DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 90 Mércores, 8 de maio de 2024 Páx. 28293

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 23 de abril de 2024, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a Resolución do 17 de abril de 2024, relativa á solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do monte veciñal en man común Berrande e A Trave, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Berrande e A Trave, no concello de Vilardevós.

Examinada a solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do MVMC Berrande e A Trave, pertencente á CMVMC de Berrande e A Trave, no concello de Vilardevós, resultan os seguintes

Feitos:

Primeiro. O 15.3.2023, a CMVMC de Berrande e A Trave presentou unha solicitude (Rexel núm. 2023/852437) de revisión parcial de esbozo do MVMC Berrande e A Trave, no concello de Vilardevós.

Coa solicitude achegaron a seguinte documentación:

– Certificación do acordo da Asemblea Xeral do 27.9.2022.

– Memoria e planos.

– Arquivos xeográficos en formato vectorial.

Segundo. O Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Ourense emitiu un informe favorable o día 23 de maio de 2023 en relación coa citada solicitude. Nel indícase que o perímetro obxecto de revisión inclúe unicamente as partes do perímetro lindeiras con particulares. Non se modifican os límites cos montes veciñais estremeiros.

A superficie do MVMC Berrande e A Trave, unha vez revisado o esbozo, resulta de 699,78 ha fronte ás 763 ha clasificadas, o que supón unha redución de superficie dun 8 %.

Tendo en conta o anterior, emítese informe favorable sobre a revisión do esbozo do MVMC Berrande e A Trave.

Consideracións legais e técnicas:

Única. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, na súa disposición transitoria décimo terceira, establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.

De acordo con ela, os esbozos de montes veciñais integrados nun expediente que, pola súa antigüidade, non reúnan as características de fiabilidade e precisión que exixen as novas técnicas topográficas poderán ser obxecto de revisión axustándoos e completándoos con aqueles datos e documentos que se consideren necesarios, en particular os requiridos para a súa inmatriculación no Rexistro da Propiedade.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 23 de maio de 2023, o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común acordou por unanimidade o día 9 de abril de 2024:

Aprobar a proposta de revisión de esbozo do MVMC Berrande e A Trave, pertencente á CMVMC de Berrande e A Trave, no concello de Vilardevós.

Ourense, 23 de abril de 2024

Luis Jorge Álvarez Ferro
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais
en Man Común de Ourense