DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 89 Martes, 7 de maio de 2024 Páx. 28153

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Santiago de Compostela

ANUNCIO de aprobación definitiva do estudo de detalle para a accesibilidade de dous edificios de vivendas situados na travesa da Choupana, números 3 e 4.

O Pleno da Corporación do Concello de Santiago de Compostela, na sesión que tivo lugar o 24 de abril de 2024, adoptou o seguinte acordo:

Aprobar definitivamente o estudo de detalle para a accesibilidade de dous edificios de vivendas situados na travesa da Choupana, números 3 e 4, segundo o documento reformado presentado o 12.4.2024, elaborado polo arquitecto Jesús Carrillo Pena (Carquitec, S.L.P), por iniciativa da comunidade de propietarios do edificio núm. 3 da travesa da Choupana.

O estudo de detalle contén a delimitación espacial do ámbito da actuación, para os efectos do disposto polos artigos 24 do Real decreto lexislativo 7/2015 e 13.2 da Lei 1/2019, de rehabilitación, rexeneración e renovación urbanas de Galicia, que habilitan a ocupación do dominio público e das superficies comúns de uso privativo para a instalación de ascensores ou outros elementos que aseguren a accesibilidade universal, así como para a realización de obras ou instalacións que reduzan a demanda enerxética.

Ao abeiro do disposto polo artigo 13.5 da citada Lei 1/2019, acórdase que as actuacións dirixidas á mellora das condicións de accesibilidade e da eficiencia enerxética previstas no estudo de detalle non computarán para os efectos de edificabilidade, volume máximo edificable e ocupación de parcela, nin de distancias mínimas a lindeiros, outras edificacións, espazos públicos e vías públicas, ou cumprimento de aliñacións.

O acordo de aprobación definitiva publicarase no Diario Oficial de Galicia, e a normativa urbanística publicarase no Boletín Oficial da provincia. Así mesmo, remitirase á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda a documentación exixida polo artigo 88.3 da LSG, para os efectos de inscribir o estudo de detalle no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia.

En todo caso, e de conformidade co exixido polo artigo 199.4 do RLSG, a eficacia do acto de aprobación definitiva e a entrada en vigor do plan quedan condicionadas ao cumprimento dos anteriores trámites e ao sinalado no artigo 70.2 da Lei 7/1985, do 2 de abril, de bases do réxime local, en relación co 65.4 da mesma lei.

Contra o acordo de aprobación definitiva do citado estudo de detalle poderase interpor directamente recurso contencioso administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contado a partir do día seguinte ao da publicación deste anuncio.

Santiago de Compostela, 29 de abril de 2024

A alcaldesa
P.D. (DEC/2023/8135, do 17 de xuño)
Iago Lestegás Tizón
Concelleiro delegado de Urbanismo, Vivenda e Cidade Histórica