DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 90 Mércores, 8 de maio de 2024 Páx. 28295

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 23 de abril de 2024, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a Resolución do 16 de abril de 2024, relativa á solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do monte veciñal en man común Chaira e Lomba, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Vilela, no concello de Bande.

Examinada a solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do MVMC Chaira e Lomba, pertencente á CMVMC de Vilela, no concello de Bande, resultan os seguintes

Feitos:

Primeiro. O 29.9.2022, a CMVMC de Vilela presentou unha solicitude (Rexel núm. 2022/2400113) de revisión de esbozo do MVMC Chaira e Lomba, no concello de Bande.

Coa solicitude achegaron a seguinte documentación:

– Certificación do acordo da Asemblea Xeral do 20.8.2022.

– Memoria e planos.

– Arquivos xeográficos en formato vectorial.

Segundo. O Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Ourense emitiu un informe favorable o día 23 de maio de 2023 en relación coa citada solicitude. Nel indícase que o perímetro obxecto da presente revisión de esbozo é o perímetro lindeiro con particulares coa excepción dun pequeno tramo que atravesaría a parcela con RC 32007A06000470 e onde a comunidade propietaria aclara que non se produciu acordo coa CMVMC de Maus, malia tratarse dunha zona en que, segundo as carpetas-fichas tanto do MVMC Chaira e Lomba como do monte atribuído á CMVMC de Maus, non hai formalmente terreos pertencentes a esta última.

A superficie do MVMC Chaira e Lomba, unha vez revisado o esbozo, sería de 86,80 ha fronte ás 94 ha do acordo de clasificación, o que supón unha redución do 6,7 %.

Tendo en conta o anterior, emítese informe favorable sobre a revisión do esbozo do MVMC Chaira e Lomba.

Consideracións legais e técnicas:

Única. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, na súa disposición transitoria décimo terceira, establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.

De acordo con ela, os esbozos de montes veciñais integrados nun expediente que, pola súa antigüidade non reúnan as características de fiabilidade e precisión que exixen as novas técnicas topográficas poderán ser obxecto de revisión axustándoos e completándoos con aqueles datos e documentos que se consideren necesarios, en particular os requiridos para a súa inmatriculación no Rexistro da Propiedade.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 23 de maio de 2023, o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común acordou por unanimidade o día 9 de abril de 2024:

Aprobar a proposta de revisión de esbozo do MVMC Chaira e Lomba, pertencente á CMVMC de Vilela, no concello de Bande.

Ourense, 23 de abril de 2024

Luis Jorge Álvarez Ferro
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais
en Man Común de Ourense