DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 91 Venres, 10 de maio de 2024 Páx. 28522

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 23 de abril de 2024, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a Resolución do 23 de abril de 2024, relativa á solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do monte veciñal en man común de Cerdeira, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Cerdeira, no concello do Irixo.

Examinada a solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do monte veciñal en man común (MVMC) de Cerdeira, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (CMVMC) de Cerdeira, no concello do Irixo, resultan os seguintes

Feitos:

Primeiro. O 30.9.2022 a CMVMC de Cerdeira presentou unha solicitude (Rexel núm. 2022/2414901) de revisión de esbozo do MVMC de Cerdeira, no concello do Irixo.

Coa solicitude achegaron a seguinte documentación:

– Certificación do acordo da Asemblea Xeral do día 10.9.2022.

– Memoria e planos.

– Arquivos xeográficos en formato vectorial.

Segundo. Posteriormente, a comunidade presentou o 29.11.2022 un escrito de emenda ou mellora (Rexel núm. 2022/2936400) co que achegaba dous informes de validación gráfica emitidos pola Dirección Xeral do Catastro.

Terceiro. Finalmente, o 20.3.2023, a comunidade presentou un novo escrito de emenda (Rexel núm. 2023/914567) co que achegaba unha memoria e arquivos xeográficos retocados, no sentido de eliminar un pequeno enclavado previsto na proposta inicial.

Cuarto. O Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Ourense emitiu un informe favorable o día 13 de xuño de 2023 en relación coa citada solicitude. Nel indícase que o perímetro obxecto de revisión inclúe as partes do perímetro lindeiras con particulares, así como tamén un tramo estremeiro co MVMC de Cebral, situado entre os pares de coordenadas X: 564.706; Y: 4.706.821 e X: 565.086; Y: 4.706.761.

A superficie do MVMC de Cerdeira logo de revisar o esbozo, e tendo en conta xa os deslindamentos concorrentes referidos no punto 1, sería de 356,11 ha, o que supón un incremento do 9,6 % respecto das 325 ha do acordo de clasificación.

Tendo en conta o anterior, emítese informe favorable sobre a revisión do esbozo do MVMC de Cerdeira.

Consideracións legais e técnicas:

Único. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, na súa disposición transitoria décimo terceira, establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.

De acordo con ela, os esbozos de montes veciñais integrados nun expediente que, pola súa antigüidade, non reúnan as características de fiabilidade e precisión que exixen as novas técnicas topográficas poderán ser obxecto de revisión axustándoos e completándoos con aqueles datos e documentos que se consideren necesarios, en particular os requiridos para a súa inmatriculación no Rexistro da Propiedade.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 13 de xuño de 2023, o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común acordou por unanimidade o día 9 de abril de 2024:

Aprobar a proposta de revisión de esbozo do MVMC de Cerdeira, pertencente á CMVMC de Cerdeira, no concello do Irixo.

Ourense, 23 de abril de 2024

Luis Jorge Álvarez Ferro
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense