DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 91 Venres, 10 de maio de 2024 Páx. 28520

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 23 de abril de 2024, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a Resolución do 22 de abril de 2024, relativa á solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do monte veciñal en man común Charco e Redondo, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Nogueiroa, no concello do Irixo.

Examinada a solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do monte veciñal en man común (MVMC) Charco e Redondo, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (CMVMC) de Nogueiroa, no concello do Irixo, resultan os seguintes

Feitos:

Primeiro. O 30.9.2022, a CMVMC de Nogueiroa presentou unha solicitude (Rexel núm. 2022/2409578) de revisión de esbozo do MVMC Charco e Redondo, no concello do Irixo.

Coa solicitude achegaron a seguinte documentación:

– Certificación do acordo da Asemblea Xeral do día 23.7.2022.

– Memoria e planos.

– Informes de validación gráfica emitidos pola Dirección Xeral do Catastro.

– Arquivos xeográficos en formato vectorial.

Segundo. O Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Ourense emitiu un informe favorable o día 13 de xuño de 2023 en relación coa citada solicitude. Nel indícase que o perímetro obxecto de revisión inclúe as partes do perímetro lindeiras con particulares, así como tamén as estremas comúns cos MVMC de Cebral e de Espiñeiros.

A superficie do MVMC Charco e Redondo logo de revisar o esbozo, sería de 270,77 ha, o que supón un incremento do 33,4 % respecto das 203 ha do acordo de clasificación.

Tendo en conta o anterior, emítese informe favorable sobre a revisión do esbozo do MVMC Charco e Redondo, quedando revisado integramente o seu perímetro ao incluír as estremas con particulares e máis co resto de montes lindeiros, incluídos os MVMC de Cerdeira (co que existe un procedemento de deslindamento), de Cebral e de Espiñeiros.

Consideracións legais e técnicas:

Único. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, na súa disposición transitoria décimo terceira, establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.

De acordo con ela, os esbozos de montes veciñais integrados nun expediente que, pola súa antigüidade, non reúnan as características de fiabilidade e precisión que exixen as novas técnicas topográficas poderán ser obxecto de revisión axustándoos e completándoos con aqueles datos e documentos que se consideren necesarios, en particular os requiridos para a súa inmatriculación no Rexistro da Propiedade.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 13 de xuño de 2023, o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común acordou por unanimidade o día 9 de abril de 2024:

Aprobar a proposta de revisión de esbozo do MVMC Charco e Redondo, pertencente á CMVMC de Nogueiroa, no concello do Irixo.

Ourense, 23 de abril de 2024

Luis Jorge Álvarez Ferro
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense