DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 88 Luns, 6 de maio de 2024 Páx. 27724

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático

RESOLUCIÓN do 25 de abril de 2024, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, pola que se declaran a liquidación e a baixa no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Terra Nosa.

Antedecedentes.

Primeiro. A Fundación Terra Nosa constituíuse en escritura pública outorgada no Porriño o 29 de marzo de 2019 ante a notaria Margarita Colunga Fidalgo, co número 280 do seu protocolo, cunha dotación inicial de 30.000 €. Está inscrita co número 2019/8 no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda (actual Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático). Correspóndelle a esta consellería o exercicio das funcións de protectorado en relación coa dita fundación.

Segundo. Mediante a Orde do 14 de decembro de 2023 (DOG núm. 242, do 22 de decembro) a Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, no exercicio das funcións de protectorado, ratificou o acordo de extinción da fundación adoptado polo Padroado da Fundación na súa reunión do 31 de outubro de 2023, por imposibilidade de realizar os seus fins fundacionais.

Terceiro. Xunto coa solicitude, e de conformidade coa orde de ratificación, a Fundación achega a copia auténtica da escritura pública outorgada o 26 de marzo de 2024 ante a notaria de Vigo Margarita Colunga Fidalgo, co número de protocolo 323, na cal se declara disolta, extinguida e liquidada a fundación de interese galego Terra Nosa. Solicita a cancelación dos rexistros relativos a ela e presenta o balance final da liquidación unido á escritura cun resultado de 0,0 euros, e destina os bens e dereitos da liquidación á Fundación Paideia.

Consideracións legais e técnicas.

Primeiro. Cúmprese a obriga establecida no artigo 46 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego (DOG núm. 242, do 19 de decembro) en relación coa aprobación das actuacións de liquidación por parte do Padroado, a adxudicación do haber resultante e comunicación ao protectorado para os efectos de inscrición da extinción no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Segundo. O protectorado, unha vez realizada de conformidade a liquidación e a adxudicación do haber resultante, promoverá a súa inscrición, así como a da extinción da Fundación e a correspondente dilixencia de peche da folla do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, consonte o artigo 50.8 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego (DOG núm. 22, do 2 de febreiro).

Terceiro. A inscrición da liquidación fará constar o destino do haber resultante e cancelaranse de oficio os asentos da fundación extinguida, segundo os artigos 39.3 e 39.4 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego (DOG núm. 22, do 2 de febreiro).

Cuarto. O persoal encargado da sección do Rexistro de Fundacións analizou a documentación presentada e comprobou a súa adecuación á normativa vixente, de conformidade co artigo 27.1 do Decreto 15/2009.

Esta consellería é competente para resolver esta solicitude consonte o Decreto 42/2024, do 14 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e o Decreto 49/2024, do 22 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, en relación co artigo 7.2.b) do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

De acordo con todo o indicado,

RESOLVO:

Inscribir no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, a escritura pública de liquidación da Fundación Terra Nosa e formalizar a dilixencia de baixa da Fundación no rexistro, e cancelar de oficio os seus asentos. O destino do haber resultante da liquidación destinarase á Fundación Paideia.

Esta resolución notificaráselle á interesada en cumprimento do establecido no artigo 40 da Lei 39/2015.

Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, pode interpor un recurso de alzada ante a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo os artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

Santiago de Compostela, 25 de abril de 2024

María Carmen Bouso Montero
Secretaria xeral técnica da Consellería de Medio
Ambiente e Cambio Climático