoalmente aos/ás interesados/as ou aos seus representantes legais por calquera medio que permita ter constancia da recepción.

4.2. Prazas reservadas. Terán a consideración de praza reservada e non vacante aquelas ocupadas por un usuario durante os períodos de ausencia deste, en virtude de permisos, enfermidade ou internamento en establecementos hospitalarios, sempre que estes períodos de ausencia duren máis de 10 días naturais ao mes. No caso de permisos, estes non poderán superar os 30 días naturais e serán outorgados pola Dirección Xeral de Inclusión Social por proposta do centro adxudicatario. Excepcionalmente, o permiso poderá ampliarse ata un máximo de 30 días adicionais. Neste caso, o usuario deberá xustificar a ampliación do prazo de reserva e o centro adxudicatario informar favorablemente da necesidade da ampliación do prazo de reserva. Unha vez transcorrido este prazo sen que a praza sexa ocupada, extinguirase a reserva e perderase a praza asignada.

4.3. Participación económica das persoas usuarias. Cada persoa usuaria achegaralle, ao adxudicatario, a maiores, en concepto de copagamento, o 67 % da pensión ou prestación pública que perciba, excluídas, en todo caso, as pagas extraordinarias. A dita achega destinarase aos gastos de manutención. Non obstante, o/a profesional de referencia do centro valorará a gradación da súa contía, en función do que considere máis adecuado para o éxito do proxecto de inserción de cada persoa usuaria. No caso da praza reservada, a participación da persoa usuaria será do 40 % do importe correspondente á participación no seu funcionamento.

4.4. Prazas vacantes: terán a consideración de praza vacante aquelas contratadas que non fosen asignadas a un beneficiario. Neste caso, non procederá o pagamento de cantidade ningunha.

4.5. Período de adaptación. Considerase como período de adaptación dos/das usuarios/as designados pola Dirección Xeral de Inclusión Social o constituído polos 30 días naturais seguintes ao do ingreso. No caso de que a ocupación das prazas estea previsto que sexa inferior a tres meses, a duración do período de adaptación será de dez días.

Se durante o dito período se aprecian circunstancias persoais que impidan a atención do/da usuario/a, a entidade deberá poñelo en coñecemento da consellería competente en materia de política social, mediante un informe razoado, sendo vinculante a resolución que ao respecto adopte esta última.

Transcorrido este período, a persoa usuaria designada pola Dirección Xeral de Inclusión Social consolidará o seu dereito á ocupación da praza, salvo que a concesión desta teña carácter temporal, caso en que a dita consolidación terá como límite o establecido na resolución de concesión.

4.6. Réxime interno. A entidade concertada disporá un regulamento de réxime interno, que deberá ser visado pola consellería competente en materia de política social, e que deberá estar exposto nun lugar visible do centro.

Os/as usuarios/as das prazas veñen obrigados a cumprir as normas de réxime interno do centro. No caso de que a aplicación do dito regulamento dese lugar á perda de condición de usuario/a, a dita circunstancia deberá notificarse previamente á Dirección Xeral de Inclusión Social da consellería competente en materia de política social, que será a competente para ditar a resolución que proceda. Neste suposto, a entidade concertada deberá tramitar, previamente, o oportuno expediente en que se garanta o trámite de audiencia ao interesado ou ao seu representante legal, dando traslado da proposta e demais documentación que integre o expediente á Dirección Xeral de Inclusión Social para a súa resolución definitiva.

Logo de recibir a notificación da concesión da praza, os usuarios/as deberán asinar un contrato de prestación de servizos, para o que a entidade adxudicataria deberá achegar un modelo tipo de contrato, que terá que ser supervisado previamente pola consellería competente en materia de política social.

A persoa usuaria e a entidade contratante subscribirán o antedito contrato antes do ingreso, debendo constar nel necesariamente a obriga da persoa usuaria de aboarlle á entidade contratante o importe que lle corresponde e a forma e prazos en que deben efectuarse os correspondentes pagamentos.

A entidade concertada e o persoal que teña relación directa ou indirecta coa prestación aos usuarios/as da atención prevista neste prego gardarán o segredo profesional sobre todas as informacións, documentos e asuntos a que teñan acceso ou coñecemento durante a vixencia do contrato, estando obrigados a non facer público nin allear cantos datos coñezan como consecuencia ou con ocasión da súa execución, mesmo despois de finalizar o prazo contractual. A entidade comprométese, expresamente, ao cumprimento do disposto na lexislación vixente en materia de protección de datos de carácter persoal, así como a formar e informar o seu persoal nas obrigas que de tales normas dimanan.

5. Contidos.

5.1. De conformidade co Decreto 61/2016, do 11 de febreiro, polo que se define a Carteira de servizos sociais de inclusión, os servizos que vai prestar a entidade concertada incluirán:

5.1.1. Servizos hostaleiros.

• Aloxamento: cuartos, baños e espazos comúns. Permitirase o residente ter no seu cuarto motivos de decoración e utensilios propios, que faciliten a adaptación.

• Limpeza de instalacións: a dirección do centro garantirá a limpeza das instalacións. As persoas usuarias realizarán, na medida das súas posibilidades, a limpeza dos espazos de uso privativo e o centro supervisará e, se é o caso, complementará, os labores de limpeza, para o que contará co persoal necesario.

• Manutención: almorzo, xantar, merenda e cea. Dispensa de dietas especiais cando exista unha prescrición previa do facultativo correspondente que así o aconselle.

• Utilización do comedor, salas de convivencia e demais espazos comúns, de conformidade co establecido no Regulamento de réxime interno do centro.

• Lavandaría: inclúe marcación da roupa, pasada do ferro e arranxos.

• O/a usuario/a, sempre que sexa posible, achegará a roupa e calzado de uso persoal e repoñerao pola súa conta. Poderá fixarse un número mínimo de mudas por usuario/a, de acordo cas súas características. A roupa estará debidamente marcada, por persoal do centro, co fin de garantir en todo caso o uso exclusivo do/da seu/súa propietario/a. O centro velará para que se renoven as pezas deterioradas polo seu uso. O centro deberá contar cun servizo de roupeiro para aquelas persoas usuarias que están a pasan por unha situación carencial aguda que implique a non disposición de recursos económicos. Para prestar o citado servizo, poderá subscribir os oportunos convenios con entidades de iniciativa social que traballan no ámbito da inclusión social.

• O servizo inclúe, para os residentes, a utilización da roupa da cama, mesa e aseo con que está dotado o centro. A muda da lenzaría efectuarase coa frecuencia que requiran as necesidades do/da usuario/a. Cambiaranse coa mesma periodicidade as toallas, manteis e demais enxoval doméstico. O centro renovará, pola súa conta, este tipo de roupa coa frecuencia necesaria para que se manteña en condicións de uso axeitadas.

• Cando se considere oportuno para a mellora das habilidades persoais e sociais poderán establecerse, coa debida supervisión, sistemas de colaboración activa das persoas usuarias nos labores necesarios para o mantemento dos servizos hostaleiros descritos neste punto.

5.1.2. Servizos de coidados persoais e atención individual.

• Garantirase o correcto aseo persoal e diario dos/das usuarios/as, prestándolles o apoio que sexa necesario en cada caso.

• Os produtos de aseo de uso común (xabóns, colonias, pasta dentífrica, champú, xel) achegaraos o centro. Serán a cargo dos/das usuarios/as aqueles produtos de marcas ou tipos específicos preferidos por eles.

• Apoio nas actividades instrumentais da vida diaria e axuda na tramitación de recursos, e demais xestións persoais (axudas, pensión).

• Apoio para preservar a autonomía persoal, con especial atención ás persoas que, pola súa especial problemática, necesiten un seguimento continuado para mellorar as súas condicións de vida, potenciar a súa autonomía e previr a súa exclusión.

5.1.3. Servizos psico-sociais:

• Servizo de atención social, con especial énfase na acollida, valoración inicial e apoio no momento do ingreso e no proceso de adaptación ao centro.

• Diagnóstico, deseño e elaboración dun proxecto de inserción social e/ou laboral individualizado e acordado coa persoa usuaria. Titorización e apoio no desenvolvemento destes procesos persoais de inserción.

• Información e orientación sobre os recursos existentes en materia de servizos sociais, emprego, saúde, educación, e derivación, de ser o caso, ás/aos profesionais destes recursos ou servizos.

• Programas de intervención en funcións psicoafectivas, equilibrio psicolóxico e problemas conductuais.

• Programa de intervención social e comunitaria: apoio social, integración e participación social, lecer, voluntariado.

• Actividades de convivencia e de animación sociocultural.

• Actividades dirixidas á adquisición de habilidades para a vida diaria e normalización social en diferentes ámbitos:

– Persoal: educación en hábitos alimenticios, hixiénicos e sanitarios recomendables, prevención de riscos.

– Social: formación en habilidades para a mellora dos comportamentos sociais e da relación interpersoal, comunicación e escoita activa, asertividade, respecto dos dereitos das demais persoas, defensa dos seus dereitos, desenvolvemento no contorno.

– Doméstico: tarefas do fogar ou lugar onde reside (arranxar o seu cuarto, poñer a mesa, colaborar na cociña), administración.

– Intervención familiar: nos casos de desestruturación, atención das problemáticas da unidade de convivencia, actividades para o fortalecemento ou mellora das relacións, e instancia, cando sexa pertinente, dos procesos de modificación da capacidade de obrar, tutela.

5.1.4. Servizos na área de inserción laboral:

Organizaranse ou promoveranse externamente en cooperación co sistema galego de servizos sociais e a rede de entidades sociais colaboradoras, as seguinte actividades:

• Actividades formativas de carácter prelaboral: adquisición de habilidades laborais, hábitos de horarios, distribución do tempo, traballo en equipo.

• Atención ás necesidades educativas ou de formación, e procura do acceso a recursos para a educación básica, de formación para o emprego e/ou alfabetización dixital que precise a persoa usuaria.

• Orientación, formación e apoio na busca activa de emprego.

• Intermediación ou prospección laboral.

• Actividades de seguimento e apoio na inserción laboral e para o mantemento do posto de traballo.

O traballo nesta área supón que as súas necesidades deben ser atendidas desde un enfoque terapéutico e partindo dunha atención individualizada, para que poidan acceder, cando sexa posible, ao mercado laboral normalizado.

5.1.5. Outros servizos: no caso de falecemento, a entidade comunicarao á familia e aos achegados, e serán a cargo destes os gastos do enterro. No caso de que non conten con familia e ninguén se faga cargo dos gastos, a entidade asumirá os gastos que se ocasionen.

5.2. Condicións de prestación do servizo.

As prazas concertadas serán en réxime de internado de 365 días, repartidas en 9 cuartos individuais e 2 cuartos dobres.

Todas as habitacións deberán contar cun cuarto de baño adaptado propio e de uso exclusivo (non compartido con outra habitación).

O centro de acollida e inclusión debe estar situado no termo municipal do concello da Coruña e deberá permanecer aberto os 365 días do ano e contar con supervisión por persoal de atención directa durante as 24 horas do día.

5.3. Proxecto individualizado de inserción e expediente persoal.

5.3.1. Proxecto individualizado de inserción:

A partir dos dous (2) primeiros meses de estancia, será requisito imprescindible asinar e realizar as actividades incluídas nun proxecto individualizado de inserción para que as persoas usuarias poidan permanecer no centro. Para tales efectos, cada persoa usuaria terá un/unha profesional de referencia, que será responsable do deseño e elaboración do proxecto ou itinerario personalizado de inserción e mais do apoio e titorización da persoa durante o seu proceso de inserción.

Tras a acollida, a entidade concertada realizará para cada persoa usuaria un estudo diagnóstico.

O deseño do itinerario será tarefa do/da profesional de referencia, que formulará propostas de intervención baseadas na información recadada sobre a persoa usuaria e contando coa participación activa desta. As actividades comprendidas no itinerario axustaranse ao perfil, potencialidades e intereses da persoa usuaria, considerando os recursos do contorno (formativos, sanitarios, educativos).

O contido do proxecto de inserción comprenderá a seguinte información: datos sobre aspectos persoais, sociais e familiares da persoa usuaria, aspectos formativos e laborais, habilidades, intereses, da persoa usuaria; avaliación funcional, física, mental e sociofamiliar da persoa; definición da proposta de intervención e dos obxectivos sociolaborais, educativos e de autocoidado; ámbitos de intervención, tipoloxía de actividades para realizar no proceso e recursos da comunidade que se van utilizar, previsiblemente; identificación do/da profesional facilitador/a ou de referencia, axustes realizados polos/as profesionais na proposta de intervención adoptados en función das diferentes áreas avaliadas e polo/a propio/a profesional de referencia tras os seguimentos realizados durante o seu desenvolvemento.

Nun primeiro nivel do proceso, establecerase un marco de traballo entre o/a profesional e a persoa usuaria, que será a protagonista do seu proceso e da toma de decisións e asinará o compromiso da súa participación. No segundo nivel, as actuacións comprendidas dirixiranse, en primeira instancia, á cobertura das necesidades detectadas nos diferentes ámbitos. Procederase, con posterioridade, á realización de actividades preformativas, de educación básica e social para a capacitación persoal e social do/da usuario/a (alfabetización, educación para a saúde) e ao desenvolvemento das prestacións recollidas nas letras C e D do punto 3.3. De xeito complementario, o proceso da persoa incluirá actividades para a capacitación ocupacional e mellora da empregabilidade, basicamente de tipo formativo prelaboral e/ou laboral. O traballo do terceiro nivel centrarase en accións de información, activación e motivación da persoa co obxectivo de acadar a súa integración social, previr a exclusión social e a súa inserción laboral.

O proxecto debe ser obxecto de revisión e avaliación continua, procurando realizar todos os axustes e modificacións que sexan precisos durante o seu desenvolvemento, coa finalidade de acadar os obxectivos establecidos no proceso de cada persoa. O/a profesional de referencia realizará o seguimento do proxecto.

Durante o proceso, o/a profesional de referencia deberá facer as derivacións oportunas da persoa usuaria aos recursos ou servizos de titularidade pública ou privada que sexan de interese para acadar os obxectivos previstos. As derivacións entre profesionais estarán suxeitas ao establecido pola lexislación vixente en materia de protección de datos de carácter persoal, facilitando exclusivamente os datos pertinentes para a intervención, logo da autorización expresa da persoa usuaria. Utilizarase, como soporte informático ou en papel, a ficha de derivación incluída nos protocolos do punto 6 deste documento.

O proxecto de inserción levarase a cabo, sempre que sexa posible, no seo da comunidade, favorecendo a normalización e integración social do usuario/a no ámbito comunitario.

No caso de que a persoa usuaria ingrese no centro cun proxecto de integración social en vigor, elaborado polos servizos sociais comunitarios municipais de referencia da persoa usuaria (como pode ser o caso das persoas perceptoras de renda de inclusión social de Galicia-Risga), o proxecto de inserción que se elabore no centro deberá tomar como referencia o dito proxecto de integración social dos servizos sociais comunitarios municipais, de maneira que o proxecto de inserción do centro sexa coherente co proxecto de integración social precedente.

5.3.2. Expediente persoal do/da usuario/a:

Cada persoa usuaria deberá contar cun expediente persoal, en que constará a información administrativa, social, médica e psicolóxica, así como a que poida derivar do proxecto de inserción a que estea suxeito o usuario/a, os informes técnicos correspondentes, diagnósticos, tratamentos prescritos e o seguimento e avaliación dos programas que se desenvolvan co/coa usuario/a, así como as incidencias producidas no seu desenvolvemento. Estes expedientes, cuxo contido terá carácter confidencial, estarán debidamente ordenados e á disposición da consellería competente en materia de política social, co fin de comprobar a atención prestada aos usuarios/as.

En todo caso, o/a profesional de referencia da persoa usuaria no centro deberá achegar e actualizar a información sobre a intervención realizada e, en particular, sobre o correspondente proxecto de inserción e o seu desenvolvemento, nos sistemas de información do sistema galego de servizos sociais, de acordo coas instrucións da consellería competente en materia de política social.

6. Protocolos.

Os profesionais do centro disporán, como mínimo, dos seguintes protocolos de prevención e/ou atención:

6.1. De ingreso e acollida no centro. Contido do protocolo escrito: detallarase o proceso de recepción, presentación, visita ao centro, información e orientación na chegada, facendo constar o responsable de darlle cumprimento. Rexistros asociados: inventario de efectos do/da usuario/a, rexistro de incidencias durante o período de adaptación. Procurarase que cada residente conte cun/cunha profesional de referencia que se constituirá na persoa facilitadora do seu proceso de inserción, instará a súa revisión e achegará observacións subxectivas.

6.2. Menús. Contido: planificacións mensuais dos menús debidamente supervisados por un médico ou especialista en nutrición, que garantan unha dieta equilibrada. Ademais, contarase con dietas especiais planificadas e debidamente supervisadas (hipocalóricas, para persoas diabéticas, para persoas con intolerancias ou alerxias alimentarias, dietas brandas). Rexistros asociados: rexistro e comunicación a cociña da dieta prescrita polo facultativo.

6.3. Medicación. Contido do protocolo escrito: documenta os procedementos de obtención, almacenamento, conservación, preparación de medicamentos para a súa administración individual e control de administración. Rexistros asociados: follas de ordes médicas para cada usuario/a que a precise onde conste a data de prescrición, o nome da medicación e a súa posoloxía, así como as posibles altas, baixas ou variacións de medicación, de xeito que se manteña sempre actualizada.

6.4. Incidencias: o centro contará cun rexistro xeral e diario de cada quenda en que anotarán as posibles incidencias que se detectaran e que será asinado polas persoas que as fagan constar.

6.5. Emerxencia sanitaria. Contido: contén as actuacións que se deben realizar ante unha situación de emerxencia sanitaria, a quen se debe avisar, que documentación se debe achegar no caso de derivación hospitalaria, quen debe facer os acompañamentos precisos, contactos coa familia.

6.6. Procedemento para a xestión de queixas denuncias e reclamacións.

6.7. Procedemento de actuación ante baixas/falecemento. Protocolo para a xestión das posibles baixas voluntarias, en que conste o responsable da redacción dun informe de saída do centro en que se faga constar o proxecto de inserción, a evolución do usuario/a nel, así como os seus trazos esenciais en canto á súa avaliación física, psíquica e social. Rexistro asociado: modelo de informe de baixa.

6.8. Protocolo de acompañamento nos últimos momentos da vida: recollerá o procedemento para o tratamento do corpo, pertenzas, aviso aos achegados, trámites funerarios, recollida de efectos e entrega da documentación persoal do residente, comunicación administrativa da baixa e liquidación do contrato. Rexistros asociados: rexistro de pertenzas, rexistro de entrega das pertenzas, comunicación oficial da baixa.

6.9. Protocolo de derivación aos diferentes recursos do sistema: fará constar os datos básicos da persoa usuaria, así como os aspectos máis salientables do seu perfil e que poidan ser de utilidade ao destinatario destes para levar a cabo unha intervención axeitada e de calidade ás necesidades da persoa usuaria.

7. Planificación e organización.

O centro disporá:

• Dun organigrama que indique os postos de responsabilidade e as súas funcións, que se lle dará a coñecer ás persoas usuarias, familiares e traballadores.

• Dunha planificación, que deberá recoller os seguintes aspectos:

• Organización e funcionamento: programas de intervención, horarios xerais en que se organiza a comida, horarios de actividades, participación das persoas usuarias.

• Recursos humanos: formación, adestramento, habilidades para atención ás persoas en risco de exclusión ou de emerxencia social, cursos de reciclaxe.

• Así mesmo, o centro disporá dun plan coa programación de actividades, programas, criterios de organización, planificación e funcionamento de todos os seus servizos.

8. Mantemento do centro.

A entidade concertada manterá o centro, o seu equipamento e instalacións en perfectas condicións de conservación e funcionamento, debendo, para tal efecto, subscribir os contratos de mantemento preceptivos, así como levar a cabo as reparacións e reposicións que sexan necesarias facendo fronte ás deterioracións propias do funcionamento diario das dependencias e do seu equipamento.

Existirá un plan integral de mantemento, que incluirá un plan de control de instalacións, un sistema contra incendios, roubo, fugas e calquera outro sistema de necesidades exixido pola normativa.

Realizaranse e protocolarizaranse as tarefas de desinfectación, desratización e desinfección.

9. Seguros.

O centro deberá dispoñer dunha póliza de seguro de responsabilidade civil por un importe mínimo de 150.000 €, que garanta a cobertura das posibles indemnizacións que a favor das persoas usuarias puidesen xerarse por feitos ou circunstancias ocorridos como consecuencia da súa estadía nel ou das actividades propias que se realicen no exterior.

10. Persoal.

O centro de acollida contará cun cadro de persoal que garanta a calidade técnica na execución dos programas e o logro dos seus obxectivos e o funcionamento e control ordinario do centro e o apoio ás persoas usuarias no mantemento dos servizos básicos.

Para estes efectos, deberá contar:

a) Cun director responsable que cumpra con algún dos seguintes requisitos:

– Grao, licenciatura ou diplomatura universitaria na rama social.

– Experiencia mínima de tres anos de traballo con colectivos das mesmas características que as persoas usuarias do centro.

– Se o centro non excede a capacidade de 50 persoas usuarias, o posto de director poderá ser compatible, ben con outras funcións do centro, ou ben coa función de responsable doutro centro ou servizo que se encontre situado no mesmo ou noutros edificios anexos.

b) Cunha persoa técnica titulada na área de servizos sociais, para o deseño e avaliación dos proxectos de inserción e desenvolvemento das tarefas relacionadas co axuste persoal e social, información e tramitación dos recursos sociais.

c) Técnicos superiores en integración social ou titulación superior no eido da acción social, cunha ratio de 0,05 traballadores a xornada completa por persoa usuaria, e cun mínimo dun técnico.

O centro contará co persoal necesario para o seu mantemento e garantirá a supervisión das persoas usuarias por persoal de atención directa durante as 24 horas do día.

O centro, ademais do persoal de atención directa, deberá dispor de persoal de servizos xerais (cociña, limpeza, mantemento) e administración, agás que os ditos servizos sexan subcontratados pola entidade a través de empresas externas, de acordo co establecido nos artigos 215 a 217 da Lei 9/2017, do 9 de novembro, de contratos do sector público.

11. Compromisos asumidos pola entidade.

A entidade obrígase:

• A achegar para a realización do obxecto do contrato os medios persoais e materiais que sexan precisos para a boa execución deste.

• A facilitar o labor do persoal da inspección da Subdirección Xeral de Autorización e Inspección de Servizos Sociais da consellería competente en materia de política social, de conformidade co Decreto 254/2011, do 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e a inspección dos servizos sociais en Galicia (DOG nº 14, do 20 de xaneiro de 2012), que reservan para si a facultade de efectuar as visitas que xulguen necesarias para comprobar o trato e a asistencia que reciben os usuarios/as, así como o axeitado funcionamento do centro e o cumprimento das obrigas contraídas. Con esta finalidade, a entidade adxudicataria deberá ter dispoñible toda a documentación administrativa relacionada co funcionamento do centro, así como a persoal dos usuarios/as, para o seu exame pola inspección, no caso que proceda.

• A facilitar a información que, en relación co funcionamento do servizo contratado, lle sexa requirida pola consellería competente en materia de política social. A entidade adxudicataria designará un responsable do servizo ao seu cargo, quen coordinará e supervisará a súa prestación. O dito responsable recibirá e executará as indicacións que a Dirección Xeral de Inclusión Social xulgue oportuno impartir en relación coa prestación do servizo e deberá ter as atribucións suficientes para adoptar, de ser o caso e ao momento, as decisións necesarias para asegurar o bo funcionamento deste.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file