DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 90 Mércores, 8 de maio de 2024 Páx. 28291

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 23 de abril de 2024, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a Resolución do 22 de abril de 2024, relativa á solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do monte veciñal en man común montes de Dehesa, Castelo e Zureira, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Santigoso, no concello da Mezquita.

Examinada a solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do MVMC montes de Dehesa, Castelo e Zureira, pertencente á CMVMC da parroquia de Santigoso, no concello da Mezquita, resultan os seguintes

Feitos:

Primeiro. O 23.9.2022, a CMVMC da parroquia de Santigoso presentou unha solicitude (Rexel núm. 2022/2337434) de revisión de esbozo do MVMC montes de Dehesa, Castelo e Zureira, no concello da Mezquita.

Coa solicitude achegaron a seguinte documentación:

– Certificación do acordo da Asemblea Xeral do día 11.6.2022.

– Memoria e planos.

– Arquivos xeográficos en formato vectorial.

Segundo. O Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Ourense emitiu un informe favorable o día 7 de xuño de 2023 en relación coa citada solicitude. Nel indícase que o perímetro obxecto de revisión inclúe as partes do perímetro lindeiras con particulares, así como tamén dous pequenos tramos estremeiros co MVMC monte de Cádavos e máis co MVMC montes da Mezquita.

A superficie provisional do MVMC montes de Dehesa, Castelo e Zureira, unha vez revisado o esbozo, sería de 518,24 ha fronte ás 515 ha do acordo de clasificación, o que supón un incremento do 0,6 %. Porén, tendo en conta o procedemento concorrente de deslindamento co MVMC montes de Castromil, a superficie axustada do monte quedaría finalmente en 531,95 ha.

Tendo en conta o anterior, emítese informe favorable sobre a revisión do esbozo do MVMC montes de Dehesa, Castelo e Zureira, de xeito que o perímetro quedaría revisado nas estremas con particulares e máis co MVMC montes da Mezquita.

Consideracións legais e técnicas:

Única. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, na súa disposición transitoria décimo terceira, establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.

De acordo con ela, os esbozos de montes veciñais integrados nun expediente que, pola súa antigüidade, non reúnan as características de fiabilidade e precisión que exixen as novas técnicas topográficas poderán ser obxecto de revisión axustándoos e completándoos con aqueles datos e documentos que se consideren necesarios, en particular os requiridos para a súa inmatriculación no Rexistro da Propiedade.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 7 de xuño de 2023, o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común acordou por unanimidade o día 9 de abril de 2024:

Aprobar a proposta de revisión de esbozo do MVMC montes de Dehesa, Castelo e Zureira, pertencente á CMVMC da parroquia de Santigoso, no concello da Mezquita.

Ourense, 23 de abril de 2024

Luis Jorge Álvarez Ferro
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais
en Man Común de Ourense