DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 90 Mércores, 8 de maio de 2024 Páx. 28297

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 23 de abril de 2024, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a Resolución do 18 de abril de 2024, relativa á solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do monte veciñal en man común montes de Pereiro, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Pereiro, no concello da Mezquita.

Examinada a solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do MVMC montes de Pereiro, pertencente á CMVMC de Pereiro, no concello da Mezquita, resultan os seguintes

Feitos:

Primeiro. O 17.2.2023, a CMVMC do Pereiro presentou unha solicitude (Rexel núm. 2023/568791) de revisión de esbozo do corpo principal do MVMC montes de Pereiro, no concello da Mezquita.

Coa solicitude achegaron a seguinte documentación:

– Certificación do acordo da Asemblea Xeral do día 28.9.2022.

– Memoria e planos.

– Arquivos xeográficos en formato vectorial.

Segundo. O Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Ourense emitiu un informe favorable o día 5 de xuño de 2023 en relación coa citada solicitude. Nel indícase que o perímetro obxecto de revisión inclúe as partes situadas ao N da liña ferroviaria de alta velocidade Madrid-Ourense, identificadas na memoria como o corpo principal do MVMC montes de Pereiro, nos seus tramos lindeiros con particulares, así como tamén co MVMC Serra de Vilaseco pertencente á CMVMC de Vilaseco da Serra, e máis co MVMC Comunal do Canizo pertencente á comunidade homónima.

Por outra banda, no seu extremo NE, o monte linda coa provincia de Zamora ao longo dun tramo de aproximadamente 1 km de lonxitude situado entre a súa extrema co MVMC Serra de Vilaseca (TM da Gudiña) e a extrema co MVMC montes de Zureira, Serriña e Aguallal (TM da Mezquita). Este tramo interautonómico non é obxecto de revisión.

A superficie do MVMC montes de Pereiro, unha vez revisado o esbozo, sería de 857,85 ha.

Tendo en conta o anterior, emítese informe favorable sobre a revisión do esbozo do MVMC Lagoa, de xeito que o perímetro quedaría revisado, dentro dos terreos situados ao N da liña de alta velocidade, nas estremas con particulares e máis nos tramos lindeiros cos MVMC Serra de Vilaseco e Comunal do Canizo, e queda sen revisar o tramo interautonómico coa provincia de Zamora.

Consideracións legais e técnicas:

Única. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, na súa disposición transitoria décimo terceira, establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.

De acordo con ela, os esbozos de montes veciñais integrados nun expediente que, pola súa antigüidade, non reúnan as características de fiabilidade e precisión que exixen as novas técnicas topográficas poderán ser obxecto de revisión axustándoos e completándoos con aqueles datos e documentos que se consideren necesarios, en particular os requiridos para a súa inmatriculación no Rexistro da Propiedade.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 5 de xuño de 2023, o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común acordou por unanimidade o día 9 de abril de 2024:

Aprobar a proposta de revisión de esbozo do MVMC montes de Pereiro, pertencente á CMVMC de Pereiro, no concello da Mezquita.

Ourense, 23 de abril de 2024

Luis Jorge Álvarez Ferro
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais
en Man Común de Ourense