DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 90 Mércores, 8 de maio de 2024 Páx. 28289

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 23 de abril de 2024, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a Resolución do 19 de abril de 2024, relativa á solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do monte veciñal en man común Lagoa, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Almoite, no concello de Baños de Molgas.

Examinada a solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do MVMC Lagoa, pertencente á CMVMC de Almoite, no concello de Baños de Molgas, resultan os seguintes

Feitos:

Primeiro. O 28.9.2022 a CMVMC de Almoite presentou unha solicitude (Rexel núm. 2022/2383319) de revisión de esbozo do MVMC Lagoa, no concello de Baños de Molgas.

Coa solicitude achegaron a seguinte documentación:

– Certificación do acordo da Asemblea Xeral do día 10.1.2022.

– Memoria e planos.

– Arquivos xeográficos en formato vectorial.

Segundo. O Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Ourense emitiu un informe favorable o día 30 de maio de 2023 en relación coa citada solicitude. Nel indícase que perímetro obxecto de revisión de esbozo parcial inclúe o perímetro total do monte, con particulares, e co MVMC lindeiro monte Penouzos de Baños de Molgas.

A superficie do MVMC Lagoa resultante quedaría en 28,13 ha fronte ás 42 ha da clasificación, o que supón unha redución de superficie dun 33 %.

Tendo en conta o anterior, emítese informe favorable sobre a revisión do esbozo do MVMC Lagoa.

Consideracións legais e técnicas:

Única. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, na súa disposición transitoria décimo terceira, establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.

De acordo con ela, os esbozos de montes veciñais integrados nun expediente que, pola súa antigüidade non reúnan as características de fiabilidade e precisión que exixen as novas técnicas topográficas poderán ser obxecto de revisión axustándoos e completándoos con aqueles datos e documentos que se consideren necesarios, en particular os requiridos para a súa inmatriculación no Rexistro da Propiedade.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 30 de maio de 2023, o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común acordou por unanimidade o día 9 de abril de 2024:

Aprobar a proposta de revisión de esbozo do MVMC Lagoa, pertencente á CMVMC de Almoite, no concello de Baños de Molgas.

Ourense, 23 de abril de 2024

Luis Jorge Álvarez Ferro
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais
en Man Común de Ourense